Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

18Ago 2020

‘A Vila do Mañá’ volve aterrar en Malpica cun completo programa de actividades adaptado á nova normalidade

O salón de plenos do Concello de Malpica acolleu hoxe, martes 18 de agosto, a presentación oficial do programa educativo ‘A Vila do Mañá’. Ao acto acudiron o alcalde, Walter Pardo, o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Económica, Sergio García Villar, e o concelleiro de Turismo, Seguridade, Tráfico, Servizos e Agro, Alfredo Cañizo. Así mesmo, a presentación contou tamén coa intervención da creadora e directora do programa, Sandra González Álvarez, e con Santiago Rojo Martínez, membro de Post Arquitectos. Ambos os dous encargaranse de impartir as sesións formativas desta iniciativa.

O acto serviu para dar a coñecer as liñas mestras deste programa, que repite en Malpica por terceira vez. O obxectivo non é outro que “que os nenos e nenas tomen conciencia sobre a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe do noso concello a través de xogos”, comentou o rexedor durante a súa intervención. Pola súa parte, a directora explicou que esta “terceira convocatoria chegará con novas actividades e propostas para os cativos e cativos”. Como parte do programa, abordarase se as vilas, en xeral, e Malpica, en particular, están preparadas para cumprir coas esixencias da nova normalidade provocada pola COVID-19 como, por exemplo, coa distancia social. En definitiva, o reto principal que presenta este proxecto é que a infancia e a adolescencia participen, de xeito activo, nos proceso de construción do espazo común, dotándoos de ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, desde a arte e a arquitectura.

Este obradoiro, dirixido a nenos e nenas de 6 anos en adiante, terá lugar entre os días 24 e 28 de agosto. Co fin de reducir o risco de contaxios pola COVID-19, as sesións levaranse a cabo atendendo a un completo protocolo para garantir a seguridade de todos os participantes. Como parte das medidas, os grupos estarán formados por un máximo de 10 persoas. As inscricións poderán formalizarse no rexistro do Concello de Malpica.

‘A Vila do Mañá’ está impulsado pola Deputación da Coruña e recibe o apoio da ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña) e de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego). 

13Ago 2020

O goberno segue traballando para mellorar a rede de camiños e proxecta actuacións nunha vía sita no lugar de Loutoño

A mellora da rede de vías e camiños do termo municipal é, sen lugar a dúbidas, unha das máximas premisas do goberno local do Concello de Malpica. Proba deste compromiso é vindeiro proxecto que o executivo levará a cabo na parroquia de Cambre. En concreto, os plans do goberno suporán a mellora dun camiño no lugar de Loutoño.

Como explica o alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, “o obxectivo destas intervencións é mellorar este camiño rural, moi empregado polos agricultores do municipio, que o usan para acceder ás súas fincas. Con estes traballos responderemos unha demanda dos veciños e veciñas da zona”.

Actualmente, este camiño está intransitable debido á invasión da vexetación e ao deterioro do firme. O proxecto do Concello pretende solucionar estes problemas, axustando o camiño ás características do tráfico rodado. Para logralo, o plan inclúe os seguintes labores: retirada da masa vexetal, preparación do camiño coa roza, limpeza e retirada de escombros ou apertura de cunetas, aporte de recebos, nivelación e compactación do mesmo. Así mesmo, as actuacións incorporan a realización da canalización de augas de escorrentías mediante a formación de taxeas e as embocaduras correspondentes, sobre todo nos cruzamentos con outros camiños.

A mellora do camiño financiarase cun orzamento total de 38.632,61 e terá un prazo de execución dun mes.

12Ago 2020

O Concello e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica renderán homenaxe aos veciños deportados a Mauthausen

O Concello de Malpica e a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica organizarán, en colaboración da Confraría de Pescadores, un acto en homenaxe aos tres malpicáns que foron deportados ao campo de concentración nazi de Mauthausen: Antonio Suárez Blanco, “Coruña, Luís Rodríguez Villa, “Luís de Rogita”, e Antonio Fariña Chouciño, “Antonio da Rosa”. O evento celebrarase o venres, 21 de agosto, na Casa do Pescador.

Como explica o alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, con este evento búscase un dobre obxectivo: “por un lado, queremos renderlles homenaxe a estes veciños, que forman parte da historia do noso municipio. Polo outro, queremos que a cidadanía de Malpica e, sobre todo, os mozos e mozas, saiban o que pasou naquela época histórica”.

O programa arrincará ás 20.00 horas coa presentación do libro “Aquela xente digna”, escrito por Héctor Pose e financiado pola Deputación Provincial da Coruña. Nesta primeira parte intervirán os familiares dos homenaxeados, o autor da obra, Héctor Pose, a representante da Asociación para a Recuperación Memoria Histórica, Carmen G-Rodeja, o presidente da Confraría, Pedro Pérez, o rexedor, Walter Pardo  e os concelleiros Alfredo Cañizo e Leticia Varela.

As 21.30 horas terá lugar a inauguración da praca na honra destes tres veciños na fachada lateral da Casa do Pescador. Participará o alcalde, a representante da ARMH e os familiares dos deportados. 

A historia de tres mariñeiros

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica leva anos traballando na investigación e dignificación dos galegos e galegas deportados en campos de exterminio.

A historia destes tres mariñeiros de Malpica foi, por desgraza, a de moitos outros: sufriron as penalidades do exilio nos campos de Francia. Alí, loitaron xunto aos aliados na Segunda Guerra Mundial, pero foron detidos e levados a Mauthausen, onde sufriron os horrores do campo de exterminio.

Antonio Suárez Blanco, “Coruña“: naceu en Malpica de Bergantiños o día 6 de maio do 1907.Era mariñeiro e pertencía á CNT. Despois do golpe de estado de 1936, el e outros veciños tiveron que fuxir para evitar a represión. Marcharon a Francia, onde foron recluídos nun campo de refuxiados. Posteriormente, coa ocupación nazi de Francia, Antonio Suárez Blanco foi capturado e enviado ao campo de exterminio de Mathausen e trasladado ao campo de Gusen. Conseguiu sobrevivir e foi liberado o 5 de maio do 1945.

Luís Rodríguez Villar, “Luís de Rogita“: era membro do sindicato de obreiros de Malpica da CNT. Tivo que fuxir e conseguiu cruzar a fronteira francesa na procura de asilo o 7 de febreiro do 1939 xunto con miles de refuxiados. Luís Rodríguez Villar estivo nos campos de Argelès, San Ciprián e Barcarés. Tomou parte na Segunda Guerra Mundial e, despois de pasar por un stalag en Silesia, foi deportado a Mathausen o 24 de xaneiro de 1941. Foi liberado o 5 de maio do 1945 e permaneceu en Francia. Regresou a Malpica en agosto de 1978.

Antonio Fariña Chouciño, “Antonio da Rosa“: irmán de Francisco da Rosa, co que fuxe na embarcación “San Adrián”. En agosto do 1939 está no campo de Argelès en Francia. Máis tarde, en Angouleme. Foi deportado a Mauthausen en agosto do 1940, e morreu en Gusen o 6 de maio do 1941.

6Ago 2020

O Boletín Oficial do Estado publica as bases reguladoras das axudas ao sector da pesca

O Boletín Oficial do Estado recolle o real decreto 703/2020, do 28 de xullo, polo que se aproban as bases reguladoras das axudas á paralización temporal da actividade pesqueira para poder facer fronte ao impacto económico e social derivado da pandemia da COVID-19. Estas axudas convócanse para o primeiro tramo do exercicio 2020 e modifícanse distintos reais decretos relativos ás regulacións das organizacións profesioais no sector da pesca e a acuicultura e para o exercicio da pesca recreativa.

5Ago 2020

Segunda volta de Buño deMostra con música, pasacalles, rutas e demostracións en vivo dos oleiros

O Concello de Malpica e a Asociación Oleira de Buño prepáranse xa para a segunda volta de Buño deMostra, que arrincará mañá, xoves día 6, e que se prolongará ata o domingo, 9 de agosto. Durante eses días, as persoas participantes no evento poderán gozar de música, pasacalles, roteiros e demostracións en vivo dos oleiros e oleiras.

O obxectivo, tal e como explica a concelleira de Olería, Leticia Varela, non é outro que “pór en valor o traballo que estes artesáns e artesás realizan ao longo de todo o ano. A COVID-19 impídenos celebrar o evento como noutras edicións, pero é fundamental que sigamos apostando pola olería, un dos elementos máis representativos do municipio”.

Co fin de garantir a seguridade do público asistente, estableceuse un protocolo con medidas de prevención que deberán respectarse en todo momento. Así, o emprego da máscara será obrigatorio e as persoas deberán manter, a maiores, a distancia de seguridade.

A programación comezará mañá, xoves 6 de agosto ás 19.00 horas, co pasacalles de música tradicional a cargo de Arrancadeira. Malante tomaralles o relevo o venres, 7 de agosto ás 19.00 horas, tamén cun pasacalles de ambientación musical.

As actividades continuarán o sábado, 8 de agosto ás 10.00 horas, cando terá lugar a ruta de olería “O ciclo de vida dunha peza”, a cargo de Volta Montana –para tomar parte nesta iniciativa será necesario retirar a entrada previamente-. Ás 13.00 horas Malante & Carcaxía ofrecerán unha actuación musical, ás 19.00 horas, será a quenda de Ukestra do Medio + Dkalminha como parte do proxecto Orballo Cultural –haberá que retirar a entrada previamente-. A maiores, entre as 12.00 e as 13.00 e as 17.00 e as 18.00 horas, as persoas asistentes poderán coñecer, de primeira man, o traballo dos oleiros e oleiras a través de dúas demostracións na rúa.

A xornada de peche será o domingo, 9 de agosto. Ese día, o programa dará comezo ás 10.00 horas coa organización dun segundo pase da ruta “O ciclo da vida dunha peza” con Volta Montana. O calendario de actividades continuará co desenvolvemento de novas demostracións por parte dos profesionais da olería (de 12.00 a 13.00 e de 17.00 a 18.00 horas). Buño deMostra pechará a súa oferta ás 13.00 horas no Forno da Costa, coa actuación da banda Monoulious DOP como parte de Orballo Cultural –previa retirada da entrada-.

23Xul 2020

O alcalde alcanza o compromiso de Augas de Galicia de realizar un inventariado da rede de saneamento

O goberno municipal de Malpica ten, como unha das súas prioridades,  levar a rede de saneamento de todo o concello e, por suposto, a mellora e correcta explotación das infraestruturas actuais. Para conseguilo, o alcalde do Concello de Malpica, Walter Pardo, acompañado polo concelleiro de Servizos, Alfredo Cañizo, reuniuse coa Directora Xeral de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez.

O encontro serviu para abordar a necesidade de coñecer a situación actual da rede existente do municipio. Neste sentido, o elevado número de tramos con rede unitaria presentes na vila fai que o funcionamento da depuradora sufra debido as puntas de caudal nos episodios de chuvia. Co fin de solucionar esta situación, arrancouse o compromiso por parte de Augas de Galicia de levar a cabo o inventario total da rede. Estes traballos de inspección, revisión e inventariado da rede comezarán este mesmo outono.

Así mesmo, conseguiuse que os especialistas revisen a depuradora de Buño e de Seaia para optimizar o seu funcionamento e evitar vertidos.

22Xul 2020

Malpica acolle o Campeonato Gallego de Fotografía Submarina, unha iniciativa para pór en valor a biodiversidade das súas augas

Malpica acollerá o Campeonato Gallego de Fotografía Submarina ‘I Trofeo Illas Sisargas’, unha iniciativa coa que se busca pór en valor a biodiversidade e a riqueza do fondo mariño. A proba está organizada polo Club Buceo Malpica en colaboración coa Federación Galega de Actividades Subacuáticas –FEGAS- e co Concello de Malpica.

A proba, que se disputará o domingo 9 de agosto, é a única puntuable nesta tempada para a clasificación para o Campionato de España de Fotografía Submarina –NAFOSUB 2020-. O campionato arrincará arredor das 8.30 horas no espigón do porto malpicán.

As persoas interesadas en participar poderán anotarse ata o 26 de xullo. Para facelo, deberán enviar a seguinte documentación, dispoñible na páxina web da FEGAS: preinscrición e copia dixital do DNI, titulación de buceo, licencia federativa da competición, certificado médico, documento de Protección de Datos e unha declaración responsable. Estes documentos poderán remitirse a través de  fegas@fegas.net,  imagen@fegas.net ou buceomalpica@hotmail.com.

16Xul 2020

As augas de Seiruga e Area Maior obteñen a cualificación ‘excelente’

As augas das praias de Seiruga e Area Maior obteñen a cualificación de excelente por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Esta clasificación sanitaria é vixente para a tempada de baño 2020.

Imaxe da praia de Seiruga, en Malpica | Concello de Malpica

O alcalde, Walter Pardo, destacou a ‘relevancia de obter tan bos resultados en dous dos nosos areais, nun municipio no que nos caracterizamos tamén pola beleza das nosas praias’, sinalou o rexedor.

Desde a praia de Area Maior pódese contemplar as Illas Sisargas | Concello de Malpica


Cabe lembrar que o Sergas pon a disposición da cidadanía o seguinte apartado dentro do seu portal web, https://www.sergas.es/Saude publica/Praias , onde se poden consultar os datos de maior relevancia nas praias e zonas de baño a nivel galego.

15Xul 2020

Malpica comeza a planificación cultural de verán cos ‘Seráns na Rúa’

O Concello de Malpica, a través da concellaría de Cultura, comezou a planificación cultural de verán cos ‘Seráns na Rúa’ e logo da proxección do filme ‘María Solinha’ a comezos deste mesmo mes.

Así, desde a administración malpicá ofértase un amplo abano de posibilidades culturais, que comezarán o vindeiro sábado, 18 de xullo con ‘A gran viaxe’ de Iventi Teatro na rúa Eduardo Vila Fano.

O 25 de xullo, o Día de Galicia, haberá un pasarrúas con ‘A danza dos paxaros’ a cargo de Urdime, e agosto comezará no seu primeiro día coa obra de Ghazafelhos ‘A illa sen tesouro’, na rúa Eduardo Vila Fano.

O 8 de agosto, darase cita na praza do Campo O Cardume, de Xarope Tulú e o 15 de agosto, Mamá Cabra executará o ‘Eu cociño, ti cociñas?’ na rúa Eduardo Vila Fano. O penúltimo espectáculo correrá a cargo de Magín Blanco o 22 de agosto con ‘Magín Blanco e a banda das apertas’ e pechará este ‘Seráns na Rúa’ o 29 de agosto co pasarrúas de Fantoches Baj, ‘O folión do Zampón’.

As actuacións serán todas ás 20:30 horas e en caso de choiva serán trasladadas ao Mercado Municipal ou ao Centro Cívico, segundo o formato de actuación. Manteranse en todo momento os protocolos hixiénico-sanitarios e os aforos completaranse por estrita orde de chegada.

O alcalde, Walter Pardo, sinala o enorme ‘esforzo de toda a área de Cultura por achegar actividades á veciñanza. Hai que ter precaución pero isto non é incompatible con gozar dun novo formato de divertimento’, apuntou.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Leticia Varela, anota que ‘seguimos apostando pola cultura en formatos máis reducidos, e seguiremos gozando de contidos de calidade con responsabilidade’, finalizou.

14Xul 2020

Malpica propón para agosto un campamento de patinaxe para a rapazada de 3 a 12 anos

O Concello de Malpica, a través da concellaría de Deportes, propón para agosto un campamento de patinaxe para a rapazada de 3 a 12 anos. A primeira quenda celebrarase do 3 ao 7 de agosto, e a segunda do 10 ata o 14 do mesmo mes.
En total, hai dispoñibles 20 prazas, que se poderán formalizar nas oficinas municipais do Concello. Esta actividade desenvolverase en horario de 10:00 a 13:00 horas, aínda que si é preciso será ampliado de 9:30 a 13:30 horas.
Gardaranse estritamente todos os protocolos de seguridade e hixiene pertinentes, e haberá a disposición das rapazas e rapaces xel hidroalcólico.

Página 44 de 149« Primera...102030...4243444546...506070...Última »