Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

5Feb 2022

Exitosa limpeza da praia de Beo con numerosos voluntarios

Retirouse lixo mariño, sobre todo, plásticos

Exitosa limpeza a levada a cabo na praia de Beo, hoxe á mañá, por numerosos voluntarios. Promoveron limpOcean e a Concellaría de Obras Públicas e Medio Ambiente, que dirixe Miguel Ángel Fernández Mirás.

Recolleuse lixo mariño, sobre todo plásticos, para evitar a contaminación do mar. Pequenas accións que poden significar moito. “Toma conciencia, mobilízate, suma ó medio ambiente!”, trasladan dende a concellaría.

4Feb 2022

Inaugurada a exposición de fotos “Asociación Española Contra o Cancro: 50 anos cambiando a historia do cancro”

Acudiron ó acto representantes do Concello e da xunta local da AECC

Botou a andar en Malpica a exposición de fotos “Asociación Española Contra o Cancro: 50 anos cambiando a historia do cancro”. Sita no Centro Cívico e Cultural de Malpica con motivo da conmemoración do Día Mundial Contra o Cancro, foi inaugurada pola presidenta da xunta local da AECC, Carmen Teresa Blanco, e o alcalde do Concello de Malpica, Eduardo Parga. Numerosos concelleiros de distintos grupos acudiron ó acto.

A mostra recolle o medio século de investigación da Fundación Científica AECC para mellorar a calidade de vida dos doentes e co obxectivo de acadar o 70% de supervivencia no ano 2030. Nestes aspectos afondaron o rexedor e a representante malpicá da entidade.

“Para min é unha satisfacción inaugurar esta exposición”, comezou dicindo Carmen Teresa, ó que engadiu: “Os cartos que se van reunindo coas distintas accións que levamos a cabo, como as cenas, van para a investigación, que é unha das cousas máis importantes dun país. Grazas a todos e a todas por vir”.

Pola súa parte, Parga agradeceulle, así mesmo, o “traballo” que está a facer polo “pobo de Malpica”. “Hai anos había medo a falar desta enfermidade que, en cambio, agora, está máis normalizada, con certos tipos de cancro que son máis curables. Isto é grazas ós investigadores e ás investigadoras, coa gran labor diaria que fan, e grazas a vós tamén, mesmo con eventos puntuais como as ceas, que ogallá pronto a situación sanitaria o permita e as poidamos recuperar para recadar un diñeiro cunha finalidade social importantísima”, expuxo.

DE VERDE

Todos os asistentes desprazáronse, logo, á casa consistorial, a cal, con motivo do 4 de febreiro, loce luces verdes e amosa unha gran pancarta para visibilizar esta loita e apoiar ás persoas que sofren a enfermidade.

NOVA INICIATIVA

A mostra fotográfica estará exposta na entrada das instalacións municipais ata o 18 deste mes. Ademais, a xunta local da AECC en Malpica ten preparada unha xuntanza coa doutora Estíbaliz Díaz Balboa, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e do Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario. Será o sábado 12 de febreiro, ás 18:00 horas, no Centro Comarcal de Buño.

24Xan 2022

Interrupción programada da subministración de electricidade, o próximo venres en Malpica

Será de 6.00 a 7.00 horas e afectará de maneira parcial ou total a varias rúas e lugares da parroquia

Coa fin de efectuar os traballos de mantemento e desenvolvemento da rede eléctrica precisos para poder atender nas mellores condicións as necesidades da subministración da parroquia de Malpica, o próximo venres, día 28, de 6.00 a 7.00 horas, procederase a deixar fóra de servizo unha serie de instalacións, o cal pode provocar interrupcións na subministración de electricidade durante ese período de tempo.

As instalacións eléctricas sometidas a descargo afectan ás seguintes calles e lugares de maneira total ou parcial: Emilio González López, Escorial, Praia e Ventorrillo.

Para calquera aclaración pódese contactar coa empresa responsable, UFD-Grupo Naturgy, no seguinte teléfono: 900 333 999.

Desculpen as molestias.

21Xan 2022

Malpica rexistra 94 casos activos de coronavirus a día 18 de xaneiro

O Concello lembra a importancia de cumprir as normas 

Segundo o último informe da Consellería de Sanidade, o noso municipio rexistra 94 casos activos de coronavirus a día 18 de xaneiro.

As persoas contaxiadas que precisen axuda poden poñerse en contacto coa área de Servizos Sociais do Concello no teléfono 981 720 280, ou con Protección Civil de Malpica a través dos números 661 626 166 e 693 400 673.

O uso da máscara e do xel, así como respectar as distancias, segue sendo clave.

21Xan 2022

Presentada en Malpica a iniciativa “As voces das mulleres”

O Concello colabora co proxecto de Aantena

O Centro Cívico de Malpica acolleu este luns, 17 de xaneiro, á tarde a presentación de “As voces das mulleres”, unha iniciativa da compañía teatral Aantena na que o Concello colabora. Este proxecto de teatro comunitario tamén conta co apoio da Deputación da Coruña.

É un programa que pulsará pola memoria das mulleres do rural e que como resultado terá a creación dunha ruta cultural e teatral. Pode apuntarse calquera persoa con inquietudes artísticas de cara a participar nas representacións ou, simplemente, se coñece ben a cultura popular do lugar. Debe poñerse en contacto co departamento de cultura  ou coa propia entidade.

En termos globais, “As voces das mulleres” consiste nunha recollida e rexistro da cultura inmaterial local dende unha perspectiva de xénero e en base a criterios antropolóxicos. Por unha banda, levarase a cabo un obradoiro de investigación e recollida. Darase corpo á vida de mulleres invisibles. Outro apartado consistirá nun taller de teatro comunitario. Finalmente, co material recollido e seleccionado farase unha intervención teatral na que as participantes serán as protagonistas, co obxectivo último de articular un vieiro cultural a través de varios recunchos e espazos da vila. Os contidos creados serán rexistrados en diferentes formatos dixitais e quedarán recollidos nunha páxina web creada para a ocasión.

A próxima cita no municipio malpicán será o luns 24 da vindeira semana ás 19.00 horas no Fondo Lugrís do Centro Cívico (a cúpula).

21Xan 2022

O Concello de Malpica participa no programa de mobilidade do Centro Dramático Galego

Pon un autobús para acudir á representación teatral “A peste”, en Santiago

Subes ao autobús do teatro? O Concello de Malpica participa no programa de mobilidade do Centro Dramático Galego.

Os interesados en asistir á representación “A peste” o día 18 de febreiro no Salón Teatro de Santiago de Compostela poderán subirse ó bus que partirá dende Malpica por un prezo único a abonar de 6 euros.

A expedición partirá do Bar Panchito, no centro da vila, ás 18.00 horas; parará na recta do Empalme, en Leiloio, e estará de volta ás 23.00. Forma parte do elenco o malpicán Santi Romay.

Os interesados poden apuntarse ata o 10 de febreiro, enviando o seu nome e os apelidos, un teléfono de contacto e o lugar onde subirán ó autobús ó correo auditoriodemalpica@gmail.com. Ten que haber un número mínimo de 35 persoas inscritas para poder facer a viaxe e é obrigatorio presentar o certificado covid.

A obra está inspirada na novela de Albert Camus. O director, Cándido Pazó, reflexiona con esta mostra sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise. Anímate!

13Xan 2022

Os 500 euros da campaña “Un Nadal de premio no comercio de Malpica” xa teñen donas

O sorteo levouse a cabo este mércores, día 12 de xaneiro, na casa consistorial

Malpica, a 13 de xaneiro do 2022 

A campaña “Un Nadal de premio no comercio de Malpica” xa ten gañadoras. Cinco vales de 100  euros cada un estaban en xogo no sorteo celebrado este mércores, día 12 de xaneiro, na casa consistorial. Así,  pois, resultaron premiadas as seguintes persoas: 

• Carmen 

• Dolores Pose 

• Nenucha 

• Beatriz Verdes 

• Ita 

O Concello contactará con elas nos próximos días para que recollan os vales. O diñeiro deberá  ser gastado nos negocios da vila que participaron na campaña.  

Esa foi a idea coa que partiu esta iniciativa da Concellaría de Promoción Económica xa o día 5 do pasado mes de decembro para fomentar o consumo a nivel local nestas datas. Participaron  vinte e sete establecementos de diverso tipo, nos cales, por cada compra de 20 euros, o cliente  entraba no sorteo. A actividade durou ata o pasado Día de Reis, con moi bo resultado. 

Unha man inocente foi a encargada de sacar ás gañadoras. Este momento foi  retransmitido en directo a través da páxina de Facebook do Concello. 

13Xan 2022

Representantes de Sanidade e do Sergas e do Concello de Malpica reuníronse para abordar o proxecto dun novo centro de saúde no municipio

O Concello malpicán foi dos primeiros de Galicia en propoñerlle á Xunta unha parcela para construír as instalacións sanitarias

Malpica, a 13 de xaneiro do 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de reunirse este mércores co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga,  para avanzar no proxecto de construción dun novo centro de saúde para este municipio.Na xuntanza, á que asistiron a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, María Jesús Piñeiro; o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, e a concelleira de Sanidade do Concello de Malpica, Marisol Blanco, a Xunta e o consistorio avaliaron a posibilidade da construción dun novo centro nunha proposta de parcela achegada polo rexedor, e que pode cumprir coas necesidades requiridas polo Sergas.

Este centro de saúde aparece recollido na Fase 2 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta de Galicia o pasado mes de outubro. O Goberno galego, logo dun estudo do estado das infraestruturas de Atención Primaria en toda Galicia, decidiu priorizar a construción dun novo centro de saúde en Malpica tendo en conta que o actual, de 26 anos de antigüidade e de titularidade municipal, ten carencia de espazos para a actividade asistencial necesaria e conta con importantes deficiencias tanto estruturais como no estado de mantemento.

Para substituílo, o documento estratéxico propón un novo centro cun plan funcional  que contempla incrementar en tres as consultas para adultos e nunha as de pediatría, así como incorporar espazos para os profesionais como un despacho de coordinación, unha sala de estar ou vestiarios que non son posibles no actual inmoble polas súas carencias de superficie. En consecuencia, o plan prevé que o novo centro se achegue aos 1.000 metros cadrados de superficie.

Logo da aprobación do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, o conselleiro de Sanidade remitiulle, o 4 de novembro, cartas a todos os alcaldes e alcaldesas dos 28 concellos nos que se contempla a construción de novos centros de saúde dentro das fases 1 e 2 do Plan. Seguindo o procedemento habitual na posta en marcha destas infraestruturas, a Xunta solicitaba a pronta achega, por parte dos concellos, de parcelas viables para axilizar o proceso administrativo de licitación de proxecto e obra e de posta en funcionamento dos novos centros.

Unha vez respondida este mércores esa solicitude por parte do Concello de Malpica coa oferta dunha parcela, na que é unha das primeiras propostas concretas recibidas pola Xunta por parte dos 28 concellos contactados, a Consellería de Sanidade dará inmediata resposta organizando unha visita de técnicos do Sergas aos terreos para poder avaliar así a súa idoneidade e, no caso de confirmala, comezar os trámites para asinar un convenio de cesión da parcela por parte do Concello e iniciar a licitación por parte da Xunta do proxecto construtivo.

Infraestruturas de Atención Primaria na provincia da Coruña

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 93 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as dúas obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de Atención Primaria.

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de Coristanco, Oleiros, A Coruña (Novo Mesoiro), Cambre, Buño (Malpica), Arteixo, Culleredo e Santiago (Galeras). Nesta lexislatura vense de poñer en marcha o novo centro de saúde de Ames (Milladoiro), Melide ou Narón e as reformas de Ortigueira, Mugardos, As Pontes, Ribeira ou Bertamiráns. Asinouse xa o convenio para a construción do novo centro de saúde de Abegondo e xa está licitada a redacción do seu proxecto e asinouse tamén un convenio de colaboración co Concello de A Coruña para a construción do novo centro de saúde de Santa Lucía.

No que respecta aos centros de titularidade municipal, foron xa reformados nestes últimos anos, a través de cofinanciamento cos concellos, os centros de saúde Oza-Cesuras, Arteixo, Cabanas, Boimorto, Valdoviño, Malpica, Padrón, Coristanco, Cee e Monfero, mentres se atopan en fase de remate as obras conveniadas en 2021 nos centros de saúde de Bergondo e Valdoviño.

Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia da Coruña, contempla a construción de dez novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo (cuxo proxecto de obra xa está a piques de adxudicarse), Santa Lucía na cidade da Coruña (cuxo convenio xa está asinado co Concello), Noia, Ribeira, Porto do Son, Fisterra, Malpica de Bergantiños, San Xoán na cidade de Ferrol, Fene e Teo.

Ademais, o Plan contempla obras para reformar e modernizar integramente, e nalgúns casos ampliar, outros cinco centros como o de Carballo, que se converterá en Centro Integral de Saúde; o de Conxo na cidade de Santiago ou os de Culleredo, Cedeira e Vimianzo.

11Xan 2022

Malpica rexistra 84 casos activos de coronavirus a día 11 de xaneiro

O Concello fai fincapé en cumprir as normas para frear a pandemia

Segundo o último informe da Consellería de Sanidade, o noso municipio rexistra 84 casos activos de coronavirus a día 11 de xaneiro.

As persoas contaxiadas que precisen axuda poden poñerse en contacto coa área de Servizos Sociais do Concello no teléfono 981 720 280, ou con Protección Civil de Malpica a través dos números 661 626 166 e 693 400 673.

Cumpramos todas medidas sanitarias para saír pronto desta pandemia.

11Xan 2022

Suspendidos os talleres de manualidades debido á incidencia covid

Son iniciativa da Concellaría de Servizos Sociais e están dirixidos á terceira idade e ás personas con diversidade funcional

Dende o departamento de Servizos Sociais do Concello suspendemos ata novo aviso e debido á incidencia covid no municipio os talleres de manualidades para a terceira idade e persoas con diversidade funcional que desenvolvemos no Centro Cívico de Malpica e na Casa do Oleiro de Buño.

Cando a situación mellore, volveremos a retomar a actividade, pero debemos prever polo ben de tod@s.

Página 30 de 149« Primera...1020...2829303132...405060...Última »