Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

26Mai 2022

A sala “Non canto por cantar” do Centro de Artesanía e Tradición recibiu máis de 300 visitas en menos de quince días

O espazo acolle a primeira exposición de cancións e bailes típicos do concello malpicán

A inauguración, a mediados do mes de maio, da sala “Non canto por cantar”, está a xerar un novo atractivo para o Centro de Artesanía e Tradición (CAT) de Buño. Neste tempo, en menos de 15 días, xa son máis de 300 as persoas que pasaron polo espazo, mentres continúan as visitas de centros escolares e público xeral.

A sala “Non canto por cantar” ofrece unha ampla mostra do patrimonio inmaterial da terra malpicá, compilado e documentado por numerosas persoas ao longo de décadas, a partir do coñecemento popular e tradicional de decenas de informantes. Cancións e bailes recollidos na zona, que describen uns ritmos e pasos únicos na tradición galega.

O Centro de Artesanía e Tradición, situado na Camposa (Buño), conta tamén con outras dúas exposicións: “As Redeiras e o Mar” e “Olería”. Pode visitarse de luns a venres de 10.00 a 15.00 horas.

26Mai 2022

Homenaxe aos traballadores xubilados do Concello de Malpica de Bergantiños

O evento celebrouse no restaurante O Esqueiro, con motivo da festividade de Santa Rita de Casia, patroa dos funcionarios da Administración Local

O Concello de Malpica de Bergantiños quixo render o pasado venres 20 de maio unha homenaxe aos traballadores municipais xubilados. O evento celebrouse no restaurante O Esqueiro, con motivo da festividade de Santa Rita de Casia, patroa dos funcionarios da Administración Local.

Ao acto asistiron os homenaxeados Asunción Loureiro Garrido, Ernesto E. Mancebo Martínez, Carlos Otero Arévalo, Antonio Ures, Carmen Otero Pereira, Jesús A. Fernández Rama, Amado Segade Santos e José Ramón Baldomir. Tamén participaron os funcionarios e membros da corporación municipal.

Ligazón para descargar as imaxes da homenaxe.

25Mai 2022

Convocatoria para o outorgamento de casetas no peirao sur de Malpica (depuradora). Prazo aberto ata o 5 de xuño

Portos de Galicia mantén aberta ata o vindeiro 5 de xuño a convocatoria para a presentación de solicitudes de utilización de varios departamentos para armadores no porto de Malpica de Bergantiños (peirao sur-depuradora).

Pode consultarse máis información sobre a documentación necesaria para presentar as solicitudes, orde de prioridade, tipos de actividade e outros requisitos, neste documento:

25Mai 2022

Coloquio sobre sexualidade na infancia e adolescencia no CEIP Joaquín Rodríguez Otero, en Buño

O encontro estará conducido pola educadora social Malaika Cousillas e terá lugar o luns 6 de xuño ás 16.15 horas

A biblioteca do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño acollerá o luns 6 de xuño ás 16.15 horas un coloquio sobre sexualidade na infancia e a adolescencia. A actividade será conducida pola educadora social Malaika Cousillas, con máis de 10 anos de experiencia en infancia, mocidade e familias.

No encontro abordaranse algunhas claves para superar os obstáculos que xorden no ámbito familiar e/ou escolar á hora de falar de sexualidade, unha cuestión que en ocasións aínda esperta moita preocupación e vergoña.

Así, o obradoiro intentará achegar algunhas respostas a preguntas complexas de resolver: como falar deste asunto para que nenos/as e adolescentes nos escoiten? E como conseguir que nos conten as dificultades e medos aos que se van enfrontando?

Deste xeito, no coloquio explicarase en profundidade onde aprenden nenos/as e adolescentes sobre sexualidade, como conseguir que se desenvolvan relacións afectivo-sexuais saudables e positivas, e como desterrar os mitos que persisten arredor da sexualidade.

A actividade está dirixida a familias e persoal educativo da comarca, e a entrada é de balde ata completar aforo.

24Mai 2022

As Escolas Municipais de Patinaxe de Malpica celebran unha exhibición este venres 27 en Buño

A actividade comezará ás 16 horas no pavillón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero

O pavillón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño acollerá este venres 27 de maio unha exhibición das Escolas Municipais de Patinaxe do Concello de Malpica de Bergantiños.

Os e as deportistas demostrarán as súas habilidades na pista a partir das 16 horas. A entrada á actividade será libre.

21Mai 2022

O Concello de Malpica inaugura a exposición artística “Carrexadoras” no centro cívico de Malpica

As obras asinadas por Viki Rivadulla, de gran tamaño e dunha beleza extraordinaria, marabillaron a todos os asistentes

Na inauguración estivo presente a concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, que agradeceu á artista muxiá a súa dispoñibilidade e o cariño co que acolleu o convite do concello de Malpica para traer una mostra do seu traballo ós espazos expositivos do centro cívico.

Tamén asistiu ó evento Miguel Mato, a quen lle encanta o traballo de Viki. “A min gústame moito temáticamente, no fondo, no concepto. Os críticos literarios que din cal é o estilo dun autor ou autora, a resposta é: a autora é o estilo. E podo aplicar isto a Viki ,e dicir, que Viki é a súa obra e a súa obra é Viky”.

As Carrexadoras é unha exposición cunha temática que acompaña a autora sempre. É algo icónico na súa pintura. “As carrexadoras levaban o mundo de un lado para o outro e facían medrar esa tribu do mar. Nesta serie quixen pintar o corpo enteiro e a min interésame moitísimo a forza da anatomía. Eses corpos que son como piares que están aguantando do mundo”, manifestou a artista. A mostra está dedicada a Victorina, irmá da bisavoa da autora, María do Casino, e a nai de Carmen a Muxiana, ademais dos seus irmáns e irmás. Viki tamén quixo dedicarlla a Paco Souto, que sempre agardaba por ela cando entraba en Malpica.

20Mai 2022

O alcalde de Malpica asina a oferta de emprego de 6 socorristas para Area Maior e Canido

Darán servizo desde o mes de xuño ata setembro

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, ven de asinar a oferta de emprego de seis postos de socorristas, incluído un coordinador-socorrista, para a Unidade de Socorrismo Acuático nas praias de Area Maior e Canido. Os interesados teñen 8 días naturais, para presentar a súa solicitude desde o a publicación da oferta. A información completa pode consultarse na páxina web do Concello de Malpica, e a solicitude debe realizarse a través da sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas administrativas de luns a venres en de horario de 09:00 horas a 14:00 horas.

A contratación realizarase para que o servizo de inicio o 17 de xuño ata o 11 de setembro. Estarán a xornada completa, cunha retribución bruta mensual de 1.516,85 € e para a categoría de socorrista-coordinador de 1.727,84 €, en ambos casos coas pagas extras incluídas. O persoal seleccionado terá entre as súas función: Prever accidentes ou situacións de emerxencia nas praias indicadas na base primeira, realizando a través, tarefas de vixilancia e información. Rescatar persoas en casos de accidente ou situación de emerxencia. Asistir como primeiro interveniente no caso de accidente ou situación de emerxencia. Velar pola seguridade dos usuarios das praias indicadas do Concello de Malpica de Bergantiños previndo situacións potencialmente perigosas realizando unha vixilancia permanente e eficiente e intervindo de forma eficaz ante un accidente ou situación de emerxencia.

20Mai 2022

Suso Lista dará un relatorio sobre “Nerigha, onde ceo, terra e mar se xuntan”

Será este venres, ás 20.30 horas, no Cornecho

A Concellería de Educación, Cultural, Patrimonio e Deportes de Malpica colabora no relatorio que mañá dará Suso Lista sobre o artigo asinado por el mesmo: “Nerigha, onde ceo, terra e mar se xuntan”. O acto, no que tamén colabora a Asociación Caldeirón, será no Cornecho ás 20.30.

Un encontro no que o actor e escritor falará sobre o estudo realizado en torno á situación do Promontorium Nerium. Un punto sobre o que Lista disertará sobre a localización do mesmo, do que indica que diversos autores o situaban no Cabo Fisterra, Touriñán ou Vilán. Sobre este enclave discrepan tres autores: Adolf Schulten, Kornad Haebler e Emil Braun, xa que para eles, baseándose soamente na toponimia, ese promontorio non pode ser outro que Punta Nerigha.

Suso Lista sinalou no seu artigo que: “Os autores clásicos antigos son claros con respecto do Promontorium Nerium e todos eles afirman que é o último de Occidente e que é o primeiro do Septentriom. Non din que sexa o que está máis a Occidente. O último da parte occidental é Punta Nerigha porque o Sol desde aquí até San Vicente (Promontorium Sacrum) sempre se pon polo mar”.

Un relatorio para coñecer mais sobre a xeografía da comarca e as diferentes teorías en torno ao seu orixe.

18Mai 2022

Viki Rivadulla inaugurará en Malpica a mostra “Carrexadoras”

A artista plástica presenta a súa obra no Centro Cívico este venres

O Centro Cívico do Concello de Malpica acolle a obra “Carrexadoras” asinada por Viki Rivadulla. O venres, 20 de maio, inaugurase a mostra ás 19.00 horas con Emma Abella e Miguel Mato.

A exposición, asinada pola artista plástica de Muxía, mestura acrílico con canvas nunha serie de cadros que mostran ás mulleres da terra e que poderá visitarse ata o 30 de maio. Rivadulla é pintora e escultora autodidacta, e con obras asinadas sobre porcelanas e artesanía xeral, conta ademais con experiencia docente, podes consultar toda a súa traxectoria aquí.

Unha acción cultural promovida polo Concello, a través do departamento de Educación, Cultura, Patrimonio e Deporte, dentro do programa “Malpica nun mar de letras 2022”.

Página 22 de 149« Primera...10...2021222324...304050...Última »