Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 17°
11°
Sábado 16°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

9Xan 2015

O Concello de Malpica recibiu 600.000 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

O vicepresidente da Xunta, que visitou hoxe algunhas das obras executadas, anunciou outra achega de 100.000 euros para este ano
540-f-foto

Cos preto de 100.000 euros investidos o ano pasado xa son 600.000 os euros recibidos polo Concello de Malpica de Bergantiños con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, segundo o balance ofrecido polo vicepresidente da Xunta. Alfonso Rueda visitou hoxe o municipio para coñecer algunhas das actuacións levadas a cabo grazas ao FCA, que procede do canon eólico. Xunto a el estiveron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Alfredo Cañizo e Marisol Blanco Gorín.

 

“Non estamos en época de grandes investimentos, pero vanse facendo cousas tamén”, dixo Rueda, quen destacou a importancia destes fondos para os concellos, xa que lles permiten “ir facendo actuacións relacionadas co medio ambiente”. Segundo explicou, o reparto faise en función do número de aeroxeneradores instalados, aínda que unha parte da contía total destínase a municipios non que non hai parques eólicos.

 

O alcalde, pola súa banda, detallou os investimentos. En primeiro lugar referiuse á senda peonil que une Buño co Centro Comarcal, onde comezou a visita, porque era unha obra “moi demandada” polos veciños que acoden ao centro de saúde ou ao edificio administrativo da Camposa, xa que contribúe a mellorar a seguridade. Eduardo Parga citou tamén a mellora do saneamento en Seaia, onde se completou a rede instalada hai dúas décadas e reconstruíronse as beirarrúas, e á mellora da mobilidade na Orxeira cunha escaleira de 12 metros. Tamén se acometeu a contratación dunha cuadrilla de oito persoas para a realización de desbroces e outras tarefas ambientais e realizáronse traballos de mantemento na depuradora.

 

9Xan 2015

As obras do centro de saúde de Buño empezarán o mes que vén

O vicepresidente da Xunta anunciou hoxe que a construción do edificio xa foi adxudicada por máis de 600.000 euros
540-f-foto

As obras de construción do novo centro de saúde de Buño foron adxudicadas por máis de 600.000 euros, segundo anunciou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a visita que fixo hoxe á vila oleira. “Só falta formalizar o contrato”, dixo, para que a empresa poida empezar a traballar, pero en todo caso está previsto que o faga antes do Entroido. O prazo de execución, fixado inicialmente en 9 meses, quedou reducido a 7, polo que o edificio sanitario estará rematado antes de fin de ano.

 

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, destacou a importancia deste investimento, xa que “levamos vinte anos intentando que se faga”, comentou. O novo centro de saúde será construído nunha parcela próxima ao Centro Comarcal e a Casa do Oleiro que os representantes do goberno municipal amosaron hoxe ao vicepresidente e á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo. O edificio terá capacidade para os tres médicos e o profesional de enfermería que desenvolven a súa actividade en Buño, así coma unha sala polivalente, área de administración e arquivo, almacéns e servizos comúns. A superficie construída será de 525 metros cadrados.

 

8Xan 2015

Malpica de Bergantiños xa ten escudo e bandeira oficiais

O Consello da Xunta deu o visto bo ao decreto polo que se establece a súa conformación
540-f-foto

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao decreto polo que se establece a conformación oficial da bandeira e escudo do Concello de Malpica de Bergantiños.

 

“O escudo de Malpica de Bergantiños é cun pano amarelo e, ao centro, unha franxa azul de dous tercios coa consabida disposición das dúas espigas de amarelo, dispostas en aspa e acompañadas dunha áncora de branco, no xefe, unha cabeza de lobo de amarelo, linguada de vermello, na punta, e flanqueadas dun “pucheiro”. A bandeira é azur (azul), dúas espigas de ouro (amarelo), dispostas en aspa, acompañadas dunha áncora de prata (branco), no xefe, unha cabeza de lobo de ouro, linguada de gules (vermello), na punta, e flanqueadas dun “pucheiro de encote” de ouro, á dereita, e dunha torre deste, á esquerda. Ao timbre, a coroa real pechada”.

 

4Xan 2015

Representantes do Concello e das entidades reuníronse para preparar a cabalgata que percorrerá as parroquias malpicás

Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán mañá Buño, Cambre, Leiloio, Seaia e Malpica, e o día 6, Mens, Barizo, Seaia, Santirso, Pontella, Beo e Cerqueda
540-f-foto

Xa está todo preparado para a cabalgata de Reis. Representantes das asociacións Malante, Carcaxía, San Xulián O Brizo e San Antonio, da Policía Local, de Protección Civil e do Concello de Malpica reuníronse para organizar a recepción ás Súas Maxestades de Oriente, que percorrerán todas as parroquias.

 

Melchor, Gaspar e Baltasar sairán mañá ás 17 horas do bar O Forno de Buño. Ás 18.30 chegará ao local sociocultural de Cambre e ás 20 horas serrá a recepción no porto de Malpica. A cabalgata percorrerá as parroquias seguindo o itinerario do autobús escolar de primaria. Os Reis Magos, que teñen o don da ubicuidade, tamén visitarán Leiloio. Ás 18 horas chegarán á Feira Nova. E rematarán o día en Seaia, onde entregarán agasallos polas casas a partires das 21 horas.

 

A comitiva real seguirá por terras malpicás o día de Reis. Ás 10 horas estará na igrexa de Mens para que os nenos de Mens e Barizo poidan saudar a Melchor, Gaspar e Baltasar. Á mesma hora iniciarán unha ruta pola parroquia de Seaia dende a Casa de Cultura, e á saída da misa estarán en Santirso. A Pontella chegarán ás 12 e a Beo, ás 12.30, sempre seguindo o itinerario do transporte escolar. En Cerqueda tamén farán un percorrido por toda a parroquia ao longo da mañá.

 

3Xan 2015

O belén da igrexa parroquial de Malpica conserva pezas elaboradas de forma artesanal hai case 70 anos

O tradicional nacemento, que recuperou o esplendor grazas á implicación do párroco e dun grupo de veciños, pode visitarse ata a festa de San Xulián
540-f-foto

O belén da igrexa de Malpica é un tesouro. A maior parte das pezas que o integran teñen case setenta anos de antigüidade e todas foron feitas de maneira artesanal. Pero máis aló do económico, o nacemento ten un valor social e case histórico. As súas orixes remóntanse ao ano 1946, cando o párroco Santiago Abuelo Alvite e a mestra, dona Anastasia, organizaron unha función de teatro no cine Lerio para recadar fondos e comprar figuras novas. Pero a maior parte das pezas foron adquiridas ao ano seguinte, coincidindo coa chegada de Benigno Rocamonde, tras o falecemento do cura anterior, e de dona Lidia, a profesora que ocupou o posto de Anastasia cando se trasladou.

 

De 1947 proceden a maior parte das pezas. Entre as máis emblemáticas están o muíño, que funcionaba perfectamente, e o portal, construído por Pepe de Paz. Malpicáns coma el fixeron, de feito, todas as casas do belén malpicán. Así aforrábanse uns cartos. E aínda que o resto das figuras viñan de fóra, foron os veciños máis mañosos os que se encargaron sempre de que a roda do oleiro xirase, de que as galiñas picasen o gran, de que a auga do río circulase ou de que a iluminación funcionase correctamente.

 

O belén de Malpica chegou a ser unha referencia na comarca, pero na última etapa de Benigno Rocamonde entrou en declive e empezou a deteriorarse. Hai uns 15 anos, un grupo de malpicáns recolleron o testemuño dos pioneiros de 1946 e decidiron recuperalo. Houbo que restaurar moitas pezas e mercar outras, pero sempre idénticas ás orixinais, e pouco a pouco o nacemento foi recobrando o seu esplendor e medrando. Ten un circuíto pechado de auga e practicamente todos os compoñentes son eléctricos, o que permite que o río flúa e que as figuras teñan movemento. “Quixemos plasmas as profesións tradicionais da zona”, sinalan os organizadores do belén, no que, ademais dos Reis Magos, o Neno Xesús, a Virxe María, San Xosé, a mula, o boi ou os pastores, aparecen un ferreiro, un muiñeiro, un oleiro, unha atadora… “Algunhas figuras son desproporcionadas, porque son incluso anteriores a 1947”, apuntan. Pero o conxunto é espectacular.

 

A montaxe leva unha semana. Todos os días ás 10 da noite reúnense catro malpicáns que perden horas de sono para colocalo todo no seu sitio. “Non queriamos que se perdese, porque era moi tradicional, viña a velo todo o mundo de todos os sitios ata que empezou a decaer, e queremos que a xente volva a visitalo”, sinalan. Quen queira facelo pode achegarse á igrexa de luns a venres a partir das 18 horas ou as fines de semana pola mañá. Iso si, antes da festa de San Xulián, porque despois empezarán a desmontalo e a gardalo ata o ano que vén.

 

3Xan 2015

O grilo Míllelo preséntase mañá en Malpica de Bergantiños

O Obradoiro de Animación Teatral do Concello ofrecerá unha representación baseada na narración
540-f-foto

O grilo Míllelo (Edicións Embora), narración infantil para primeiros lectores e obra de Xosé Manuel Varela e Icía Varela Gómez (narración), Xosé Tomás (ilustrador) e Suso Moreira (música), continúa esta fin de semana coa súa xira de presentacións.

 

Despois de pasar, esta mesma mañá, pola Feira da Ilustración que organiza a libraría Biblos de Betanzos, a segunda cita terá lugar mañá domingo, ás 19 horas, no salón de actos da Casa do Pescador. Ofrecerase unha representación teatral baseada nesta narración a cargo do Obradoiro de Animación Teatral do Concello. Baixo a dirección de Silvia Losada actuarán as novas actrices: Lara, Andrea, Verónica e María. Xosé Tomás debuxará en directo e agasallará a algún dos asistentes coas ilustracións. Intervirán tamén Xosé Manuel Varela, Icía Varela Gómez e Suso Moreira.

 

O acto estará presidido polo Alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga Veiga, e será conducido por Miguel Toval de Edicións Embora. Pecharase de novo coa actuación d?A Banda do Grilo: Gabi Pérez Varela (saxofón), Lucía Dourado Novo (gaita) e Icía Varela Gómez (acordeón); voces de María Moscoso Veiga, Andrea Suárez Ceán, Ángela Varela Doldán, Claudia Suárez Rivas e Ainara Rodríguez Vigueret.

 

O grilo Míllelo, publicado no selo editorial de Edicións Embora de Ferrol, é un proxecto colectivo que combina narrativa, poesía, música, voces, ilustracións e teatro. O libro encádrase dentro do xénero da narrativa infantil na franxa de idade de primeiros lectores. Na web de Edicións Embora tamén se pode descargar a partitura musical e o poema para cantar. 

 

26Dec 2014

Portos de Galicia derrubará a lonxa vella de Malpica para mellorar o acceso ao porto e ampliar as prazas de aparcamento

O presidente do Ente Público, José Juan Durán, presentou hoxe o proxecto, que tamén inclúe a creación dun espazo de lecer
540-f-foto

Unha vez rematadas as obras de reparación e reforzo do dique, Portos de Galicia acometerá unha nova actuación no porto de Malpica grazas ás xestións realizadas polo alcalde. O presidente do Ente Público, José Juan Durán, anunciou hoxe que o seu departamento procederá á demolición da lonxa vella para mellorar a accesibilidade, ampliar o aparcamento e crear un novo espazo de lecer. José Juan Durán presentou o proxecto acompañado polo deputado autonómico Aurelio Núñez; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga; os concelleiros de Obras e Mar, Miguel Fernández e Alfredo Cañizo, e o patrón maior da Confraría de Pescadores, Pedro Pérez. 

 

As obras arrincarán despois do Nadal e estarán listas nun prazo de dous meses. O investimento ascende a 150.000 euros. José Juan Durán explicou que a demolición da lonxa vella, e sobre todo do seu gran beiril, “vai supoñer unha mellora importante na accesibilidade para camións e tráilers ao porto. Dende o punto de vista da operativa portuaria, dende o Ente Público e a Xunta de Galicia interésanos suprimir ese aleiro, que fai moi angosta a entrada”. O espazo que quedará baleiro despois do derrubo permitirá crear unha vintena de prazas de aparcamento para usuarios do porto, pero tamén se creará unha nova área de lecer, con bancos, que permitirá “harmonizar o espazo resultante con outras actuacións que se fixeron no porto de Malpica nos últimos meses”, apuntou o presidente de Portos.

 

A intervención completarase co saneamento e a estabilización do muro. “Creo que se cumpren moitísimos obxectivos: en primeiro lugar, o tema da mellora do acceso e tamén por suposto que haxa máis prazas de aparcamento para os usuarios do porto, e, por suposto, tamén hai que pensar no lecer. Eu creo que esteticamente a zona esta do porto vai saír gañando”, declarou José Juan Durán.

 

O alcalde de Malpica amosouse agradecido pola resposta de Portos de Galicia á súa petición e pola presenza de José Juan Durán na vila para presentar o proxecto. Eduardo Parga destacou a importancia da creación novas prazas de aparcamento e a humanización dos espazos portuarios para a súa utilización por parte de toda a cidadanía. “É unha mellora para o pobo de Malpica, xa que o pobo de Malpica necesita do porto e o porto necesita do pobo de Malpica”, manifestou o alcalde.

 

25Dec 2014

O Centro Cívico acolle unha exposición do Museo do Humor de Fene de homenaxe a Blanco Amor

Na mostra participan 18 ilustradores de primeiro nivel
540-f-foto

Dezaoito ilustradores de primeiro nivel participan na iniciativa “Imaxes EBA. Exposición-homenaxe a Blanco Amor”, promovida polo Museo do Humor de Fene dentro dos actos organizados polo Concello de Fene no ano 2012 ao redor da convocatoria da 30ª edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor. A mostra pode verse agora no Centro Cívico de Malpica, nos horarios habituais de apertura do edificio pola mañá e pola tarde.

 

A exposición, comisariada polo debuxante Siro López, está estruturada en dous grandes bloques: caricaturas de Blanco Amor e ilustracións relativas a personaxes ou anacos da súa obra. Os debuxantes que participaron no proxecto, de maneira totalmente altruísta, foron Aida Alonso, Almudena Aparicio, Carlos Silvar, Dani Pedrón, Idoia de Luxán, Nachortas, Pablo Otero, Pinto e Chinto, Xan Carpente, Xosé Cobas, Xosé Lois, Siro, Santy Gutiérrez, Michel Casado, Augusto Metztli, Gonzalo Vilas, Jaime Asensi e Miki.

 

23Dec 2014

O Forno do Forte permanecerá pechado os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro

Este ano a imaxe do tradicional calendario editado polo ecomuseo de Buño é o Forno da Costa, que pode visitarse por primeira vez
540-f-foto

O Ecomuseo do Forno do Forte permanecerá pechado os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro. O resto dos días estará aberto no seu horario habitual, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas, polo que o complexo situado en Buño segue a ser un interesante destino durante este Nadal para as persoas amantes da artesanía e da etnografía.

 

Os turistas tamén poden visitar este ano, por primeira vez, o Forno da Costa, que vén de ser rehabilitado polo Concello de Malpica coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña. O forno, que se atopaba en bastante bo estado, presentaba necesidades de saneamento do muro dianteiro, de reconstrución da boca, ademais da retirada do engadido no muro. Nun dos cabanotes foi substituída toda a estrutura de madeira, que se atopaba seriamente deteriorada. O pilar de ladrillo cerámico foi suplido por outro acorde ao conxunto, e os muros de mampostería de pedra foron saneados. No segundo cabanote levouse a cabo a reconstrución parcial e saneado dos muros, a reconstrución dun dos pilares e a instalación dun tellado novo. O custe da obra foi de 79.200,01 ?.

 

Precisamente o Forno da Costa é a imaxe do calendario do 2015, que vén de publicar o Ecomuseo do Forno do Forte, coma todos os anos, e que pode conseguirse na propia instalación. Coa rehabilitación deste forno, os tradicionais barrios oleiros de Forno Novo, Mouróns e Costa teñen as súas edificacións recuperadas.

 

22Dec 2014

“É fundamental seguir aprendendo”, destaca Diego Calvo na clausura dos cursos de Servizos Sociais

O presidente da Deputación e o alcalde apostan por manter a colaboración entre ámbalas institucións de cara ao vindeiro ano
540-f-foto

“É fundamental seguir aprendendo cousas todos os días”, díxolles Diego Calvo aos participantes nos cursos de xardinería e cociña organizados pola Concellería de Servizos Sociais de Malpica. O presidente da Deputación Provincial da Coruña asistiu hoxe ao acto de clausura, no que se mostrou moi satisfeito cos resultados das accións formativas e no que puido comprobar tamén a excelente acollida que tiveron entre os participantes.

 

Tanto Diego Calvo coma Eduardo Parga, alcalde de Malpica, apostaron por manter a colaboración entre ámbalas institucións de cara ao vindeiro ano. Nese sentido, o alcalde destacou que as achegas da Deputación permiten poñer en marcha actividades e programas de formación moi necesarios, “e que nós apoiamos porque cremos neles”, asegurou Eduardo Parga.

 

No acto de clausura tamén interviu a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, que agradeceu a presenza do presidente da Deputación. Entre as autoridades asistentes tamén se encontraban os concelleiros Miguel Fernández e Alfredo Cañizo. En representación da Asociación Integro, que se encargou de impartir as actividades formativas, participou o seu presidente, Adolfo López Baña, que puxo ao Concello de Malpica como exemplo polas súas políticas sociais, “porque pensa nas persoas que o necesitan”, manifestou.

 

Nos cursos de xardinería e cociña, destinados a persoas con diversidade funcional e a maiores, participaron un total de 37 persoas.

 

O alcalde de Malpica agasallou a Diego Calvo cunha placa e un pin do Concello, que o presidente da Deputación colocou xa na solapa. Ao presidente de Integro fíxolle entrega dunha peza de barro de Buño en agradecemento polo éxito das accións formativas. Os dous levaron como recordo tamén unha selección de fotografías.

 

 

Página 112 de 149« Primera...102030...110111112113114...120130140...Última »