Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

4Ago 2015

A Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega tomarán o relevo cultural nun mes de agosto espectacular en Malpica

Milladoiro, Radio Cos e Samarúas serán os pratos fortes da fin de semana musical
540-f-foto

Agosto é o mes de Malpica de Bergantiños. En plena celebración da Mostra da Olería de Buño, organizada este ano man a man entre o Concello de Malpica e a Asociación Oleira, a Concellería de Cultura e Turismo non quere que o ambiente decaia a partir da súa clausura, o vindeiro domingo 9. Por iso o departamento que dirixe Noelia Freijeiro ten preparado un interesante programa de actividades para a segunda quincena que arrincará o día 14 coa IV Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega.

 

Este ano os pratos fortes da Festa Galega, pola que en cada edición pasa o mellor do folk galego, serán Milladoiro, Radio Cos e Samarúas, que actuarán o sábado 15. Pero os concertos xa comezarán o venres ás 22.00 horas con tres agrupacións locais: a Banda de Gaitas da AC Malante, as cantareiras da AC Raigañas e o grupo Fol de Veneno. O día forte será o sábado e arrincará ás 19.15 horas co Desfile da Banda de Gaitas da AC Malante dende o Centro Cívico ata o porto, onde continuará a festa coa Banda de Gaitas da Agrupación Folclórica de San Xiao do Trebo (Cariño), a Banda de Gaitas Abelleira (Ponferrada) e a anfitrioa. Samarúas subirá ao escenario ás 22 horas, e despois farano Milladoiro (23.30) e Radio Cos (01.15).

 

A Feira Medieval Mariñeira tamén botará a andar o venres, pero ás 11 horas. Os postos, arredor de trinta, estarán ubicados ao longo da rúa Eduardo Vila Fano, decorados e ambientados dacordo coa temática do mercado. Pero ademais das casetas de venda de produtos gastronómicos de todo tipo, xogos tradicionais, produtos cosméticos, artesanía en coiro e madeira, xoiería… e moitos máis, os visitantes poderán desfrutar de paseos en poni, espectáculos de zancudos e música en vivo, e obradoiros para os máis pequenos.

 

3Ago 2015

A Croa do Castro estreouse con numerosas visitas guiadas para turistas

O programa de visitas estaba incluído na Mostra da Olería 2015
540-f-foto

O pasado sábado, a Croa do Castro de Cerqueda acolleu un programa de visitas guiadas en horario de mañá e tarde. Os primeiros grupos viñan na viaxe en tren desde Malpica de Bergantiños en horarios de 11 e 18 h. As outras dúas sesións, foron a partir de 11.45 e 18.45 dentro da actividade Croa Aberta. As visitas foron monitorizadas por Xosé Manuel Varela Varela, asesor en documentación local para o proxecto Croa do Castro de Cerqueda.

 

Ó longo das catro sesións de visitas guiadas acudiron a este recinto da Idade de Ferro unhas 73 persoas. Fundamentalmente foron grupos de pais con fillos e todas eran de orixe galega. Os visitantes de orixe máis distante eran da provincia de Lugo. Os máis próximos eran de Malpica, Ponteceso, Carballo e Coristanco.

 

Entre as percepcións que amosaron os visitantes foi a grandeza do xacemento así como a súa situación estratéxica que lle permite ter unha ampla visión panorámica desde o contorno e coa cal se domina gran parte da comarca de Bergantiños (terras de Malpica, Carballo, Ponteceso e Cabana) e se albiscan as terras de Soneira. Outras curiosidades que preguntaban era saber a titularidade da parcela e se neste castro viviran os celtas.

 

Os visitantes foron informados ademais das lendas que aínda perviven na memoria oral dos habitantes de Cerqueda e da rede de castros que, non moi distantes, serían as aldeas que poboaban as hoxe parroquias de Cerqueda, Cambre e Malpica.

 

2Ago 2015

Exitosa experiencia de colaboración na Cocedura Tradicional entre a Fundación Terra Termarum e o Forno do Forte

Centos de persoas pasaron esta fin de semana polo ecomuseo de Buño
540-f-foto

Onte pola mañá non se escoitaba un chío no Forno do Forte. A expectación ante o inicio do longo e laborioso proceso da Cocedura Tracicional era enorme, e o público, moi numeroso, non quería perder detalle. Se o ano pasado se fixeron probas introducindo por primeira vez no forno pezas coma os botixos de rosca, este ano o experimento consistiu en introducir pezas de cerámica de Castro Landín, onde a Fundación Terra Termarum utiliza unha técnica moi diferente de cocción, en forno aberto. Para coñecer o resultado houbo que agardar ata hoxe. E foi un éxito. As catro primeiras pezas saíron ?perfectas?, comentou o xerente do ecomuseo, Paco Doval, que se amosaba satisfeito, ilusionado e ansioso de que avanzase o proceso de desenfornado para comprobar que a quinta e última peza de cerámica Castro Landín tamén estaba perfectamente cocida. A partir de agora iniciarase unha nova fase nesta experiencia de colaboración entre a Fundación Terra Termarum e o Forno do Forte para analizar as coceduras realizadas na Semana Santa e esta fin de semana, en distintos tipos de forno e con resultados diferentes.

 

Aínda que sempre hai novidades na Cocedura Tradicional, outras cousas non cambian, coma a presenza do oleiro Antonio Pereira, O Rulo, á fronte do equipo de traballo que dedica toda unha fin de semana a revivir unha das nosas tradicións máis arraigadas. Despois de traballar durante toda a mañá do sábado, arredor das 16 horas, co forno xa cargado, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, prenderon o lume. E durante toda a tarde os atizadores encargáronse de manter a temperatura arredor dos 1.000 graos que se precisan para que as pezas queden ben cocidas. A xornada rematou coa Festa da Carroa, aproveitando as brasas para preparar un bo churrasco que serviu de escusa para comentar as anécdotas da xornada antes de dar renda solta á diversión coa música do grupo Fol de Veneno.

 

 

Horarios do Forno do Forte

O Forno do Forte é un dos principais escenarios da XXXII Mostra da Olería de Buño. Ata o día 9 está aberto de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e o resto do verán tamén poderá visitarse de martes a sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 e os domingos de 10.00 a 14.00 horas.

 

1Ago 2015

A UD Cerqueda convértese no primeiro club galego que leva o nome do castro da súa parroquia na camiseta

O Concello de Malpica destaca a implicación do equipo de fútbol e do resto de entidades de Cerqueda no proxecto de recuperación da Croa do Castro
540-f-foto

A UD Cerqueda convértese no primeiro equipo de fútbol galego que leva na camiseta o nome do castro da súa parroquia. Esa curiosidade desvelouna Manuel Gago, coordinador do proxecto de recuperación da Croa do Castro, no acto de presentación oficial da camiseta. Como non podía ser doutro xeito, o escenario foi o propio castro, no que se reuniron representantes de todas as entidades da parroquia de Cerqueda e do Concello de Malpica. O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Iago Espasandín, Marisol Blanco e Noelia Freijeiro quixeron apoiar a iniciativa da UD Cerqueda e destacaron a implicación do equipo de fútbol e do resto de entidades da parroquia na divulgación do proxecto da Croa do Castro.

 

A UD Cerqueda estivo representada polo seu presidente, Roberto García; polo directivo Alberto Pose e polo capitán, Daniel García Reigía. Pero tamén participaron no acto a asociación de veciños Monte d?Arxa, a cultural Raigañas, a cabalar Os Veteranos, a ciclista Castro da Croa e a comisión de festas.

 

A UD Cerqueda debutará na 2ª Autonómica cunha camiseta na que pode lerse na parte traseira «A Croa do Castro de Cerqueda». Isto terá un gran impacto de divulgación non só nos campos de fútbol nos que xogue o equipo, senón que tamén terá eco en todos os sectores que rodean este deporte, tal como destacou Xosé Manuel Varela, representante da AVV Monte d?Arxa, e guía dos visitantes que se desprazaron hoxe ata a Croa do Castro aproveitando as viaxes do tren turístico dende Malpica e Buño. Esta iniciativa do Concello de Malpica, incluída no programa da XXXII Mostra da Olería de Buño, contribúe tamén a dar a coñecer o xacemento e as lendas que o envolven entre veciñanza e visitantes.

 

31Xul 2015

A Fundación Terra Termarum participará con varias pezas castrexas na Cocedura Tradicional no Forno do Forte

Mañá sábado repetirase por 17º ano consecutivo, coincidindo coa Mostra da Olería de Buño, o proceso centenario de cocción do barro
540-f-foto

Malia a súa antigüidade, a Cocedura Tradicional non deixa de sorprender a todas as persoas que se achegan cada mes de agosto ata o Ecomuseo do Forno do Forte. Ese proceso centenario repetirase mañá sábado, por 17º ano consecutivo, coincidindo coa Mostra da Olería de Buño. Pero este ano haberá un motivo máis para a sorpresa, xa que por primeira vez participará na Cocedura a Fundación Terra Termarum de Castro Landín (Cuntis). “Van traer pezas representativas da cerámica castrexa para cocelas nun forno tradicional de Buño, de tecnoloxía romana e que se mantivo ata os anos 60-70 do século pasado”, explica o xerente do ecomuseo, Paco Doval. Deste xeito darase un paso máis na cocedura experimental que se levou a cabo na Semana Santa. Naquela ocasión cocéronse varias pezas de Buño en forno aberto, que é a técnica que utilizan en Cuntis, e agora serán as pezas da localidade pontevedresa as que se cozan ao estilo da parroquia malpicá. Paco Doval explicou que os resultados daquela primeira experiencia compararanse cos de mañá, o que permitirá seguir afondando nas semellanzas e nas diferenzas entre as dúas artesanías e que se sigan estreitando lazos entre as dúas vilas oleiras.

 

A Cocedura Tradicional comezará ás 11.00 horas coa carga do forno. Olas, ánforas, porróns… Entre 1.500 e 2.000 pezas serán colocadas con sumo coidado no Forno do Forte o sábado pola mañá. Unha vez cargado o forno, a bóveda será tapada con “cachos”, que axudan a manter a calor. O prendido será ás 16.00 horas, e nese momento entrará en escena a muller dos fumes para alimentar o forno con toxo ata que acade a temperatura idónea, que se sitúa arredor dos 1.000 graos. E despois será a quenda dos atizadores, que terán a misión de manter a temperatura ata que remate a cocción, unhas catro horas despois. A calor acumulada aproveitarase para asar a carne, que se servirá acompañada con pan e viño na Festa da Carroa, a partir das 21.00 horas. De feito, a cocedura nestes fornos comunitarios era, antigamente, unha festa, que este ano inclúe a actuación do grupo Fol de Veneno.

 

A descarga do forno será o domingo a partir das 11.00 horas. As pezas serán comercializadas cunha etiqueta na que se garante que foi elaborada de forma artesanal.

 

31Xul 2015

Tren turístico e visitas guiadas á Croa do Castro, que se unirá mañá sábado aos escenarios da Mostra da Olería

540-f-foto

Este ano a Mostra da Olería ten un novo escenario: a Croa do Castro. O xacemento da parroquia de Cerqueda únese mañá sábado á festa anual de exaltación da nosa artesanía cun programa propio de actividades que inclúe rutas en tren turístico e visitas guiadas. O tren sairá de Malpica (Bar Panchito) ás 11.00, 12.30, 18.00 e 19.30 horas e de Buño ás 12.00 e 13.30. As viaxes das 11.00 e 18.00 horas incluirán visitas guiadas. Pero non serán as únicas. Dentro do programa “Croa Aberta” tamén se levarán a cabo percorridos guiados ás 11.45, 12.45, 18.45 e 19.45 horas.

 

Pero a Croa do Castro será tamén mañá punto de encontro deportivo, xa que ás 13.45 horas terá lugar no propio xacecemento a presentación da camiseta do equipo de fútbol de Cerqueda, un acto ao que asistirán o alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Noelia Freijeiro e Iago Espasandín, en representación do Concello de Malpica; así coma o presidente da UD Cerqueda, Roberto García, o directivo Alberto Pose e o capitán, Daniel García Reigía. Pero ademais estarán representadas todas as entidades da parroquia, de xeito que asistirán Manuel Chouciño e Xosé Manuel Varela, da AVV Monte d’Arxa; Begoña Gómez, da AC Raigañas; José María Auñón, da Asociación Cabalar Os Veteranos; José Manuel Blanco, da comisión de festas, e José Julián Martínez, do club ciclista Castro da Croa. O equipo técnico do proxecto de posta en valor do xacecemento estará representado por Manuel Gago.

30Xul 2015

Dez mozos e mozas voluntarios traballarán en proxectos culturais en Malpica ao longo do mes de agosto

“O verán do voluntariado no programa cultural e deportivo” é unha iniciativa promovida conxuntamente co Concello de Cabana
540-f-foto

“O verán do voluntariado no programa cultural e deportivo” é unha iniciativa conxunta dos concellos de Cabana e Malpica de Bergantiños na que están implicados en total unha vintena de mozas e mozos. Dez deles traballarán ao longo de todo o mes de agosto en Malpica, en programas coma Pintar na Rúa ou Noites na Vila, actividades coma a Festa Galega ou servizos culturais coma a biblioteca, entre outros.

 

Na presentación conxunta participaron os alcaldes dos dous concellos, o malpicán Eduardo Parga e o cabanés José Muíño; os técnicos responsables do programa, Antón Noceda en Malpica e Martín Martínez en Cabana, e o equipo de voluntariado. A iniciativa desenvolverase ao abeiro do servizo de Voluntariado Xuvenil 2015 da Consellería de Traballo e Benestar, que este ano ten un orzamento de 500.000 euros e que permite incorporar a un total de 830 mozos e mozas como voluntarios a través de concellos e entidades de toda Galicia. 

30Xul 2015

Aberto o prazo de inscrición para o Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”

O certame celebrarase o venres 21 de agosto e, como é tradicional, coincidirá coas Festas do Mar de Malpica
540-f-foto

O Concello de Malpica de Bergantiños abre o prazo de inscrición para o Concurso de Barcanas e Castelos de Area “Praia de Area Maior”, que despois de 15 anos de historia está xa consolidado como parte das Festas do Mar. O certame celebrarase o venres 21 de agosto, de 10.30 a 14.00 horas, segundo as bases que figuran de seguido.

                                                                                                               

 

BASES DO XV CONCURSO DE BARCANAS E CASTELOS DE AREA “PRAIA DE AREA MAIOR”

1.    OBXECTO: O presente concurso terá por obxecto o fomento da cultura.

 

2.    PUBLICIDADE: As presentes bases permanecerán expostas no taboleiro de anuncios do Concello dende a súa aprobación ata a finalización do procedemento, dada a súa escasa contía e de acordo co disposto no apartado VI) 6 do Anexo I das BEO do Concello de Malpica, asemade, daráselles publicidade mediante a páxina web do Concello de Malpica e cartelería.

 

3.    PRAZO DE INSCRICIÓN: O prazo de inscrición rematará o venres día 21 de agosto ás 11.00 h. as inscricións poderán realizarse tanto no Departamento de Educación e Cultura do Concello ata o día 20 de agosto, como na Praia de Area Maior o día 21  de agosto de 2015, de acordo cos modelos de solicitudes facilitados polo Concello e que deberán ser remitidos, debidamente cumprimentadas, ó rexistro xeral de acordo co disposto no apartado VI)7 do Anexo I das BEO.

 

4.    REQUISITOS DOS PARTICIPANTES:

 

        Cada participante ou grupo de participantes só poderá participar cunha única obra.

 

        Existiran tres modalidades: Infantil (até os 10 anos), amateur (de 10 anos en adiante) e barcanas (barcanas tradicionais de area sen límites de idade).

 

        No caso de menores de idade as solicitudes virán presentadas polos pais/nais ou titores que os representen, que terán a condición de beneficiarios.

 

        Para optar ó premio infantil todos os autores da obra deberán ter como máximo 10 anos cumpridos.

 

5.    Existirán seis premios: 1º, 2º e 3º na modalidade amateur, premio á mellor barcana, premio infantil e premio especial do público.

 

6.    CONTÍA MÁXIMA DOS PREMIOS: Os premios estarán dotados do seguinte xeito:

Premios amateur:

 

1º premio: 130,00 EUROS e trofeo

 

2º premio:  70,00 EUROS e trofeo

 

3º premio:  40,00 EUROS e trofeo

 

Premio á mellor Barcana: trofeo

 

Premio Infantil: trofeo

 

Premio Especial do Público: trofeo

7.    REQUISITOS, LUGAR E PRAZO DA REALIZACIÓN DAS OBRAS:

 

        A obras realizaranse na Praia de Area Maior nas zonas balizadas polo Concello de Malpica para este fin.

 

        As obras realizaranse con posterioridade á inscrición do/a participante ou participantes e en calquera caso entre ás 11.00 h. e as 13.00 h. do día 21  de agosto de 2015.

 

        Para a elaboración das obras só se poderán utilizar area e materiais que se atopen depositados na praia.

 

        Para a elaboración das obras permitirase o uso de ferramenta, difusores de auga, etc. aínda que estes en ningún caso poderán formar parte da obra unha vez rematada.

 

        Na elaboración das obras non está permitido utilizar ningún produto compactante ou fixador da area, agás a auga.

 

8.    CRITERIOS : 

        O xurado valorará a calidade artística e a orixinalidade de cada proposta de acordo cos seguintes criterios:

 

ü  Calidade técnica da obra

 

ü  Complexidade da obra realizada

 

ü  Deseño da obra

 

ü  Dimensións da obra realizada

 

ü  Vinculación da obra co Concello de Malpica

 

ü  Orixinalidade da obra

 

        Para a elección do premio especial do público instalarase unha urna, entre as 13.00 h. e as 13.30 h. na Praia de Area Maior na que tódolos espectadores/as do concurso poderán participar, sendo agraciada a obra con maior número de votos, agás que xa obtivera outro premio por parte do xurado, nese caso outorgaríase á seguinte obra máis votada.

 

9.    O fallo do xurado será inapelable, e será notificado ós presentes no acto.

 

10.  COMPOSICIÓN DO XURADO: O xurado estará composto por 2 representantes do Concello de Malpica nomeados polo Alcalde (que determinará quen dos dous actuará como Presidente e como vogal) e 2 das entidades colaboradoras (Asociación de Amas de Casa de Malpica e/ou Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa)  a proposta destas e nomeados/as polo Alcalde e que actuarán como vogais. Actuará como secretario/a do mesmo un/unha funcionario/a do Concello de Malpica designado a tal fin pola Alcaldía.

 

11.  XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO: Unha vez elaborada a acta do xurado propoñendo os beneficiarios, o órgano competente, acordará a concesión e recoñecemento de obrigas a favor dos mesmos. O pagamento efectuarase en efectivo tras o fallo do xurado. Os beneficiarios acreditarán suficientemente a súa  identidade e a recepción do premio correspondente perante o Concello segundo o modelo facilitado ao efecto.

 

12.  PUBLICIDADE DOS BENEFICIARIOS: Publicarase no taboleiro de anuncios do Concello a resolución ou acordo polo que se concedan os premios aos que se refiren as presentes bases.

 

30Xul 2015

Máis de sesenta nenas e nenos participan no torneo infantil de fútbol praia e fútbol sala de Malpica, que comezou hoxe

Os partidos disputaranse na praia de Area Maior ou no pavillón polideportivo en función das mareas
540-f-foto

As nenas e nenos de Malpica están gozando coma nunca do verán. Despois dun intenso mes de campamentos, actividades acuáticas, excursións e xogos, hoxe arrincou o torneo de fútbol praia e fútbol sala. A primeira sesión, á que asistiu o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, celebrouse no pavillón polideportivo. Máis de sesenta nenas e nenos participaron nesta primeira xornada, que serviu coma toma de contacto para ver o nivel dos rapaces e rapazas e formar os equipos que disputarán a liga a partir das 11.30 horas do luns. En principio os partidos disputaranse na praia de Area Maior, aínda que en función das mareas trasladaranse ao polideportivo.

 

Ao longo do mes de agosto, organizados polo Club Náutico de Malpica, tamén se desenvolverán cursos de kayak para nenos e nenas maiores de 5 anos e que saiban nadar. Así mesmo, do 25 ao 28 de agosto terán lugar os cursos de iniciación e perfeccionamento de surf, os primeiros polas mañás e os segundos polas tardes. En cada un deles hai 30 prazas, e as inscricións poden realizarse ata o 5 de agosto.

30Xul 2015

O conselleiro de Industria e o presidente da Deputación inauguran a XXXII Mostra da Olería de Buño

Consulta o programa completo dende o 31 de xullo ata o 9 de agosto
540-f-foto

A XXXII Mostra da Olería de Buño bota a andar este venres 31 coa presenza do conselleiro de Economía de Industria, Francisco Conde López; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; a delegada provincial da Xunta, Belén do Campo; a xerente da Fundación da Artesanía, Elena Fabeiro; o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e outras autoridades locais e comarcais.

 

Comezan 10 días dedicados por enteiro á promoción da nosa olería, cun completo programa de actividades que detallamos de seguido.

 

 

 

 

ACTIVIDADES PERMANENTES XXXII MOSTRA DA OLERÍA

Parque Luciano García Alén: Casetas de venda

Todos os días de 11:00 h. a 14:00 h. e de 17:00 h. a 21:00 h.

Ecomuseo do Forno do Forte, Forno Novo, s/n – Buño (Malpica)

Todos os días de 11:00 h. a 14:00 h. e de 17:00 h. a 21:00 h.

 

  • Exhibicións dun oleiro no torno, todos os días de 11:00 h. a 14:00 h. e de 17:00 h. a 21:00 h. 
  • Obradoiro de barro para nenos, todos os días de 11.30 h. a 13.30 h. 17:30 h. a 20:30 h. 
  • Exposición dos/as Oleiros/as de Buño, todos os días de 11:00 h. a 14:00 h. e de 17:00 h. a 21:00 h. 

 

 

 

PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES PARALELAS XXXII MOSTRA DA OLERÍA

Venres 31 de xullo de 2015 (Parque Luciano García Alén)

 

         17.30 h. Actuación das Cantareiras da A.C. Raigañas 

 

         18.00 h. Acto oficial de inauguración

 

18.30 h. Visita ás dependencias da Mostra da Olería

 

 

 

 Sábado 1 de agosto de 2015:  COCEDURA TRADICIONAL

COCEDURA TRADICIONAL no FORNO DO FORTE

 

11.00 h. Carga do forno (Ecomuseo Forno do Forte)

 

         11.30 h. Roteiro fotográfico

 

         16.00 h. Prendido do forno (Ecomuseo Forno do Forte)

 

17.30 h. Roteiro fotográfico

 

21.00 h. Festa da Carroa e actuación De Fol de Veneno (Ecomuseo Forno do Forte)

 

 

Tren Turístico MALPICA – A CROA- Buño (DÍA 1 AGOSTO)

 

As saídas de Malpica das 11.00 h. e as 18.00 h. incluirán unha visita guiada á Croa do Castro.                  

 

Mañá:

 

Saídas de Malpica 11.00 h. e 12.30 h. (Bar Panchito)

 

Saídas de Buño 12.00 h. e 13.30 h. (Parque Luciano García Alén)

 

Tarde:

 

Saídas de Malpica  18.00 h. e  19.30 h. (Bar Panchito)

 

Domingo 2 de agosto de 2015

 

         11.00 h. Descarga do forno

 

19.30 h. Exhibición de música e danza tradicional da A. C. Carcaxía

 

                        Parque García Alén

 

Luns 3 de agosto de 2015

 

         11.30 h. Roteiro fotográfico

 

         17.30 h. Roteiro fotográfico

 

Martes 4 de agosto de 2015

 

         O Día do Neno (Parque Luciano García Alén)

 

17.00 h. Xogos populares para nenos/as.

 

Mércores 5 de agosto de 2015

 

11.00 h. Visita da Ludoteca Infantil ó Ecomuseo ?Forno do Forte?.

 

11.30 h. Visita da Ludoteca Infantil á Mostra da Olería

 

11.30 h. Roteiro fotográfico

 

         17.30 h. Roteiro fotográfico

 

Xoves 6 de agosto de 2015

 

17:30 h. Concurso de modelado en barro para nenos/as no Ecomuseo do Forno do Forte (con premios).

 

Venres, 7 de agosto de 2015 (Parque Luciano García Alén)

 

11.00 h. Mostra doutras artesanías: Exhibicións do Obradoiro Nebra de instrumentos musicais galegos. Lutier: José Piñeiro Pérez.

Sábado 8 de agosto de 2015

 

Gran Queimada Tradicional no Parque Luciano García Alén

 

23.30 h. Concerto: Surf&Sun e Miguel de la Rosa 

Domingo 9  de agosto de 2015: Xornada de Clausura

 

Trofeo Mostra Olería de Futbol (Campo Fútbol de Xaviña – Buño)

 

                   Triangular Malpica S.C.D. – C.D.U.D. Cerqueda – Buño, S.D.

 

                   18:00 horas

 

19.00 h.  Proxecto Barro  – Espectáculo multidisciplinar (Poesía, teatro, música, fotografía, etc.): Rosalía Fernández Rial, Paco Souto, Peter Sheneider, Músicos: Carlos Barcia, Ismael, Fran Trashorras … (Os asistentes agasallarase cun DVD do espectáculo).

 

20.00 h. Acto de clausura da XXXII Mostra da Olería de Buño – Parque Luciano García Alén.

 

Página 104 de 149« Primera...102030...102103104105106...110120130...Última »