Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

20Ago 2015

O Concello de Malpica e as Escolas de Balonmán Xiria organizan unha xornada de exhibición e deporte na praia de Area Maior

Nenas e nenos de todas as idades poderán participar de forma gratuíta
540-f-foto

Mañá venres haberá moitos motivos para achegarse ata a praia de Area Maior, e pouco importará que faga mellor ou peor tempo. Pola mañá, a partir das 11.00 horas, nenos e maiores poderán participar no Concurso de Barcanas e Castelos de Area que organiza, coma todos os anos, o Concello de Malpica. E pola tarde, a partir das 15.00 horas, desenvolverase unha nova actividade. En colaboración coas Escolas de Balonmán Xiria, a Concellería de Deportes programou unha xornada de exhibición na que participarán xogadores do club carballés, e, posteriormente, tanto xogadores coma monitores dirixirán unha xornada de prácticas na que poderán participar todos os nenos e nenas que o desexen, sen límite de idade. A actividade é totalmente gratuíta.

 

18Ago 2015

O Concello de Malpica habilitará tres zonas de aparcamento alternativas ao porto durante as Festas do Mar

Os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza durante as celebracións da vindeira fin de semana
540-f-foto

O Concello de Malpica habilitará tres zonas de aparcamento en Villadebe, Pedra Queimada e o cruce da estrada de acceso á vila coa pista do campo de fútbol durante as Festas do Mar, que se celebrarán do 21 ao 23 deste mes de agosto.  O alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Miguel Fernández; o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño, e un representante da Policía Local, Ernesto Mancebo, celebraron unha primeira reunión de coordinación para definir aspectos relativos, por un lado, á circulación viaria, e, por outro, ao emprazamento dos escenarios para as orquestras, as atraccións de feira e os postos ambulantes dentro do recinto portuario. Todos estes aspectos concrétanse nun plan de seguridade que estará vixente a partir do venres e durante toda a fin de semana, e no que tamén participa a Garda Civil.

 

Durante as Festas do Mar o acceso ao porto estará permitido para os usos portuarios habituais, pero restrinxirase tanto a circulación como o estacionamento para o resto de vehículos. De igual xeito, o tráfico no centro urbano estará limitado aos residentes. Neste sentido, dende o Concello de Malpica faise un chamamento aos visitantes para que utilicen as zonas de estacionamento gratuíto na entrada da vila coa finalidade de evitar aglomeracións e problemas de tráfico.

 

Por outra banda, os corpos de seguridade e os servizos de emerxencias reforzarán a súa presenza na vila. Entre o venres e o domingo estarán ao servizo da cidadanía 22 axentes da Policía Local e 30 voluntarios de Protección Civil, aos que se sumarán varias patrullas da Garda Civil. O reforzo dos servizos de seguridade centrarase especialmente na noite do sábado e na tarde do domingo, coincidindo coa maior afluencia de visitantes a Malpica. A colaboración entre todos eles será unha das premisas de actuación durante as festas. 

 

18Ago 2015

Dez xadrecistas participan no X Torneo Pub Leño

As partidas comezaron onte e prolongaranse ata o venres 21
540-f-foto

Onte comezou o X Torneo de Xadrez Bar Leño, que se prolongará ata o venres 21. Unha das características da competición é que se leva a cabo no paseo marítimo de Malpica, o que o converte nun atractivo máis para veciños e visitantes. O Torneo de Xadrez conta cun total de 10 participantes e dispútase polo sistema suízo a cinco roldas. Na primeira gañaron os cinco primeiros do ránking: Iago García (1783 Elo) Breogán García (1754), Juan Manuel Díaz (1683) Oscar Fondo (1605) e Carlos Blanco (1601). Se queredes saber como se vai desenvolvendo a competición só tedes que achegarvos ás 17.30 horas ata o Pub Leño.

 

14Ago 2015

A Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega enchen de ambiente as rúas de Malpica

O alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, percorreron os máis de trinta postos distribuídos ao longo da rúa principal
540-f-foto

Queixos, xoguetes, bixutería, embutidos, artesanía feita con redes, churrasco, polbo, pizzas, trenzas de coiro, sacos térmicos… e moitísimo máis é o que se pode atopar esta fin de semana na Feira Medieval Mariñeira de Malpica, que arrincou oficialmente ao mediodía coa visita institucional do alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro. Os representantes do Concello de Malpica percorreron os máis de trinta postos que se distribúen ao longo da rúa principal (había máis solicitudes, pero non puideron ser atendidas por falta de espazo) e saudaron aos vendedores ambulantes. Moitos repiten, e falan marabillas das tres edicións anteriores. Nesta cuarta, ademais da ampla oferta artesanal e gastronómica, o mercado inclúe unha serie de espectáculos que xa empezaron a animar as rúas onte pola tarde. Músicos medievais e uns personaxes tan máxicos coma unha árbore zancuda e unha nube xigante realizarán varios pases durante a fin de semana.

 

Estes días Malpica é un fervedoiro, e hoxe pola mañá, coincidindo coa apertura da Feira Medieval Mariñeira, foron centos as persoas que se achegaron ata a vila, que vive neste mes de agosto a súa época de máis afluencia de todo o ano.  A concellería de Cultura e Turismo complementa a oferta do mercado coa Festa Galega, que comeza hoxe ás 22 horas coas actuacións da Banda de Gaitas da A.C. Malante, as cantareiras da A.C. Raigañas e o grupo Fol de Veneno. O prato forte chegará mañá sábado a partir das 19.15 horas co Desfile da Banda de Gaitas da AC Malante dende o Centro Cívico ata o porto, onde continuará a festa coa Banda de Gaitas da Agrupación Folclórica de San Xiao do Trebo (Cariño), a Banda de Gaitas Abelleira (Ponferrada) e a anfitrioa. No gran concertó nocturno, Samarúas subirá ao escenario ás 22 horas, e despois farano Milladoiro (23.30) e Radio Cos (01.15).

 

8Ago 2015

Fin de semana espectacular en Malpica

540-f-foto

SÁBADO 8 DE AGOSTO

 

RETABLO DE FANCHOCHES RAFAEL DIESTE

 

20:30 h. Paseo marítimo ?Rei, rei? de Fantoches baj. (Títeres de luva, variña e actores) Público Preferente: Familiar (+ de 2 anos). Duración: 60 minutos (no caso de choiva a actuación trasladarase ó auditorio do Centro Cívico).

 

 

MOSTRA DA OLERÍA

 

Trofeo de fútbol de veteranos

 

18.00 horas. Campo de fútbol de Xaviña (Buño).

 

Queimada e concerto

 

Gran Queimada Tradicional no Parque Luciano García Alén

 

23.30 h. Concerto: Surf&Sun e Miguel de la Rosa

 

 

 

DOMINGO 9 DE AGOSTO

 

TRAVESÍA A NADO SISARGAS-MALPICA

 

DE 09.45 A 10.15 H. Recollida de dorsais na lonxa do porto de Malpica

 

10.30h. Embarque dos participantes rumbo ás Sisargas

 

11.00h. Inicio da travesía.

 

Para as persoas que desexen seguir dende terra aos nadadores recomendámoslle facelo dende San Adrián.

 

TROFEO MOSTRA DA OLERÍA DE FÚTBOL

 

18.00 HORAS (Campo Fútbol de Xaviña – Buño)

 

Triangular Malpica S.C.D. ? C.D.U.D. Cerqueda ? Buño, S.D.

 

               

 

PROXECTO BARRO

 

19.00 h. Espectáculo multidisciplinar (Poesía, teatro, música, fotografía, etc.): Rosalía Fernández Rial, Paco Souto, Peter Sheneider, Músicos: Carlos Barcia, Ismael, Fran Trashorras … (Os asistentes serán agasallados cun DVD do espectáculo.

 

20.00 h. Acto de clausura da XXXII Mostra da Olería de Buño ? Parque Luciano García Alén.

 

7Ago 2015

O concelleiro de Deportes completou a entrega de equipacións aos participantes na liga de fútbol praia

Máis de sesenta nenos e nenas de 7 a 15 anos participan na actividade
540-f-foto

O concelleiro de Deportes de Malpica, Iago Espasandín, completou onte a entrega de equipacións aos nenos e nenas que participan na liga de fútbol praia e fútbol sala que se disputa ao longo de todo o mes de agosto na praia de Area Maior. Na actividade, incluída no programa deportivo deseñado pola Concellería de Deportes para o verán, participan máis de sesenta nenos e nenas de 7 a 15 anos, que se reúnen a diario na praia ou no polideportivo, en función das mareas, para practicar o seu deporte favorito. Os equipos dos máis pequenos recibiron as súas equipacións o día 5, e os maiores, onte.

 

Ao longo do mes de agosto, organizados polo Club Náutico de Malpica, tamén se desenvolverán cursos de kayak para nenos e nenas maiores de 5 anos e, do 17 ao 28, cursos de vela lixeira. Así mesmo, do 25 ao 28 de agosto terán lugar os cursos de iniciación e perfeccionamento de surf, os primeiros polas mañás e os segundos polas tardes. 

 

6Ago 2015

O Concello de Malpica substituirá as actuais luminarias do paseo marítimo por un alumeado máis eficiente

O alcalde, Eduardo Parga, asinou o contrato coa empresa, que espera comezar a semana que vén
540-f-foto

O Concello de Malpica reforzará o seu compromiso co medio ambiente cun proxecto que prevé a substitución das actuais luminarias do paseo marítimo por un alumeado máis eficiente. O alcalde, Eduardo Parga, asinou o contrato correspondente coa empresa Grupo Mariño Obras e Servizos por un importe de 72.600 euros (ive incluído).

 

A renovación do alumeado do paseo marítimo forma parte das actuacións previstas dentro do Fondo de Compensación Ambiental 2015. O proxecto inclúe tanto a substitución das actuais lámpadas coma das farolas, polo que o cambio percibirase tanto de noite coma de día. A empresa adxudicataria prevé comezar a traballar a vindeira semana.

 

5Ago 2015

O concelleiro de Deportes entregou hoxe as súas equipacións aos máis pequenos da liga de fútbol praia

Máis de sesenta nenos e nenas de 7 a 15 anos participan na actividade
540-f-foto

O concelleiro de Deportes de Malpica, Iago Espasandín, entregou hoxe as súas equipacións aos benxamíns da liga de fútbol praia e fútbol sala, que se disputa ao longo de todo o mes de agosto na praia de Area Maior. Na actividade, incluída no programa deportivo deseñado pola Concellería de Deportes para o verán, participan máis de sesenta nenos e nenas de 7 a 15 anos, que se reúnen a diario na praia ou no polideportivo, en función das mareas, para practicar o seu deporte favorito.

 

Ao longo do mes de agosto, organizados polo Club Náutico de Malpica, tamén se desenvolverán cursos de kayak para nenos e nenas maiores de 5 anos e que saiban nadar. Así mesmo, do 25 ao 28 de agosto terán lugar os cursos de iniciación e perfeccionamento de surf, os primeiros polas mañás e os segundos polas tardes. En cada un deles hai 30 prazas, e o prazo de inscrición remata hoxe.

 

5Ago 2015

Presentados o cartel e o trofeo da Travesía a Nado Sisargas-Malpica

O gañador será agasallado cunha réplica da escultura que preside o porto, realizada polo artista Miguel Couto e inspirada no cadro da balea de Urbano Lugrís
540-f-foto

Xa está todo a punto para a 6ª edición da Travesía a Nado Sisargas-Malpica, que se celebrará o domingo 9. Hoxe tivo lugar a presentación do cartel e do trofeo, unha réplica da escultura que preside o porto malpicán, realizada polo escultor Miguel Couto e inspirada no cadro da balea de Lugrís que se conserva na Casa do Pescador. O trofeo, que se entregará a partir de agora en todas as edicións da travesía, leva gravados os nomes dos gañadores da proba deportiva dende Domingo Suárez, o primeiro nadador que realizou a travesía en solitario no ano 1933. No acto de presentación participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín; o de Seguridade, Miguel Fernández; o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño, e o patrón maior da Confraría de Pescadores, Pedro Pérez.

 

A Travesía a Nado Sisargas-Malpica xa é unha proba de referencia en Galicia, e proba dilo é que o mesmo día no que se abriu o prazo de inscrición recibíronse máis de 250 solicitudes. Sen embargo, só puideron ser admitidos 150 por motivos de seguridade. Este é, de feito, un dos aspectos claves na organización da travesía, no que cobra especial importancia o traballo de coordinación que desenvolve Protección Civil. O dispositivo de seguridade estará integrado por máis de corenta persoas, tanto dende o mar coma dende terra, e que estarán apoiados por un grupo de kayaks que acompañarán aos nadadores.

 

O programa do domingo comezará ás 09.30 horas cunha charla de Miguel Álvarez Vila, que ofrecerá aos participantes uns consellos sobre seguridade en mar aberto e coordinará o dispositivo. Ás 10.00 comezará a entrega de gorros na lonxa do porto, no que se habilitará unha zona de aparcamento para os nadadores, e as 10.30 embarcarán rumbo ás Sisargas. A travesía comezará ás 11.00. Entre os participantes estarán os gañadores das tres últimas edicións. Unha das novidades é a implantación do sistema de chip para a cronometraxe dos deportistas.

 

Página 103 de 149« Primera...102030...101102103104105...110120130...Última »