gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
Venres 15°
11°
Sábado 14°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE

ACTUALIDADE

17Out 2018

O Concello de Malpica recibe unha axuda para a iluminación do Centro de Interpretación do Buño Oleiro

O Concello de Malpica de Bergantiños vén de recibir nha axuda para o proxecto de “RENOVACIÓN DA ILUMINACIÓN INTERIOR PARA A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA PARA O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO BUÑO OLEIRO E TERRAS DE BERGANTIÑOS (CIBOTB)”, que ten un orzamento total de 43.051,87 euros.

A contía da axuda é de 33.236,04 euros. A distribución dos fondos é de 75% FEADER, 2,50% MAPA e 21,50% AGADER.

Esta axuda foi concedida ao abeiro da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020. A convocatoria á que optou o Concello de Malpica foi o da submedida 19.2 dentro das estratexias dos grupos de desenvolvemento rural (GDR 22: Costa da Morte).

O Concello vai iniciar en breve os trámites para a contratación deste proxecto, que se prevé que estea totalmente executado no primeiro trimestre do ano 2019.

CARTEL AXUDA AGADER

14Out 2018

Malpica celebra o 85º aniversario da chegada das Misións Pedagóxicas co primeiro espectáculo de monicreques de España

Captura

As Misións Pedagóxicas volven a Malpica 85 anos despois. Aquel proxecto de solidariedade cultural que levou bibliotecas, música, cine e teatro a máis de 7.000 pobos e aldeas españois entre 1931 e 1936, chegou ao noso concello o 20 de outubro de 1933. A representación de A doncela guerreira, de Rafael Dieste, foi o primeiro espectáculo de monicreques que se levou a cabo en España, e a Concellería de Educación, Cultura e Turismo de Malpica quere lembrala este ano dun xeito especial. Así, o vindeiro 21 de outubro volverá a haber monicreques no mesmo lugar que 85 anos atrás.

Pero o programa de actividades deseñado polo departamento que dirixe Noelia Freijeiro en colaboración coa A.C. Malante, a A VV San Antonio e A Tropa dos Pardo, do que xa tivemos un anticipo durante o verán co Retablo de Fantoches Rafael Dieste, será máis amplo.

A partir deste luns 15 e ata o 31 deste mes estará aberta no espazo expositivo do Centro Cívico a mostra fotográfica As Misións Pedagóxicas en Malpica, e durante eses mesmos días todos os veciños e veciñas que dispoñan de fotografías daquela época poden achegalas ao Departamento de Educación, Cultura e Turismo para proceder á súa dixitalización e incorporalas á exposición. As persoas que colaboren recibirán un CD con todas as imaxes recompiladas.

O día 21, como hai 85 anos, as Misións Pedagóxicas chegarán a Malpica. Ás 18 horas, na Praza de Anselmo Villar Amigo (fronte á Casa da Santa), a Cía. Pérez&Fernández representará O poder de Amabel, un espectáculo para todos os públicos recomendado para nenos e nenas a partir de 5 anos no que veremos actores e monicreques Amigurimis. O elenco está formado por Victoria Pérez e Manu Fernández (Milucho en Libro de Familia).

A Praza de Anselmo Villar Amigo será tamén o escenario, a partir das 19.00 horas, dun magosto popular no que contaremos coa música de A Tropa dos Pardo e Cantareiras da A.C. Malante, ademais de cantos de taberna, e no que, como non podía ser doutro xeito, haberá castañas, pero tamén viño, licor café e chocolate. Todo de balde agás as cuncas, que se venderán a 2 euros e que permitirán recuncar tantas veces como se queira ata esgotar existencias.

A xornada completarase cun Concurso de disfraces de época, con premios para a mellor caracterización dos anos 1920-1930. Haberá unha categoría infantil (ata 12 anos) e outra absoluta, e o xurado será popular. O primeiro premio na categoría infantil consistirá en trofeo e cesta infantil, e na absoluta, en trofeo e cesta de produtos de tempada.

Misions-Pedagoxicas-2018

5Out 2018

Asinado o contrato para a instalación dunha caldeira de biomasa, subvencionada polo Inega, no centro de interpretación da olería

caldeira tratada

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou hoxe o contrato para a instalación dunha caldeira de biomasa no Centro de Interpretación do Buño Oleiro e Terras de Bergantiños (CIBOTB). Ademais dun representante da empresa adxudicataria, Medancli, SL, no acto celebrado na Alcaldía estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

A instalación da caldeira conta cunha subvención do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), aprobada o 19 de xuño dentro da liña de axudas para a realización de proxectos de enerxías renovables e cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, en concreto para a tipoloxía B3 – Caldeiras con sistema de alimentación automática. O importe da axuda é de 40.465,30 €.

Entre os obxectivos para a instalación dunha caldeira de biomasa está a redución estimada de gases de efecto invernadoiro dunhas 45,419 toneladas CO2/ano.

caldeira

4Out 2018

A posta en valor da gastronomía local centra unha nova acción formativa da CMAT e a Deputación para o sector hostaleiro

cmat

Dentro do Programa de mellora da competitividade do sector turístico da Costa da Morte, organizado por Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) e financiado pola Deputación da Coruña, do 16 de outubro ao 27 de novembro desenvolverase unha nova acción formativa centrada na posta en valor da gastronomía local.

O programa formativo, de 30 horas de duración, desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo, que se converterá no punto de encontro de profesionais de toda a Costa da Morte. O prazo de inscrición xa está aberto. Os/as interesados/as poden enviar a súa solicitude de participación ao correo electrónico acertaformacion@gmail.com ou chamar ao teléfono 981 106 060. Terán preferencia os/as socios/as da CMAT.

A acción será impartida por Acerta Formación, que ten preparado un programa variado no que se inclúen aspectos de xestión, marketing e gastronomía. Comeza cunha serie de sesións dedicadas a mellorar as capacidades do sector hostaleiro e de restauración en canto ao deseño estratéxico da súa oferta gastronómica. No relativo ao marketing abordaranse principalmente cuestións de redes sociais, monitorización e vixilancia online. En canto á gastronomía, 15 horas son totalmente prácticas, e tratan especificamente temas de cociña (elaboración de pinchos e preparación de pratos con produtos locais) e coñecemento do produto (peixe, carne, algas…).

As sesións formativas terán unha duración de dúas horas e media e serán impartidas por expertos de referencia no panorama galego.

Programa da acción formativa

29Set 2018

A Asociación Galega de Ataxias elixiu de novo Malpica para difundir a doenza e o seu labor na Costa da Morte

ATAXIA 29 SETEMBRO

O 25 de setembro conmemórase o Día Internacional da Ataxia, e arredor desa data a Asociación Galega de Ataxias (AGA) realiza unha campaña divulgativa en distintos puntos da provincia. Na Costa da Morte ese labor ten o noso concello como lugar de referencia. Un ano máis, AGA aproveitou a celebración do mercadiño para instalar unha mesa informativa no Mercado Municipal durante toda a mañá de hoxe. O Concello de Malpica, representado polo alcalde, Eduardo Parga, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, volveu a reiterar o seu apoio ao importante traballo que desenvolve a entidade.

A ataxia é un trastorno que se caracteriza pola diminución da capacidade de coordinación de movementos corporais, que pode afectar a dedos, mans, brazos, pernas, pescozo, así coma á fala ou aos movementos oculares, entre outros síntomas. É unha doenza pouco frecuente, pero dentro de Galicia ten unha importante incidencia na nosa contorna, ata o punto de que hai unha modalidade denominada ataxia da Costa da Morte.

Se queredes máis información podedes entrar na páxina de internet www.ataxias-galicia.org, chamar aos números 981 234 651 e 629 178 566 ou acudir á sede da federación galega de enfermidades raras na Coruña.

26Set 2018

Aberta a inscrición para os talleres de manualidades para persoas maiores e/ou discapacitadas, que empezarán o 5 de outubro

A partir do día 5 de outubro empezarán os xa clásicos os talleres de manualidades para a terceira idade e para persoas con diversidade funcional que organiza o Concello de Malpica, a través da Concellería de Servizos Sociais. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición. As persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais, no Centro Cívico, ou chamar ao 981 720 280.

Os obradoiros celebraranse no Centro Cívico de Malpica e na Casa do Oleiro de Buño cos seguintes horarios:

  • Manualidades Terceira Idade en Buño: os mércores e os venres, de 15:45 a 17:45 h. (Casa do Oleiro).
  • Manualidades Terceira Idade en Malpica: os martes e venres, de 16:00 a 18:00 h. (Centro Cívico).
  • Manualidades para persoas con diversidade funcional: os luns e venres, de 10:30 a 12:30 h. (Centro Cívico).

O departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín aposta un ano máis por este tipo de formación dada a boa acollida que ten entre as participantes, maioritariamente mulleres.

cartel_manualidades_2018

23Set 2018

A ruta de tapas “Malpica sabe a mar” mantén o tirón do sector hostaleiro na primeira fin de semana do outono

A ruta de tapas “Malpica sabe a mar” é unha fórmula de éxito que medra en cada edición, non só en número de establecementos participantes _este ano foron 10_ senón tamén en público. A maioría dos locais esgotaron as tapas e os boletos, o que significa que durante esta fin de semana consumíronse preto de 4.000 tapas, xa que ese foi o número de boletos impresos.

“Dálle moita vida ao pobo”, aseguraba unha das participantes ao peche desta terceira edición. O balance por parte dos hostaleiros foi moi positivo, tanto é así que por parte de varios xa se lle propuxo facer outra no inverno. A concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, organizadora da ruta de tapas, recolleu a suxestión e comprometeuse a estudar a súa viabilidade, xa que coincide co sector en que este tipo de iniciativas contribúen moi positivamente á dinamización da economía local.

Despois de tres edicións semella que o modelo de “Malpica sabe a mar” funciona. Esta iniciativa da Concellería de Promoción Económica diferénciase doutras semellantes en que todas as tapas están elaboradas con produtos do mar. Deste xeito, os clientes dos locais puideron degustar arroz con ameixas, tosta de polbo e queixo, chipiróns recheos, mexillóns, polbo con fabas, ameixas con fabas, arroz con calamares, zamburiñas en distintas preparacións, salpicón, caldeirada de raia… entre outras tapas, por só 1,5 euros. Ademais do prezo, en “Malpica sabe a mar” tamén se promociona a Olería de Buño, ao utilizar pratos de barro. E un terceiro aspecto que contribúe ao éxito son os premios: botellas de viño, bolsas da compra pregables e reutilizables, toallas para a praia, queixos, tapas… Este ano repartíronse máis de 800 premios.

23Set 2018

As Tardes na Biblioteca enchen o outono con propostas culturais para nenas e nenos de 3 a 12 anos

Esta semana comezan as Tardes na Biblioteca, unha iniciativa da Concellería de Educación e Cultura para encher de actividades lúdicas, creativas e educativas as tardes de outono dos nenos e nenas de 3 a 12 anos. Durante catro semanas consecutivas, a biblioteca Eduardo Blanco Amor, situada no segundo andar do Centro Cívico, converterase no escenario de diferentes espectáculos.

Estas son as propostas:

Venres 28 de setembro
Ás 18.00 h., na Biblioteca Eduardo Blanco Amor do Centro Cívico
María e os ollos alabarados (María Victoria Moreno-Letras Galegas 2018) de Xarope Tulú (Urdime).
Un espectáculo para tódolos públicos a partir da obra de María Victoria Moreno na que a través de diversos fragmentos e relatos da súa obra (Mar adiante, Pan con chocolate, Querida avoa, Leonardo e os fontaneiros ou Eu conto, ti cantas) percorreremos o universo da autora: a importancia dos afectos no ámbito educativo, o respecto á natureza ou o amor polos animais.
Público preferente: nenos e nenas de 3 a 10 anos.
Duración 50 minutos.

Venres 5 de outubro
Ás 18.00 h., na Biblioteca Eduardo Blanco Amor do Centro Cívico
Camiños de Magín Blanco. (Urdime). CAMIÑOS é un espectáculo musical de formato individual no que Magín Blanco interpreta temas propios para os/as nenos/as, guiando esta interpretación con contos, adiviñas e moitas sorpresas. CAMIÑOS é unha metáfora da vida onde conflúen música, teatro, poesía e contos, para estimular e enriquecer a imaxinación e a creatividade dos/as nenos/as.
Público preferente: nenos/as de 4 a 12 anos.
Duración: 50 minutos.

Xoves 11 de outubro
Ás 18.00 h., na Biblioteca Eduardo Blanco Amor do Centro Cívico
Titoán Banda Deseñada da colección Castelao de Inacio Vilariño-Fantoches Baj (Urdime). Utilízase a narración oral e a música para contar as aventuras de Castelao na mocidade e cun vídeo proxector farase unha lectura dramatizada dunha secuencia de viñetas da banda deseñada na que o público tamén poderá participar.
Público preferente: nenos/as de 6 a 12 anos.
Duración 50 minutos.

Venres 19 de outubro
Ás 18.00 h., na Biblioteca Eduardo Blanco Amor do Centro Cívico
Ultralimento viaxa con nenas e nenos na procura da saúde de Ultralimento. O Ultralimento viaxa ás bibliotecas para compartir o seu superpoder. Nenas e nenos coñecerán o verdadeiro poder do alimento!!! No carro leva ás súas amig@s, as caixaspalets, as peixecaixas, e moitos máis. Benvidas e Benvidos tod@s el@s porque xunto@s partirán nunha viaxe trepidante na procura da saúde pola Galicia adiante.
Público preferente: nenos/as de 4 a 12 anos.
Duración 50 minutos.

CARTEL TARDES NA BIBLIOTECA

20Set 2018

Aberto o prazo de solicitude de espazos municipais para a realización de actividades anuais e dos centros de ensino

Co inicio do curso escolar, tamén iniciamos as actividades das escolas culturais do Concello, os obradoiros das asociacións nas diferentes parroquias e as actividades extraescolares dos centros de ensino. Co obxecto de organizar axeitadamente os diferentes espazos dispoñibles convidamos ás comunidades educativas e a todas as entidades culturais e sociais do concello a que acheguedes as vosas solicitudes de espazos para o curso 2018-19.

O prazo está aberto ata o 28 de setembro, e as solicitudes deben realizarse a través do rexistro electrónico do Concello de Malpica, indicando os metros cadrados que se precisan, equipamento da sala, etc.

No documento adxunto poden consultarse as bases completas da convocatoria.

Prazo de solicitude de Locais para actividades do Curso 2018 2019

Página 10 de 98« Primera...89101112...203040...Última »