Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 17°
11°
Sábado 16°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

17Dec 2015

Mireia Couto Baamonde e Martina Casal Varela, gañadoras do Concurso Escolar de Debuxo e Pintura de Nadal 2015-2016

O alcalde, Eduardo Parga, desprazouse hoxe ata os colexios Joaquín Rodríguez Otero e Milladoiro para entregarlles os seus premios

540-f-foto

Mireia Couto Baamonde, alumna de 1º curso de Primaria do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, é a gañadora do primeiro premio do Concurso Escolar de Debuxo e Pintura de Nadal 2015-2016, convocado pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo de Malpica. O alcalde, Eduardo Parga, fíxolle entrega hoxe do seu premio nun acto que reuniu aos 85 alumnos e alumnas do colexio de Buño na biblioteca de centro, e no que tamén participou a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín. Na mesma xuntanza tivo lugar a presentación do cartel do programa Malpica Nadal, que inclúe o alegre debuxo no que Mireia Couto plasma a súa particular versión da vila de Malpica e o seu porto no Nadal e a programación completa das actividades que se están a desenvolver xa e que continuarán ao longo das vacacións escolares.

O alcalde de Malpica tamén estivo hoxe no CEIP Milladoiro para entregar o segundo premio do Concurso Escolar de Debuxo e Pintura de Nadal a Martina Casal Varela, alumna de segundo curso de Primaria do centro malpicán. O seu debuxo ilustrará a tarxeta oficial de felicitación do Nadal do Concello de Malpica.

Eduardo Parga foi recibido nos coles con efusivos saúdos dos pequenos e pequenas.

-“Sabedes quen son?”, preguntoulles.

-“Siiiiiiii, o alcalde”, responderon.

Antes da entrega de premios, o rexedor animou aos escolares a participar nas actividades de Nadal organizadas polo Concello e as entidades de Malpica, e insistiulles en que deben portarse ben para que os Reis Magos lles traian moitos xoguetes.

15Dec 2015

Clausurado o curso de técnicas de pladur impartido por Íntegro para persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión

As persoas participantes fixeron as prácticas na Casa do Oleiro de Buño, onde acondicionaron un aula para os obradoiros de manualidades

540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, clausuraron hoxe o curso de técnicas de colocación de pladur e pintura que viña impartindo dende principios de novembro a Asociación Íntegro e no que participaron persoas con diversidade funcional e/ou en risco de exclusión social. No acto de entrega de diplomas tamén estiveron o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e o monitor encargado de impartir o obradoiro, Miguel Álvarez.

A concelleira de Servizos Sociais agradeceu a colaboración da Asociación Íntegro no desenvolvemento do programa de formación específica para estes colectivos que vén desenvolvendo o seu departamento nos últimos anos, e que ten como fin último lograr a integración das persoas participantes. ?Dende a área de Servizos Sociais e Igualdade consideramos a inclusión social como un obxectivo prioritario, e nese sentido planificamos actividades que fomentan a participación de todos os nosos usuarios e usuarias e que nos permiten ir dando pasos cara a súa inclusión?, manifestou Marisol Blanco. Pola súa banda, o presidente de Íntegro destacou o importante labor de visibilización destes colectivos que desenvolve o Concello de Malpica, que neste sentido cualificou coma un concello exemplar.

O obradoiro, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña, foi fundamentalmente práctico. As persoas participantes aprenderon as técnicas básicas de colocación de pladur e pintura e acondicionaron unha aula situada no primeiro andar da Casa do Oleiro que a partir de agora poderá ser utilizada polas alumnas e alumnos de manualidades.

14Dec 2015

O Concello de Malpica renova o alumeado dos lugares de Mens, Asalo e O Miñón para mellorar a eficiencia enerxética

O alcalde, Eduardo Parga, asinou o contrato coa empresa adxudicataria do proxecto de subministro e instalación, Insmontel Cutrín SL

540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou hoxe coa empresa Insmontel Cutrín SL o contrato de subministro e instalación de iluminación pública exterior nos lugares de Mens, Asalo e O Miñón. O Concello de Malpica investirá 54.309,40 euros na mellora da eficiencia enerxética nos tres lugares con cargo ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) 2015.

Dentro deste plan tamén se incluíu a instalación da rede separativa de augas pluviais e residuais no núcleo de Piñeiros, que foi adxudicada á empresa Construcciones López Cao SL por 98.339,37 e que permite completar o saneamento do lugar.

O PAI é un préstamo da Deputación da Coruña aos concellos sen xuros, con dous anos de carencia e un prazo de devolución de 10 anos a partir do 2017, unhas condicións moi vantaxosas. Nas bases reguladoras do PAI establécese que os concellos poden destinar a cantidade que lles corresponda á redución do seu endebedamento e/ou á realización de investimentos financeiramente sostibles, e no caso de Malpica pódese destinar a maior parte a investimentos grazas á boa situación económica do Concello. 

14Dec 2015

O Instituto Nacional de Estatística eliminou o colexio electoral da parroquia de Cambre por ter menos de douscentos electores

O alcalde informa nun bando aos veciños e veciñas da parroquia de que poderán exercer o seu dereito ao voto na mesa da Raxeira (Leiloio)

540-f-foto

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, vén de publicar un bando informativo sobre a decisión do Instituto Nacional de Estatística de suprimir a mesa electoral da parroquia de Cambre por ter menos de douscentos electores. Segundo a lei, ningún colexio electoral poderá ter menos de douscentos electores, cifra que non se acada nestes momentos na parroquia de Cambre.

No mesmo bando, o alcalde informa de que os veciños e veciñas de Cambre que desexen exercer o seu dereito ao voto o vindeiro domingo poderán facelo na mesa electoral da Raxeira (Leiloio). Eduardo Parga expresou a súa solidariedade co electorado de Cambre que lle manifestou o seu desexo de que se mantivese o colexio electoral na parroquia, e aclarou que a decisión de suprimilo non corresponde ao Concello de Malpica, senón ao cumprimento da lei por parte do INE, como tamén ten ocorrido en parroquias doutros concellos da contorna.

12Dec 2015

A UD Cerqueda entregou xoguetes para os nenos e nenas das familias usuarias do banco de alimentos

O club deportivo intensifica o seu labor social e a súa colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello

540-f-foto

A Unión Deportiva Cerqueda vén de dar un paso máis na súa colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica de Bergantiños. Na xornada de onte, representantes do club fixeron entrega ao banco de alimentos dun lote de xoguetes para que este Nadal os Reis Magos cheguen a todos os fogares e que “nestes días tan máxicos os nenos das familias con menos recursos non perdan o sorriso nin a ilusión”, manifestaron. A UD Cerqueda destinou á adquisición dos xoguetes a recadación do partido da semana pasada contra o Camariñas, que ascendeu a 421 euros. Na entrega dos xoguetes estiveron presentes o alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Iago Espasandín e Marisol Blanco Gorín, delegada de Servizos Sociais, quen expresou o agradecemento do goberno municipal á entidade deportiva.

Xa é a segunda vez este ano que a UD Cerqueda colabora coa Concellería de Servizos Sociais. No mes de setembro fixo entrega de alimentos por valor de 379 euros, correspondentes á recadación do Torneo Solidario Os Petóns. A xunta directiva do club manifestou a súa intención de seguir colaborando e intensificando esta faceta social.

A entrega dos xoguetes coincidiu co reparto mensual do banco de alimentos, xestionado pola Fundación Amigos de Galicia e o Concello de Malpica. Dada a proximidade do Nadal, nesta ocasión, ademais dos produtos non perecedoiros habituais, as 21 familias usuarias recibiron turrón, polo, coliflor, costela, iogures e froita. Tamén se completou o amoblamento do dormitorio dunha familia coas mesiñas de noite e o tocador. Nos dous anos e medio que leva en funcionamento, o banco de alimentos do Concello de Malpica ten contribuído á mellora das condicións de habitabilidade de varios fogares. 

10Dec 2015

Intensa fin de semana de peche da XI Mostra de Teatro de Malpica

Talía ofrecerá mañá venres dúas representacións e o sábado actuará o grupo local Os Amigos de Malpica

540-f-foto

A XI Mostra de Teatro de Malpica, que está a ofrecer unha selección dos mellores espectáculos da escena galega, chegará ao seu remate esta fin de semana. Este ano a Concellería de Educación, Cultura e Turismo, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, a Asociación Teatral Os Amigos de Malpica, a Asociación Cultural Caldeirón e o colectivo Teatro Valle Innova-Fundación Valle Inclán, está a ofrecer dez actuacións para todo tipo de públicos que están a rexistrar unha excelente acollida.

Mañá venres estará en Malpica, unha vez máis, a compañía Talía Teatro. Ás 11.30 horas representará Rosa Caramelo para os escolares de 4 a 8 anos, que non pararán de ir coas aventuras de Margarita, a única elefanta do grupo que non consigue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo.

E ás 20.30 horas continuarán as risas, aínda que tamén cun toque de drama, en Demolición, outra proposta de Talía Teatro entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión, especialmente dirixida a maiores de 13 anos.

O peche da XI Mostra de Teatro de Malpica correrá a cargo da compañía local Os Amigos de Malpica, que actuarán o sábado ás 20.00 horas. O grupo que dirixe Andrés Mourente interpretará O cantar dos cantares, unha peza cómica na que unha rexoubeira, e un crego autoritario, nunha aldea galega da década dos anos 50, queren impoñer o seu pensamento a toda a veciñanza e argallan todo tipo de estratexias para sometelos ás súas ideas.

30Nov 2015

Equipos dos concellos de Ponteceso, Cabana e Malpica participan na liga de fútbol sala de veteranos

O prazo de inscrición estará aberto ata o 4 de decembro

540-f-foto

Dende hoxe luns e ata o 4 de decembro estará aberto o prazo de inscrición para os equipos interesados en participar na liga de fútbol sala de veteranos de Ponteceso, Cabana e Malpica, organizada pola Asociación de Veteranos de Fútbol da Costa.

A competición vai destinada a equipos con xogadores maiores de 30 anos, que xogarán todos os venres pola noite, a partir do 11 de decembro, nos pavillóns municipais dos tres concellos participantes. As inscricións poden realizarse chamando ao teléfono 646 670 678.

26Nov 2015

Comezaron as obras de saneamento no Vilar, en Leiloio



540-f-foto

Xa están en marcha as obras de saneamento do Vilar, na parroquia de Leiloio, que están incluídas no POS 2015. O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras, Servizos e Seguridade, Miguel Fernández, desprazáronse ata o lugar para supervisar os traballos, que son executados pola empresa Obras Ramón Cotelo, SL, cun orzamento de 30.139,51 euros.

No POS deste ano tamén figuran o proxecto de pavimentación e infraestruturas en Barizo, Porto do Fondo, Beo, Santiso, Aldeola e Cerqueda, cun orzamento de 69.056 euros, e a pavimentación da rúa Canido, por 64.887 euros, que xa está practicamente rematada e pendente do pintado e a sinalización.

24Nov 2015

Gran acollida do vídeo de participación social promovido polo Concello de Malpica contra a violencia de xénero

Máis de cen persoas, entre escolares e representantes de diferentes colectivos, protagonizaron un

540-f-foto

Co agradecemento ás persoas participantes e unha chamada de atención sobre a importancia de loitar contra a violencia de xénero, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, presentaron hoxe pola mañá o vídeo de participación social promovido dende a Área de Igualdade “co obxectivo de concienciar e sensibilizar sobre unha problemática tan importante como é a violencia de xénero”, tal como manifestou o alcalde.

A maioría das máis de cen persoas que participaron gravación asistiron á preestrea do vídeo, que tivo lugar no auditorio do Centro Cívico, e que rematou cun sonoro aplauso. Eduardo Parga lembrou que o ano pasado “rematou con 54 mulleres mortas vítimas da violencia machista, 6 na nosa comunidade autónoma, e 44 menores orfos. No que levamos do 2015 as vítimas ascenden a 48 mulleres”. As cifras indican que é preciso seguir traballando na sensibilización da poboación, e ese é o compromiso do Concello de Malpica, que ten en marcha campañas de información e formación, incidindo “nos centros educativos e na intervención por medio de apoio constante ás mulleres vítimas e ás súas familias”, engadiu o alcalde, porque “non debemos ser cómplices de ningún tipo de comportamentos violentos e debemos estar sempre do lado as mulleres vítimas e dos seus fillos e fillas”.

A concelleira de Servizos Sociais felicitou á técnica de Igualdade, Patricia Vaquero, pola iniciativa do lipdub como parte dese labor de sensibilización que está a desenvolver o seu departamento e que non se limita ao 25 de novembro, senón que “cremos necesario e primordial traballar durante todo o ano para intentar erradicar esta lacra social, que é a tarefa pendente do século XXI”. Marisol Blanco lembrou que a violencia de xénero “é unha violencia específica que sofren as mulleres polo simple feito de ser mulleres”.

O lipdub presentado hoxe pola mañá enmárcase na campaña “Non te escondas máis. Por min e por todas as miñas compañeiras”, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, e que tamén inclúe marcapáxinas informativos sobre os servizos que presta o Concello de Malpica en materia de igualdade e chapas coa imaxe de Malpica Igualdade, a nova marca que englobará todas as accións promovidas dende o Concello neste ámbito.

Escolares dos CEIP Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero, a UD Cerqueda, a Asociación Oleira de Buño, a Asociación de Redeiras O Fieital, os alumnos e alumnas dos cursos de alfabetización informática e novas tecnoloxías, a Asociación Íntegro e membros do goberno municipal participaron na gravación dun “lipdub” da canción “Se acabaron las lágrimas”, de Huecco, co obxectivo é transmitir ás mulleres que son vítimas da violencia de xénero que hai saídas. O vídeo pode verse xa na canle de YouTube do Concello de Malpica, na súa páxina en Facebook e no seu perfil de Twitter.

23Nov 2015

O Concello de Malpica presenta a súa campaña para o Día Internacional contra Violencia de Xénero

Mañá martes proxectarase o vídeo gravado por colectivos e veciñ@s e comezará a distribución de material divulgativo de Malpica Igualdade

540-f-foto

O Concello de Malpica presentará mañá martes a campaña deseñada pola Concellería de Servizos Sociais, a través da Área de Igualdade, para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Co lema “Non te escondas máis. Por min e por todas as miñas compañeiras”, a campaña, que conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, inclúe un vídeo protagonizado por entidades, veciñ@s e representantes políticos, marcapáxinas informativos sobre os servizos que presta o Concello de Malpica en materia de igualdade e chapas coa imaxe de Malpica Igualdade, a nova marca que englobará todas as accións promovidas dende o Concello neste ámbito.

A presentación do vídeo e do material informativo está prevista para as 11.30 horas nun acto público e aberto a toda a cidadanía que se celebrará no Centro Cívico. Escolares dos CEIP Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero, a UD Cerqueda, a Asociación Oleira de Buño, a Asociación de Redeiras O Fieital, os alumnos e alumnas dos cursos de alfabetización informática e novas tecnoloxías, a Asociación Íntegro e membros do goberno municipal participaron na gravación dun “lipdub” da canción “Se acabaron las lágrimas”, de Huecco, co obxectivo é transmitir ás mulleres que son vítimas da violencia de xénero que hai saídas.

O vídeo poderá verse a partir do día 25, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, na canle de YouTube do Concello de Malpica, na súa páxina en Facebook e no seu perfil de Twitter.

Página 95 de 148« Primera...102030...9394959697...100110120...Última »