Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

2Ago 2016

O Concello de Malpica tivo que repoñer nas últimas semanas os aros salvavidas que foran roubados de varias praias

Hoxe desapareceu o das Torradas, que será reposto esta mesma tarde

O salvavidas de Barizo, antes e despois de ser reemprazado

O salvavidas de Barizo, antes e despois de ser reemprazado

O roubo dos aros salvavidas repítese un ano tras outro nas praias de Malpica malia as chamadas á responsabilidade que realizan tanto o Concello de Malpica coma a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil mediante os carteis informativos nos que se advirte da inexistencia de servizo de salvamento e de que, polo tanto, é especialmente importante que os aros salvavidas se atopen nas debidas condicións para poder ser utilizados en caso de necesidade.

Pero este tipo de chamamentos non sempre acada a resposta pretendida. De feito, nas últimas semanas o Concello de Malpica tivo que volver a colocar, como ocorreu en Barizo, o aro salvavidas e a corda, que estaban tirados, ou repoñelos onde foran roubados, como sucedeu en Beo e, esta mesma noite, na praia das Torradas, onde tanto o aro como os 200 metros de corda roubados serán repostos hoxe pola tarde polas Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

O goberno municipal de Malpica lembra que o servizo de salvamento e socorrismo, integrado por seis profesionais, funciona nas praias de Area Maior e Canido, que son as máis concorridas. Nas demais están colocados aros salvavidas, que chegado o momento poden ser fundamentais para axudar a evitar un afogamento. Por ese motivo fai, unha vez máis, un chamamento ao sentido común e ao civismo.

1Ago 2016

Vinte nenos e nenas de 6 a 14 anos iniciaron no Paseo da Praia de Malpica unha nova edición de Pintar na Rúa

O obradoiro, impartido un ano máis pola artista Paula Fraile, desenvolverase durante dúas semanas

TODOS-SINALANDO-O-MURO-QUE-VAN-PINTAR-web

Xa está en marcha unha nova edición de Pintar na Rúa, un proxecto artístico que está axudando a recuperar espazos degradados de Malpica e que cada ano esperta máis interese. De feito, na última edición foron 14 os nenos e nenas participantes, pero este ano completáronse as 20 prazas dispoñibles e hai lista de agarda.

Hoxe tivo lugar a primeira toma de contacto entre as nenas e nenos de seis a catroce anos_que se reparten en dúas quendas (de 11 a 12.30 e de 12.30 a 14 horas)_ co espazo do Paseo da Praia no que van pintar e coa súa monitora, a artista Paula Fraile, que por terceiro ano consecutivo imparte o obradoiro. Tamén os acompañaron o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández, que animaron aos participantes a seguir enchendo de cor os muros malpicáns.

Deste xeito, Pintar na Rúa seguirá cambiando a faciana urbana de Malpica. Despois da explosión de cor do ano pasado no muro situado entre os bares Submarino e Leño, as nenas e nenos pintarán nesta ocasión na mesma zona, nunha parede que xa empezaron a preparar hoxe con lixas e imprimación para poder empezar a aplicar a pintura, que é o que máis lles gusta, o antes posible. O motivo é un segredo moi ben gardado polo momento por Paula Fraile e a rapazada, pero seguirá a liña trazada o verán pasado.

30Xul 2016

A Banda de Gaitas da Asociación Cultural Malante actúa este ano no Festival Intercéltico de Lorient

malante

O Festival Intercéltico de Lorient converte cada ano esta cidade da Bretaña francesa no punto de encontro de centos de miles de persoas chegadas dende todas as latitudes para ver aos mellores intérpretes de música celta. Entre todas as actuacións que se levarán a cabo nesta edición, entre o 5 e o 14 de agosto, estarán as da Banda de Gaitas da Asociación Cultural Malante de Malpica.

A Asociación Cultural Malante naceu o 23 de agosto do ano 2003 por iniciativa dun grupo de mozas e mozos que entraran no mundo da música a través da Escola Municipal de Actividades Escénicas de Malpica. O seu principal obxectivo é a promoción da cultura tradicional galega, e froito dese interese naceu no ano 2005 a Banda de Gaitas. Na actualidade está integrada por trinta músicos de 14 a 40 anos, perfectamente compenetrados para que soen á perfección 16 gaitas, 6 tambores, 5 bombos e 4 pandeiretas. En Malpica temos a sorte de poder escoitalos de cando en vez, pero o público de Lorient terá a oportunidade de descubrilos nas actuacións que ofrecerán os días 6, 9, 10 e 11 en distintos escenarios do festival.

Despois de participar no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira e no Festival de Danzas e Músicas do Mundo de Montignac, a presenza no Festival Intercéltico de Lorient supón un soño cumprido para a asociación malpicá.

Nesta ligazón tedes a información do propio festival sobre a presenza da Banda de Gaitas da AC Malante en Lorient.

 

29Xul 2016

Concello de Malpica e Deputación da Coruña asinan o convenio de colaboración para a Mostra da Olería

convenio mostra 1

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, e o deputado de Promoción Económica e Empresa, José Luis García García, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre o Concello de Malpica e a Deputación Provincial da Coruña para o financiamento da Mostra da Olería de Buño. As dúas institucións consideran “de gran interese para a provincia potenciar que o sector da olería se converta nunha actividade rendible de futuro que repercute favorablemente como medio de desenvolvemento económico, social e xerador de emprego e riqueza non só a nivel local, senón tamén provincial”, e proba dese interese é o acordo asinado.

A Deputación Provincial da Coruña achegará un total de 80.000 euros, que supoñen o 80 % do orzamento da 33ª Mostra da Olería de Buño, que se celebrará do 5 ao 15 de agosto. Este ano o programa inclúe varias novidades, entre elas actuacións musicais todos os días, unha ofrenda floral de homenaxe ao Doutor Luciano García Alén o día da inauguración, un tren turístico que funcionará as fines de semana ou a visita dos Bolechas, que coincidirá coa presentación do libro infantil “Os Bolechas visitan a Mostra da Olería”. Os postos de exposición e venda estarán situados no Parque Luciano García Alén, onde tamén se desenvolverán a maior parte das actividades. O Ecomuseo do Forno do Forte será outro dos escenarios da Mostra da Olería, coa Cocedura Tradicional como prato forte o sábado 6.

27Xul 2016

Pagamento 2º trimestre do exercicio 2016

En cumprimento do establecido na Disposición adicional primeira da Lei Orgánica 9/2013 de Control da Débeda Comercial, procédese a dar publicidade á información relativa ao periodo medio de pagamento desta entidade  correspondente ao  2º trimestre do exercicio 2016, calculado consonte ao establecido no RD 635/2014,de 25 de xullo, polo que se desenvolve a  metodoloxía do cálculo do periodo medio de pago a proveedores.

 

DATOS IDENTIFICATIVOS DO INFORME PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO:

 

Código Corporación Local: 11-15-043-AA-000

Nome corporación local: Malpica de Bergantiños

Exercicio: 2016

Periodo: segundo trimestre

 

RATIO DE OPERACIÓNS PAGADAS

22,61 días

IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PAGADAS

       360.239,26 €

RATIO DE OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO

52,52 días

IMPORTE DAS  OPERACIÓNS PENDENTES DE PAGAMENTO

524.236,73 €

PERIODO MEDIO DE PAGAMENTO DA ENTIDADE

40,34 días

 

Malpica de Bergantiños, 13 de xullo de 2016

O ALCALDE

Eduardo José Parga Veiga.

22Xul 2016

O presidente de Portos de Galicia visitou as obras do porto de Malpica

 

VISITA DURAN 21 XULLO - 3

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, acompañado polo alcalde de Malpica, Eduardo Parga, o concelleiro Miguel Fernández e o patrón maior, Pedro Pérez, visitou as obras realizadas polo seu departamento para mellorar os servizos aos usuarios do porto malpicán, entre elas a reconstrución do noiro da Atalaia e a urbanización do espazo ocupado pola antiga lonxa. O investimento realizado, que ascende a preto de 700.000 euros, garante a estabilidade e a seguridade do muro e permite mellorar de maneira substancial o acceso ás instalacións para camións e tráilers, dando así resposta a unha vella demanda do sector que fora trasladada a Portos polo alcalde. Ademais de gañar en operatividade, o terreo gañado permitiu crear unha nova área de aparcamento e lecer, harmonizando o espazo resultante coas actuacións realizadas no porto de Malpica nos últimos anos.

Portos de Galicia tamén investiu 22.000 euros na instalación de 15 vigas galvanizadas para as defensas de rosario (ringleiras de rodas que se colocan adosadas ao muro para protexer as embarcacións de posibles danos) e outros 70.000, financiados con fondos FEDER, na construción de dous pantaláns para embarcacións menores, aos que se accede por unha pasarela articulada de estrutura de aluminio e piso de madeira. Esta pasarela dá acceso a un pantalán adosado ao peirao de 12 metros de longo por 3 de ancho que, á súa vez, conecta con outro transversal de 29,5 x 2,5 metros. Estas dúas estruturas están realizadas con perfís principais de aluminio e piso de madeira, e contan cun sistema de flotadores que garante a súa estabilidade con mareas vivas.

22Xul 2016

O Concello de Malpica volve a contar cunha empresa de economía social para a prestación de servizos públicos

Asinado o contrato coa UTE Máis Porvir-Combina Social para a prestación do servizo de conserxería no CEIP Milladoiro e o pavillón de deportes

CONTRATO + PORVIR 2

Despois da sinatura do contrato, hoxe mesmo empezaron a traballar as dúas persoas con discapacidade física que se encargarán do servizo de conserxería no CEIP Milladoiro e no pavillón polideportivo de Malpica. Deste xeito, o goberno municipal volve a apostar -como xa fixo coa integración dun usuario de Aspaber no servizo de limpeza viaria- por unha empresa de economía social para a prestación de servizos públicos.

O alcalde, Eduardo Parga Veiga, asinou a primeira hora o contrato coa UTE Máis Porvir-Combina Social, as empresas creadas e xestionadas por Íntegro e Cogami, respectivamente, para a prestación de servizos e a xeración de recursos que permitan a ámbalas entidades seguir desenvolvendo o seu importante labor social. Máis Porvir e Combina Social estiveron representadas polos seus administradores, Adolfo López Baña e Álvaro García Bustelo. O alcalde destacou a importancia de que as Administracións públicas sexan as primeiras en dar exemplo para que a integración laboral das persoas con diversidade funcional poida producirse con normalidade tamén no ámbito privado.

O contrato terá unha vixencia dun ano, prorrogable por outro, e permitirá a inserción laboral de dúas persoas con discapacidade física. Haberá un terceiro traballador para substitucións.

 

22Xul 2016

Dúas das oito participantes no curso de Tapas e Aperitivos do PIMD Rural de Íntegro xa acadaron a inserción laboral

DIPLOMAS TAPAS E APERITIVOS 1

Seis das oito participantes no curso de Tapas e Aperitivos organizado polo Concello de Malpica e a Asociación Íntegro dentro do PIMD Rural recibiron hoxe os seus diplomas. As outras dúas non puideron completar o curso porque xa conseguiron traballo. A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco, que acudiu ao acto de clausura, expresou a satisfacción do goberno municipal pola inserción laboral das dúas usuarias da acción formativa, posto que, en definitiva, ese era o principal obxectivo.

No acto participou tamén o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, que una vez máis subliñou a importancia de que as Administración públicas se impliquen con este tipo de accións formativas, que no caso do Punto de Intervención para Mulleres con Diversidade Funcional van especialmente dirixidas ás mulleres con disCapacidade e que teñen como finalidade seguir avanzando cara a inclusión real. As alumnas demostraron o resultado da súa formación preparando e servindo tomates recheos e quiche de verduras. Os dous pratos estaban exquisitos.

A semana pasada rematou tamén o obradoiro de Informática, tamén dirixido a mulleres, que se levou a cabo na Casa do Oleiro de Buño. Con este tipo de iniciativas preténdese contribuír ao desenvolvemento das mulleres con disCapacidade na sociedade, dotándoas de coñecementos necesarios e útiles tanto para a súa vida diaria como para  a mellora do emprego e a plena inclusión.

19Xul 2016

O mago arxentino Carlos Adriano encheu de ilusión e  diversión o paseo marítimo de Malpica

carlos adriano 6

En Malpica o día do Carme foi máxico grazas Carlos Adriano, o mago arxentino que encheu de ilusión e diversión o paseo marítimo de Malpica na tarde, probablemente, máis calorosa do verán. O ciclo internacional Malpica Máxica continúa así a súa andaina polo verán. Despois do galego Mago Noel, o cubano Raúl Camawey e o arxentino Carlos Adriano, facemos unha pausa ata o 12 de agosto, no que regresará a maxia ao paseo cos galegos Dani e Rafa, que ofrecerán varios pases de 10 minutos de duración dende as 17.00 ata as 21.00 horas.

Pero as Noites na Vila non rematan, senón que a semana que vén deixarán paso ao Retablo de Fantoches Rafael Dieste, unha proposta da Concellería de Cultural que por terceiro ano lembrará a estrea de “La doncella guerrera” na vila o 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas.

A primeira representación será o 23 deste mes. Microminia Títeres ofrecerá no paseo marítimo “Vacacións no mar”, un espectáculo de títeres de luva e siluetas apto para todos os públicos. O 6 de agosto será a quenda de Títeres Cachirulo con luvas chinesas e variñas para dar vida a “Alicia no país das marabillas”. E, por último, o 13 de agosto chegará a Tropa de Trapo con “Zona de obras”, no que mesturan contos con música e obxectos de reciclaxe.

Todos os espectáculos serán ás 20.30 horas no paseo marítimo. No caso de choiva trasladaranse ao auditorio do Centro Cívico.

 

Página 87 de 148« Primera...102030...8586878889...100110120...Última »