Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

23Xan 2017

Comezaron as obras de conservación de estradas nas parroquias de Cambre e Mens

IMG-20170123-WA0008

O Concello de Malpica acomete con cargo ao POS 2016 unha mellora da rede viaria en varias parroquias. Hoxe mesmo comezaron as obras de conservación e mantemento do firme en Escras (Cambre) e Mens-Oratorio-Badarra (Mens). Os traballos contan cun orzamento de 38.998,30 euros e son executados pola empresa Construcciones López Cao. O alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, acudiron a supervisar o comezo das obras.

19Xan 2017

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica tramita as axudas da Xunta de Galicia para evitar a pobreza enerxética

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade de Malpica, Marisol Blanco Gorín, informa de que a Xunta de Galicia vén de abrir as súas liñas de axuda para evitar a pobreza enerxética, e que as persoas que o precisen poden realizar a tramitación, previa cita, no departamento municipal.

CONVOCATORIAS ABERTAS

Por unha banda está aberta a convocatoria para o tícket eléctrico social referido ás facturas de electricidade cuxo período de lectura estea comprendido entre o 1 de xullo do 2016 e o 30 de xuño do 2017. O obxecto desta medida é subvencionar parte da factura eléctrica ás unidades de convivencia con menores ou discapacitados cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM (9.585,19 €/ano). A axuda consiste nunha cantidade fixa de 180 € ao ano para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos, e de 300 € ao ano para as que acrediten ser, ademais, familia numerosa.

Así mesmo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca axudas urxentes de tipo social para evitar os cortes de subministración eléctrica e de gas ás persoas economicamente máis vulnerables (AUXS), cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen o IPREM (6390,13 €/ano). Neste caso permítese facer a solicitude para un máximo de dúas facturas ao ano e cun importe máximo de 200 €. O prazo rematará o 15 de decembro.

Nos dous casos a tramitación debe realizarse a través da sede electrónica, para o cal é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia. No departamento municipal de Servizos Sociais e Igualdade, situado no Centro Cívico de Malpica, realizarán a tramitación ás persoas que o precisen.

Nestes documentos podedes consultar a información completa:

AUXS

TICKET

 

4Xan 2017

A UD Cerqueda entregou xoguetes para os nenos e nenas das familias usuarias do banco de alimentos de Malpica

XOGUETES UD CERQUEDA BANCO ALIMENTOS

A Unión Deportiva Cerqueda reforza a súa colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello de Malpica de Bergantiños. Na xornada de hoxe, representantes do club fixeron entrega ao banco de alimentos dun lote de xoguetes para que este Nadal os Reis Magos cheguen a todos os fogares e que “nestes días tan máxicos os nenos das familias con menos recursos non perdan o sorriso nin a ilusión”. A UD Cerqueda destinou á adquisición dos xoguetes a recadación do partido do 12 de decembro. Na entrega dos xoguetes estiveron presentes o alcalde, Eduardo Parga, o concelleiro Miguel Fernández, e un representante da entidade deportiva.

Xa é o segundo ano que a UD Cerqueda colabora coa Concellería de Servizos Sociais para que ningún neno nin nena quede sen xoguetes en Reis, pero tamén vén achegando ao banco de alimentos todo tipo de produtos adquiridos grazas á recadación do Torneo Solidario Os Petóns. Deste xeito, a UD Cerqueda reforza a súa faceta social.

16Dec 2016

Proceso de selección de técnico/a de Turismo e creación de bolsa de emprego. Lista de admitidos e excluídos

O Concello de Malpica de Bergantiños fai pública a lista de admitidos e excluídos no proceso de selección dun/ha técnico/a de Turismo e creación de bolsa de emprego, convocado polo Concello de Malpica de Bergantiños.

LISTA PROVISIONAL ADMITIDOS EXCLUIDOS TÉCNICO TURISMO

Os/as aspirantes excluídos/as dispoñen dun prazo de dous días hábiles, contado dende o seguinte ao da publicación da antedita resolución, para presentar as reclamacións oportunas ou emendas de defectos, nos termos do artigo 68 da Lei 39/2015, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

14Dec 2016

Quince entidades e centros educativos colaboran co Concello de Malpica na organización das actividades de Nadal

A Asociación Cultural Malante, Asociación Cultural Raigañas, Asociación Cultural Carcaxía, Asociación Cultural e Deportiva San Xulián, ANPA Ventorrillo, ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, A. VV. Pobo Alfareiro, A. C. A Feira, A. V. S. O Brizo, Asociación Veciñal Río de San Antonio, A. VV. de Leiloio, CEIP Milladoiro,  CEIP JRO, CRA Nosa Señora  do Faro e A Galiña Azul de Aldeola son as 15 entidades e centros educativos que colaboran coa Concellería de Educación, Cultura e Turismo, que dirixe Noelia Freijeiro, na organización das actividades de Nadal.

A programación xa comezou con iniciativas tan ben acollidas como a presentación do poemario “Ollares”, de Ricardo Seixo, o domingo pasado en Cerqueda. Pero aínda queda moito Nadal por vir. Aquí tedes todas as citas:

Día 15 de Nadal (xoves)

  • Entrega dos premios do Concurso Escolar de Debuxo e Pintura de Nadal

Ás 11.15 h. no CEIP Milladoiro, ás 12.00 h.  no CEIP Xaquín Rodríguez Otero e ás 12.45 h. na Escola Unitaria de Mens.

Colaboran: CEIP Milladoiro e CEIP Joaquín Rodríguez Otero.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Premio Pantalla Dixital para este debuxo de Pablo Souto Suárez, alumno de 1º de Primaria do CRA Nosa Señora do Faro (escola de Mens)

Premio Cartel Andrea 2º primaria CEIP Miladoiro

Cartel gañador do concurso escolar de Nadal, obra de Andrea Vila Amado, alumna de 2ª de Primaria do CEIP Milladoiro

Premio Saúda de Nadal Alexia Gonzalez Busto 6º de Infantil CEIP J.R.O. (5 anos)

Premio Saúda de Nadal para este debuxo de Alexia González Busto, alumna de 6ª de Infantil do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño

Día 17 de Nadal (Sábado)

  • Nadal Xogo: Festa Infantil, visita de Papá Noel e Chocolatada a partir das 16.00 h. ata ás 20.00 h. na Casa dos Veciños de Leiloio (A Raxeira). Colabora: A. VV. de Leiloio
  • Obradoiro de adornos de Nadal de 10.30 h. a 12.30 h. nas Escolas Vellas de Buño. Para rapaces/as de 3 a 16 anos. Límite de prazas. Organiza: ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.

Día 18 de Nadal  (domingo)

  • Nadal Xogo: Tómbola Infantil de Nadal ás 17.00 h. no Pavillón Polideportivo de Malpica. Imprescindible entrar con zapatillas de deporte. Organiza: A. C. Malante

Día 20 de Nadal (martes)

  • Os Reis Magos visitarán o CEIP Milladoiro de Malpica ás 10.30 h. Colabora: CEIP Milladoiro.

Día 21 de Nadal (mércores)

  • O Carteiro Real visitará o CEIP Joaquín Rodríguez Otero ás 10.15 h.
  • Actuación de Maxia, ás 10.30 h. para alumnos/as do CEIP Milladoiro, no Auditorio do Centro Cívico e Chocolatada, ás 12.00 h. no Patio do CEIP Milladoiro. Organiza: ANPA Ventorrillo.
  • Papá Noél visitará o CEIP Joaquín Rodríguez Otero de 11.00 h. a 13.15 h. Organiza: ANPA Xaviña do CEIP J.R.O.
  • O Carteiro Real visitará a Galiña Azul ás 11.15 h.
  • Papá Noel visitará a Escola de Mens ás 12.00 h.
  • Papá Noel visitará a Escola de Barizo ás 12.30 h.

Día 22 de Nadal (xoves)

  • Obradoiro de Adornos de Nadal, no local da Ludoteca Municipal, Abriranse 15 prazas para nenos/as de 3 a 11 anos. Organiza: ANPA Milladoiro.

Horarios:

            Grupo 1: de 11.00 h. a 13.00 h.

Grupo 2: de 16.00 h. a 18.00 h.

Inscricións: os días 15 e 16 de decembro, de 9.00 h. a 11.00 h. no local da ANPA no CEIP Milladoiro.

Día 23 de Nadal (venres)

  • Colocación dos Adornos na árbore de Nadal, no local da Ludoteca Municipal das 11.00 ás 12:30 horas. A cargo dos participantes nos obradoiro de Adornos de Nadal das ANPAS e o Obradoiro de Manualidades do Concello de Malpica. Organizan: ANPA Ventorrillo do CEIP Miladoiro, ANPA Xaviña do CEIP J.R.O. e Concello de Malpica de Bergantiños.

Día 24 de Nadal (sábado)

  • Ás 16.30 h. Papa Noel entregará os regalos ós rapaces na Casa da Cultura de Seaia. Organiza: A. C. Carcaxía.
  • Pasarrúas de Panxoliñas das cantareiras da C. Malante a partir das 18.00 h. pola vila de Malpica.
  • Papá Noel entregará os regalos ós rapaces ás 18.30 h. na Fonte da Praza Anselmo Villar Amigo. Organiza: A. C. Malante.

Día 26 de Nadal  (luns)

  • Nadal Xogo: Festa Infantil con Inchables e chocolatada das 16.30 h. ás 19.30 h. no Pavillón Polideportivo. Colabora: ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.

Día 27 de Nadal (martes)

  • Presentación da publicación O Apalpador de Xoán G. ás 17.00 h. no Centro Cívico.

Día 28 de Nadal  (mércores)

  • Nadal Xogo: Festa Infantil con Inchables das 16.30 h. ás 20.30 h. no Pavillón Polideportivo de Malpica. É imprescindible levar calzado axeitado para estas instalacións. Colabora: ANPA Ventorrillo.

Día 30 de Nadal  (venres)

  • Nadal Xogo: Festa de Fin de Ano Infantil das 16.30 h. ás 19.30 h. no Centro Sociocultural das Pozacas. Organiza: A.C. Raigañas.

Día 31 de Nadal  (sábado)

  • 1ª San Silvestre Malpicana, Sáida ás 12.00 h. da Fonte da Praza Anselmo Villar Amigo. Percorrido: Fonte de Anselmo Villar – Mirador de Santo Hadrián (incluirá brindis cun viño galego e txacolí no mirador). Inscricións de balde en Wata Boutique e nos teléfonos 620 927 729 (Walter) e 620 661 699 (Martu). Organiza: A. C. Malante.
  • Festa de Fin de Ano, a partir das 23.45 h., no Auditorio do Centro Cívico de Malpica amenizada polo Dúo de Festa, uvas, cava e cotillón.

Día 3 de xaneiro (martes)

Nadal de Vila en Vila, obradoiro de cantos de Nadal con Uxía e Santi Cribeiro. De 12.00 h. a 13.00 h. no Auditorio do Centro Cívico de Malpica. Destinado a rapaces/as maiores de 4 anos. Prazas limitadas 40. Rede de Dinamización Lingüística. Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Día 5 de xaneiro (xoves)

  • Os Reis Magos de Oriente chegarán a:

Ruta 1

  • Cambre ás 17.00 h. Saída do Local Sociocultural de Cambre.
  • Buño, ás 18.00 h. Parada no Teleclube
  • Cerqueda ás 19.00 h. parada no Centro Sociocultural das Pozacas.
  • Malpica de Bergantiños, ás 20.00 h. ó Porto.

 Ruta 2

  • Barizo, Saída do Centro Sociocultural de Barizo, ás 17.30 h.
  • Mens, Parada no Centro Sociocultural de Mens ás 18.00 h.
  • Seaia Parada na Casa da Cultura de Seaia, ás 18.30 h.
  • Vilanova Parada no adro da igrexa, ás 19.00 h.

 A cabalgada unicamente realizará as paradas que se relacionan.

 Organizan: Concello de Malpica, A. C. Malante,  A. C. Carcaxía, AVV Pobo Alfareiro, A. V. C. S. O Brizo, A. C. Raigañas e  Asoc. Veciñal Río de San Antonio.

  • Leiloio, a partir das 18.00 h. Saída da Feira Nova. Organiza: A.C. A Feira.
  • Seaia, ás 21.00 h. Os Reis entregarán os regalos polas casa. Organiza: A. C. D. San Xulián

Día 6 de xaneiro  (venres)

  • Os Reis Magos de Oriente chegarán a:

Seaia, ás 10.00 h. saída da Casa da Cultura e a continuación percorrido pola parroquia. Organiza: A. C. D. San Xulián

10Dec 2016

A praia de Area Pequena de Seiruga xa é máis accesible

AREA PEQUENA 2

Ata agora os usuarios da praia de Area Pequena tiñan que chegar ao areal a través dun pequeno carreiro que non facía doado o acceso. Pero os amantes desta pequena e preciosa praia, que ofrece unha panorámica impresionante das Illas Sisargas, están de noraboa, porque o Concello de Malpica vén de rematar as obras de construción dunha escaleira que facilita a accesibilidade, como puideron comprobar o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, na visita realizada hoxe ao lugar.

IMG_0399

Esta actuación complétase coa sinalización de todas as praias do municipio, nas que se colocaron en total máis de cincuenta indicadores. O investimento acadou os 33.598,57 euros, e a execución correspondeu á empresa Dámaso Ferreiro.

O Concello de Malpica acadou para este proxecto unha subvención de 18.156 euros con cargo á convocatoria de apoio aos investimentos para uso público en infraestrutura recreativa, información turística e infraestrutura turística a pequena escala mediante o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, financiados con fondos Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) nun 75%, do Estado e da Xunta.

7Dec 2016

O delegado territorial da Xunta supervisou as melloras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, estivo hoxe en Malpica para analizar, nunha xuntanza co alcalde, Eduardo Parga Veiga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, o resultado dos traballos realizados coa subvención destinada á mellora de servizos de protección do medio ambiente no municipio. Unha vez comprobada a execución destes proxectos, procedeuse á sinatura da acta de conformidade para o cobro da axuda.

SINATURA 4

O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou estas actuacións cunha achega de 80.660,23 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico. O Fondo procede do canon eólico e xa leva sete anos beneficiando aos concellos galegos con explotacións eólicas a través de pequenas obras, pero moi necesarias.

Por unha banda, estes fondos serviron para a instalación por parte do concello de 40 módulos led en luminarias existentes e 12 novas luminarias led na praza de Luciano García Alén e zonas axardinadas e peonís de Buño, 57 luminarias led e un novo cadro de mando e de protección nas rúas Santa Catalina e Santa Filomena, e 64 luminarias led nas rúas Mouróns, Boa Vista, A Costa, Forno Novo e O Galo.

As novas luminarias ofrecen un alumeado público máis moderno, eficiente e respectuoso co medio ambiente. Así, con cargo ao plan impulsado desde a Xunta de Galicia, substituíronse as antigas luminarias de vapor de sodio por haloxenuros metálicos, que se caracterizan por emitir unha cor moi próxima ao branco, pola súa elevada eficiencia luminosa, un rendemento cromático óptimo e unha duración media moi elevada.

Por outro lado, parte desta axuda destinouse tamén á adquisición de colectores de vidro e lixo. En concreto, incorporáronse 36 colectores verdes de 800 litros, 15 colectores verdes de 360 litros e 10 colectores de vidro.

5Dec 2016

A iniciativa “Da cociña á mesa”, do CEIP Milladoiro, premiada pola Consellería de Educación no III Concurso de Traballo por Proxectos

A iniciativa Da cociña á mesa, do CEIP Milladoiro, vén de ser premiada no III Concurso de Traballo por Proxectos, na modalidade de Proxectos de investigación de ciclo/departamento, convocado pola Consellería de Educación. Dende o centro lembran que a aula de cociña naceu da man das profesoras Marta Couto e Sandra Cao, aínda que foi asumido de inmediato por toda a comunidade educativa: o Concello de Malpica, que facilitou as infraestruturas; a ANPA, electrodomésticos e menaxe, e o profesorado, “que tiña clara a utilidade pedagóxica dese laboratorio tan cercano que supón unha cociña”.

SAMSUNG CAMERA PICTURES

O CEIP Milladoiro converteuse nun colexio pioneiro con este proxecto, que botou a andar o 1 de marzo e que foi “apadriñado” por Fernando Agrasar e Carmen Verdes. Hoxe conta co seu propio blog “e xa é para nós unha dependencia máis do cole, co seu horario asignado por aulas coma os outros espazos comúns. Canto alí sucede –explican dende o centro- é curricular”. O proxecto Da cociña á mesa permite que os nenos e nenas experimenten coa medición de masas, o cálculo de densidades e volumes, a motricidade fina, a hixiene, a organización, as texturas, os etiquetados… un sinfín de coñecementos que adquiren de maneira natural, positiva e festiva.

O alcalde, Eduardo Parga, transmite os seus parabéns á comunidade educativa do CEIP Milladoiro polo premio e reitera a disposición do Concello de Malpica a seguir apoiando iniciativas que contribúen a mellorar a aprendizaxe dos nosos nenos e nenas, a traballar en proxectos de gran utilidade para a súa vida adulta e a promover políticas de igualdade.

1Dec 2016

A archipremiada “Perplexo” clausura a XII Mostra de Teatro

Perplexo CARTEL

Este venres 2 de decembro remata a XII Mostra de Teatro de Malpica, e non podía facelo cunha proposta mellor. A guinda a cinco semanas do mellor teatro galego será a representación de “Perplexo”, a montaxe de Il Maquinario Teatro que foi a gran triunfadora dos Premios María Casares 2015, nos que acadou os cinco premios principais (mellor espectáculo, dirección, iluminación, vestiario e tradución/versión), e que esta mesma semana vén de colleitar un novo éxito coa nominación de Tito Asorey como finalista do Premio ADE de Dirección.

“Perplexo” foi estreada a finais do 2014, no mes de febreiro deste ano iniciou a xira por toda España coa súa versión en castelán e de forma recente traspasou fronteiras para chegar tamén ao público portugués. Mañá teremos a sorte de tela en Malpica, nunha función para público mozo e adulto (a partir de 15 anos) que comezará ás 20.30 horas no Centro Cívico.

Nesta comedia, interpretada por Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez, todos eles nominados aos Premios María Casares polas súas interpretacións, nárrase a historia dunha parella que ao volver á casa despois das vacacións percibe estraños cambios, e atópase coa sorpresa de que a parella que quedou ao cargo semella ser a auténtica propietaria da vivenda. Esta situación de partida dará pé a unha sucesión de intercambio de roles, onde os personaxes deberán transformarse para adecuarse a unha realidade en constante cambio.

1Dec 2016

Asinado o contrato das obras de acondicionamento dos parques infantís do CEIP Milladoiro e de Beo

CONTRATO PARQUES

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou hoxe o contrato para a execución das obras de acondicionamento dos parques infantís do CEIP Milladoiro e de Beo. Os traballos serán executados pola empresa Obras Ramón Cotelo por un importe de 39.800 euros.

Con esta actuación, financiada cos fondos do Plan de Acción Social (PAS) 2015, o goberno municipal de Malpica sigue apostando por mellorar os servizos públicos a disposición das familias. Despois das importantes obras de construción e mellora dos parques infantís de Malpica, Buño e Cambre, realizadas nos últimos tempos, o Concello continúa agora poñendo a punto as infraestruturas infantís en lugares con tanta intensidade de uso coma o colexio.

Página 82 de 148« Primera...102030...8081828384...90100110...Última »