Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

25Nov 2018

Malpica lembrou con 44 globos morados e 8 brancos ás vítimas mortais da violencia de xénero

IMG_8801

O movemento asociativo do noso concello sumouse á convocatoria da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade para render homenaxe ás vítimas da violencia de xénero, e malia a intensa chuvia que caeu durante toda a tarde, numerosas entidades estiveron representadas no acto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que celebramos onte pola tarde.

O mal tempo obrigou a modificar o programa e a trasladar ao salón de plenos todos os actos programados. 52 globos, 44 de cor morada en lembranza das mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas este ano en Galicia, e 8 brancos polos nenos e nenas que tamén morreron vítimas da violencia machista, presidiron a xornada, que comezou cun minuto de silencio na súa lembranza.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, púxolles nomes a esas 44 mulleres asasinadas, “mulleres _dixo_ con familia, cunha vida e soños por cumprir que lles foron arrebatados”. Ela foi tamén a encargada de presentar a curtametraxe Corazón amoratado, gañadora do II Concurso de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña, que se proxectou de seguido. Unha das súas guionistas, Uxía Carreira, estivo presente no acto e explicou a orixe da cinta e o significado que ten.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, pechou o acto ofrecendo algúns dos arrepiantes datos que nos deixa a violencia de xénero, “datos abrumadores e complicados de entender na sociedade en que vivimos”, engadiu. O alcalde destacou a posta de recursos de axuda ás vítimas coma o Sistema de seguimento integral de casos de violencia de xénero ou o teléfono 016, e rematou coa frase coa que tamén remata a curtametraxe proxectada onte: “Podes entregar a chave da túa vida a quen queiras, pero tamén podes cambiar de pechadura”.

A conmemoración rematou na Praza da Fonte, coa solta dos 52 globos.

19Nov 2018

O Concello de Malpica conmemorará o sábado 24 o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co lema “A igualdade, un reto para o futuro, un compromiso para o presente”, co que trata de sensibilizar á poboación sobre a necesidade de seguir traballando para acabar coas desigualdades que orixinan a violencia de xénero.

Ademais da difusión do cartel conmemorativo, o departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín ten programadas unha serie de actividades, abertas a toda a cidadanía, para o sábado 24.

O punto de encontro será a Praza da Fonte, xunto á Casa do Concello, onde se realizará ás 18.30 horas unha solta de globos morados, en homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero, e brancos, en lembranza dos nenos e nenas que sofren tamén a violencia familiar. Nese mesmo lugar gardaranse cinco minutos de silencio por todas as vítimas mortais desta lacra social.

Os actos trasladaranse a continuación ao salón de plenos. Marisol Blanco será a encargada de abrir a xornada, que inclúe a proxección da curtametraxe Corazón amoratado e un coloquio posterior coa participación de Uxía Carreira, unha das guionistas da película. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, será o encargado de pechar o acto institucional.

25N

17Nov 2018

Asinado o contrato de mellora de infraestruturas en Aldeola e na rúa da Praia de Malpica

16112018 aldeola_praiaO alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar un contrato coa empresa Construcciones Vázquez y Reino para a execución do proxecto de mellora de infraestruturas en Aldeola (Cerqueda) e na rúa da Praia de Malpica. No acto de sinatura tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

O proxecto, que acada un orzamento total de 38.000 euros, inclúe dúas actuacións diferentes. En Aldeola, na zona da escola infantil, procederase á instalación dunha rede de augas pluviais, mentres que no paseo marítimo o obxectivo é construír un muro que facilite a accesibilidade ás vivendas.

O prazo de execución é de tres meses a partir da comprobación de replanteo.

4Nov 2018

O ferrolán Mario Regueira gaña o XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas co poemario “Marco Livornio”

ganhador 2018

O premio do XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas non só enriquece a colección da editorial Caldeirón _única no seu xénero_, senón que o propio xénero gaña un autor. “Creo que sempre houbo algo de contido erótico na miña obra, pero penso que sen este certame nunca chegaría a facer un poemario destas características”, asegurou o gañador, o ferrolán Mario Regueira.

O fallo do xurado, integrado por Paco de Tano, Eduardo Estévez, Elvira Riveiro e Antón Noceda como secretario, fíxose público, como é costume, durante a celebración da Cea das Letras, que cumpre o dobre obxectivo de dar a coñecer ao gañador ou gañadora do ano e de presentar impresa a obra premiada na edición anterior. Neste caso, o libro co que foron agasalladas todas as persoas asistentes foi Diáspora de amor balea, unha obra asinada por Andrea Nunez Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984). O ano pasado só puido acudir María á lectura do fallo, pero esta vez estaban as dúas, e ademais de deleitarnos cunha lectura a dúas voces dalgúns dos seus poemas eróticos, amosáronse moi satisfeitas coa edición da obra.

Paco de Tano, presidente da Asociación Cultural Caldeirón, foi o responsable de desvelar o título da obra gañadora nesta edición, Marco Livornio, que cualificou coma “un sorprendente percorrido por relacións eróticas diversas e plurais, nun ton épico, case elexíaco”. En palabras do propio autor, Marco Livornio é “un libro bastante especial e bastante estraño”, que aborda o erotismo desde unha perspectiva homosexual.

mario_regueira

Mario Regueira

Aínda que teremos que agardar ao vindeiro ano para ver a súa obra impresa, Mario Regueira adiantounos dous poemas. O gañador desta 13ª edición tivo palabras de lembranza para Paco Souto, que foi un dos impulsores do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, e co que lle houbese gustado compartir esta Cea das Letras. “Non cheguei a tempo”, lamentou.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, felicitou tanto ao gañador deste ano coma ás gañadoras do ano pasado e reiterou o compromiso do goberno municipal, e o seu particular, co mantemento e a difusión do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O Concello de Malpica achega os 1.000 euros do premio anual, que inclúe tamén a publicación da obra gañadora.

A Cea das Letras deste ano tivo un terceiro ingrediente literario, xa que tamén participou coma convidado Xabier Xil Xardón, que presentou o seu poemario Detéxtonos (Positivas) acompañado por Leo Arremecághona á guitarra.

Filloas á pedra e Olería de Buño

Mentres todo isto acontecía no escenario, o salón de actos da Casa da Cultura de Seaia, que volveu a abrir as súas portas para a Cea das Letras, recendía a filloas á pedra. Foron as protagonistas gastronómicas da velada grazas á colaboración de Ana Pereiro, máis coñecida coma Ana de Zas, que ten unha man excepcional para preparalas. Tanto de primeiro prato, acompañadas con rinchóns, coma na sobremesa, con doce, estaban exquisitas. E para completar un menú potente, fabada a fartar.

Outra das protagonistas da noite foi a Olería de Buño, coa que, ademais de ser agasallados o premiado e os membros do xurado, serviuse toda a comida e a bebida aos asistentes, entre os cales se atopaba a deputada no Congreso Alexandra Fernández.

13 anos de premios

Co fallo feito público hoxe, a listaxe das obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
  13. “Marco Livornio”, Mario Regueira

O gañador

Mario Regueira (Ferrol, 1979). Comeza a súa carreira literaria como narrador co libro de relatos Rebelión no inverno (2004) ao que seguen as novelas L’affiche rouge (2007) e Outono aquí (2012), esta última premio Lueiro Rey de novela curta e traducida ao castelán como Las hojas muertas (2013). Como poeta ten publicado Tanxerina (2006, premio Xosemaría Pérez Parallé),Blues da Crecente (2009, premio Xohán Carballeira) e O silencio (2012). Tamén é da súa autoría o ensaio Lois Pereiro, unha persecución (2011). Licenciado en Filoloxía Galega e diplomado en Dereito, en 2016 defende a súa tese de doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada sobre a narrativa galega durante a posguerra. Actualmente fai crítica literaria no Sermos Galiza e outros medios e participa do podcast cultural Burán, que se emite en Radio Campus Culturae e Cuac FM.

29Out 2018

Iniciamos unha serie de obras de reforma na Casa do Concello para mellorar a accesibilidade e o servizo á cidadanía

alejandro martinez reforma casa concello

O Concello de Malpica iniciará en breve unha serie de obras que teñen como finalidade mellorar a accesibilidade das oficinas municipais e, en consecuencia, o servizo á cidadanía. O alcalde, Eduardo Parga Veiga, asinou hoxe o contrato coa empresa adxudicataria do “Proxecto de reforma interior da Casa do Concello”, que inclúe unha primeira fase dos traballos previstos. No acto tamén estivo presente o concelleiro de Obras, Miguel Fernández Mirás.

A empresa Construcciones Alejandro Martínez e Hijos será a encargada de executar estas primeiras obras, que, tal como explica o alcalde, inclúen a reforma integral do espazo ocupado pola Policía Local e a antiga biblioteca para situar nel as oficinas xerais, que agora están situadas no primeiro andar. “Queremos mellorar a accesibilidade para que calquera persoa poida acudir ás oficinas municipais”, sinala Eduardo Parga. A maiores están previstas unha serie de melloras na Alcaldía.

As obras teñen un custe de 46.355,68 euros e un prazo de execución de dous meses, segundo o contrato asinado hoxe. A reforma do resto dos espazos irase acometendo por fases, e en función da dispoñibilidade, para seguir modernizando a Casa do Concello.

26Out 2018

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas mantén a cifra récord de participación cun total de 20 obras

convite

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas mantense nas cifras máis altas de participación dos seus 13 anos de historia, xa que nesta edición volvemos a recibir un total de 20 obras. O vindeiro 3 de novembro farase público o fallo do xurado, coincidindo coa Cea das Letras, que se celebrará na Casa da Cultura de Seaia.

O acto comezará ás 22.00 horas coa presentación da obra “Diáspora de amor balea” de Andrea Nunes Brións e María Rosendo Priego, gañadora o ano pasado, e darase a coñecer o fallo desta 13ª edición.

As persoas que queiran asistir á cea, que está aberta a todo o mundo e ten un prezo de 15 euros, poden reservar praza poñéndose en contacto coa Asociación Cultural Caldeirón no 649 507 285 ou co Departamento de Educación e Cultura do Concello de Malpica no 981 707 104.

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas cumpre 13 anos. A relación de gañadores das anteriores edicións é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
25Out 2018

A Deputación da Coruña organiza un curso de coordinación de servizos de socorrismo en instalacións e espazos naturais

curso socorristas

A Deputación Provincial da Coruña vai realizar un curso de coordinación de servizos de socorrismo en instalacións e espazos naturais acuáticos a través da obtención do certificado de profesionalidade que capacite á xuventude para as tarefas de coordinación dos equipos de socorristas de praia.

O curso de coordinador de socorristas será impartido pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia e as aulas homologadas para dita fprmación serán as da Casa da Auga na Coruña.

Os beneficiarios deste formación poderán ser os mozos e mozas (menores de 30 anos) que estén desempregados inscritos na Oficina de Emprego dentro do ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e que cumpran os seguintes requisitos:

• Ter cumpridos 16 anos de idade.
• Incritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (oficina de emprego).
• Cumprir os requisitos de formación adscritos a este certificado de profesionalidade (titulo de bacharelato ou ter un certificado de profesionalidade de nivel 3 ou aqueles outros que sinala a convocatoria e están no pdf adxunto).

Se estás interesado ou interesada en participar neste curso de formación (coordinador de socorristas) podes pedir máis información ao Axente de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Malpica de Bergantiños no teléfono 981-711303 ou a través do correo electrónico: joseramon.andrade@malpicadebergantinos.es

O prazo para inscribirse remata o día 13 de novembro ás 14:00 horas.

Máis información: CURSO COORDINADOR SOCORRISMO EN PRAIAS

24Out 2018

A “Danza da choiva” de Elefante Elegante, Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil no 2017, abre a XIV Mostra de Teatro

Despois da celebración das Misións Pedagóxicas, a semente cultural que prendeu hai 85 anos en Malpica segue abrollando con iniciativas coma a Mostra de Teatro, que acada a súa 14ª edición cun cartel no que teñen cabida as mellores compañías galegas, entre elas as máis queridas polo noso público, e os espectáculos para todas as idades.

Para que esa semente prenda dende a infancia, este ano traemos propostas aptas para nenos e nenas xa dende os 3 anos, e a primeira chegará mañá coa Danza da choiva de Elefante Elegante, gañadora do Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil no ano 2017. Especialmente recomendada para nenas e nenos de 3 a 10 anos, será a encargada de abrir, mañá venres ás 20.30 horas, a nosa cita anual coa escena.

Para os/as peques da casa este ano tamén teremos teatro musical. Xoán Curiel e a Banda do Verán estarán no Centro Cívico o vindeiro 2 de novembro con A casa do terror, para nenos e nenas de 4 a 12 anos que queiran celebrar o Samaín dun xeito moi especial, animado e divertido.

Entre 6 e 12 anos sitúase o público preferente do seguinte espectáculo, Sopa de sapo de Talía Teatro, que acode unha vez máis á nosa Mostra de Teatro, neste caso cunha comedia interpretada por María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos e Rubén Prieto. Verémolos en acción o día 9.

Tamén pensamos no público adolescente e adulto, destinatario das outras tres propostas deste outono teatral. O venres 16 reuniremos a Isabel Risco, Pedro Brandariz e Fran Rei no espectáculo de Culturactiva Falar sen cancelas. As gargalladas están aseguradas.

E ao venres seguinte tamén, porque o día 23 recibiremos a unha das nosas favoritas, Malasombra Producións, que obtivo a mellor valoración do público nos anos 2014, 2105 e 2016, e que nesta ocasión nos presenta O caso é ter saúde, para maiores de 16 anos.

Para pechar a Mostra de Teatro recibiremos a Contraproducións, compañía gañadora da valoración do público o ano pasado, coa fabulación dramática Fillos do Sol, coa que foi finalista no María Casares deste ano na categoría de mellor texto orixinal. A sinatura é de Cándido Pazó, e a inspiración, de Eduardo Pondal.

Non a perdades, esta nin ningunha! Lembrade que a partir de mañá tedes unha cita cada venres ás 20.30 horas (prégase puntualidade) no auditorio do Centro Cívico.

CARTEIS TEATRO 2018 (1)

24Out 2018

En marcha a campaña anual de vacinación contra a gripe

cartelgripe2018

Como cada ano, desde hai xa 27, a Consellería de Sanidade vén de poñer en marcha a campaña de vacinación contra a gripe. Esta enfermidade, moi frecuente a nivel mundial e que se transmite con moita facilidade, pode ser grave e incluso mortal, especialmente en grupos coma as persoas maiores, as mulleres embarazadas e aquelas persoas con condicións médicas que as predispoñen ao padecemento de complicacións por esta enfermidade. Por este motivo e co obxectivo de reducir o impacto da enfermidade, as persoas que pertenzan a colectivos de risco poden pedir cita para vacinarse ata o 28 de decembro.

A campaña vai especialmente dirixida aos seguintes colectivos:

• Persoas de 60 ou máis anos, especialmente as de 65 ou máis anos
• Persoas de calquera idade residentes en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención a crónicos)
• Mulleres embarazadas en calquera trimestre de xestación
• Persoas menores de 60 anos con patoloxías de risco
• Persoas que lles poden transmitir a gripe a persoas con alto risco de presentar complicacións como traballadores e estudantes en prácticas de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios, especialmente as que atenden a pacientes de alto risco; as persoas que traballan en institucións pechadas ou en centros de atención a enfermos crónicos e os membros da familia de persoas pertencentes a persoas de grupos de risco.
• Existen outros colectivos nos cales se recomenda a vacinación: persoas que desenvolven traballos esencias para a comunidade e os traballadores expostos directamente ás aves ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas

Se estás entre algún dos colectivos afectados solicita cita do xeito habitual (teléfono, internet …) ou no teu centro médico de referencia.

Máis información: Web da campaña de vacinación contra a gripe

17Out 2018

O Concello de Malpica recibe unha axuda para a iluminación do Centro de Interpretación do Buño Oleiro

O Concello de Malpica de Bergantiños vén de recibir nha axuda para o proxecto de “RENOVACIÓN DA ILUMINACIÓN INTERIOR PARA A MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA PARA O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DO BUÑO OLEIRO E TERRAS DE BERGANTIÑOS (CIBOTB)”, que ten un orzamento total de 43.051,87 euros.

A contía da axuda é de 33.236,04 euros. A distribución dos fondos é de 75% FEADER, 2,50% MAPA e 21,50% AGADER.

Esta axuda foi concedida ao abeiro da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020. A convocatoria á que optou o Concello de Malpica foi o da submedida 19.2 dentro das estratexias dos grupos de desenvolvemento rural (GDR 22: Costa da Morte).

O Concello vai iniciar en breve os trámites para a contratación deste proxecto, que se prevé que estea totalmente executado no primeiro trimestre do ano 2019.

CARTEL AXUDA AGADER

Página 59 de 148« Primera...102030...5758596061...708090...Última »