Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Mércores 12°
Xoves 12°
Venres 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

11Set 2019

Clausurado en Malpica o curso homologado de atención sociosanitaria a persoas dependentes

10092019 diplomas_cursos

O alcalde, Walter Pardo; a primeira tenente de alcalde e concelleira de Benestar, Tamara Torrado, e a concelleira de Igualdade, Leticia Naya, clausuraron o Curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, unha iniciativa promovida polo Concello de Malpica para formar a persoas, maioritariamente mulleres, que se atopan nun proceso de busca ou mellora de emprego, xerando novas oportunidades sociolaborais, xa que a atención sociosanitaria é un sector cunha demanda permanente de persoal titulado.

O curso constou de 450 horas de formación teórica e práctica dividida en tres módulos: atención sociosanitaria, manipulación de alimentos e primeiros auxilios, todos eles homologados pola Xunta de Galicia previo exame. O alumnado, de feito, recibiu un diploma acreditativo en cada unha desas áreas.

10Set 2019

Concello e Deputación exploran novas vías de colaboración que permitan afondar na promoción da Olería de Buño

visita deputacion

A concelleira de Olería, Leticia Naya Varela, acompañou ao deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas Corral, nunha visita ao Ecomuseo do Forno do Forte como primeiro paso de cara á apertura de novas vías de colaboración que permitan afondar na promoción da Olería de Buño como un dos eixos da promoción económica, cultural e turística do Concello de Malpica de Bergantiños, ademais de marca de identidade.

Ámbolos dous representantes das administracións local e provincial coinciden no enorme potencial da olería. Neste sentido, Penas Corral subliñou que “a artesanía é tradición, cultura e identidade, mais tamén futuro e, nese sentido, cómpre desenvolver recursos que supoñan un potencial económico para o concello”.

Nesa liña enmárcanse as accións desenvolvidas ata o momento, entre as que destacan o convenio anual entre a Deputación e o Concello de Malpica para a xestión municipal do Ecomuseo do Forno do Forte, que é de titularidade provincial, ou a subvención para a Mostra da Olería de Buño, que acada os 80.000 euros. “Desde o goberno da Deputación cremos que o patrimonio ten que estar xestionado polos propios concellos e, neste sentido, somos conscientes de que é preciso continuar na liña de colaboración desenvolvida nos últimos anos”, apuntou Xosé Lois Penas.

10Set 2019

A Axencia Enerxética Provincial da Coruña asesorará ao Concello de Malpica en materia de aforro e eficiencia enerxética

10092019 valentin_eficiencia_enerxetica

O presidente da Deputación e o alcalde de Malpica, tras a sinatura do convenio

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará o Concello de Malpica en materia de aforro e eficiencia enerxética. Así o establece o convenio asinado hoxe entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde, Walter Pardo Añón.

Os técnicos da FAEPAC realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de Malpica de Bergantiños en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado o concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.

González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do actual goberno provincial é “utilizar o coñecemento da FAEPAC para axudar os concellos a aforrar na súa factura eléctrica”, un gasto que para algúns municipios do ámbito rural supón unha das maiores partidas do seu gasto corrente.

 

6Set 2019

Os campos de fútbol de Xaviña e Pedra Queimada xa dispoñen de desfibriladores automáticos externos

Os campos de fútbol de Xaviña (Buño) e Pedra Queimada (Malpica) xa están dotados de desfibriladores automáticos externos. O alcalde, Walter Pardo, e o concelleiro de Deportes, Daniel García Reixía, entregáronllos a representantes dos equipos que utilizan estas dúas instalacións municipais.

Ademais da entrega dos equipos, o Concello de Malpica ofreceu hai uns meses a representantes dos catro clubs do concello _Malpica SCD, Buño SCD, Unión Deportiva Cerqueda e Sporting Seaia CF_ a formación precisa para poder manexar os equipos, que melloran a seguridade dos/as deportistas e dos/as usuarios/as dos campos de fútbol.

4Set 2019

Volve a actividade ao ximnasio municipal. Inscríbete!

ximnasio_municipal (1)

Xa podes inscribirte para utilizar o ximnasio municipal, que reabriu as súas portas esta semana. A cota é de 15 euros por mes, e as anotacións poden realizarse no Departamento de Deportes, onde tamén se ofrecerá todo tipo de información sobre o servizo. O ximnasio municipal de Malpica funciona de luns a venres en horario de 16.00 a 22.00.

Segundo se recolle na ordenanza reguladora do servizo, as persoas usuarias deben acatar as seguintes normas de funcionamento:

  • Por motivos hixiénicos é obrigatorio levar unha toalla para realizar os exercicios nos distintos aparatos que sexan utilizados.
  • Debe facerse un uso adecuado das máquinas, en caso de dúbida, preguntar ó persoal encargado.
  • O usuario/a deberá respectar o material da sala e colocalo non seu sitio unha vez que remate o seu uso.
  • O usuario/a debe deixar a máquina ou o aparato a utilizar entre series, de xeito que permita unha rotación a outros usuarios/as.
  • No caso de que estean persoas esperando debe respectar o tempo de limitación estipulado para as máquinas de traballo cardiovascular e musculación (sendo este nas máquinas de cardio de 30 min).
  • A capacidade máxima do ximnasio é a do mesmo número de máquinas coas que conte o ximnasio.
  • Non está permitida a entrada no ximnasio a menores de 16 anos agás estean a participar nun programa dirixido polo Concello de Malpica de Bergantiños.
  • Para ser usuario/a do ximnasio esíxese ter cumpridos os 18 anos. En caso de estar entre os 16 e 18 anos esixirase autorización por escrito dos pais ou titores.
  • Non se permite a entrada á sala con mochilas, botellas de cristal e comida.
  • Non se pode acceder á sala co mesmo calzado que se utilice para acceder dende o exterior, e deberá ser sempre calzado deportivo, non podendo realizar ningunha actividade sen camiseta.
  • A requirimento do persoal da instalación o usuario/a terá a obriga de identificarse mediante o carné.

Descarga aquí a folla de inscrición:

31Ago 2019

Entramos no último mes de prazo para participar no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas acada a súa 14ª edición convertido no único da súa temática en España. O concurso está organizado pola Asociación Cultural Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica, que financia a publicación da obra gañadora e o premio en metálico, dotado con 1.000 euros.

Co paso dos anos, o Certame de Poesía Erótica foi gañando en prestixio e participación, e nas últimas edicións móvese arredor das 20 obras a concurso. O prazo para participar está aberto ata o 30 de setembro, este ano coa novidade de que as obras deberán presentarse en formato pdf e vía correo electrónico no enderezo premio@caldeiron.org.

Nas edicións anteriores estes/as foron os títulos e os/as autores/as gañadores/as:
1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
5. “Amantes”, María Lado
6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
8. “Dominio público”, Ramón Neto
9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
13. “Marco Livornio”, Mario Regueira

Descarga aquí as bases premio illas sisargas 2019 (2 pax)

25Ago 2019

Corme e Dumbría son os equipos convidados ao VII Trofeo Solidario Os Petóns, que se disputará o sábado 31 de agosto

os_petons_2

De esquerda a dereita, Sergio Bastón, Roberto García, Daniel García, Walter Pardo, Tamara Torrado e Javier Fernández

A UD Cerqueda tennos dado sobradas mostras de que o seu traballo vai moito máis aló do deporte. Un dos exemplos é o Trofeo Solidario Os Petóns, que neste 2019 acada a súa sétima edición consolidado como unha das principais citas de toda a Costa da Morte nas que deporte e solidariedade van da man. Nesta ocasión os equipos convidados son o Corme CF e o CF Dumbría, que deste xeito contribúen a demostrar tamén que os partidos non só se xogan nos campos de fútbol.

Hoxe presentamos no salón de plenos o cartel deste VII Trofeo Solidario Os Petóns, que se disputará o sábado 31 no campo de Xaviña (Buño). No acto participaron o alcalde de Malpica, Walter Pardo; a primeira tenente de alcalde, Tamara Torrado, e o concelleiro de Deportes, Daniel García Reixía. En representación do club acudiron os capitáns, Sergio Bastón e Javier Fernández, e o presidente, Roberto García.

O alcalde agradeceu o xesto solidario da UD Cerqueda e dos outros dous equipos participantes, e destacou, así mesmo, a importancia da participación das categorías inferiores para crear conciencia tamén entre os máis pequenos. Os fondos que se recaden na xornada deportiva do vindeiro sábado irán destinados un ano máis ao banco de alimentos do Concello de Malpica.

O calendario de partidos é o seguinte:
16.00 horas: UD Cerqueda-Corme CF (infantís)
17.30 horas: UD Cerqueda-Corme CF (cadetes)
19.30 horas: UD Cerqueda-CF Dumbría (sénior)

cartel_os_petons

23Ago 2019

O Concello de Malpica habilita un aparcamento para 1.000 vehículos e un servizo de microbús durante as Festas do Mar

tirolina

Nestas Festas do Mar non haberá problemas para aparcar en Malpica, porque a Concellaría de Turismo, Festexos, Seguridade Cidadá e Tráfico vén de habilitar unha ampla zona de estacionamento nas inmediacións do campo de fútbol de Pedra Queimada con capacidade para 1.000 vehículos e con iluminación.

Este ano, ademais, e como novidade, un servizo de microbús conectará o aparcamento co centro da vila. O microbús funcionará durante a fin de semana (sábado e domingo) dende as 23.00 ata as 05.00 horas, aproximadamente, para facilitar os desprazamentos ás persoas que se acheguen a desfrutar das verbenas das Festas do Mar. O servizo será circular, polo que os desprazamentos realizaranse cada 10-15 minutos, e de balde.

O concelleiro de Turismo, Festexos, Seguridade Cidadá e Tráfico, Alfredo Cañizo, agarda que as medidas adoptadas contribúan a mellorar a mobilidade e a garantir a comodidade da multitude de persoas que se achegan durante estes días á nosa vila.

Ademais, animou a todos os visitantes a seguir desfrutando da tirolina xigante instalada no porto, que dende a Festa Galega está a ser un dos principais atractivos non só do noso concello, senón de toda a Costa da Morte. A tirolina, de 150 metros de lonxitude e 11 de altura, conseguiu no ano 2017 o récord da tirolina portátil máis longa de Europa e na actualidade é a segunda máis longa das súas características.

13Ago 2019

A Festa Galega cumpre 12 anos cun cartel de luxo e volve a vir moi ben “acompañada” pola Feira Medieval Mariñeira

Esta fin de semana a música tradicional galega volverá a inundar as rúas de Malpica, porque volve a Festa Galega para celebrar o seu 12º aniversario cun cartel de auténtico luxo. Pero non agardes ao venres para achegarte ata a nosa vila, porque o xoves 15 inauguramos a VII Feira Medieval Mariñeira, que este ano ofrécenos catro xornadas repletas de actividades. Bótalle unha ollada ao programa.

VII FEIRA MEDIEVAL MARIÑEIRAXoves 15 de agosto
11.00 h. Apertura do mercado ao público
14.30 h. A xantar!
18.00 h. O mariñeiro Grog e os músicos piratas percorren o mercado
20.00 h. Pasarrúas musical Deaki- pala
22.00 h. Brasas voadoras (pirotecnia e música en vivo)
Venres 16 de agosto
11.00 h. Apertura do mercado ao público
12.00 h. O pirata Patas Palos e os músicos Dreaki-pala percorren o mercado
13.30 h. Pasarrúas musical Dreaki-pala
14.00 h. Pasen e vexan! (malabarismos)
14.30 h. A xantar!
18.00 h. O mariñeiro Grog e os músicos piratas percorren o mercado
20.00 h. Pasarrúas musical Dreaki-pala
21.00 h. Brasas voadoras (lume e música en vivo)
Sábado 17 de agosto
11.00 h. Apertura do mercado ao público
12.00 h. O pirata Patas Palos e os músicos Dreaki-pala percorren o mercado
14.00 h. Pasen e vexan! Nacho Malabardo (malabarismos)
14.30 h. A xantar!
18.00 h. O mariñeiro Grog e os músicos piratas percorren o mercado
20.00 h. pasarrúas musical Dreaki-pala
21.00 h. Brasas voadoras (lume e música en vivo) – Nacho Malabardo e Dreaki- pala.
Domingo 18 de Agosto
11:00 h – Apertura do mercado ao público
11:30 h – Pasaxeiros ao tren! (paseos en tren polo porto, saídas dende a Casa do Pescador)
12.00 h. O pirata Patas Palos e os músicos Dreaki-pala percorren o mercado
13.30 h. Animación musical
14.00 h. Pasen e vexan Nacho Malabardo (malabarismos)
14.30 h. A xantar!
18.00 h. Pasaxeiros ao tren! (paseos en tren polo porto, saídas dende a Casa do Pescador)
O mariñeiro Grog e os músicos piratas percorren o mercado
20.00 h. Pasarrúas musical Dreaki-pala
22.00 h. Brasas voadoras (lume e música en vivo)

Este intenso programa completarase os días 16 e 17 coas actuacións da Festa Galega para ofrecerche uns días inesquecibles. Toma nota!

XII-Festa-Galega 2Venres 16 – Porto de Malpica
22.00 h. Banda de Gaitas da A. C. Malante
22.30 h. Cantareiras da A. C. Raigañas
23.00 h. Leilía
00. 15 h. Dequenvessendo
Sábado 17
12.00 h. VII Desfile de Bandas de Gaitas da A.C. Malante (sairán do Centro Cívico de Malpica)
14.00 h. Xurelada Tradicional. A C. D. A Estádiga
22.00 h. Cantareiras Meigallo da A. C. Carcaxía (no porto)
22.30 h. De Vacas (no porto)
24.00 h. Xosé Lois Romero e Aliboria (no porto)
01.30 h. Os do fondo da barra (no porto)

 

12Ago 2019

Xa podes inscribirte no Concurso de barcanas e castelos de area “Praia de Area Maior”

Xa podes inscribirte no Concurso de barcanas e castelos de area “Praia de Area Maior”, organizado pola Concellería de Cultura de Malpica e que celebrará a súa 19ª edición o 23 de agosto, coincidindo, como é tradición, co arranque das Festas do Mar. As anotacións poderán realizarse no Centro Cívico ata o día 22 e o propio día 23 ata as 11.00 horas na praia.

Haberá tres modalidades de participación: infantil (ata os 10 anos), amateur (de 10 anos en diante) e barcanas (sen límite de idade). E outorgaranse seis premios: 1º, 2º e 3º na modalidade amateur (Premios Sonpress 2019, dotados con 130, 70 e 50 euros, ademais de trofeo), premio á mellor barcana (Premio Asociación de Mulleres Redeiras Artesás Mar da Illa, consistente en trofeo), premio infantil (trofeo) e premio especial do público (Premio Asociación de Amas de Casa de Malpica, consistente en trofeo), que se elixirá mediante votación en urna de 13.00 a 13.30 horas.

As persoas participantes disporán de dúas horas para elaborar as súas creacións con area na Praia de Area Maior. O xurado, integrado por representantes do Concello de Malpica e das entidades colaboradoras, valorará a calidade artística e a orixinalidade de cada proposta segundo os criterios establecidos.

CARTEL CASTELOS AREA xullo 19

 

Página 52 de 148« Primera...102030...5051525354...607080...Última »