Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

22Out 2021

O espectáculo “Varietés Animalario” trasladarase ao auditorio do Centro Cívico de Malpica

Debido ás condicións meteorolóxicas previstas para este domingo, 24 de outubro ás 18.00 horas, o espectáculo de monicreques “Varietés Animalario” de Paporrubio -en lembranza do 88 aniversario da visitas das Misións Pedagóxicas a Malpica- cambiará de localización. A función, que ía ter lugar na rúa Eduardo Vila Fano, trasladarase ao auditorio do Centro Cívico de Malpica.

20Out 2021

O Concello programa nove funcións para veciños de todas as idades a través da XVII Mostra de Teatro

Todas as representacións realizaranse no auditorio do Centro Cívico de Malpica ás 20.30 horas

Malpica converterase, nos meses de outubro, novembro e decembro, no escenario ao que se subirán varias compañías de renome da escena galega. A través da celebración da XVII Mostra de Teatro, o Concello ofrecerá a veciños e veciñas de todas as idades, nove representacións teatrais que se levarán a cabo no auditorio do Centro Cívico do municipio ás 20.30 horas. A programación arrincará o venres, 29 de outubro, e prolongarase ata o 10 de decembro.

A Mostra dará comezo o vindeiro venres, 29 de outubro, da man de “A carreta pantasma” de Berrobambán, dirixida a público adulto. A obra preséntase como unha historia singular na que se fala da morte, do medo e da memoria.

Novembro arrincará coa representación de “Coleccionistas – A arte feita comedia” de Ainé Producións (5 novembro). Trátase dunha comedia didáctica, dunha clase de arte chea de humor na que o público asistente terá un papel do máis participativo. Unha semana despois, o 12 de novembro, a compañía Pérez&Fernández tomará o relevo con “Os nenos da varíola”,  baseada na Real expedición Filantrópica da Vacina que partiu desde o porto da Coruña o 30 de novembro de 1803. Ese día, 22 orfos e orfas conformaron unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina aos territorios de ultramar.

“Liberto”, de Rebordelos S.L. converterase na seguinte obra en subir á escena malpicá (19 de novembro). A función conta a historia de Ada, unha moza que relata, a través dun texto teatral, a experiencia máis determinante da súa vida: o nacemento de Liberto, o seu segundo fillo.

A agrupación Os Quinquilláns conquistarán ao público malpicá con “A pluma viva de Rosalía (26 de novembro), inspirada nun feito real de censura a un texto da escritora de Follas Novas. A obra arrinca coa visita sorpresa de Rosalía de Castro á imprenta de Soto e Freire, que acaba de ser atacada por un grupo de 200 seminaristas contrarios á publicación dun artigo.  Ao día seguinte,  o 27 de novembro, será a quenda de “Bravas” de Isabel Risco. Neste caso, a produción céntrase nas mulleres sen medo, naquelas que forman un valeroso clan que elas mesmas constrúen sobre os piares da rebeldía, a ilusión o inconformismo e a valentía.

Decembro chegará tamén cargado de teatro, e a primeira función terá lugar o venres, 3 de decembro, cando se interpretará “Pinocchio” de Teatro Ghazafelhos (para cativos e cativas a partir de 6 anos). Trátase dunha adaptación da obra clásica na que o protagonista é un monicreque que agocha un segredo no seu corazón. A posta en escena combina os monicreques, o teatro e a música en directo.  A temática da Mostra dará un xiro de 180º tan só un día despois, 4 de decembro, cando se interpretará a función “Crónicas dunha heterosexual insatisfeita”, de Verdeveras Expresións Artísticas en coprodución co Centro Dramático Galego. Nela convídase aos asistentes a reflexionar sobre as normas e parámetros preestablecidos que facemos propios sen sequera pensar se hai outra opción diferente.

A seguinte e última representación será o 10 de decembro coa función “Vida de cans”, a cargo de Talía Teatro. É unha comedia paródica e metafórica na que os actores se converten en tres cans. Durante a obra, os animais terán que afrontar un conflicto diferente en función da súa personalidade.

O aforo máximo en cada un dos espectáculos será de 150 persoas espectadoras. As persoas interesadas poderán reservar a súa entrada desde hoxe, mércores 20 de outubro, a través das seguintes vías: o correo auditoriodemalpica@gmail.com indicando o nome e apelidos de cada solicitante, o número de DNI se é o caso, un teléfono de contacto e os espectáculos nos que desexa realizar a reserva. 

15Out 2021

Unha ducia de bandas participará no concerto benéfico ‘Isla Bonita’ que organiza o Concello de Malpica e a Asociación Salitre

Unha ducia de bandas de Malpica e doutras zonas da provincia da Coruña xa confirmaron a súa participación no concerto benéfico ‘Isla Bonita’ que organiza o Concello de Malpica en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Salitre. O evento terá lugar o vindeiro 23 de outubro a partir das 16:00 horas no aparcadoiro de Canido.

A celebración deste festival solidario ten como obxectivo recadar fondos para colaborar cos afectados pola erupción volcánica da illa de La Palma. Entre os grupos e artistas convidados atópanse o Mago Carlangas, Meigallo da ACD Carcaxía, Gaiteiros da AC Malante, Salitre no Pupitre, Xurxo Souto, O Pau Ke Vira, Juampiños, Improvisóns, Cantareiras da AC Raigañas, Las Antonias, Amenaza de Muerte e DJ SIL.

O aforo estará limitado e será necesario confirmar a asistencia de xeito previo enviando un correo electrónico a salitremalpica@gmail.com indicando nome e apelidos de cada solicitante ademais dun teléfono de contacto.

A concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, lembrou que, con esta actividade, “Malpica pretende aportar un pequeno grao de area co que facilitar a recuperación económica nunha situación dramática para centenares de familias”. “A entrada en actividade do volcán Cumbre Vieja provocou a destrución de vivendas, edificios e plantacións, forzando o desprazamento das persoas residentes e tamén de moitos animais salvaxes e domésticos”, lembrou.

Neste sentido, a concelleira lembrou que “o proxecto pretende contribuír á mellora da atención aos animais desprazados polos efectos derivados da actividade volcánica e a evacuación da poboación”.

13Out 2021

Curso de Alternativas de Xestión ao Minifundio Forestal

O Concello de Malpica, xunto co Grupo de Desenvolvemento Local (GDR) da Costa da Morte, organiza un Curso de formación de “Alternativas de xestión ao minifundio forestal” de 44 horas lectivas, que terán lugar en Buño, nas instalacións do antigo Centro Comarcal (actualmente Centro de Artesanía e Tradición – CAT).

O curso terá lugar dos días 27 de outubro ao 6 de novembro de 2021, en horario de 10:00 a 14:00 horas no antigo Centro Comarcal de Bergantiños (Lugar A Camposa, s/n – 15111 Buño – Malpica de Bergantiños).

Tamen se farán viaxes prácticas os días 30 de outubro e 6 de novembro de 2021, en horario de 09:00 a 21:00 horas (a fin de coñecer outras experiencias dos aproveitamentos forestal froiteiro – castaña e de mazá e arándanos).

Este curso está destinado ás persoas vinculadas profesionalmente aos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira ou con expectativas de incorporación a estes sectores, en especial aos mozos e mozas do medio rural.

Para reservar praza poden facelo, adxuntando o formulario cuberto, no seguinte enderezo: gdrcostadamorte@gdrcostadamorte.com ou informacion@foresin.es. Tamén chamando ao teléfono: 981-717358 (GDR COSTA DA MORTE).

11Out 2021

Malpica rememora as Misións Pedagóxicas do 1933 cunha mostra fotográfica e un espectáculo de monicreques

O departamento de Cultura do Concello de Malpica, dentro da programación da Rede Cultural 2021 da Deputación da Coruña, rememorará as Misións Pedagóxicas do 1933 cunha mostra fotográfica e un espectáculo de monicreques. Conmemoraranse así as históricas representacións de José Val de Omar, Ramón Naya, Fernández Mazas, Miguel Prieto, Urbano Lugrís e Rafael Dieste.

O 20 de outubro de 2021 cúmprense 88 anos desde que o público malpicán puido gozar dunha serie de actividades con monicreques que acabarían percorrendo toda España co obxectivo de achegar a cultura a toda a poboación.

Deste xeito, o Fondo Lugrís do Centro Cívico será o escenario dunha mostra fotográfica das Misións Pedagóxicas do 1933 que estará aberta ao público desde o 18 ao 31 de outubro.

Ademais, o 24 de outubro ás 18:00 horas terá lugar o espectáculo ‘Varietés do Animalario’ da compañía teatral Paporrubio na praza Anselmo Villar Amigo. Trátase dunha actuación familiar, adecuada para nenas e nenos a partir de 3 anos,.

Será necesario inscribirse previamente para esta actividade, que contará cun aforo máximo de 100 persoas. Poderán reservarse asentos a partir do 15 de outubro enviando un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es indicando nome e apelidos, DNI e teléfono de contacto. Cada persoa poderá solicitar ata catro asentos. A concelleira de Cultura, Noelia Freijeiro, destacou a importancia “dunha conmemoración histórica non só para Malpica, senón para todo o país”. “A través desta programación queremos facer un tributo a unha iniciativa pioneira que sentou as bases para o proceso de alfabetización de toda a sociedade”, engadiu.

6Out 2021

Malpica acollerá a cuarta edición do Memorial Ángel Rubio de xadrez, que repartirá 800 euros en premios

Malpica acollerá o vindeiro sábado 9 de outubro a IV edición do Memorial Ángel Rubio de xadrez. A proba repartirá 800 euros en premios e é valedora para o V Circuíto de Xadrez Deputación da Coruña 2021.

Esta competición anual está coordinada polo Club Xadrez Guillán, organizada polo Club Xadrez Arteixo e patrocinada polo Concello de Malpica coa colaboración da Deputación, a Asociación de Olería de Buño e Frutas Fondo.

A proba terá lugar no pavillón municipal de Malpica e comezará ás 16:00 horas coa primeira rolda. O acto de clausura e de entrega de premios está previsto para as 21:00 horas.

As inscricións poden realizarse ata o venres 8 de outubro chamando ao 617 23 43 93 ou enviando un correo a pokeryajedrez@gmail.com. Os prezos son de 8 euros na categoría xeral, 5 euros en sub-16 e gratuíto para GM-MI e competidores locais.

As bases da competición están dispoñibles na páxina web http://www.pokeryajedrez.com/iv-concello-de-malpica/.

30Set 2021

O Concello de Malpica aposta polos ámbitos sociais e o crecemento económico co seu novo organigrama de goberno

O Concello de Malpica aprobou na sesión plenaria deste xoves, 30 de setembro, un novo organigrama de goberno que aposta polos ámbitos sociais e o crecemento económico e que consta de sete Concellerías.

Eduardo Parga queda ao cargo da alcaldía e da carteira de Urbanismo. Pola súa banda, Alfredo Cañizo está ao fronte da Concellería de Servizos, Seguridade Cidadá, Tráfico, Medio Rural, Mar, Turismo e Festexos, ademais da primeira tenencia de alcaldía. Miguel Ángel Fernández Miras leva a Concellería de Obras e Medio Ambiente, así como a segunda tenencia de alcaldía.

A Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Olería queda nas mans de Marisol Blanco Gorín, que tamén asume a terceira tenencia de alcaldía. A cuarta tenencia de alcaldía será de Noelia Freijeiro Novo, así como a Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes.

Pilar Doldán Pose pasa a ser concelleira de Promoción Económica, Emprego e Comercio. Finalmente, Fernando Rodríguez Baldomir asume as carteiras de Mocidade e Novas Tecnoloxías.

29Set 2021

O Concello de Malpica de Bergantiños, en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Salitre Malpica, impulsa a celebración do Concerto Benéfico Isla Bonita

O Concello de Malpica, en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Salitre, impulsan a celebración do concerto benéfico ‘Isla Bonita’ para recadar fondos cos que colaborar cos afectados pola erupción volcánica da illa de La Palma. Está previsto que a cita teña lugar o vindeiro 23 de outubro en Canido.

A entrada en actividade do volcán Cumbre Vieja provocou a destrución de vivendas, edificios e plantacións, forzando o desprazamento das persoas residentes e tamén de moitos animais salvaxes e domésticos.

Co obxectivo de colaborar e facilitar na adaptación a esta situación, o Concello e a Asociación Salitre contactarán nos vindeiros días con máis agrupacións malpicás, con grupos musicais e con establecementos comerciais e hostaleiros para implicar ao maior número de persoas posibles.

O proxecto pretende contribuír á mellora da atención aos animais desprazados polos efectos derivados da actividade volcánica e a evacuación da poboación. Irase actualizando información nos vindeiros días.

22Set 2021

Malpica abre as inscricións para a EMEF, os cursos de ximnasia terapéutica, pilates, baile moderno e aerobic

O Concello de Malpica acaba de abrir as convocatorias para inscribirse nas actividades da Escola Municipal de Educación Física (EMEF), así como nos cursos de ximnasia terapéutica, pilates, baile moderno e aerobic.

No caso da EMEF e ximnasia terapéutica, a tempada 2021/22 comezará a partir do 1 de outubro. As clases de ximnasia impartiranse os mércores e os venres en Buño (de 10:15 a 11:00 horas) e en Malpica (de 11:15 a 12:00 horas).

En canto a pilates, baile moderno e aerobic, os cursos iniciaranse a partir do 5 de outubro. As sesións de baile moderno e aerobic están destinadas para persoas maiores de 16 anos e terán lugar no pavillón deportivo. Serán os martes e os xoves de 20:05 a 21:00 horas.

O pavillón deportivo será tamén o escenario das clases de pilates, que se distribuirán en catro grupos con sesións os martes de 18:05 a 19:00 horas e de 19:05 a 20:00 horas e os xoves neses mesmos horarios.

As inscricións poderanse realizar de xeito presencial na Casa do Concello. Para máis información está dispoñible o teléfono 981 72 00 01.

16Set 2021

A rapazada malpicá poderá gozar dunha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’ dende o 24 de setembro ata o 15 de outubro

O Concello de Malpica, a través do departamento de Cultura, organiza este outono unha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’, un ciclo de citas con contacontos e compañías de teatro destinado á rapazada do municipio. Nestas actividades colabora a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o seu programa Ler Conta Moito.

Todos os venres ás 18:00 horas dende o 24 de setembro e ata o 15 de outubro (ambos incluídos), a biblioteca Eduardo Blanco Amor acollerá unha serie de actuacións coas que educar aos máis pequenos da casa dentro dos valores da cultura e da narración oral.

O 24 de setembro dará comezo o programa con ‘O arquivo do Chibo’, do grupo Os Contos de Pablísimo, unha fabulación arredor do conto clásico cun público obxectivo entre os 4 e os 9 anos.

A seguinte actuación, o 1 de outubro, será ‘A caixa sen Pandora’, de Teatro de Ghazafelhos, unha historia accesible para nenas e nenos a partir de 4 anos na que se achega á rapazada a loita das mulleres pola igualdade.

O 8 de outubro está programada a actuación ‘Aldara na montaña’, de Soraya Lema, adecuada para público de entre 3 e 11 anos. Aldara, a protagonista desta historia, narra de xeito musical as súas andanzas polos montes dos Penedos de Pasarela e Traba.

Finalmente, o 15 de outubro rematan as ‘Tardes na biblioteca’ deste outono con ‘Entre bechos anda o conto’ da compañía Galeatro. Esta sesión de narración oral está destinada para rapazas e rapaces a partir de 5 anos.

Lembramos que esta programación seguirá todas as normativas sanitarias vixentes co obxectivo de reducir ao máximo posible os contaxios por covid-19. O aforo máximo será de 15 persoas por actuación, un número suxeito a variacións en función da evolución da pandemia. Será necesario inscribirse previamente enviando un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es onde se indique nome completo, DNI e un teléfono de contacto.

Página 36 de 148« Primera...102030...3435363738...506070...Última »