Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas

Novas

5Ago 2015

Presentados o cartel e o trofeo da Travesía a Nado Sisargas-Malpica

O gañador será agasallado cunha réplica da escultura que preside o porto, realizada polo artista Miguel Couto e inspirada no cadro da balea de Urbano Lugrís
540-f-foto

Xa está todo a punto para a 6ª edición da Travesía a Nado Sisargas-Malpica, que se celebrará o domingo 9. Hoxe tivo lugar a presentación do cartel e do trofeo, unha réplica da escultura que preside o porto malpicán, realizada polo escultor Miguel Couto e inspirada no cadro da balea de Lugrís que se conserva na Casa do Pescador. O trofeo, que se entregará a partir de agora en todas as edicións da travesía, leva gravados os nomes dos gañadores da proba deportiva dende Domingo Suárez, o primeiro nadador que realizou a travesía en solitario no ano 1933. No acto de presentación participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín; o de Seguridade, Miguel Fernández; o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño, e o patrón maior da Confraría de Pescadores, Pedro Pérez.

 

A Travesía a Nado Sisargas-Malpica xa é unha proba de referencia en Galicia, e proba dilo é que o mesmo día no que se abriu o prazo de inscrición recibíronse máis de 250 solicitudes. Sen embargo, só puideron ser admitidos 150 por motivos de seguridade. Este é, de feito, un dos aspectos claves na organización da travesía, no que cobra especial importancia o traballo de coordinación que desenvolve Protección Civil. O dispositivo de seguridade estará integrado por máis de corenta persoas, tanto dende o mar coma dende terra, e que estarán apoiados por un grupo de kayaks que acompañarán aos nadadores.

 

O programa do domingo comezará ás 09.30 horas cunha charla de Miguel Álvarez Vila, que ofrecerá aos participantes uns consellos sobre seguridade en mar aberto e coordinará o dispositivo. Ás 10.00 comezará a entrega de gorros na lonxa do porto, no que se habilitará unha zona de aparcamento para os nadadores, e as 10.30 embarcarán rumbo ás Sisargas. A travesía comezará ás 11.00. Entre os participantes estarán os gañadores das tres últimas edicións. Unha das novidades é a implantación do sistema de chip para a cronometraxe dos deportistas.

 

5Ago 2015

O concelleiro de Deportes entregou hoxe as súas equipacións aos máis pequenos da liga de fútbol praia

Máis de sesenta nenos e nenas de 7 a 15 anos participan na actividade
540-f-foto

O concelleiro de Deportes de Malpica, Iago Espasandín, entregou hoxe as súas equipacións aos benxamíns da liga de fútbol praia e fútbol sala, que se disputa ao longo de todo o mes de agosto na praia de Area Maior. Na actividade, incluída no programa deportivo deseñado pola Concellería de Deportes para o verán, participan máis de sesenta nenos e nenas de 7 a 15 anos, que se reúnen a diario na praia ou no polideportivo, en función das mareas, para practicar o seu deporte favorito.

 

Ao longo do mes de agosto, organizados polo Club Náutico de Malpica, tamén se desenvolverán cursos de kayak para nenos e nenas maiores de 5 anos e que saiban nadar. Así mesmo, do 25 ao 28 de agosto terán lugar os cursos de iniciación e perfeccionamento de surf, os primeiros polas mañás e os segundos polas tardes. En cada un deles hai 30 prazas, e o prazo de inscrición remata hoxe.

 

4Ago 2015

A Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega tomarán o relevo cultural nun mes de agosto espectacular en Malpica

Milladoiro, Radio Cos e Samarúas serán os pratos fortes da fin de semana musical
540-f-foto

Agosto é o mes de Malpica de Bergantiños. En plena celebración da Mostra da Olería de Buño, organizada este ano man a man entre o Concello de Malpica e a Asociación Oleira, a Concellería de Cultura e Turismo non quere que o ambiente decaia a partir da súa clausura, o vindeiro domingo 9. Por iso o departamento que dirixe Noelia Freijeiro ten preparado un interesante programa de actividades para a segunda quincena que arrincará o día 14 coa IV Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega.

 

Este ano os pratos fortes da Festa Galega, pola que en cada edición pasa o mellor do folk galego, serán Milladoiro, Radio Cos e Samarúas, que actuarán o sábado 15. Pero os concertos xa comezarán o venres ás 22.00 horas con tres agrupacións locais: a Banda de Gaitas da AC Malante, as cantareiras da AC Raigañas e o grupo Fol de Veneno. O día forte será o sábado e arrincará ás 19.15 horas co Desfile da Banda de Gaitas da AC Malante dende o Centro Cívico ata o porto, onde continuará a festa coa Banda de Gaitas da Agrupación Folclórica de San Xiao do Trebo (Cariño), a Banda de Gaitas Abelleira (Ponferrada) e a anfitrioa. Samarúas subirá ao escenario ás 22 horas, e despois farano Milladoiro (23.30) e Radio Cos (01.15).

 

A Feira Medieval Mariñeira tamén botará a andar o venres, pero ás 11 horas. Os postos, arredor de trinta, estarán ubicados ao longo da rúa Eduardo Vila Fano, decorados e ambientados dacordo coa temática do mercado. Pero ademais das casetas de venda de produtos gastronómicos de todo tipo, xogos tradicionais, produtos cosméticos, artesanía en coiro e madeira, xoiería… e moitos máis, os visitantes poderán desfrutar de paseos en poni, espectáculos de zancudos e música en vivo, e obradoiros para os máis pequenos.

 

3Ago 2015

A Croa do Castro estreouse con numerosas visitas guiadas para turistas

O programa de visitas estaba incluído na Mostra da Olería 2015
540-f-foto

O pasado sábado, a Croa do Castro de Cerqueda acolleu un programa de visitas guiadas en horario de mañá e tarde. Os primeiros grupos viñan na viaxe en tren desde Malpica de Bergantiños en horarios de 11 e 18 h. As outras dúas sesións, foron a partir de 11.45 e 18.45 dentro da actividade Croa Aberta. As visitas foron monitorizadas por Xosé Manuel Varela Varela, asesor en documentación local para o proxecto Croa do Castro de Cerqueda.

 

Ó longo das catro sesións de visitas guiadas acudiron a este recinto da Idade de Ferro unhas 73 persoas. Fundamentalmente foron grupos de pais con fillos e todas eran de orixe galega. Os visitantes de orixe máis distante eran da provincia de Lugo. Os máis próximos eran de Malpica, Ponteceso, Carballo e Coristanco.

 

Entre as percepcións que amosaron os visitantes foi a grandeza do xacemento así como a súa situación estratéxica que lle permite ter unha ampla visión panorámica desde o contorno e coa cal se domina gran parte da comarca de Bergantiños (terras de Malpica, Carballo, Ponteceso e Cabana) e se albiscan as terras de Soneira. Outras curiosidades que preguntaban era saber a titularidade da parcela e se neste castro viviran os celtas.

 

Os visitantes foron informados ademais das lendas que aínda perviven na memoria oral dos habitantes de Cerqueda e da rede de castros que, non moi distantes, serían as aldeas que poboaban as hoxe parroquias de Cerqueda, Cambre e Malpica.

 

2Ago 2015

Exitosa experiencia de colaboración na Cocedura Tradicional entre a Fundación Terra Termarum e o Forno do Forte

Centos de persoas pasaron esta fin de semana polo ecomuseo de Buño
540-f-foto

Onte pola mañá non se escoitaba un chío no Forno do Forte. A expectación ante o inicio do longo e laborioso proceso da Cocedura Tracicional era enorme, e o público, moi numeroso, non quería perder detalle. Se o ano pasado se fixeron probas introducindo por primeira vez no forno pezas coma os botixos de rosca, este ano o experimento consistiu en introducir pezas de cerámica de Castro Landín, onde a Fundación Terra Termarum utiliza unha técnica moi diferente de cocción, en forno aberto. Para coñecer o resultado houbo que agardar ata hoxe. E foi un éxito. As catro primeiras pezas saíron ?perfectas?, comentou o xerente do ecomuseo, Paco Doval, que se amosaba satisfeito, ilusionado e ansioso de que avanzase o proceso de desenfornado para comprobar que a quinta e última peza de cerámica Castro Landín tamén estaba perfectamente cocida. A partir de agora iniciarase unha nova fase nesta experiencia de colaboración entre a Fundación Terra Termarum e o Forno do Forte para analizar as coceduras realizadas na Semana Santa e esta fin de semana, en distintos tipos de forno e con resultados diferentes.

 

Aínda que sempre hai novidades na Cocedura Tradicional, outras cousas non cambian, coma a presenza do oleiro Antonio Pereira, O Rulo, á fronte do equipo de traballo que dedica toda unha fin de semana a revivir unha das nosas tradicións máis arraigadas. Despois de traballar durante toda a mañá do sábado, arredor das 16 horas, co forno xa cargado, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e a concelleira de Educación, Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, prenderon o lume. E durante toda a tarde os atizadores encargáronse de manter a temperatura arredor dos 1.000 graos que se precisan para que as pezas queden ben cocidas. A xornada rematou coa Festa da Carroa, aproveitando as brasas para preparar un bo churrasco que serviu de escusa para comentar as anécdotas da xornada antes de dar renda solta á diversión coa música do grupo Fol de Veneno.

 

 

Horarios do Forno do Forte

O Forno do Forte é un dos principais escenarios da XXXII Mostra da Olería de Buño. Ata o día 9 está aberto de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e o resto do verán tamén poderá visitarse de martes a sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 e os domingos de 10.00 a 14.00 horas.

 

1Ago 2015

A UD Cerqueda convértese no primeiro club galego que leva o nome do castro da súa parroquia na camiseta

O Concello de Malpica destaca a implicación do equipo de fútbol e do resto de entidades de Cerqueda no proxecto de recuperación da Croa do Castro
540-f-foto

A UD Cerqueda convértese no primeiro equipo de fútbol galego que leva na camiseta o nome do castro da súa parroquia. Esa curiosidade desvelouna Manuel Gago, coordinador do proxecto de recuperación da Croa do Castro, no acto de presentación oficial da camiseta. Como non podía ser doutro xeito, o escenario foi o propio castro, no que se reuniron representantes de todas as entidades da parroquia de Cerqueda e do Concello de Malpica. O alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Iago Espasandín, Marisol Blanco e Noelia Freijeiro quixeron apoiar a iniciativa da UD Cerqueda e destacaron a implicación do equipo de fútbol e do resto de entidades da parroquia na divulgación do proxecto da Croa do Castro.

 

A UD Cerqueda estivo representada polo seu presidente, Roberto García; polo directivo Alberto Pose e polo capitán, Daniel García Reigía. Pero tamén participaron no acto a asociación de veciños Monte d?Arxa, a cultural Raigañas, a cabalar Os Veteranos, a ciclista Castro da Croa e a comisión de festas.

 

A UD Cerqueda debutará na 2ª Autonómica cunha camiseta na que pode lerse na parte traseira «A Croa do Castro de Cerqueda». Isto terá un gran impacto de divulgación non só nos campos de fútbol nos que xogue o equipo, senón que tamén terá eco en todos os sectores que rodean este deporte, tal como destacou Xosé Manuel Varela, representante da AVV Monte d?Arxa, e guía dos visitantes que se desprazaron hoxe ata a Croa do Castro aproveitando as viaxes do tren turístico dende Malpica e Buño. Esta iniciativa do Concello de Malpica, incluída no programa da XXXII Mostra da Olería de Buño, contribúe tamén a dar a coñecer o xacemento e as lendas que o envolven entre veciñanza e visitantes.

 

31Xul 2015

A Fundación Terra Termarum participará con varias pezas castrexas na Cocedura Tradicional no Forno do Forte

Mañá sábado repetirase por 17º ano consecutivo, coincidindo coa Mostra da Olería de Buño, o proceso centenario de cocción do barro
540-f-foto

Malia a súa antigüidade, a Cocedura Tradicional non deixa de sorprender a todas as persoas que se achegan cada mes de agosto ata o Ecomuseo do Forno do Forte. Ese proceso centenario repetirase mañá sábado, por 17º ano consecutivo, coincidindo coa Mostra da Olería de Buño. Pero este ano haberá un motivo máis para a sorpresa, xa que por primeira vez participará na Cocedura a Fundación Terra Termarum de Castro Landín (Cuntis). “Van traer pezas representativas da cerámica castrexa para cocelas nun forno tradicional de Buño, de tecnoloxía romana e que se mantivo ata os anos 60-70 do século pasado”, explica o xerente do ecomuseo, Paco Doval. Deste xeito darase un paso máis na cocedura experimental que se levou a cabo na Semana Santa. Naquela ocasión cocéronse varias pezas de Buño en forno aberto, que é a técnica que utilizan en Cuntis, e agora serán as pezas da localidade pontevedresa as que se cozan ao estilo da parroquia malpicá. Paco Doval explicou que os resultados daquela primeira experiencia compararanse cos de mañá, o que permitirá seguir afondando nas semellanzas e nas diferenzas entre as dúas artesanías e que se sigan estreitando lazos entre as dúas vilas oleiras.

 

A Cocedura Tradicional comezará ás 11.00 horas coa carga do forno. Olas, ánforas, porróns… Entre 1.500 e 2.000 pezas serán colocadas con sumo coidado no Forno do Forte o sábado pola mañá. Unha vez cargado o forno, a bóveda será tapada con “cachos”, que axudan a manter a calor. O prendido será ás 16.00 horas, e nese momento entrará en escena a muller dos fumes para alimentar o forno con toxo ata que acade a temperatura idónea, que se sitúa arredor dos 1.000 graos. E despois será a quenda dos atizadores, que terán a misión de manter a temperatura ata que remate a cocción, unhas catro horas despois. A calor acumulada aproveitarase para asar a carne, que se servirá acompañada con pan e viño na Festa da Carroa, a partir das 21.00 horas. De feito, a cocedura nestes fornos comunitarios era, antigamente, unha festa, que este ano inclúe a actuación do grupo Fol de Veneno.

 

A descarga do forno será o domingo a partir das 11.00 horas. As pezas serán comercializadas cunha etiqueta na que se garante que foi elaborada de forma artesanal.

 

31Xul 2015

Tren turístico e visitas guiadas á Croa do Castro, que se unirá mañá sábado aos escenarios da Mostra da Olería

540-f-foto

Este ano a Mostra da Olería ten un novo escenario: a Croa do Castro. O xacemento da parroquia de Cerqueda únese mañá sábado á festa anual de exaltación da nosa artesanía cun programa propio de actividades que inclúe rutas en tren turístico e visitas guiadas. O tren sairá de Malpica (Bar Panchito) ás 11.00, 12.30, 18.00 e 19.30 horas e de Buño ás 12.00 e 13.30. As viaxes das 11.00 e 18.00 horas incluirán visitas guiadas. Pero non serán as únicas. Dentro do programa “Croa Aberta” tamén se levarán a cabo percorridos guiados ás 11.45, 12.45, 18.45 e 19.45 horas.

 

Pero a Croa do Castro será tamén mañá punto de encontro deportivo, xa que ás 13.45 horas terá lugar no propio xacecemento a presentación da camiseta do equipo de fútbol de Cerqueda, un acto ao que asistirán o alcalde, Eduardo Parga, e os concelleiros Miguel Fernández, Noelia Freijeiro e Iago Espasandín, en representación do Concello de Malpica; así coma o presidente da UD Cerqueda, Roberto García, o directivo Alberto Pose e o capitán, Daniel García Reigía. Pero ademais estarán representadas todas as entidades da parroquia, de xeito que asistirán Manuel Chouciño e Xosé Manuel Varela, da AVV Monte d’Arxa; Begoña Gómez, da AC Raigañas; José María Auñón, da Asociación Cabalar Os Veteranos; José Manuel Blanco, da comisión de festas, e José Julián Martínez, do club ciclista Castro da Croa. O equipo técnico do proxecto de posta en valor do xacecemento estará representado por Manuel Gago.

30Xul 2015

Dez mozos e mozas voluntarios traballarán en proxectos culturais en Malpica ao longo do mes de agosto

“O verán do voluntariado no programa cultural e deportivo” é unha iniciativa promovida conxuntamente co Concello de Cabana
540-f-foto

“O verán do voluntariado no programa cultural e deportivo” é unha iniciativa conxunta dos concellos de Cabana e Malpica de Bergantiños na que están implicados en total unha vintena de mozas e mozos. Dez deles traballarán ao longo de todo o mes de agosto en Malpica, en programas coma Pintar na Rúa ou Noites na Vila, actividades coma a Festa Galega ou servizos culturais coma a biblioteca, entre outros.

 

Na presentación conxunta participaron os alcaldes dos dous concellos, o malpicán Eduardo Parga e o cabanés José Muíño; os técnicos responsables do programa, Antón Noceda en Malpica e Martín Martínez en Cabana, e o equipo de voluntariado. A iniciativa desenvolverase ao abeiro do servizo de Voluntariado Xuvenil 2015 da Consellería de Traballo e Benestar, que este ano ten un orzamento de 500.000 euros e que permite incorporar a un total de 830 mozos e mozas como voluntarios a través de concellos e entidades de toda Galicia. 

Página 103 de 148« Primera...102030...101102103104105...110120130...Última »