gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 23°
17°
Luns 19°
17°
Martes 20°
17°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Buño reivindica a fortaleza da súa olería para afrontar os retos dos novos tempos

1Ago 2019

Buño reivindica a fortaleza da súa olería para afrontar os retos dos novos tempos

IMG_0026

O grupo de gaitas de Malante puxo a banda sonora do acto inaugural da 36ª Mostra da Olería de Buño, que durante catro días converterase no escaparate da nosa artesanía. Pero, aínda que ten un fin comercial, a feira pretende ir máis alá, e reivindicar a fortaleza da Olería de Buño para afrontar os retos que presentan os novos tempos. Retos aos que, dun xeito ou doutro, se referiron todas as autoridades que interviñeron no evento.

Alfredo Cañizo, concelleiro de Turismo; Leticia Naya, concelleira de Olería; Pilar López-Rioboo, subdelegada do Goberno; Sol Vázquez, directora xeral de Comercio e Consumo; Xosé Regueira, presidente en funcións da Deputación da Coruña, e Walter Pardo, alcalde de Malpica, coincidiron en lanzar unha mensaxe de apoio á olería ante eses novos retos e de compromiso das administracións ás que representan para garantir o futuro do principal pobo oleiro do noroeste peninsular, como recalcou o alcalde.

Nese sentido, a subdelegada do Goberno na Coruña agradeceu aos oleiros e ás oleiras de Buño “a súa defensa do patrimonio cultural galego”, un patrimonio que, en palabras de Xosé Regueira, debe estar presente nas casas, nos restaurantes ou nos petos dos nenos, “en todos os escenarios nos que nos movemos”. O vicepresidente da Deputación, que hoxe exercía como presidente en funcións, apelou á necesidade de apostar pola olería “como sector económico de futuro” e destacou o apoio da Deputación, que se materializa, por exemplo, no convenio para o mantemento do Ecomuseo do Forno do Forte ou nos 80.000 euros que achega para a Mostra da Olería.

IMG_0105

Walter Pardo destacou que, malia manter “o liderado dentro das vilas oleiras”, o futuro do Buño oleiro “está ameazado pola falta de relevo xeracional”, polo que urxe actuar en varias frontes: en primeiro lugar, “garantindo a preservación do legado de coñecementos centenarios da comunidade oleira”; en segundo lugar, “fomentando a formación de novos oleiros e oleiras”, e, por último, “potenciando canles axeitadas de comercialización”. Son tres obxectivos que requiren un traballo inxente, pero que, segundo manifestou o alcalde, comezando “xa”, dotándonos dunha “visión estratéxica” e conseguindo a unión entre o sector e as administracións, será posible.

Despois das intervencións, que tiveron lugar na carpa do parque dedicado a Luciano García Alén, representado un ano máis pola súa viúva e a súa filla, as autoridades fixeron un percorrido polos postos de venda, situados por segundo ano na rúa, e remataron a xornada no Ecomuseo do Forno do Forte, que ademais de acoller unha exposición de novas pezas dos oleiros e as oleiras, esta fin de semana será o escenario dunha nova Cocedura Tradicional.