Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 17°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. Actas de Plenos e Xuntas
  3. BASES ‘A RÚA DOS CONTOS’

24Abr 2020

BASES ‘A RÚA DOS CONTOS’

O Concello de Malpica de Bergantiños proponse crear unha Rúa dos Contos. Con este obxectivo convoca á cidadanía a un proceso participativo para impulsar esta iniciativa. A Rúa dos Contos constará, inicialmente, de seis microrrelatos, tres deles seleccionaranse polo xurado regulado nas Bases para a participación na Rúa dos contos e outros tres serán directamente seleccionados polo público a través do perfil de facebook do Concello de Malpica (https://www.facebook.com/concellodemalpica/).
Finalizado o proceso participativo, o Concello de Malpica, a través da Concellaría de Cultura, Igualdade, Olería e Patrimonio determinará a rúa na que se instalarán estas obras impresas en pezas de barro de Buño.
1) Participantes:
a) Poderán participar todas as persoas que o desexen, calquera que sexa a súa nacionalidade.
2) Textos:
a) Os textos deberán estar escritos en lingua galega.
b) A temática dos relatos da Rúa dos contos versará sobre o que pasará cando isto remate (pandemia, confinamento).
c) Cada persoa só poderá facer unha proposta de relato para incluír na Rúa dos contos.
d) Os relatos da Rúa dos contos terán unha extensión, mínima de 50 palabras e máxima de 75 sen contar o título.
e) As obras que se presenten deberán ser orixinais que non se tivesen publicado en ningún formato.
3) Categorías:
Establécense tres categorías:
  • Infantil: ata 11 anos.
  • Xuvenil: de 12 a 17 anos.
  • Adultas/os: de 18 anos en adiante.
4) Prazo de presentación:
O prazo para a presentación dos textos estará aberto dende ás 00.01 horas do 23 de abril, día internacional do libro, ata ás 23.59 h. do 13 de maio de 2020.
5) Envío dos textos:
a) Os textos enviaranse por correo electrónico ao enderezo educacionecultura.malpica@gmail.com.
b) No correo deber figurar como asunto: “Rúa dos contos infantil/xuvenil/adultos” (segundo a categoría que corresponda), e acompañarase de dous documentos (A e B) en formato .doc, .docx ou .odt.:
Documento A. Nomearase do seguinte xeito: “Documento A: Relato”. Conterá o título e o texto do relato sen sinatura.
Documento B. Nomearase do seguinte xeito: “Documento B: Título do relato”. Conterá o título do relato, e os datos da persoa concursante: nome e apelidos, DNI, enderezo postal, correo electrónico e número de teléfono.
c) No caso de que a persoa concursante sexa menor de idade, xuntarase a maiores unha autorización asinada pola nai, o pai ou a/o titora/r legal cos seus datos correspondentes.
d) Os textos recibidos sen identificación ou con identificación incompleta quedarán automaticamente excluídos do concurso.
6) Xurado:
a) O xurado estará composto por presidencia, primeira/o vogal, segunda/o vogal e a secretaría, está última sen voto. Se convocará a instancias da Presidencia, en sesión única, e poderá constituírse sempre que estean presentes a metade máis un das/os súas/seus membros. As decisións do xurado serán aprobadas por maioría simple dos presentes.
b) O xurado será nomeado por Resolución de Alcaldía a proposta da Concellaría de Cultura, Igualdade, Olería e Patrimonio, preferiblemente de entre escritoras/es, agás a Secretaría que se escollerá de entre as/os funcionarias/os do Concello de Malpica de Bergantiños.
c) O xurado terá facultades plenas para seleccionar 3 obras, unha por categoría e a súa decisión será inapelable. Poderá declarar deserta algunha das categorías se así o considera. A composición do xurado farase pública no momento que se produza a resolución das obras seleccionadas.
d) O xurado reserva para si o dereito a non admitir aqueles relatos que atenten contra os dereitos á intimidade, á honra e á propia imaxe de terceiros ou que conteñan, connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias, comentarios obscenos, difamatorios ou calquera outros que atenten contra a dignidade e/ou a orde pública.
7) Publicación dos relatos:
a) Os dereitos de publicación das obras seleccionadas corresponden á/ao autora/r agás a publicación nas redes sociais do Concello de Malpica de Bergantiños que se realicen como consecuencia do procedemento recollido nestas Bases, a primeira edición, en formato papel, que será propiedade do Concello de Malpica de Bergantiños e a publicación na Rúa dos contos que terá carácter permanente.
b) Todos os textos que se presenten a esta convocatoria publicaranse no perfil da facebook do Concello de Malpica de Bergantiños (https://www.facebook.com/concellodemalpica/) ás 24 horas da súa recepción.
c) As tres obras seleccionadas polo xurado e as tres seleccionadas polo público editaranse sobre pezas de barro de Buño, na rúa que determine o Concello de Malpica.
d) Así mesmo, o Concello de Malpica reservarase os dereitos da primeira edición en papel das seis obras seleccionadas. O Concello de Malpica disporá do prazo dun ano, a partir da data en que se fagan públicas, para realizar a primeira edición. Transcorrido ese prazo eses dereitos corresponderán ás/aos autoras/es.
e) Coa participación nesta convocatoria, as/os autoras/es autorizan ao Concello de Malpica de Bergantiños, sen contraprestación algunha e de xeito expreso, a reproducir (total ou parcialmente), comunicar publicamente (total ou parcialmente) e distribuír (total ou parcialmente) os seus relatos en calquera forma ou soporte, para todo o mundo e no prazo dun ano dende a data de comunicación pública da selección. O Concello de Malpica de Bergantiños respectará, en todo caso, os dereitos morais que as/os autoras/es posúan sobre as súas obras.
8) Selección das obras:
a) O xurado seleccionará unha obra de cada categoría. Ás obras seleccionadas en cada categoría corresponderalles a publicación na Rúa dos contos, nas redes sociais do Concello de Malpica e na:
Categoría infantil – un lote de publicacións e material de escritura e debuxo.
Categoría Xuvenil – un eReader (eBook).
Categoría Adultos – Unha peza da Olería de Buño de deseño exclusivo para esta convocatoria.
b) Os 3 relatos que obteñan máis me gusta, en cada categoría, no perfil de facebook do Concello de Malpica (https://www.facebook.com/concellodemalpica/), ás 23.59 horas do día 13 de maio, tamén serán seleccionados para formar parte da Rúa dos contos.
c) Se algunha das obras que obtivesen máis me gusta coincidise coa seleccionada polo xurado na mesma categoría, a esta corresponderíalle a publicación da obra e o agasallo recollido nestas bases e procederase a seleccionar para publicar na Rúa dos contos á seguinte obra con máis me gusta nesa categoría.
d) Todas/os as/os autoras/es que participen neste proceso participativo serán convidados á inauguración da Rúa dos contos.
9) Comunicación das obras seleccionadas
a) As obras seleccionadas daranse a coñecer pola web e redes sociais do Concello de Malpica o 17 de maio de 2020.
b) O Concello de Malpica de Bergantiños entregará os agasallos ás persoas autoras das obras seleccionadas polo xurado no acto de inauguración da Rúa dos contos. Esta fixarase polo Concello de Malpica de Bergantiños dentro dos 90 días seguintes á publicación das obras gañadoras nas redes sociais do Concello de Malpica ou no seu defecto da data do levantamento do confinamento. As/Os autoras/es das obras seleccionadas deberán facilitar previamente unha copia do seu DNI para verificar os seus datos.
10) Tratamento de datos persoais
Os datos da/os participantes serán incorporados a un ficheiro responsabilidade do Concello de Malpica de Bergantiños, coa única finalidade de xestionar o proceso participativo da Rúa dos contos e contactar coas persoas autoras das obras seleccionadas. En ningún momento se empregará esta información para ulteriores actuacións. As autoras e autores poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, oposición e cancelación mediante escrito ao correo electrónico educacionecultura.malpica@gmail.com, ou ao Concello de Malpica de Bergantiños rúa Emilio González López, 1 15113 Malpica de Bergantiños. O Concello de Malpica de Bergantiños comprométese a tratar en todo momento os seus datos de carácter persoal de forma absolutamente confidencial e de acordo coas finalidades previstas nas presentes bases.
11) Outros
a) O Concello de Malpica de Bergantiños ten a capacidade de decidir sobre a interpretación das bases en última instancia ou sobre a súa modificación en caso de erro sendo a súa decisión inapelable.
b) O feito de participar nesta convocatoria implicará a total aceptación das súas bases.
 Aquí podes encher as fichas de inscrición tanto para adultos como para menores de idade na ‘Rúa dos contos’.