Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 14°
11°
Venres 13°
10°
Sábado 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. As obras de construción da EDAR de Malpica arrincarán coa estabilización dos taludes do Monte da Plancha

13Set 2014

As obras de construción da EDAR de Malpica arrincarán coa estabilización dos taludes do Monte da Plancha

O traslado aos novos departamentos para usuarios do porto podería levarse a cabo xa a finais deste mes de setembro
540-f-foto

Ao mesmo tempo que dá os últimos retoques aos novos departamentos para usuarios do porto, a empresa adxudicataria do proxecto de construcción da estación depuradora de augas residuais de Malpica comezará no prazo de 15 días cos traballos de estabilización dos taludes do Monte da Plancha. Segundo indicou o alcalde, Eduardo Parga, a finalidade das obras é asegurar a ladeira na zona na que irá ubicada a EDAR. Segundo as previsións da empresa construtora, Copasa, a finais deste mes tamén podería levarse a cabo o traslado ás novas casetas que se están a construír no outro extremo do recinto portuario.

 

A construción da EDAR, unha importante infraestrutura que solucionará de xeito definitivo os problemas de saneamento da vila, está financiada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta e o Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), que achega o 80% dos 5,4 millóns de euros consignados para a obra. A depuradora de Malpica empregará un tratamento biolóxico, en concreto, unha tecnoloxía de biofiltros no seu proceso de depuración. Esta avanzada tecnoloxía permite reducir ao mínimo o espazo que ocupará a planta. Este aspecto, xunto co feito de que a EDAR emprazarase nun edificio de formigón, pedra e madeira, facilitará a súa integración no entorno portuario, reducindo significativamente o seu impacto visual. A EDAR situarase no extremo sur do peirao. A localización foi consensuada entre a Consellería de Medio Ambiente, Portos de Galicia e o Concello de Malpica tras o estudio de distintas alternativas.

 

A estación depuradora de Malpica de Bergantiños dará servizo a máis de 7.000 habitantes. Constará dunha liña de tratamento composta por unha liña de auga, na cal se realizan accións de desinfección; e unha liña de lodos, onde se efectúan os procesos de deshidratación e estabilización.

 

O proxecto, considerando a capacidade de dilución no punto de vertedura, recolle unha depuración biolóxica para reducir a materia orgánica a través dunha biofiltración, seguida dunha desinfección para asegurar unha boa calidade microbiolóxica da vertedura a pesar de que as zonas de baño están afastadas.

 

Este proceso de depuración utilizará unha tecnoloxía particularmente avanzada e compacta, xa que o terreo dispoñible para a localización da EDAR se condicionou a manter a actual aliñación no peirao de modo que nun futuro non se impida a construción dunha eventual vía de saída do porto, e para afectar ao mínimo número de departamentos portuarios. Deste modo, a nova instalación necesitará 675 m2 de superficie, para o cal será necesario demoler 360 m2 correspondentes a 13 departamentos do final do peirao, e manterase unha das vías existentes.

 

Segundo os cálculos iniciais, a EDAR entrará en funcionamento no ano 2015.