gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 16°
13°
Martes 17°
14°
Mércores 18°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro infantil e xuvenil “A vila do mañá”

16Xul 2019

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro infantil e xuvenil “A vila do mañá”

A infancia malpicá ten moito que dicir sobre o espazo no que vive. Por iso, este verán convidamos aos nenos e nenas a participar no proxecto “A vila do mañá”, unha iniciativa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego e Post Arquitectos para estimular unha actitude crítica entre as xeracións máis novas con respecto ao lugar que habitan.

O obxectivo do obradoiro, que vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 15 anos de idade, é incluír á infancia nos procesos de construción do espazo común, partindo da cidade coma unha ferramenta educadora sobre a cal a cidadanía ten dereito ao seu desfrute e á súa transformación.

Para acadar esa participación activa, nunha iniciativa da Concellería de Educación e Cultura para a que contamos coa colaboración da Deputación da Coruña, transformaremos temporalmente o espazo público traballando desde o punto de vista da arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. A grandes trazos, nos talleres traballarase a percepción de Malpica e a valoración que fan os nenos e nenas do lugar no que viven, e traballarase partindo de distintos conceptos arquitectónicos (plano horizontal, o ceo, os elementos bidimensionais e tridimensionais, a proporción…) para que presenten a súa propia proposta de cidade. E todo iso a través de obradoiros infantís e xuvenís para repensar o modelo de vila a través do xogo e mediante intervencións lúdicas de transformación de diferentes espazos da vila.

A actividade desenvolverase do 29 de xullo ao 2 de agosto en dúas quendas:
• De 10.30 a 13.30 horas, para nenos e nenas de 3 a 12 anos (30 prazas)
• De 16.00 a 20.00 horas, para nenos e nenas de 8 a 15 anos (45 prazas)

Inscricións: Ata o 26 de xullo no Departamento de Educación e Cultura, no Centro Cívico do Concello de Malpica. Avda. Ventorrillo s/n T. 981 707 104. En horario de 9.30 h. a 13.30 h.

Carteis A Vila do mañá xullo 19