Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Travesía Abanca Sisargas-Malpica acada a súa novena edición convertida nunha das máis importantes de Galicia

2Ago 2018

A Travesía Abanca Sisargas-Malpica acada a súa novena edición convertida nunha das máis importantes de Galicia

travesia_sisargas

Estamos ás portas dunha nova edición da travesía Sisargas, que este ano entra no circuíto de Abanca e convértese na Travesía Abanca Sisargas-Malpica pero non perde a súa esencia. Nestes nove anos, a proba promovida por Daniel Gambón conseguiu converterse nunha das máis importantes de Galicia, como demostran as 155 persoas inscritas para este domingo 5 de agosto.

Hoxe, nun acto simbólico celebrado na praia de Area Maior e coas Sisargas coma fondo, presentamos os trofeos e o cartel coa presenza de Daniel Gambón, en representación do Club Travesía Sisargas; Iván Muiño e Javier Souto, xefes de Protección Civil de Malpica e Carballo, respectivamente; a directora da oficina de Abanca; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández, e o alcalde, Eduardo Parga. Un ano máis, o Concello de Malpica participa activamente para contribuír a que a proba sexa un éxito.

IMG_9348

Como apuntou Daniel Gambón, “máis ca competitiva, a Travesía Sisargas é unha proba de reto e de aventura”. De feito, naceu coa intención de repetir o reto realizado por primeira vez no ano 1933 por Domingo Suárez Malpica, avó de Daniel Gambón e primeiro nadador en completar os 4,2 quilómetros que separan a Sisarga Grande da praia de Area Maior.

Para garantir a seguridade dos/as participantes temos preparado un dispositivo de seguridade que inclúe a sinalización do percorrido con boias con globos de helio. Os/as nadadores/as estarán acompañados na auga por zódiacs da Cruz Vermella e Protección Civil, e desde terra haberá puntos de vixilancia desde o Cabo de Santo Hadrián ata a praia de Area Maior.

Proba solidaria

Por quinto ano consecutivo, o Club Travesía Sisargas quere que o percorrido a nado entre a praia e a illa non sexa unicamente unha proba deportiva, senón tamén unha iniciativa de superación e de solidariedade. E unha forma de conseguilo é implicando a todos e todas as participantes nunha iniciativa social tan importante como o banco de alimentos do Concello de Malpica. Por cada participante entregarase 1 quilo de comida. E, a maiores, este ano o 10% da recadación será doado á Cruz Vermella para o programa de atención á primeira infancia.

Máis información sobre a travesía, aquí.