gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 15°
11°
Sábado 14°
12°
Domingo 16°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A ruta de tapas “Malpica sabe a mar” mantén o tirón do sector hostaleiro na primeira fin de semana do outono

23Set 2018

A ruta de tapas “Malpica sabe a mar” mantén o tirón do sector hostaleiro na primeira fin de semana do outono

A ruta de tapas “Malpica sabe a mar” é unha fórmula de éxito que medra en cada edición, non só en número de establecementos participantes _este ano foron 10_ senón tamén en público. A maioría dos locais esgotaron as tapas e os boletos, o que significa que durante esta fin de semana consumíronse preto de 4.000 tapas, xa que ese foi o número de boletos impresos.

“Dálle moita vida ao pobo”, aseguraba unha das participantes ao peche desta terceira edición. O balance por parte dos hostaleiros foi moi positivo, tanto é así que por parte de varios xa se lle propuxo facer outra no inverno. A concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, organizadora da ruta de tapas, recolleu a suxestión e comprometeuse a estudar a súa viabilidade, xa que coincide co sector en que este tipo de iniciativas contribúen moi positivamente á dinamización da economía local.

Despois de tres edicións semella que o modelo de “Malpica sabe a mar” funciona. Esta iniciativa da Concellería de Promoción Económica diferénciase doutras semellantes en que todas as tapas están elaboradas con produtos do mar. Deste xeito, os clientes dos locais puideron degustar arroz con ameixas, tosta de polbo e queixo, chipiróns recheos, mexillóns, polbo con fabas, ameixas con fabas, arroz con calamares, zamburiñas en distintas preparacións, salpicón, caldeirada de raia… entre outras tapas, por só 1,5 euros. Ademais do prezo, en “Malpica sabe a mar” tamén se promociona a Olería de Buño, ao utilizar pratos de barro. E un terceiro aspecto que contribúe ao éxito son os premios: botellas de viño, bolsas da compra pregables e reutilizables, toallas para a praia, queixos, tapas… Este ano repartíronse máis de 800 premios.