Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A muller protagoniza este ano a campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián como Festa de Interese Turístico

9Xuñ 2019

A muller protagoniza este ano a campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián como Festa de Interese Turístico

07062019 santo_hadrian (4)

Este ano a Romaría de Santo Hadrián vai ser especial por varios motivos. A data é un deles, porque o día grande coincidirá o propio 16 de xuño, e outro é o novo aspecto exterior que loce a capela, que vén de ser completamente reformada. Pero, sobre todo, vai ser especial porque a gran protagonista da campaña anual de promoción como Festa de Interese Turístico será a muller.

Este ano, os panos de romeiro/a, que tan boa aceptación e tanta demanda teñen, son de cor rosa, que simboliza a loita contra o cancro de mama, e a estampación é de cor morada, emblema da loita contra a violencia de xénero. As persoas que queiran manifestar a súa solidariedade levándoos anudados ao pescozo no día grande da nosa romaría poden acudir a recollelos a partir do martes 11 ás oficinas municipais do Centro Cívico, de balde e ata fin de existencias.

Ademais, dende o Concello de Malpica sumámonos á campaña autonómica AgresiónOff, orientada a sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Deste xeito, durante a festa instalaremos un posto informativo no que se ofrecerá material impreso con información útil, ademais de chapas e outro material promocional co obxectivo de dar visibilidade a este importante problema social.

Catro anos de promoción

CARTEL SANTO HADRIAN 19

A campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián, na que colaboran a Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e Abanca, tamén inclúe cartelería, promoción e animación musical durante a sardiñada. O alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, realizaron a presentación do material, que tamén se está a distribuír no stand do Concello de Malpica en Festur.

Nos últimos catro anos estamos a realizar diferentes accións de promoción da nosa romaría, entre elas un vídeo, un díptico con información sobre a romaría, actuacións, campañas publicitarias en prensa, radio, internet e televisión, e a distribución dos panos de romeiro/a, que cada ano son dunha cor diferente, que gozan de moitísima aceptación e que enchen de cor a procesión dende a igrexa de San Xulián ata a ermida de Santo Hadrián e os oficios relixiosos.

Programa de festas

57595659_482139825656877_6125092855561060352_n

O Concello de Malpica colabora ademais coa comisión de festas, que ten preparada unha fin de semana chea de actividades. Comezarán o 14 coa animación nas rúas da Mekánica Rolling Band ao longo da tarde, e ás 23.00 horas arrincará a verbena con Coldday, Salva & José Brea e Festicultores. O sábado 15 estará o Dúo Calú na sesión vermú, volverá a haber animación nas rúas pola tarde coa charanga Kilomberos de Monte Alto e na verbena tocarán os grupos Tekila e Bomba. O día grande, domingo 16, a verbena adiántase ás 21.00 horas e contará coa actuación de Os Piñeiros.