gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 20°
13°
Sábado 21°
15°
Domingo 18°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Laracha, Carballo e Malpica únense para solicitar á Xunta a organización dun plan integral de emprego

30Xan 2016

A Laracha, Carballo e Malpica únense para solicitar á Xunta a organización dun plan integral de emprego

• Os tres alcaldes acordaron cooperar na procura de desenvolver este programa que se marca como obxectivo reducir as taxas de paro.
• O proxecto inicial propón un programa dunha duración de doce meses e sesenta participantes.
• O Concello da Laracha, que liderará o proxecto, solicitará a colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o seu cofinanciamento.

REUNION-CARBALLO---LARACHA---MALPICA-baja

Co obxectivo de cooperar unindo infraestruturas, recursos humanos e ideas dirixidas á loita contra o desemprego, os Concellos da Laracha, Carballo e Malpica de Bergantiños veñen de consensuar o deseño dun Programa Integrado de Emprego que se presentará á Consellería Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para o seu cofinanciamento ao abeiro da convocatoria de subvencións para esta finalidade publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado día 30 de decembro

No caso de concederse a axuda económica que se vai solicitar, poríase en marcha o ambicioso programa, cuxa proposta inicial é unha duración de doce meses e a participación dun máximo de sesenta persoas que se atopen en situación de desemprego, dando preferencia a determinados colectivos con maiores dificultades de inserción laboral (mulleres, menores de trinta anos e desempregados de longa duración).

O proxecto propón combinar accións de diferente natureza para formar e reorientar aos participantes nos sectores máis favorables para a súa inserción laboral. Todas elas desenvolveríanse en cooperación cos diferentes axentes económicos, como as asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, asociacións económicas e os profesionais de cada ramo.

Este Plan Integrado de Emprego sustentaríase sobre as bases da información, orientación, asesoramento, formación específica e transversal, práctica laboral, percepción empresarial, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade de emprendemento e intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, senón que tamén promove o autoemprego e a creación de empresas ou sociedades.

Como primeiro paso desenvolveríanse unha serie de accións específicas preparatorias, en grupos de traballo sectoriais e con empresas e institucións relacionadas con cada especialidade. Ao mesmo tempo, os participantes recibirían formación transversal en materia de busca activa de emprego (elaboración do currículum, ofertas de emprego na Internet ou empresas de traballo temporal, orientación laboral, formación sobre emprendemento, etc.). Todos os cursos e accións formativas serían desenvolvidas en instalacións municipais dos tres Concellos e deseñadas e tutorizadas por profesionais cualificados.

Os alcaldes da Laracha (José Manuel López Varela), Carballo (Evencio Ferrero) e Malpica de Bergantiños (Eduardo Parga) acordaron nunha recente reunión de traballo mantida para ultimar o contido e as estratexias deste Plan Integrado de Emprego, que sexa o Concello da Laracha o que lidere o programa sendo, por tanto, o responsable de remitir o proxecto á Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para propoñerlle o seu cofinanciamento.