Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 16°
11°
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A homenaxe deste domingo a Francisco Bernis converterá a Malpica na capital da ornitoloxía española

2Xuñ 2018

A homenaxe deste domingo a Francisco Bernis converterá a Malpica na capital da ornitoloxía española

BERNIS NAS SISARGAS CARTEL

Neste mes de xuño cúmprense 70 anos da presenza do ornitólogo Fransico Bernis Madrazo nas illas Sisargas para realizar un estudo do estado das súas aves. Ese foi o motivo polo que o Concello de Malpica de Bergantiños quixo homenaxear unha figura fundamental da ornitoloxía española así como destacar o seu vínculo coas terras malpicás. Francisco Bernis foi o primeiro autor que publicou artigos en extensión sobre as aves nas Sisargas, textos que a posteriori foron e son citados aínda polas novas fornadas de ornitólogos.

Polo tanto, a vila de Malpica de Bergantiños converterase este domingo día 3 na capital da ornitoloxía española porque, ademais de realzar a figura dun dos fundadores de SEO/BirdLife, se contará coa presenza de dúas fillas deste doutor en Zooloxía, Cristina e Carmen Bernis, con Carlota Viada Sauleda, secretaria xeral da Sociedade Española de Ornitología SEO/BirdLife; Álvaro Barros López, biólogo e vocal da Sociedade Galega de Ornitoloxía; Antonio Sandoval Rey, escritor e divulgador ambiental; así como un importante elenco de persoas relacionadas co mundo das aves.

Os primeiros participantes comezaron a chegar na tarde de hoxe sábado e para a mañá do domingo está prevista unha visita guiada por tres enclaves turísticos básicos do concello de Malpica: Buño, Nariga e cabo Santo Hadrián.

Xa na tarde do comingo, ás cinco, no salón de actos da Casa do Pescador, presentarase o libro «Francisco Bernis, Las islas Sisargas en 1948. Dos visitas ornitológicas» publicado na colección Costa da Morte de Edicións Embora. A edición corre a cargo de Antonio Sandoval e Xosé Manuel Varela. Nel recuperan os dous artigos que Francisco Bernis publicou no Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural xunto cun manuscrito coas notas de campo nas Sisargas do propio Francisco Bernis.

Ademais dos editores, neste acto participarán Eduardo Parga Veiga, alcalde de Malpica de Bergantiños; Carlota Viada Sauleda, secretaria xeral da Sociedad Española de Ornitología SEO/BirdLife; Álvaro Barros López, vogal da Sociedade Galega de Ornitoloxía; e Carmen e Cristina Bernis Carro.

Esta xornada de aniversario pecharase coa entrega de agasallos institucionais conmemorativos á familia de Bernis, a editores e a institucións colaboradoras.