gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Domingo 15°
13°
Luns 14°
11°
Martes 16°
11°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Fundación Terra Termarum participará con varias pezas castrexas na Cocedura Tradicional no Forno do Forte

31Xul 2015

A Fundación Terra Termarum participará con varias pezas castrexas na Cocedura Tradicional no Forno do Forte

Mañá sábado repetirase por 17º ano consecutivo, coincidindo coa Mostra da Olería de Buño, o proceso centenario de cocción do barro
540-f-foto

Malia a súa antigüidade, a Cocedura Tradicional non deixa de sorprender a todas as persoas que se achegan cada mes de agosto ata o Ecomuseo do Forno do Forte. Ese proceso centenario repetirase mañá sábado, por 17º ano consecutivo, coincidindo coa Mostra da Olería de Buño. Pero este ano haberá un motivo máis para a sorpresa, xa que por primeira vez participará na Cocedura a Fundación Terra Termarum de Castro Landín (Cuntis). “Van traer pezas representativas da cerámica castrexa para cocelas nun forno tradicional de Buño, de tecnoloxía romana e que se mantivo ata os anos 60-70 do século pasado”, explica o xerente do ecomuseo, Paco Doval. Deste xeito darase un paso máis na cocedura experimental que se levou a cabo na Semana Santa. Naquela ocasión cocéronse varias pezas de Buño en forno aberto, que é a técnica que utilizan en Cuntis, e agora serán as pezas da localidade pontevedresa as que se cozan ao estilo da parroquia malpicá. Paco Doval explicou que os resultados daquela primeira experiencia compararanse cos de mañá, o que permitirá seguir afondando nas semellanzas e nas diferenzas entre as dúas artesanías e que se sigan estreitando lazos entre as dúas vilas oleiras.

 

A Cocedura Tradicional comezará ás 11.00 horas coa carga do forno. Olas, ánforas, porróns… Entre 1.500 e 2.000 pezas serán colocadas con sumo coidado no Forno do Forte o sábado pola mañá. Unha vez cargado o forno, a bóveda será tapada con “cachos”, que axudan a manter a calor. O prendido será ás 16.00 horas, e nese momento entrará en escena a muller dos fumes para alimentar o forno con toxo ata que acade a temperatura idónea, que se sitúa arredor dos 1.000 graos. E despois será a quenda dos atizadores, que terán a misión de manter a temperatura ata que remate a cocción, unhas catro horas despois. A calor acumulada aproveitarase para asar a carne, que se servirá acompañada con pan e viño na Festa da Carroa, a partir das 21.00 horas. De feito, a cocedura nestes fornos comunitarios era, antigamente, unha festa, que este ano inclúe a actuación do grupo Fol de Veneno.

 

A descarga do forno será o domingo a partir das 11.00 horas. As pezas serán comercializadas cunha etiqueta na que se garante que foi elaborada de forma artesanal.