Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Sábado 17°
11°
Domingo 17°
11°
Luns 15°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Feira Medieval Mariñeira inclúe este ano máis de 25 postos de artesanía e actividades de animación durante todo o día

16Ago 2018

A Feira Medieval Mariñeira inclúe este ano máis de 25 postos de artesanía e actividades de animación durante todo o día

ANUNCIO FESTA GALEGA DIARIO 255X152 MM pandereta

Na súa sexta edición, a Feira Medieval Mariñeira de Malpica non só encherá a nosa vila de artesanía senón tamén de animación, porque ademais dos 25 postos nos que atoparemos xoguetes de madeira, embutidos, chocolates artesáns, macramé, cadros infantís, sandalias de algodón ou garrapiñadas, durante os tres días inclúe un amplo e variado programa de actividades e actuacións para todos os públicos.

A Feira Medieval Mariñeira será inaugurada mañá venres ás 11.00 horas, e media hora despois desembarcarán na vila os Piratas de Turdión para ofrecernos un dos pasarrúas musicais que protagonizarán durante a fin de semana. Ás 12.00 horas o artesán Roberto Figueira comezará a tallar o escudo de Malpica en madeira para doarllo ao Concello ao remate da feira. Ademais dos Piratas de Turdión, pola tarde, a partir das 18.00 horas, contaremos coa Princesa Piruleta e a súa Unicornia, os Piratas e a Trasga do Mar coa súa bola xigante e a Bailarina de lume.

O sábado, ademais, contaremos cun taller de circo (12.30), contacontos (13.00), música en vivo (12.00, 14.00, 18.00 e 20.00 horas), os globos con figuras da Trasga Saltarina (18.30) e un espectáculo de lume ás 22.00 horas. O domingo continuará a música (actuacións ás 12.00, 13.30, 18.00, 19.30 e 21.30 horas), volverá a Trasga coa súa bola xigante (12.30) e haberá de novo taller de circo (18.30) e contacontos (20.00 horas). Para os nenos e nenas, ademais, durante todo o mercado teremos unha barca balancín, cama saltarina e zona de xogos e talleres. E, para todo o público, estará aberta unha exposición de cascos e armas e teremos exhibicións en vivo dos artesáns Roberto Figueira, de talla en madeira, e Salvador de Paz, de acibeche.

Os postos da Feira Medieval Mariñeira estarán abertos de 11.00 a 14.30 e de 18.00 a 23.00 horas.

Cartel de luxo na Festa Galega

O mercado convivirá coa Festa Galega, que chega á súa 11ª edición cun cartel de luxo. Catro grandes nomes da música tradicional galega pasarán polo escenario do porto entre os días 17 e 18 de agosto: Susana Seivane, Os da Porfía, Luar na Lubre e Coanhadeira. E non serán os únicos, porque, como é costume, na Festa Galega contamos coas agrupacións de música tradicional do noso concello e con bandas de gaitas locais e convidadas.

A música galega comezará a soar mañá venres ás 22.00 horas coas Pandereteiras da A.C. Raigañas sobre o escenario do porto, ao que subirán ás 22.30 as Feiticeiras da A.C. Malante. Para as 23.00 horas está previsto o concerto de Susana Seivane, unha das nosas gaiteiras máis internacionais, que está a piques de lanzar o seu quinto disco, e para pechar a velada contaremos a partir das 00.15 horas con Os da Porfía, sete homes que despois de formar parte durante anos de distintas agrupacións decidiron iniciar un proxecto común interpretando temas recollidos por eles e cunha indumentaria que xa é un dos seus sinais de identidade.

O día 18, ás 12.00 horas, sairá do Centro Cívico o tradicional Desfile de Bandas de Gaitas da Asociación Cultural Malante, un encontro de música tradicional que cumpre seis anos e que xunta, á parte da entidade organizadora, ás bandas de gaitas de Calo (Teo), Ximiela (Louro-Muros) e Ortigueira. Para pechar a mañá do sábado está prevista unha xurelada tradicional coa colaboración da A.C.D. A Estádiga.

A música volverá pola noite ao porto. A segunda sesión nocturna da Festa Galega arrancará ás 22.30 horas coas Cantareiras Meigallo da A.C Carcaxía. Para as 23.00 horas está programado o concerto de Luar na Lubre, a banda celta máis internacional de Galicia, que leva máis de 30 anos sobre os escenarios e que continúa reinterpretando a nosa música tradicional. Pero o luxo do concerto do día 18 será dobre, porque para pechar a velada contaremos, a partir da 01.00, con Coanhadeira, unha banda ourensá de folk que desde o ano 2006 está dedicada a amosar a música conservada ata os nosos días a través da tradición oral.

CARTEL