Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Venres 13°
Sábado 12°
Domingo 14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega enchen de ambiente as rúas de Malpica

14Ago 2015

A Feira Medieval Mariñeira e a Festa Galega enchen de ambiente as rúas de Malpica

O alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro, percorreron os máis de trinta postos distribuídos ao longo da rúa principal
540-f-foto

Queixos, xoguetes, bixutería, embutidos, artesanía feita con redes, churrasco, polbo, pizzas, trenzas de coiro, sacos térmicos… e moitísimo máis é o que se pode atopar esta fin de semana na Feira Medieval Mariñeira de Malpica, que arrincou oficialmente ao mediodía coa visita institucional do alcalde, Eduardo Parga; o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Noelia Freijeiro. Os representantes do Concello de Malpica percorreron os máis de trinta postos que se distribúen ao longo da rúa principal (había máis solicitudes, pero non puideron ser atendidas por falta de espazo) e saudaron aos vendedores ambulantes. Moitos repiten, e falan marabillas das tres edicións anteriores. Nesta cuarta, ademais da ampla oferta artesanal e gastronómica, o mercado inclúe unha serie de espectáculos que xa empezaron a animar as rúas onte pola tarde. Músicos medievais e uns personaxes tan máxicos coma unha árbore zancuda e unha nube xigante realizarán varios pases durante a fin de semana.

 

Estes días Malpica é un fervedoiro, e hoxe pola mañá, coincidindo coa apertura da Feira Medieval Mariñeira, foron centos as persoas que se achegaron ata a vila, que vive neste mes de agosto a súa época de máis afluencia de todo o ano.  A concellería de Cultura e Turismo complementa a oferta do mercado coa Festa Galega, que comeza hoxe ás 22 horas coas actuacións da Banda de Gaitas da A.C. Malante, as cantareiras da A.C. Raigañas e o grupo Fol de Veneno. O prato forte chegará mañá sábado a partir das 19.15 horas co Desfile da Banda de Gaitas da AC Malante dende o Centro Cívico ata o porto, onde continuará a festa coa Banda de Gaitas da Agrupación Folclórica de San Xiao do Trebo (Cariño), a Banda de Gaitas Abelleira (Ponferrada) e a anfitrioa. No gran concertó nocturno, Samarúas subirá ao escenario ás 22 horas, e despois farano Milladoiro (23.30) e Radio Cos (01.15).