9Xuñ 2017

A elite do salvamento galego dáse cita este sábado na praia de Seiruga, que acolle a 4ª xornada da liga galega de verán

SALVAMENTO PRENSA

A Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA) reunirá este sábado na praia de Seiruga á elite do salvamento galego. Centos de nadadores e nadadoras das categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior e sénior participarán na 4ª xornada da Liga galega de salvamento deportivo en augas abertas, presentada hoxe nun acto no que participaron o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín; o tenente de alcalde, Miguel Fernández; o coordinador de Protección Civil, Iván Muíño; o director deportivo da FESSGA, Sergio Quintela, e o director das escolas e adestrador das categorías base do Sysca, Juan Andrade.

cartel malpica

Sysca e Concello de Malpica colaboran na organización da proba, que se dividirá en dúas sesións. A primeira comezará a partir das 9 horas, e a segunda, xa pola tarde, ás 15 horas. Nesta cuarta xornada estarán representados os clubs Sysca, Umia, SAPO, SAL, Cerceda, SASA, Arteixo, A Estrada, Vilagarcía e Ourense. Os carballeses, que en certo modo exercen como anfitrións, contarán cunha participación moi elevada, cuns 75 deportistas entre as distintas categorías.

A praia de Seiruga convértese deste xeito nun novo escenario da liga galega de salvamento deportivo de verán e súmase ademais á amplísima oferta deportiva que temos esta fin de semana no municipio malpicán, como destacou o concelleiro de Deportes.