gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 20°
18°
Venres 19°
17°
Sábado 20°
16°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Cocedura Tradicional no Forno do Forte cumpre 20 anos coa intención de obter a súa propia declaración de Festa de Interese Turístico

20Xul 2018

A Cocedura Tradicional no Forno do Forte cumpre 20 anos coa intención de obter a súa propia declaración de Festa de Interese Turístico

IMG-20170805-WA0046

No Forno do Forte de Buño xa está todo preparado para a Cocedura Tradicional, un proceso centenario de elaboración das pezas de barro recuperado fai agora vinte anos. Con motivo desta efeméride, desde a dirección do conxunto etnográfico e desde o Concello de Malpica estase a traballar para intentar conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico, que se sumaría á que xa ten a Mostra da Olería.

A Cocedura Tradicional celebrarase hoxe sábado. Comezará ás 11.00 horas, coa carga do forno, que se prolongará durante toda a mañá. O prendido do forno será sobre as 17.00 horas, e xa a última hora da tarde, aproveitando a calor, celebrarase a Festa da Carroa, outra tradición que vai unida á cocedura tradicional e que introduce un elemento gastronómico na celebración. A descarga do forno será o domingo 22, a partir das 11.00 horas.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que participará, un ano máis, na carga do forno, destaca a importancia de reproducir unha parte tan importante do proceso de elaboración da olería como é a cocción tal e como se facía en Buño polo menos dende o século XVII. E como xa vén sendo habitual nestes vinte anos, o oleiro Antonio Manuel Pereira Rodríguez “O Rulo” será o encargado de dirixir ao equipo de traballo que durante estas dúas xornadas dará vida a unha das tradicións máis arraigadas da localidade.

Olas, canecos, pucheiros ou petos, porróns ou os ouriñais recuperados o ano pasado… Arredor de 2.000 pezas serán colocadas con sumo coidado no Forno do Forte o sábado pola mañá. Unha vez cargado o forno, a bóveda será tapada con “cachos”, que axudan a manter a calor. O prendido será ás 17.00 horas, e nese momento entrará en escena a muller dos fumes para alimentar o forno con toxo ata que acade a temperatura idónea, que se sitúa arredor dos 1.000 graos. E despois será a quenda dos atizadores, que terán a misión de manter a temperatura ata que remate a cocción, unhas catro horas despois. A a calor acumulada aproveitarase para asar o churrasco, que se servirá acompañado con pan e viño na Festa da Carroa, a partir das 21.30 horas. De feito, a cocedura nestes fornos comunitarios era, antigamente, unha festa.

As pezas que se descarguen o domingo do Forno do Forte serán identificadas cunha etiqueta na que se garante que foron elaboradas de xeito artesanal.