Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Cocedura Tradicional no Forno do Forte complementarase este ano cunha Carroa que pon en valor a dieta atlántica e a cociña mariñeira

2Ago 2019

A Cocedura Tradicional no Forno do Forte complementarase este ano cunha Carroa que pon en valor a dieta atlántica e a cociña mariñeira

Esta fin de semana haberá festa no Ecomuseo do Forno do Forte. Arredor da Cocedura Tradicional, que se vén repetindo dende hai xa 20 anos coincidindo coa Mostra da Olería, nesta ocasión queremos poñer en valor a Carroa, unha comida tradicional que se facía unha vez rematada con éxito a cocedura e na que se preparaban, sobre todo, guisos, asados á brasa ou caldeiradas para celebrar o traballo ben feito, recuperar forzas e gratificar aos xornaleiros e xornaleiras.

Con esa finalidade, este ano variaremos o menú para ofrecer ás persoas que queiran achegarse un guiso de lapas e mexillóns con patacas, un prato tradicional da cociña mariñeira. Carmen, a cociñeira do restaurante O Esqueiro, levará a batuta nos fogóns para deleitarnos cun prato que representa todos os valores da dieta atlántica e no que, unha vez máis, fusionamos olería e mar para ofrecer unha mestura que só é posible no noso concello.

02082019 showcooking (2)

Nesa fusión intervén un terceiro elemento: a cociña. Hoxe mesmo tivemos a ocasión de asistir a un showcooking no que os cociñeiro Óscar Ures, do restaurante A Cunca, e David Vilariño e Alberto Alvedro, da Taberna do Campo, volveron a poñer en evidencia o ben que “maridan” gastronomía e olería de Buño. Ceviche de corvina, polbo sobre tosta de pan de cereais e carne asada a 100 graos durante tres horas con verduras foron, con moitísimos máis matices, os tres pratos que puideron degustar as persoas que conseguiron praza, xa que estaban limitadas.

Cocedura Tradicional

Mañá será outro gran día de Mostra da Olería, tanto no parque Luciano García Alén, no que haberá actuacións musicais e obradoiros, coma no Ecomuseo do Forno do Forte. Ás 11.00 arrancará a Cocedura Tradicional, dirixida, un ano máis, polo Rulo, coa carga do forno. Serán tres horas de traballo para montar, peza a peza, a torre de ladrillos e lama que manterá a calor para a cocción das vasillas. Serán todas pezas da olería tradicional elaboradas no ecomuseo co torno movido a pé, como se vén facendo dende hai séculos. Ás 17.00 horas teremos a axuda experta de Manuela de Mariñán para prender o forno, e farán falla outras tres horas de traballo dos atizadores para manter a temperatura e garantir o bo resultado do traballo.

Este ano a Cocedura Tradicional non só terá como prato forte unha Carroa distinta, a partir das 21.00 horas, senón tamén animación musical e teatral durante a tarde-noite. E o domingo, nova cita ás 11.00 horas para descargar o forno e comprobar se tamén este ano tivemos éxito coa Cocedura Tradicional. As pezas serán identificadas cunha etiqueta na que se garante que foron elaboradas de xeito artesanal.

Cartel cocedura maio 19