gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 15°
11°
Venres 15°
13°
Sábado 15°
13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A archipremiada “Perplexo” clausura a XII Mostra de Teatro

1Dec 2016

A archipremiada “Perplexo” clausura a XII Mostra de Teatro

Perplexo CARTEL

Este venres 2 de decembro remata a XII Mostra de Teatro de Malpica, e non podía facelo cunha proposta mellor. A guinda a cinco semanas do mellor teatro galego será a representación de “Perplexo”, a montaxe de Il Maquinario Teatro que foi a gran triunfadora dos Premios María Casares 2015, nos que acadou os cinco premios principais (mellor espectáculo, dirección, iluminación, vestiario e tradución/versión), e que esta mesma semana vén de colleitar un novo éxito coa nominación de Tito Asorey como finalista do Premio ADE de Dirección.

“Perplexo” foi estreada a finais do 2014, no mes de febreiro deste ano iniciou a xira por toda España coa súa versión en castelán e de forma recente traspasou fronteiras para chegar tamén ao público portugués. Mañá teremos a sorte de tela en Malpica, nunha función para público mozo e adulto (a partir de 15 anos) que comezará ás 20.30 horas no Centro Cívico.

Nesta comedia, interpretada por Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez, todos eles nominados aos Premios María Casares polas súas interpretacións, nárrase a historia dunha parella que ao volver á casa despois das vacacións percibe estraños cambios, e atópase coa sorpresa de que a parella que quedou ao cargo semella ser a auténtica propietaria da vivenda. Esta situación de partida dará pé a unha sucesión de intercambio de roles, onde os personaxes deberán transformarse para adecuarse a unha realidade en constante cambio.