Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Xoves 12°
Venres 13°
Sábado 12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. ACTUALIDADE
  3. Novas
  4. A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica conta cun traxe específico para a loita contra a vespa velutina

18Mai 2016

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica conta cun traxe específico para a loita contra a vespa velutina

 

IMG-20160518-WA0006

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica de Bergantiños recibiu hoxe pola mañá un traxe específico para a loita contra a vespa velutina, nun acto ao que asistiron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Seguridade, Miguel Fernández, e o coordinador de Protección Civil, Iván Muiño. A entrega coincidiu cunha xornada formativa organizada pola Academia Galega de Seguridade Pública da Consellería de Presidencia, a través da cal téntase conseguir que as persoas que traballan na xestión das emerxencias conten cos mellores medios e traballen en condicións óptimas.

IMG-20160518-WA0005O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, que fixo entrega dos traxes aos representantes de 31 concellos da provincia, incidiu na importancia da formación e de contar con equipamentos axeitados, dous dos piares para que os grupos de emerxencias poidan ofrecer un servizo óptimo á cidadanía.  Grazas aos traxes hoxe pódese levar a cabo con seguridade a destrución e retirada de niños por parte das asociacións de voluntarios de Protección Civil dos concellos onde esta especie estea actuando ou se prevea un posible avance.

Dende a administración autonómica insístese na importancia da coordinación entre as diferentes administracións na loita contra a vespa velutina e o esforzo que está a realizar a Xunta para facer fronte a este problema. Neste sentido, Diego Calvo lembrou que a Consellería de Medio Rural retirou ou inactivou o pasado ano máis de 5.600 niños desta especie en 170 concellos de toda Galicia. Na provincia da Coruña retiráronse 1.979 niños.

Cando un cidadán localiza un destes niños ten que chamar ao 012 para alertar da súa presenza, dando a localización máis exacta do mesmo e a súa descrición de cara a que os servizos de emerxencia poidan confirmar se se trata ou non dun niño de esta especie, que son grandes e redondos, están colgados en zonas altas e son de cor amarela.