95 persoas actúan na gala de clausura das escolas municipais de aeróbic e baile moderno, ximnasia rítimica e patinaxe
A medida que se achega o mes de xuño toca ir poñendo fin ás actividades culturais e deportivas organizadas polo Concello de Malpica durante o curso académico. As primeiras en despedirse son as alumnas das escolas municipais de aeróbic e baile moderno, ximnasia rítmica e patinaxe, que ofrecerán mañá venres unha exhibición na que participarán un total de 95 deportistas.
O pavillón municipal de Malpica abrirá as súas portas ás 17 horas para recibir ás participantes e a todas as persoas que queiran acompañalas. As primeiras en saír á pista serán as alumnas de aeróbic e baile moderno. Despois será a quenda das de ximnasia rítmica, ás que seguirán as nenas e nenos de patinaxe de Buño e de Malpica.
Ao remate, segundo informou o concelleiro de Deportes, Iago Espasandín, haberá un agasallo para cada participante e unha merenda para todos. Na clausura tamén participarán o alcalde, Eduardo Parga, e o concelleiro Miguel Fernández.