Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2021
  3. Setembro

Setembro 2021

30Set 2021

O Concello de Malpica aposta polos ámbitos sociais e o crecemento económico co seu novo organigrama de goberno

O Concello de Malpica aprobou na sesión plenaria deste xoves, 30 de setembro, un novo organigrama de goberno que aposta polos ámbitos sociais e o crecemento económico e que consta de sete Concellerías.

Eduardo Parga queda ao cargo da alcaldía e da carteira de Urbanismo. Pola súa banda, Alfredo Cañizo está ao fronte da Concellería de Servizos, Seguridade Cidadá, Tráfico, Medio Rural, Mar, Turismo e Festexos, ademais da primeira tenencia de alcaldía. Miguel Ángel Fernández Miras leva a Concellería de Obras e Medio Ambiente, así como a segunda tenencia de alcaldía.

A Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Sanidade e Olería queda nas mans de Marisol Blanco Gorín, que tamén asume a terceira tenencia de alcaldía. A cuarta tenencia de alcaldía será de Noelia Freijeiro Novo, así como a Concellería de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes.

Pilar Doldán Pose pasa a ser concelleira de Promoción Económica, Emprego e Comercio. Finalmente, Fernando Rodríguez Baldomir asume as carteiras de Mocidade e Novas Tecnoloxías.

29Set 2021

O Concello de Malpica de Bergantiños, en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Salitre Malpica, impulsa a celebración do Concerto Benéfico Isla Bonita

O Concello de Malpica, en colaboración coa Asociación Cultural e Deportiva Salitre, impulsan a celebración do concerto benéfico ‘Isla Bonita’ para recadar fondos cos que colaborar cos afectados pola erupción volcánica da illa de La Palma. Está previsto que a cita teña lugar o vindeiro 23 de outubro en Canido.

A entrada en actividade do volcán Cumbre Vieja provocou a destrución de vivendas, edificios e plantacións, forzando o desprazamento das persoas residentes e tamén de moitos animais salvaxes e domésticos.

Co obxectivo de colaborar e facilitar na adaptación a esta situación, o Concello e a Asociación Salitre contactarán nos vindeiros días con máis agrupacións malpicás, con grupos musicais e con establecementos comerciais e hostaleiros para implicar ao maior número de persoas posibles.

O proxecto pretende contribuír á mellora da atención aos animais desprazados polos efectos derivados da actividade volcánica e a evacuación da poboación. Irase actualizando información nos vindeiros días.

22Set 2021

Malpica abre as inscricións para a EMEF, os cursos de ximnasia terapéutica, pilates, baile moderno e aerobic

O Concello de Malpica acaba de abrir as convocatorias para inscribirse nas actividades da Escola Municipal de Educación Física (EMEF), así como nos cursos de ximnasia terapéutica, pilates, baile moderno e aerobic.

No caso da EMEF e ximnasia terapéutica, a tempada 2021/22 comezará a partir do 1 de outubro. As clases de ximnasia impartiranse os mércores e os venres en Buño (de 10:15 a 11:00 horas) e en Malpica (de 11:15 a 12:00 horas).

En canto a pilates, baile moderno e aerobic, os cursos iniciaranse a partir do 5 de outubro. As sesións de baile moderno e aerobic están destinadas para persoas maiores de 16 anos e terán lugar no pavillón deportivo. Serán os martes e os xoves de 20:05 a 21:00 horas.

O pavillón deportivo será tamén o escenario das clases de pilates, que se distribuirán en catro grupos con sesións os martes de 18:05 a 19:00 horas e de 19:05 a 20:00 horas e os xoves neses mesmos horarios.

As inscricións poderanse realizar de xeito presencial na Casa do Concello. Para máis información está dispoñible o teléfono 981 72 00 01.

16Set 2021

A rapazada malpicá poderá gozar dunha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’ dende o 24 de setembro ata o 15 de outubro

O Concello de Malpica, a través do departamento de Cultura, organiza este outono unha nova edición das ‘Tardes na biblioteca’, un ciclo de citas con contacontos e compañías de teatro destinado á rapazada do municipio. Nestas actividades colabora a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o seu programa Ler Conta Moito.

Todos os venres ás 18:00 horas dende o 24 de setembro e ata o 15 de outubro (ambos incluídos), a biblioteca Eduardo Blanco Amor acollerá unha serie de actuacións coas que educar aos máis pequenos da casa dentro dos valores da cultura e da narración oral.

O 24 de setembro dará comezo o programa con ‘O arquivo do Chibo’, do grupo Os Contos de Pablísimo, unha fabulación arredor do conto clásico cun público obxectivo entre os 4 e os 9 anos.

A seguinte actuación, o 1 de outubro, será ‘A caixa sen Pandora’, de Teatro de Ghazafelhos, unha historia accesible para nenas e nenos a partir de 4 anos na que se achega á rapazada a loita das mulleres pola igualdade.

O 8 de outubro está programada a actuación ‘Aldara na montaña’, de Soraya Lema, adecuada para público de entre 3 e 11 anos. Aldara, a protagonista desta historia, narra de xeito musical as súas andanzas polos montes dos Penedos de Pasarela e Traba.

Finalmente, o 15 de outubro rematan as ‘Tardes na biblioteca’ deste outono con ‘Entre bechos anda o conto’ da compañía Galeatro. Esta sesión de narración oral está destinada para rapazas e rapaces a partir de 5 anos.

Lembramos que esta programación seguirá todas as normativas sanitarias vixentes co obxectivo de reducir ao máximo posible os contaxios por covid-19. O aforo máximo será de 15 persoas por actuación, un número suxeito a variacións en función da evolución da pandemia. Será necesario inscribirse previamente enviando un correo a anton.noceda@malpicadebergantinos.es onde se indique nome completo, DNI e un teléfono de contacto.

7Set 2021

Orballo Cultural chega a Canido o 11 de setembro

Ao longo do sábado, o festival Orballo Cultural organiza dúas sesións con música en directo: Ao mediodía con Pau que vira e Lóstregho e pola tarde con The Lowcos e Maikel DJ Set. As entradas están dispoñibles en https://www.woutick.es/evento/1705/entradas-orballo-cultural-en-malpica-de-bergantinos.

3Set 2021

O pleno municipal de Malpica inviste como novo alcalde a Eduardo Parga

Esta mañá tivo lugar un pleno extraordinario da corporación municipal de Malpica no Centro Cívico no que se investiu como novo alcalde do Concello a Eduardo Parga.

Este cambio de goberno prodúcese tras unha moción de censura presentada no mes de agosto polo Partido Popular, con seis edís, e o concelleiro non adscrito Alfredo Cañizo.

A corporación quedará composta do seguinte xeito: Eduardo Parga como alcalde; Miguel Ángel Fernández; Fernando Rodríguez; María Soledad Blanco; Noelia Freijeiro; María del Pilar Doldán; e Alfredo Cañizo como edís do goberno. A oposición estará conformada por Walter Pardo, Sergio García, Ángel Garrido, María Manuela Álvarez, por parte do PSOE; e Leticia Varela e Miguel Varela por parte do BNG.

O novo rexedor malpicán, Eduardo Parga, logo da celebración do pleno, indicou que traballará “para darlle dinamismo ao municipio, poñernos a xestionar a partir de xa e darlle saída a todo o que quedou feito polo anterior goberno, así como preparar os novos proxectos que presentaremos nas vindeiras semanas”.

Pola súa banda, Walter Pardo afirmou “levar Malpica e a súa veciñanza dentro do meu corazón” e amosouse “satisfeito por todo o traballo realizado nos dous anos de lexislatura ó fronte deste goberno”.

Miguel Varela, voceiro do BNG, sinalou que “toda a base da acción política parte do diálogo e así continuaremos a exemplarizalo dende a bancada da oposición”.