Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 19°
14°
Martes 18°
13°
Mércores 18°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2021
  3. Xuño

Xuño 2021

23Xuñ 2021

A rapazada malpicá poderá gozar de campamentos e cursos deportivos durante todo o verán

A concellería de Deportes do Concello de Malpica preparou para os meses de xullo e agosto un amplo programa de campamentos para a veciñanza máis nova. As actividades inclúen campus de fútbol sala, deportes sobre rodas, de raqueta ou surfing, entre outras.

En total, Malpica conta con tres campamentos deportivos, que están destinados a mozas e mozos que saiban nadar e que naceran entre o 2008 e o 2014. As sesións impartiranse en horario de 10:30 a 14:00 horas en varias datas de xullo e agosto.

Por outra banda, a praia de Area Maior acollerá catro cursos de surf para rapazada de entre 8 e 13 anos que saiba nadar. Tanto os horarios como o número de prazas varía en cada un deles.

Celebrarase, ademais, un campus de deportes de raqueta para mozos de 7 a 14 anos, outro de deportes sobre rodas (ciclismo, skate, seguridade viaria…) de 8 a 15 anos e un campus de fútbol sala para nados entre 2008 a 2014.

A cota de inscrición será de 21,71 euros por participante. Deberá haber como mínimo seis persoas apuntadas para desenvolver as actividades.

Tamén se organiza o ‘Actívate na praia’, aberto a todas as idades e de carácter gratuíto, e sesións de tenis de mesa e bádminton no pavillón previa solicitude no rexistro municipal do Concello.

O prazo para anotarse nos campamentos xa está a aberto. O trámite deberá facerse de xeito presencial na Casa do Concello, onde se deberá presentar a documentación e aboar a correspondente cota. Desde a concellería de Deportes destacaron o “amplo abano de opcións para que a rapazada malpicá descubra ou siga practicando deportes no noso municipio, aproveitando as nosas instalacións e o noso entorno”.

22Xuñ 2021

O Ecomuseo Forno do Forte de Buño acollerá obradoiros de barro nos meses de xullo e agosto

O Ecomuseo Forno do Forte acollerá durante as tardes deste verán obradoiros de barro abertos para todas as persoas que se queiran achegar ás instalacións en Buño.

As actividades formativas comezarán o día 1 de xullo e estenderanse ata o 31 de agosto. As clases estarán limitadas a un máximo de 15 persoas á vez. Impartiranse de martes a sábado de 16:30 a 18:30 horas.

O taller está organizado conxuntamente pola concellería de Olería de Malpica e a Deputación da Coruña, ademais do propio Ecomuseo Forno do Forte. Segundo explicaron dende o goberno local, trátase dunha actividade coa que “dinamizar o tránsito de persoas polo recinto e seguir aproximando a olería e o traballo co barro á sociedade”.

O Concello de Malpica ten habilitado o teléfono 981 71 15 20 para máis información. Atenderanse chamadas de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.

10Xuñ 2021

Malpica completa a limpeza do lavadoiro de Mens dentro do seu programa de acondicionamento de áreas recreativas

O Concello de Malpica rematou nos últimos días os traballos de limpeza e acondicionamento do entorno do lavadoiro de Mens. Esta actuación encádrase dentro dun programa de conservación das áreas recreativas de todas as parroquias do municipio que comezou nas últimas semanas.

Entre as tarefas que se están a realizar nestas intervencións está a roza da masa vexetal e a súa retirada, así como a limpeza do pavimento nos casos onde sexa necesario.

Ademais do acondicionamento destes espazos, o Concello está a executar paralelamente os traballos de desbroce nas marxes da rede viaria municipal. A intención é completar o acondicionamento de todas as parroquias ó longo dos meses de verán.

Desde o goberno local destacaron “a importancia destas actuacións, que a pesar de que poidan parecer algo rutineiro, son moi necesarias para que a veciñanza poida gozar do noso entorno agora que chegou o bo tempo”. “No caso da limpeza das estradas, os traballos avanzan a bo ritmo e agardamos poder asegurar a condición de circulación nas pistas asfaltadas municipais nas vindeiras semanas”, concluíron.

9Xuñ 2021

Malpica presenta a XVI edición do Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’

O Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’ chega este ano á súa XVI edición de man da concellería de Cultura do Concello de Malpica e a Asociación Cultural Caldeirón. O galardón deste ano constará da publicación da 1ª edición da obra gañadora e dun premio en metálico de 1.500 euros.

Este mércores presentáronse as bases do concurso nun acto na Casa do Concello no que participaron o alcalde, Walter Pardo, a concelleira de Cultura, Leticia Naya, e o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Paco de Tano.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, poderán optar ó premio todas aquelas autoras e autores que presenten un libro inédito de temática erótica en galego e que non recibira galardóns previamente. Os textos deberán enviarse en formato PDF ó correo electrónico premio@caldeiron.org ata a medianoite do 19 de setembro do 2021.

O galardón componse dun premio en metálico de 1.500 euros e a publicación da 1ª edición da obra na colección Illas Sisargas da Editorial Calderón, cunha tirada de 400 exemplares.

1Xuñ 2021

A Xunta asegura que os traballos para o apuntalamento da dársena de Malpica comezarán a vindeira semana

Os traballos para o apuntalamento da dársena de Malpica comezarán, segundo asegurou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, a partir da semana que vén.

Esta confirmación chegou durante unha reunión que mantivo en Santiago o alcalde, Walter Pardo, coa titular do organismo autonómico. Nesta xuntanza abordáronse diversas problemáticas que afrontan os espazos portuarios do municipio para intentar atopar unha solución o antes posible.

Entre as prioridades para o goberno local e a veciñanza de Malpica está a reapertura da vía que une o porto e a lonxa, que necesita duns traballos de apuntalamento para poder asegurar as súas condicións de circulación. Segundo explicou a presidenta de Portos de Galicia, o inicio dos traballos preparativos para esa intervención está marcado na primeira quincena de xuño.

O rexedor malpicán trasladou unha vez máis a “preocupación de moitas familias que dependen directa e indirectamente desta actuación” e instou ó organismo a rematar os traballos no menor tempo posible.

Por outra banda, tamén se insistiu na necesidade de buscar unha solución para as saídas da dársena coa que asegurar as condicións de seguridade das embarcacións e do persoal a bordo. Portos de Galicia afirmou ter en marcha estudos técnicos para reducir este risco.

Entre os temas tratados tamén estivo a urxencia de aprobar un convenio para regular o uso dos espazos portuarios para outras actividades, a autorización para a pesca deportiva en algunhas zonas dos portos e o arranxo da grúa do porto de Barizo.

Infraestruturas do porto

O alcalde, Walter Pardo, tamén solicitou a colaboración do ente autonómico para lograr a substitución de parte do mobiliario do porto malpicán que se atopa a carón da dársena seca.

Neste sentido, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, comprometeuse a estudar a opción de substituír os elementos deteriorados por outros cun material que poida manterse mellor conservado.