Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2021
  3. Maio

Maio 2021

28Mai 2021

O Concello prosegue a paso firme cos traballos de roza de cara a tempada estival

O Concello de Malpica prosegue a paso firme cos traballos de roza de cara a tempada estival, para adecentar e limpar as cunetas e zonas exteriores das vías que conectan os núcleos do municipio.

As intervencións comezaron a principio da pasada semana na parroquia de Mens, e esta semana céntranse na parroquia de Cambre, concretamente no lugar de Aviño. Estas tarefas realízanse con equipos de traballo especializados e maquinarias con brazo retráctil que facilitan en gran medida as operacións.

Desde o goberno local avánzase que “estes traballos continuarán de cara ao verán para que Malpica de Bergantiños goce da súa mellor versión nun tempo no que recibimos milleiros de visitantes”.

26Mai 2021

O Concello continúa a mellorar a rede de camiños municipais cunha actuación no lugar de Loutoño

O Concello de Malpica completou unha nova actuación dentro do seu plan de mellora da rede de vías do termo municipal. Nos últimos días finalizáronse os traballos de adecuación nun camiño no lugar de Loutoño, na parroquia de Cambre.

O proxecto contou cun orzamento de 46.477,83 euros, dos cales 38.416 correspóndense a unha axuda do plan europeo FEADER. A través desta subvención continúanse executando melloras en camiños do rural para facilitar a accesibilidade ás fincas dos agricultores do municipio.

Entre as tarefas que se realizaron estivo a limpeza e retirada da vexetación existente e a ampliación das marxes do camiño. Procedeuse tamén á retirada de escombros, a apertura de cunetas, nivelar o terreo e compactar o mesmo para a súa pavimentación.

Co obxectivo de facilitar a súa conservación ó longo dos anos, incorporouse a canalización de augas mediante a formación de taxeas e as embocaduras correspondentes, con especial coidado nos cruces con outros camiños.

O goberno local destacou a importancia desta actuación para a comunicación do lugar “e para responder á alta demanda por parte da veciñanza da zona polo uso da vía”. “Seguimos traballando para mellorar a nosa rede de camiños do municipio, un dos nosos obxectivos prioritarios cada ano”, engadiron.

19Mai 2021

Malpica reabre o parque infantil do casco urbano logo de rematar obras de acondicionamento

O Concello de Malpica acaba de reabrir o parque infantil do casco urbano unha vez finalizadas as obras de acondicionamento que se realizaron na área durante as últimas semanas.

Entre os traballos estivo o arranxo e adecuación da pista deportiva, que presentaba numerosos estragos polo uso e o paso do tempo, así como do pavimento da zona de xogo. Tamén se repararon os bambáns, varias placas de madeira e executouse unha limpeza xeral das instalacións.

O seu horario de uso será de 9:00 a 21:00 horas todos os días da semana. Coa súa reapertura incrementaranse as tarefas de vixilancia co obxectivo de evitar actos vandálicos e xuntanzas fóra das horas establecidas. Preténdese así velar polo conservación do parque e as condicións de seguridade para as persoas usuarias.

“As nenas e nenos de Malpica poderán desfrutar de novo dun parque en óptimas condicións”, destacaron desde o goberno local. Neste sentido, pediron a colaboración da veciñanza para “conservar estas instalacións en bo estado durante moito tempo”. “As autoridades competentes sancionarán calquera acto incívico que se dea na zona e no resto do municipio”, concluíron.

18Mai 2021

Restablecida a circulación para o tráfico rodado na rúa Igrexa logo de finalizar as obras de humanización

O Concello de Malpica acaba de restablecer a circulación para o tráfico rodado na rúa Igrexa logo de que finalizaran totalmente as obras de humanización.


Deste xeito, queda habilitado un carril en dirección única para que os vehículos poidan acceder tanto á Praza Fonte Vella como á rúa Camiño do Río. Lembramos que os peóns xa podían acceder a zona desde o día 24 de abril.

A intervención contou cun orzamento total que rolda os 85.500 euros e cuxo obxectivo foi situar o peón como protagonista na circulación pola rúa. Este proxecto pretende darlle continuidade ao labor de humanización do centro urbano da vila, dentro dun plan integral que busca eliminar o exceso de tránsito de vehículos e incrementar a seguridade do viandante.

Entre os traballos estivo a renovación total da calzada, a retirada do antigo
mobiliario urbano e a instalación dunha nova rede separativa de saneamento e de abastecemento de auga.

O goberno local destacou a importancia dos traballos “para asegurar as
condicións de todas as persoas que atravesan diariamente a zona a pé”. Así, “o peón pasa a ser o protagonista e seguimos intentando reducir pouco a pouco o uso de vehículos no centro urbano”, explicaron.

7Mai 2021

Malpica prepara a conmemoración das Letras Galegas cun compendio de actividades culturais

O Concello de Malpica, da man da concellaría de Cultura, presenta a programación para conmemorar as Letras Galegas do ano 2021, cun compendio de actividades entre as que se destacan sesións de poesía, música ou a presentación das obras gañadoras do certame de poesía erótica Illas Sisargas.

As actividades darán comezo na mañá do venres 14 de maio no que o espectáculo ‘O exército das paxariñas’ protagonizado por Soraya Lema e Adela Dios recorrerá os centros de ensino do Concello, a súa chegada ó CEIP Milladoiro, CEIP Joaquin Rodriguez e ás escolas unitarias de Barizo e Mens, do CRA A Nosa Señora do Faro, achegará ó alumnado de educación infantil e primaria a figura de Xela Arias, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2021.

Na busca da Fraga das paxariñas faladoras, fábula creada por Xela Arias, dúas rapazas aventureiras atópanse co exército das paxariñas: a paxariña tradutora, a poeta, a música e a reivindicativa, todas elas forman a alma de Xela e todas falan moitas linguas mais hai unha lingua que as une a todas: a lingua galega. A través de fábulas e contos acompañados de música co acordeón, ukelele, tambor e a frauta van descubrindo a vida e obra da escritora, que este ano se lle dedican as Letras Galegas 2021. Con este espectáculo de narración oral e música pretendemos que as nenas e os nenos coñezan o valor da poesía e a maxia das palabras da man de Xela. O exército das Paxariñas é un espectáculo de narración oral con música en directo acordeón, ukelele, tambor e frauta.

O propio 14 de maio, ás 20h o fogar do pensionista da Casa do Pescador acollerá a presentación das obras gañadoras das últimas dúas edicións do Certame de poesía erótica Illas Sisargas, ‘rascamaceiras’ de Laura Ramos Cuba e ‘O cuarto de Jane’ de Charo Pita, da man do colectivo Caldeirón. A actividade continuará na xornada do domingo 16 de maio, na que ó longo de todo o día a Praza do Campo acollerá unha completa programación:

Ás 12:00 horas será o momento para as familias acompañadas da rapazada para gozar cos ‘Arrolos con Mamá Cabra’ nos que Gloria Mosquera e Diego Maceiras interpretan e ensinan ás familias participantes neste pequeno obradoiro algúns arrolos cos que adormecer, aleitar, e tamén cos que gozar da música nos primeiros días e meses de vida.

O obxectivo do grupo Mamá Cabra dende o seu nacemento é o de transmitir o gusto pola música dende a primeira infancia e este obxectivo comeza nas voces das súas familias coas que comparten estas cancións para arrolar en galego.

Ás 13:00 horas chega a hora do Vermú das Letras da man do grupo de Malpica Meigallo, da A.C.D Carcaxía, que comezou a súa andadura no ano 2003, formado nos seus inicios por 5 mozas con ganas de aprender e conservar a cultura musical e artística deste país. Durante o primeiro ano, coa axuda da súa mestra, Marina Torrado, coa que con grande esforzo e meses de ensaios e máis ensaios, descubriron que tanto esforzo valía a pena e saborearon finalmente o agrado do público, e dos profesionais do gremio, que as recompensaron en diversas ocasións con premios nos concursos de música tradicional Xiradela de Arteixo e Xacarandaina da Coruña.

E isto converteuse en algo case aditivo, en algo tan forte que as impulsou a non baixar o listón, a seguir aprendendo, mellorando as técnicas, superando cada vez retos máis difíciles. Pero non só a satisfacción persoal de adicarse a algo que as apaixona é o motor deste grupo, a súa maior motivación é que a riqueza artística máis valiosa que ten este país, esa que naceu das inquedanzas dos nosos bisavós, sen que ninguén llas ensinara, e que se conservou de pais a fillos de forma natural, sen obriga ningunha, esa que é diferente en cada comarca, en cada concello, en cada parroquia, esa que lles invade o corazón, non se esqueza xamais.

Ás 17:30 horas é o momento do ‘Café con Letras’ no que nos acompañará Atenea García con ‘De ti e mailo mundo que apañes’ que pretende ser un humilde percorrido pola obra da poeta, tradutora e editora Xela Arias, un percorrido que nada ten de cronolóxico pero moito de persoal, co que a nós se refire.

Revoltas pola palabra achegámonos excitadas á súa obra, posuídas por esa escrita extrema que remove pel e ósos. Aparece entón a dúbida, o medo ao non estar á altura de semellante extremidade, a de Xela, a dos extremos. Pero nese xusto momento o poema tranquilízanos. De ti e mailo mundo que apañes é un espectáculo dirixido á mocidade que combina a narración oral con outras linguaxes escénicas. Esta proposta tenta facer un breve percorrido pola obra da poeta Xela Arias, mergullándonos tanto na súa poesía como na súa breve pero interesante obra narrativa. Xela, a poeta que ten máis de actual que de histórica.

E a fin desta intensa xornada chegará ás 19:30h co concerto de Acordeireta, grupo formado por Patricia González e Alejandro Balbuena. Despois dunha longa traxectoria individual, deciden xuntar o acordeón e a pandeireta para divertirse, para seguir alimentando as súas almas, polo gusto de transmitir un sentimento arraigado ás nosas raíces, por reivindicar temas sociais dos nosos tempos, por homenaxear con música a persoas queridas e admiradas e sobre todo, para dignificar a nosa lingua, a cultura galega e compartilo con vós.

A programación continuará o propio Día das letras, o luns 17 de maio a cita será ás 12:00 horas na praza Villar Amigo e alí cunha lectura poética aberta a toda a cidadanía que se achegue e na compañía de A.C. Malante de Malpica poremos fin a esta primeira edición dun Malpica un mar de Letras que nace co obxectivo de gozar e coñecer as nosas letras da man da produción cultural local e do país.

Malante constitúese como tal logo de formar parte da Escola Municipal de Artes escénicas. Así, as persoas integrantes de entre 20 e 30 anos deciden asociarse, para unha maior capacidade de autoxestión e participar nun maior número de intercambios culturais. Os socios fundadores eran arredor de 15 persoas. Comezaron a realizar actividades de baile, pandeireta e gaita e aos dous anos montaron unha banda de gaitas que percorreu toda Galicia e parte do estranxeiro, como Portugal e Francia. Participaron, entre outros festivais internacionais, no de Ortigueira e no de Montignac.

Para seguir toda a actualidade de cultura na provincia, podedes seguir as redes de Facebook, Instagram e Twitter do Departamento de Cultura da Deputación da Coruña.

1Mai 2021

O Concello homenaxea a Adrián Verdes, operario de Protección Civil de Malpica durante 25 anos

O Concello de Malpica rendeu homenaxe esta mañá a
Adrián Verdes, operario de Protección Civil de Malpica durante 25 anos. Walter Pardo, alcalde de Malpica, entregoulle unha distinción ao malpicán no Salón de Plenos.

O alcalde, Walter Pardo, entregoulle unha distinción a Adrián Verdes, o homenaxeado | Concello de Malpica


Supón isto, un recoñecemento a toda unha carreira marcada pola solidariedade, a empatía e a prestación dun servizo esencial para a veciñanza. Nas verbas do propio Adrián, di sentirse “moi orgulloso” de pertencer á agrupación de Protección Civil de Malpica, pobo que “levo e levarei sempre no corazón.”

Pola súa banda, o goberno local destacou a “boa vontade” de Verdes á hora de “ser de axuda e prestar apoio a toda a xente que o necesita, dun xeito
completamente altruísta e dedicado cen por cen á causa”, incidiron. “Adrián é un claro exemplo dun cidadán exemplar, que posúe valores que deben servir de exemplo ás novas xeracións.”