Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2021
  3. Abril

Abril 2021

21Abr 2021

Malpica intensifica os traballos de mellora en toda a rede viaria do municipio

O Concello de Malpica redobra esforzos na conservación da súa rede de estradas e intensifica os traballos de mellora en todas as vías de titularidade municipal.

Co obxectivo de reparar os estragos ocasionados no pavimento polo uso e o paso do tempo, iniciáronse tarefas de acondicionamento do firme asfáltico e de recheo de fochancas en diversos puntos do concello. Os traballos estenderanse ó resto do termo municipal nas vindeiras semanas.

Entre as tarefas de conservación das estradas está tamén a limpeza das marxes da vía e a supervisión da sinalización vertical e das marcas horizontais. Preténdese así asegurar a seguridade na circulación tanto de vehículos como de viandantes.

Desde o goberno local consideran “unha prioridade” os traballos de mantemento nas vías públicas. “Son tarefas que levan tempo pola extensión da nosa rede de estradas, pero que resultan fundamentais para conectar todas as parroquias de Malpica e á nosa veciñanza”, destacaron.

HUMANIZACIÓN DA RÚA IGREXA

Por outra banda, a venres 23 de abril reabrirase ó tráfico peonil a rúa Igrexa, na que se están a finalizar as obras de humanización que se iniciaran a finais do mes de febreiro. No caso do tráfico de vehículos, este retomarase na terceira semana de maio.

Con esta intervención, que conta cun orzamento de arredor de 85.500 euros, sitúase ó peón como o protagonista da vía fronte ó tráfico rodado. A comezos desta semana rematouse co formigonado da rúa e só quedan pendentes pequenos retoques que se executarán nos vindeiros días.

19Abr 2021

As augas de Area Maior e de Seiruga reciben a máxima cualificación da Consellería de Sanidade

As augas que bañan as praias malpicás de Seiruga e Area Maior contan coa clasificación de “excelente” para a temporada de verán do 2021. A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, comunicoulle ó Concello de Malpica esta certificación logo de analizar a calidade das zonas de baño de ambos areais.

Tanto Seiruga como Area Maior recibiron a mellor cualificación posible dentro dos tres distintivos que outorga a Xunta de Galicia, que diferencia entre “excelente”, “boa” e “suficiente”. Coa análise da auga preténdese detectar a presenza de calquera vertido ou bacteria que poida resultar prexudicial á hora do baño.

Desde o goberno local destacaron a importancia “dos resultados a nivel sanitario e tamén no eido económico polo gran atractivo dos nosos areais de cara a chegada de visitantes”.