Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2021
  3. Marzo

Marzo 2021

17Mar 2021

O Concello iniciará mañá as obras de melora na capa de rodadura e sinalización na avenida Canido e na rúa Boa Vista

O Concello de Malpica comezará mañá os traballos de mellora na capa de rodadura e sinalización horizontal na avenida Canido e na rúa Boa Vista, que contarán cun importe de 27.225 euros.


Estes consistirán na aplicación dunha capa de rodadura e instalación de sinalización horizontal, que servirá para mellorar a seguridade viaria de peóns e condutores.


Obsérvanse tamén numerosos baches, así como o cuarteamento na pavimentación. Estas anomalías serán subsanadas para o correcto mantemento das mesmas. Nas tarefas previas, limparanse as cunetas nos espazos de tránsito, realizarase o bacheo pertinente e incrementaranse a profundidade das arquetas, tapas, sumidoiros e outros elementos das redes no pavimento.


O goberno local incide na “relevancia destas intervencións para solventar o
estado do firme nestas dúas vías, e incrementar así a seguridade viaria, algo
prioritario para nós.”

11Mar 2021

O proxecto “Aprende a través del surfing” chega aos centros educativos de Malpica para ensinar á rapazada a relacionarse entre sí e co medio

Os centros educativos de Malpica de Bergantiños recibiron a pasada semana as primeiras sesións encadradas no proxecto “Aprende a través del surfing”, que chega para ensinarlle á rapazada a mellorar as relacións entre sí, ademais de co medio ambiente, especialmente co mar.

As sesións tiveron lugar no CRA Nosa Señora do Faro; no CEIP Joaquín Rodríguez Otero e no CEIP Milladoiro, e continuarán nas vindeiras, nun proxecto que se estenderá ata as 5 semanas e onde o colofón serán as sesións prácticas nos areais malpicáns.

Nesta iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Malpica, preténdese vencellar os valores propios do surf á educación regrada, como son a igualdade e a inclusión.

A idea primordial é inculcar a cultura deste deporte marítimo para abranguer situacións como o coñecemento das mareas ou familiarizarse ca contorna, espazos “que temos sempre de man pero que non sempre empregamos como deberiamos”, recalca David Blanco, responsable do proxecto.

Desenvólvese a través dunha plataforma virtual, primordialmente para rapazas e rapaces de infantil e primaria, durante 5 semanas, e a experiencia final será nas praias de Malpica.

“A nosa idea, á vez que promovemos a iniciativa, é que colla forza a idea da Reserva local de Surf”, di Blanco. “Malpica conta cun potencial moi grande e cunhas características moi especiais que fan as súas praias espazos moi singulares para a práctica deste deporte.”

A concelleira de Educación e Medio Ambiente, María Álvarez, destacou a importancia de “trasladarlle á rapazada a relevancia que ten para todas e todos o bó trato cara o medio ambiente, e si ademais isto é posible grazas a unha iniciativa tan orixinal, pois benvido sexa!”

6Mar 2021

Malpica inaugura a Rúa dos Contos para galardoar as persoas premiadas no certame de microrrelatos

O Concello de Malpica, a través da concellaría de Cultura, inaugurou hoxe a Rúa dos Contos para galardoar as persoas premiadas no certame de microrrelatos. Hoxe terá lugar tamén, á súa vez, un novo certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’, que este ano cumpre a súa XV edición. A compañía Aldaolado, pola súa banda, marcará o reinicio das representacións culturais no Centro Cívico coa súa obra ‘Epístola ás neofalantes’.

Mañá, 7 de marzo, o pano volverase abrir a partir das 18:00 horas, con Tarabela Creativa escenificando ‘Tabú’, de Carmen Conde, e que servirá para conmemorar o Día Internacional da Muller.

O domingo 14 de marzo, á mesma hora, será a quenda do Teatro da Ramboia con ‘O meu mundo non é deste reino’. A última actuación do mes, programada para o 21 de marzo ás 18:00, estará a cargo de Producións Teatrais Excéntricas, que deleitará ao público con ‘Medida x Medida’.

2Mar 2021

Malpica retoma a actividade cultural con obras de teatro e a inauguración dunha exposición nas rúas do municipio

O Concello de Malpica retoma a actividade cultural prevista para o mes de novembro. Logo da mellora da situación sanitaria e do levantamento das restricións, o municipio acollerá ao longo do mes de marzo distintas representacións teatrais nas instalacións do Centro Cívico, ademais dunha nova edición do Certame de Poesía Erótica e da entrega de premios do concurso ‘Rúa dos Contos’.

A concellería de Cultura organiza o próximo 6 de marzo na Praza do Campo un acto para galardoar ás persoas premiadas no certame de microrrelatos ‘Rúa dos Contos’, celebrado nos meses de abril e maio do ano pasado. O evento comezará ás 12:00 horas e só poderán acudir as e os vencedores do concurso. Servirá tamén para inaugurar unha exposición pública dos traballos participantes.

Ese mesmo día, ás 19:00 horas, terá lugar un novo Certame de Poesía Erótica ‘Illas Sisargas’, que este ano cumpre a súa XV edición. A compañía Aldaolado, pola súa banda, marcará o reinicio das representacións culturais no Centro Cívico coa súa obra ‘Epístola ás neofalantes’.

O día seguinte, 7 de marzo, o pano volverase abrir a partir das 18:00 horas, con Tarabela Creativa escenificando ‘Tabú’, de Carmen Conde, e que servirá para conmemorar o Día Internacional da Muller. O domingo 14 de marzo, á mesma hora, será a quenda do Teatro da Ramboia con ‘O meu mundo non é deste reino’. A última actuación do mes, programada para o 21 de marzo ás 18:00, estará a cargo de Producións Teatrais Excéntricas, que deleitará ao público con ‘Medida x Medida’.

As persoas interesadas en acudir deberán solicitar previamente as entradas chamando ao Departamento de Cultura, no 981 707 104, ou ao Concello, no 981 720 001.  Lembramos a importancia de cumprir coas medidas vixentes en materia sanitaria, co uso obrigatorio de máscara dentro e fóra do recinto, o mantemento da distancia de seguridade e empregando o xel hidroalcólico que se porá a disposición do público. O aforo estará limitado ao 30% para garantir a seguridade das espectadoras e dos espectadores.

“Facemos un chamamento á responsabilidade individual agora que o contexto nos acompaña. Non podemos baixar a garda, xa que o incumplimento das medidas suporía un retroceso na situación”, achegan desde o Concello.

2Mar 2021

O Concello e a Asociación de Hostalaría de Malpica buscan dinamizar o sector coa axuda da Deputación da Coruña

O Concello e a Asociación de Hostalaría de Malpica traballan conxuntamente na dinamización do sector, un dos máis castigados pola crise sanitaria da covid-19. A agrupación, constituída a principios deste ano, busca que todos os negocios do municipio progresen conxuntamente no eido económico e formativo.

Con ese obxectivo, representantes de ambas organizacións mantiveron esta mañá un encontro na Deputación da Coruña con Antonio Leira, titular de Economía, Facenda e Persoal. Nunha xuntanza de carácter orientativo e de asesoramento, desde a asociación consultaron a viabilidade dunha serie de propostas coas que reactivar e potenciar a súa actividade económica.

Unha vez formada, a asociación pode optar a subvencións coas que sufragar, por exemplo, cursos formativos para os seus traballadores ou outras accións conxuntas de promoción. Na actualidade, a Asociación de Hostalaría de Malpica está formada por máis de 60 negocios de todo o municipio.

Desde o goberno local destacan “a disposición da Deputación da Coruña á hora de ofrecer asesoramento a unha agrupación que pode dinamizar enormemente a actividade económica do noso municipio”. Do mesmo xeito, agradeceron a “vontade de cooperación da Asociación de Hostalaría co Concello”, xa que “ambas organizacións buscamos que Malpica e a súa veciñanza progrese en todos os ámbitos”.