Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 19°
14°
Martes 18°
13°
Mércores 18°
15°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2021
  3. Febreiro

Febreiro 2021

27Feb 2021

Malpica súmase á iniciativa da compostaxe e facilitará colectores e formación entre a veciñanza

O Concello de Malpica acaba de adherirse ao Programa de Compostaxe Doméstica, de Sogama, mediante o cal facilitará composteiros e formación entre a veciñanza interesada sobre esta forma de reciclaxe natural. 

O obxectivo desta iniciativa é o de promover a autoxestión de refugallos orgánicos, converténdoos en abono co que fertilizar hortas, xardíns e terras de cultivo. Deste xeito, conséguese reducir a cantidade de residuos xerados e o uso de produtos artificiais que contaminen o solo. 

Calquera veciño ou veciña de Malpica que teña interese en sumarse ó programa deberá cubrir o formulario correspondente ao que pode acceder en www.concellomalpica.com e remitilo ás oficinas do Concello mediante o enderezo medioambientemalpica@gmail.com. Tamén se atenden solicitudes no teléfono 981 72 00 01. 

O único requisito é dispoñer dunha vivenda unifamiliar con horta ou xardín. Unha vez aceptada a inscrición, farase entrega dun composteiro e impartirase unha pequena formación sobre o proceso.

A concelleira de Medio Ambiente, María Álvarez, destacou “os grandes beneficios que aporta a compostaxe para o noso medio, que non deixa de ser a recuperación da reciclaxe natural e tradicional para converter os refugallos en fertilizantes”. 

“Coa adhesión do Concello de Malpica ao programa, agardamos que a veciñanza tome parte e se sume á iniciativa”, engadiu a edil, que incidiu nos “grandes beneficios que a compostaxe aporta a medio e longo prazo aos terreos de cultivo ao reducir a carga de produtos fertilizantes químicos”.

26Feb 2021

O Concello de Malpica concede 116.000 euros en axudas a 65 autónomos e microempresas do municipio

O Concello de Malpica emitiu a resolución definitiva das axudas, por un valor total de 116.000 euros, que recibirán 65 autónomos e pequenas empresas do municipio. Estas subvencións encádranse dentro do programa PEL-Reactiva da Deputación Provincial da Coruña, que pretende impulsar a recuperación e o emprego nos municipios con menos de 50.000 habitantes.

Deste xeito, as persoas e entidades beneficiarias recibirán contías que oscilan entre os 1.500, 2.000, 2.500 e 3.000 euros. O obxectivo básico desta medida é sufragar os seus gastos máis inmediatos antes as restricións e consecuencias da pandemia que en moitos casos obrigaron ao cese da súa actividade.

As empresas e autónomos e autónomas ás que se lle concederon as axudas terán de prazo ata o 31 de marzo do 2021 para xustificar os gastos a financiar. Entre estes está a compra de material antiséptico ou desinfectante; os arrendamentos de maquinaria, vehículos, locais ou instalacións; a adaptación de locais ás medidas de protección fronte á covid-19; seguros de responsabilidade civil ou de accidentes e subministración de auga, gas, combustibles e electricidade.

Desde o goberno local destacaron “a importancia deste tipo de axudas para promover a reactivación do tecido empresarial de Malpica logo do enorme esforzo que supuxo para moitos negocios ter que suspender a súa actividade por mor da situación sanitaria”.

Neste sentido, agradeceron a colaboración “tanto da veciñanza como das persoas á fronte das empresas, que respectaron as fortes restricións e que están facendo posible que a incidencia do virus no municipio se reduza día a día”.

A relación de solicitudes concedidas pódese consultar en https://bit.ly/3uAAYLy.

23Feb 2021

O Concello de Malpica inicia os traballos de humanización da rúa Igrexa e busca así maximizar o protagonismo do peón

O Concello de Malpica iniciou os traballos de humanización da rúa Igrexa, cos que se lle outorgará o protagonismo ao peón fronte ao tráfico rodado neste espazo que dá acceso á igrexa parroquial de San Xulián. O proxecto conta cun orzamento de 85.459,72 euros.

A intervención inclúe a retirada do mobiliario existente para liberar a zona de actuación; a substitución do pavimento actual por unha calzada de pedra de granito e formigón de cor natural; e a instalación dunha nova rede separativa de saneamento e tamén de abastecemento de auga.

Deste xeito, o Concello de Malpica dálle continuidade ao labor de humanización do centro urbano da vila, dentro dun plan integral que pretende eliminar o exceso de tránsito de vehículos na contorna desta rúa onde agora se intervén, buscando con isto “unha Malpica máis amable co medio ambiente e máis segura”, salientan desde o goberno local.

O grupo de goberno destacou que “os traballos teñen o obxectivo de outorgarlle prioridade ao peón á hora de transitar polo centro da vila”. “Incrementarase a seguridade viaria da veciñanza e tamén se mellorarán as condicións de accesibilidade no municipio”, engadiu.

11Feb 2021

O Concello pide á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade unha serie de melloras para incrementar a seguridade na contorna dos centros públicos da localidade

O Concello de Malpica pediulle á consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia unha serie de melloras para incrementar a seguridade na contorna dos centros públicos da localidade. 

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, mantivo este mediodía unha xuntanza telemática con Ethel Vázquez, onde lle transmitiu tamén a necesidade de renovación en materia de infraestruturas e saneamento en varios puntos do municipio. 

Así, o rexedor malpicán fixo especial fincapé nos proxectos que se centran nos arredores do CEIP Milladoiro e no colexio de Buño, para solicitar así melloras en materia de seguridade viaria. 

“No 2018 estaba proxectada xa unha rotonda na recta do colexio Milladoiro, e cremos que é unha infraestrutura necesaria porque aínda que a zona está limitada a 50 quilómetros por hora, consideramos prioritario contar con outro elemento que axude a frenar aínda máis a velocidade en favor da seguridade da rapazada”, comentou o edil, quen engadiu tamén que “sería bo contar cun paso de peóns iluminado na estrada AC-420 que vai ao centro público de Buño”, insistiu o alcalde. 

Ademais, comentouse a posibilidade de actuar na senda peonil na marxe esquerda da AC-418 desde o punto quilométrico 9 ata o punto quilométrico 10, así como no tramo que conecta a rotonda de Buño co Polígono Industrial. Estas propostas foron remitidas á Consellería o remate da xuntanza, e o alcalde aproveitou para “agradecer a disposición de ter atendido as demandas de Malpica nun contexto tan complicado como este”, aseverou Pardo. 

Melloras de saneamento

Unha das prioridades na nosa liña de traballo é o saneamento para todas as parroquias, desactualizado os tempos que corremos en moito dos seus puntos, “Prioritario sería intervir en Vilanova, no núcleo urbano de Beo”, comenta o alcalde, quen anuncia que contan coas opcións dunha EDAR propia ou un sala de bombeo para subsanar as deficiencias. 

Así, comentou tamén a necesidade de mellorar a EDAR de Buño, e conectar a rede entre Vilarnovo e Seixas, que “caería por gravedade e tan só habería que conectar ambas”, sinalou o rexedor. 

O alcalde anunciou, nesta videoconferencia, que “a finais de mes entregarannos o Plan Director para coñecer as necesidades que ten a nosa localidade en materia de saneamento, e darémolo a coñecer para así coordinar diferentes axudas e dar o servizo que Malpica se merece”, finalizou.

3Feb 2021

O SERGAS realizará un cribado en Malpica para a poboación de rango de idade de 18 a 60 anos e citará a 2550 persoas

A partir de mañá, xoves 4 de febreiro, e ata o sábado 6 de febreiro, o SERGAS realizará un cribado no Concello de Malpica para a poboación de 18 a 60 anos, citando así a 2500 persoas.

Acudirase coa cita a través de SMS e será no Centro de Saúde da localidade, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. Realizaranse test PCR para detectar posibles casos activos da COVID-19.

Desde o Concello de Malpica garántese a total colaboración coas autoridades sanitarias para que a organización destas probas durante as tres xornadas se desenvolvan “coas maiores facilidades” tanto para o persoal sanitario como para a veciñanza que acuda á realización dos test.