Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2020
  3. Novembro

Novembro 2020

23Nov 2020

A Deputación da Coruña financiou con 22.000 euros a contratación dunha brigada de limpeza de praias durante o verán de 2020

A Deputación Provincial da Coruña financiou con 22.706,76 euros a contratación dunha brigada de limpeza de praias durante a tempada estival do ano 2020.

A brigada de limpeza de praias estivo composta por 9 peóns e estivo operativa do 25 de xullo ata o 10 de outubro de 2020.

Esta actuou en tódalas praias do Concello de Malpica: Area Maior, Canido, Seaia, Beo, Seiruga, Barizo, Riás, San Miro e As Torradas.

Malpica é un dos principais destinos turísticos da Costa da Morte sendo beneficiarios desta brigada de limpeza de praias todos os veciños e veciñas do Concello, os visitantes e turistas que nos honraron coa súa presenza durante a tempada estival e que puideron contemplar a excelencia das nosas praias e a súa protección medioambiental.

12Nov 2020

O alcalde concreta co presidente da Deputación a rehabilitación do centro sociocultural de Buño

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, mantivo unha reunión hoxe co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para abordar diferentes asuntos de importancia para a veciñanza malpicá. No encontro, que tivo lugar no palacio provincial da Coruña, o rexedor presentoulle ao presidente o proxecto para a rehabilitación do centro sociocultural de Buño, un dos principais temas tratados.

Pardo e Formoso concretaron a colaboración entre as administracións para emprender a actuación. Basicamente consistirá na reforma integral da dependencia, que xa conta con 50 anos de vida e necesita unha mellora nas súas prestacións.

Reunión entre o alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón, e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso

A idea é renovar a instalación para ofrecer unha mellor distribución do espazo, novos servizos e maior accesibilidade. Con iso acadarase maior funcionalidade e posibilidades de acoller actividade.

O alcalde destaca que o centro constitúe o principal punto de encontro e de desenvolvemento de actividades para a cidadanía da parroquia. “É o centro de referencia de Buño e por iso queremos impulsar a súa modernización”, apunta Pardo, que agradece a “total disposición” que atopa sempre no presidente da Deputación da Coruña para proxectos de interese xeral en Malpica.

O arranxo do inmoble é esencial para que Buño dispoña dun espazo para unha programación continuada de actos. “Revitalizarase o tecido asociativo da parroquia”, apunta o primeiro edil, que lembra que o edificio foi pasando por diferentes usos na súa historia, como un teleclub, un centro médico, un lugar de actividades deportivas ou de reunión.

10Nov 2020

O Concello de Malpica abre o prazo para solicitar as axudas para microempresas e persoas autónomas afectadas pola COVID19

O Concello de Malpica xa abriu o prazo para solicitar as axudas para microempresas e persoas autónomas cuxa actividade se vise afectada pola COVID19. Estas subvencións, que terán un importe total de 116.383,81 €,  están enmarcadas dentro do Programa PEL Reactiva e cofinanciadas pola Deputación Provincial de Coruña e polo Concello de Malpica.

As axudas a conceder oscilarán entre os 1.500 e os 3000 euros e a solicitude das mesmas terá que facerse a través da sede electrónica do Concello antes das 14.00 horas do día 25 de novembro de 2020. Para realizar este trámite, preme nesta ligazón.

Estas subvencións van dirixidas a persoas traballadoras autónomas con ou sen traballadores/as ao seu cargo e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica,  o obxectivo de financiar os gastos correntes que veñan directamente provocados pola situación sanitaria ocasionada pola COVID19.

9Nov 2020

Charo Pita obtén o premio do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas con O cuarto de Jane

O xurado da XV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas escolleu a obra titulada O cuarto de Jane. Aberta a plica, a autora da obra resultou ser Charo Pita, escritora, actriz e narradora oral nada na Coruña en 1966. O seu traballo levouna a contar historias polo mundo (Alemaña, Polonia, Italia ou Nicaragua). Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidad de Salamanca, obtivo en 2001 o Premio de Poesía Espiral Maior co libro Desde Arcadia para Govinda e é autora dunha extensa obra de literatura infantil e teatro.

Charo Pita, gañadora do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Na acta do certame consta que que “O cuarto de Jane, foi escollida unánimemente por ser un libro transgresor, pola súa beleza e pola frescura coa que se aborda o erotismo, sempre de forma directa, sen complexos, libre”. E engade que se trata dun “poemario moi ben construído, radicalmente heterodoxo, protagonizado por mulleres e onde a poesía brilla na transparencia de cada verso”.

Laura Ramos Cuba, recibiu un accésit grazas á obra "rascamaceiras"

O xurado acordou, asemade, conceder un accésit á obra rascamaceiras, enviada por Laura Ramos Cuba. Nada en Burela en 1993, graduada en xornalismo e comunicación audiovisual, Ramos Cuba ten colaborado en diversos medios do país como La Voz de Galicia, El Progreso, Sermos Galiza, Adiante, Coralia ou Novas da Galiza. Foi coordinadora do Portal Galego da Lingua e voluntaria no Observatorio da Mariña pola Igualdade. En 2018 obtivo o certame de poesía Victoriano Taibo co libro a situación actual. É bolseira de comunicación no Parlamento de Galicia.

rascamaceiras, segundo di a acta do xurado, é un relato “profundamente lírico e á vez cotián cargado de fino erotismo e sostido nunha linguaxe poética na que destacan o coidado do vocabulario, o ritmo dos versos e a tensión das pausas”.

Fallo do xurado do XV certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

O xurado desta edición estivo formado por Paco de Tano, poeta e Presidente de Caldeirón, Leticia Naya Varela, concelleira de Cultura de Malpica e Medos Romero, poeta gañadora da XIV edición deste mesmo certame. A reunión do xurado tivo lugar hai uns días de forma telemática. O fallo ía ser anunciado, como é tradición, na Cea das Letras que Caldeirón organiza cada ano pero o evento debeu adiarse pola situación sociosanitaria.

Neste acto ía ter lugar tamén a presentación do libro gañador do ano pasado, Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero. O libro, editado por Caldeirón xa está dispoñible nas librarías. Será presentado en Malpica, xunto coa entrega do premio e a prometida actuación do dúo Aldaolado en canto as circunstancias o permitan.

En canto ao libro premiado este ano e o accésit, ambos serán publicados por Caldeirón en 2019 na colección Illas Sisargas.

4Nov 2020

Malpica comezará mañá a prospección xeofísica da Croa do Castro de Cerqueda

Malpica comezará mañá a prospección xeofísica da Croa do Castro de Cerqueda, o paso cara novos descubrimentos neste espazo. A intervención estará dirixida por Carlos otero, coa colaboración do Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC).

Así, mañá xoves, 5 de novembro e desde as 9:00 horas, procederase ao marcado de cuadrículas. Un día despois, o venres, tamén desde as 9:00 horas, pasarase o gradiómetro, o aparello do que se obterán as medicións para observar o que hai baixo a terra.

prosprecións Malpica

Pasarase tamén durante as xornadas do martes, 10 de novembro, e o mércores, 11 de novembro, sempre a partir das 9:00 horas. Agárdase, con esta serie de intervencións, “dar luz a novos achádegos, que axudarán a poñer en valor o noso patrimonio arqueolóxico”, aportan desde o goberno local.