Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2020
  3. Setembro

Setembro 2020

29Set 2020

O Concello de Malpica retoma as sesións de ‘Tardes na Biblioteca’ con actividades para público infantil

A concellaría de Cultura do Concello de Malpica retoma as sesións de ‘Tardes na Biblioteca’ con actividades para público infantil. A programación consta de tres sesións, que comezarán este venres 2 de outubro na Biblioteca Municipal Eduardo Blanco Amor. Todas as sesións se celebrarán ás 18:00 horas.

Para reservar asento, xa que o aforo é limitado debido á situación sanitaria, pódese chamar ao 696 16 11 87. Recoméndase a presenza dun adulto por cada nena/o. A primeira das sesións correrá a cargo de Inacio Vilariño co ‘Espantamedos’, unha proposta de contos e cancións para enfrontarse a eses medos patrimoniais que, dun xeito ou doutro, perviven na sociedade galega nos nosos días.

Na segunda sesión, do 9 de outubro, Magín Blanco escenificará o espectáculo ‘O que levamos nas maletas’, un contacontos musicado que axudará aos nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua, polos contos e a música para que poidan artellar o seu propio universo creativo.

Para pechar a programación, o 16 de outubro, Pérez&Fernández traerán a Malpica ‘Rosa e Azul’, un espectáculo de narración oral que reflicte unha realidade que os nenos e nenas deberán coñecer. Bruxas malvadas, un neno que leva posto un vestido rosa e un pai que é ama de casa. Unha coidada selección de contos non sexistas que pretende eliminar valores e actitudes estereotipadas.

Todas as actividades contarán cos protocolos adaptados á situación provocada pola COVID-19. Será de uso obrigatorio a máscara sanitaria para maiores de 6 anos e haberá a disposición das persoas usuarias xel hidroalcólico.

28Set 2020

Malpica dará comezo ás Escolas Deportivas Municipais o vindeiro día 5 de outubro

O Concello de Malpica dará comezo ás Escolas Deportivas Municipais o vindeiro día 5 e outubro. O prazo para inscribirse nas mesmas comeza hoxe, 28 de setembro.

Tamén darán comezo as actividades para adultos, entre as que destacan zumba, o programa ‘Ponte en Forma’, pilates e ximnasia terapéutica. Para iso, o Concello habilitou a liña telefónica 981 720 001, á que poderá chamar calqueira persoa interesada en participar nas mesmas. Os horarios pódense consultar na seguinte ligazón.

Para o desenvolvemento destas actividades, contarase cun protocolo sanitario para o correcto desempeño das mesmas. Haberá unha solución hidroalcólica a disposición dos usuarios e habilitaranse os espazos para poder respectar as medidas de distanciamento social.

24Set 2020

O Concello de Malpica aproba definitivamente un orzamento de 4,8 millóns de euros para o exercicio 2020

O Concello de Malpica contará cun orzamento de 4,8 millóns de euros para o exercicio 2020. O documento aprobouse no Pleno celebrado esta tarde no salón de actos do Centro Cívico, debido á normativa da COVID-19. Ademais, acordouse que os festivos locais para o ano 2021 serán o 8 de xaneiro, San Xulián, e o 27 de agosto, a Festa do Mar.

No relativo ao orzamento, no capítulo de gastos, estarán adicados 1.694.842 euros aos gastos de persoal; 2.384.499,89 euros para gastos correntes en bens e servizos; 10.000 euros para gastos financeiros; 216.390,5 euros para gastos correntes; 514.833,32 euros para inversións reais e 20.000 euros para operacións financieiras.

No capítulo de ingresos, destácanse os 1.407.734,28 euros para impostos directos; 16.653,02 euros para impostos indirectos; 933.972,00 euros para taxas, prezos públicos e outros ingresos; 2.186.273,82 euros para transferencias correntes; 275.883,32 euros para transferencias de capital e 20.000 euros para activos financeiros.

23Set 2020

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño aplica un novo material a base de barro nas estruturas dos pisos

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño, no Concello de Malpica, está a aplicar un novo material a base de barro nas estruturas dos pisos xa que, tras varios anos de uso, necesitaron dun arranxo para conservar así a súa durabilidade estrutural.

Para isto, fixéronse varias probas ata dar co material idóneo para a posterior aplicación no chan de varias das estancias do Ecomuseo, e como non, foi elixido unha pasta a base de barro, que presenta unhas características que o fan moi resistente.

A Deputación Provincial xa destinara unha partida para aplicar, nun primeiro termo, varias remodelacións importantes neste espazo, como a reparación do edificio de administración ou a reposición de varios dos muretes exteriores.  Así, conséguese un dobre obxectivo: consolidar a estrutura de todo conxunto, así como unha mellora estética.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a concelleira de Olería, Leticia Varela, quixeron agradecer ‘á Deputación todas as facilidades para acadar esas melloras, nun dos emblemas culturais que temos aquí, con pezas históricas e cunha exposición que lembra o modo de vivir dos nosos antepasados’, comentaron.

Pola súa banda, o xerente do Eco Museo, Paco Doval, sinalou que ‘con estas intervencións acádase a consolidación do chan das estancias do Museo, algo que era moi necesario. Seguiremos traballando por e para este espazo, onde se reúnen tradición, cultura e artesanía’, rematou.

Peche das salas de Agricultura e Mar

Desde a dirección do Museo indícase que estas estancias permanecerán pechadas por mor dos traballos, aínda que se agarda que proximamente poidan estar de novo abertas ao público.

16Set 2020

Malpica celebrará este sábado un obradoiro de iniciación á confección e reparación de artes de pesca

O Concello de Malpica celebrará este sábado un obradoiro de iniciación á confección e reparación de artes de pesca. Está previsto realizar unha visita guiada ás 12:00 horas no porto de Malpica. As persoas interesadas poden inscribirse no 981 71 15 20 ou no 650 02 10 95.

Ademais, dentro desta xornada, que comeza ás 10:00 horas na sala de conferencias do CAT, terá lugar o faladoiro baixo o título ‘Introdución á elaboración de redes e outras artes de pesca’, e de 11:00 a 12:00 horas visitarase a exposición ‘As redeiras e o mar’ tamén no CAT.

Con esta actividade búscase dar a coñecer un oficio fundamental no ámbito da pesca, un dos sectores máis importantes de Malpica.

14Set 2020

O Concello de Malpica conclúe os traballos de renovación das cubertas e da terraza do Centro Cívico

O Concello de Malpica concluíu os traballos de renovación das cubertas e da terraza do Centro Cívico. Ambas infraestruturas carecían de illamento e impermeabilización, polo que se producían filtracións de auga, o que derivaba en humidades nos espazos interiores. O total do orzamento da licitación supón 33.936,58 euros.

Por isto, desde a administración local impulsouse o proxecto da súa reparación, que consistiu na execución de cubertas sobre as xa existentes, incrementando a cota do chan nuns 20 centímetros. Desta maneira, as terrazas actuais pasan a non ser transitables. Tamén se retiraron as barandas e a estruturas que soporta, así como tamén se desmontou o vallamento modular de metal anexo ao CEIP Milladoiro, a cal tamén se pintará para de cara ao final da obra.

O alcalde, Walter Pardo, sinala da ‘mellora susbstancial que supoñen estes traballos á hora de dotar este espazo da calidade axeitada. Un dos lugares que máis demanda ten Malpica, a nivel educativo, cultural, e tamén de xuntanzas, non podía presentar as deficiencias que alí se daban’, sinala o rexedor.

10Set 2020

O Concello de Malpica comeza co reparto de material sanitario nos colexios do municipio

Esta mañá, o alcalde de Malpica, Walter Pardo, e o concelleiro de Promoción Económica e Benestar, Sergio García, acudiron aos centros educativos do municipio para facer o reparto de material de seguridade coincidindo co novo inicio do curso escolar para Infantil e Primaria. 


Trátase de lotes de máscaras sanitarias e difusores de xel hidroalcólico, para que as rapazas e rapaces vexan garantida a súa seguridade. 

O rexedor malpicán quixo trasladarlle ánimos ‘tanto aos pequenos como ás familias por este novo curso que comeza. Sabemos que é unha época incerta pero estaremos de seu lado para garantir a súa seguridade, cen por cen’, asegurou o primeiro edil. 

7Set 2020

O Concello adica unha partida de 43.000 euros para a reforma da Galiña Azul

O Concello de Malpica adicou unha partida de 43.606, 11 euros para a reforma da Galiña Azul do municipio. Este espazo, que conta cunha gran demanda, verá remodelado tanto o seu interior como o exterior.

As obras consistiron na reparación e substitución de todos aqueles elementos defectuosos tanto interiores como exteriores do inmoble, e completar ademais outros elementos necesarios para o correcto funcionamento da escola. Mellorouse o pavimento dos patios exteriores; a protección solar da sala polivalente, da aula de 0-1 anos, da de 1-2 anos, da aula de 2-3 anos e da sala de carros, mediante a colocación de elementos protectores nas fiestras. Na sala de carros substituíuse a porta de cristal por unha cega con peche.

Imaxe do interior da Galiña Azul | Concello de Malpica

Ademais, tamén se substituíron elementos como as billas de arias aulas, protexéronse esquinas dalgúns elementos construtivos, colocáronse estantes e aplicouse un tratamento impermeabilizante e contra fisuras tanto nas fachadas como na parte interior das escaleiras.

Coincidindo co inicio do curso escolar, desde o Concello destacan ‘o importante salto cualitativo que suporán estas intervencións, e que ademais nos axudarán a crear espazos máis diáfanos e amplos, que nos axudarán no tema sanitario’, anotan.

O alcalde, Walter Pardo, insiste na demanda de ‘respectar as medidas sanitarias no total de situacións diarias, xa que con pequenos xestos podemos facer grandes accións. Desde aquí animo tanto a proxenitores como a alumnado polo inicio do curso, e agarda que coa colaboración de todas e todos poidamos reverter a situación’, finalizou o rexedor.

1Set 2020

O Concello de Malpica confirma oito positivos por COVID-19

O Concello de Malpica comunica oito casos positivos por COVID-19. O alcalde, Walter Pardo, pide responsabilidade nas reunións de familia e amigos.

O rexedor malpicán confirmou hoxe a nova, ante a que recoñece estar “preocupado polos rebrotes”, confirmou. Tanto Pardo como o grupo de goberno ao completo insta a seguir mantendo e respectando as medidas e protocolos sanitarios pertinente. “O que nos piden dende a sanidade non é difícil de cumplir. Sinxelamente é un bo uso da mascarilla e distancia interpersoal de metro e medio”.

O alcalde, que mantivo hoxe unha reunión telefónica con Luis Verde, xerente do Sergas, advirte de que ‘tan só xuntas e xuntos poderemos frear a expansión da COVID-19. Temos na nosa man, por medio da responsabilidade individual, coidarnos a nós mesmos pero tamén aos demais. Con todo, e desde o goberno local, comunicamos que incrementaremos a vixilancia dos espazos públicos e asumiremos novas medidas para frear o contaxio. E pedimos axuda ás administracións competentes para ditas tarefas, xa que non é de recibo que sexamos os concellos os que teñamos que asumir obrigas que non son nosas”.

Da reunión telefónica con Verdes, subliñou que se ‘intensificarán as probas PCR en varios dos sectores máis sensibles, como taxistas, SAF, monitores escolares e deportivos, co fin de controlar a situación que, en todo caso, non é alarmante. Os casos están controlados e aillados nos seus domicilios’, insiste.

“Desde a corporación enteira do concello de Malpica de Bergantiños enviámoslle toda a nosa forza aos enfermos e desde o grupo de goberno poñémonos á súa disposición se puideramos axudar en algo”.