Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 18°
16°
Martes 18°
15°
Mércores 17°
14°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2020
  3. Febreiro

Febreiro 2020

28Feb 2020

Xornada de poda na carballeira Cerqueda Nova

O Concello de Malpica organizará o vindeiro sábado 7 de marzo unha xornada de #poda na carballeira Cerqueda Nova, aberta a madriñas, padriños e público en xeral.
 
Ás 15:45 horas será a recepción dos participantes, e ás 16:00 horas Amancio Lavandeira ofrecerá unha sesión teórica sobre a poda en carballos autóctonos.
 
Ás 16:15, sesión práctica e ás 18:00 tomarase o café para clausurar a xornada.
 
Colabora Senda Nova.
 
26Feb 2020

Malpica continúa coa I Edición de faladoiros educativos para a rapazada e as familias

O Concello de Malpica continúa coa I Edición de faladoiros educativos para a rapazada e as familias. O segundo destes coloquios, con título “Disciplina positiva” terá lugar mañá, xoves 27 de febreiro, no Centro Cívico malpicán, de 11:00 a 12:30 horas.

Estará impartido por Adela Rodríguez, titulada en psicoloxía e experta en faladoiros educativos para nenas e nenos. Poderán asistir todas as persoas que así o desexen.

Cabe destacar que este é un proxecto que xorde da necesidade de crear un espazo de aprendizaxe onde intercambiar experiencias e reflexións colectivas en prol dunha mellora da nosa sociedade mediante a abordaxe de temas que na actualidade espertan gran interese, e tamén preocupación.

18Feb 2020

Malpica xa ten o programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller

O Concello de Malpica xa conta co programa de actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller, que se celebrará o vindeiro 8 de marzo.

Aínda que xa se teñen desenvolto actividades durante todo febreiro, como o obradoiro de risoterapia ou a elaboración das zoquiñas con olaría de Buño, o groso a programación será a partir dagora.

En suma, o 3 de marzo os CEIP Milladoiro e Joaquín Rodríguez Otero acollerán a presentación do libro “Cambiando o Conto”, ás 12:00 e ás 12:40 horas respectivamente. O 4 e 5 de marzo terá lugar o obradoiro ‘Mulleres Visibles’ no IES Urbano Lugrís.

O 6 de marzo presentarase de xeito oficial o proxecto “Zoquiñas Vermellas”, no salón de actos do centro comarcal de Buño ás 20:00 horas. O día 7 de marzo será a noite lila, na que haberá unha marcha de mulleres para reclamar os espazos públicos e o dereito a camiñar sen medo pola rúa. Será a partir das 19:30 horas. Ademais, a partir das 21:00 horas desenvolverase a segunda Foliada da A.C.D. Carcaxía, no Campo da Festa de Seaia.

Durante a mañá do 11 de marzo presentarase no IES Urbano Lugrís o libro “Cambiando o conto” a partir das 9:35 horas. O 13 de marzo haberá un faladoiro e unha exposición fotográfica, baixo o título “As mulleres da ribeira”, no salón de actos da Confraría de Pescadores de Malpica ás 17:30 horas.

O 14 de marzo haberá unha sesión de teatro coa representación da obra “A compañeira de piso” ás 20:00 horas no Centro Cívico de Malpica. E a partir das 00:00 horas, unha pinchada feminista a cargo de “As Comadres” e unha exposición fotográfica co título “Sen elas non hai música”, no Submarino Bar.

Este compendio de actividades está organizado polo Concello de Malpica, a Asociación Visibles e a Olaría de Buño, en colaboración coas asociacións culturais do Concello.

 

14Feb 2020

O Concello de Malpica organiza un compendio de actividades para festexar o Entroido

O Concello de Malpica organiza un compendio de actividades para festexar o Entroido que comezarán mañá, día 15 de febreiro, coa festa infantil e o desfile de disfraces de Leiloio. A partir das 16.30 horas, acollerá as actividades a Casa dos Veciños. Colabora: Asociación de Veciños de A Pedrosa, Brión e A Raxeira. O desfile de disfraces infantil e adultos comezará ás 19:30 horas, seguido do concurso de doces. Organiza a asociación de veciños da Pedrosa, Brión e A Raxeira.
O domingo 16 de febreiro celebrarase o obradoiro de piñatas na Casa da Cultura de Seaia, de 10:00 a 13:00 horas, a partir de 4 anos. É de balde para socios, e o prezo é de 3 euros para non socios. As inscricións poden realizarse ata hoxe, no 657 919 272. Organiza A.C.D. Carcaxía. Tamén se desenvolverá a festa de disfraces infantil con inchables e a merenda saudable, con doces de Entroido sen glute, a partir das 16:30 horas na Casa da Cultura. Colaboran A.C. Carcaxía.
O venres 21 de febreiro, venres de Entroido, terá lugar o pasarrúas do CEIP Milladoiro a partir das 10:30 horas, e o do CEIP Joaquín Rodríguez Otero a partir das 12:00 horas. O Concurso de disfraces de Entroido desenvolverase a partir das 00:00 horas polos pubs da vila. Haberá cestas de lacóns e chourizos para os mellores disfraces. As persoas participantes deberán percorrer todos os locais organizadores onde se puntuará cada disfraz. Gañarán os/as que acaden maior puntuación. Organizan os pubs de Malpica: Jofra, Submarino, Leño, Brebaxe, Prisma, e Don Paco. Haberá tamén un obradoiro de máscaras na Aula de Arte do Centro Cívico, de 17:00 a 19:30 horas, a partir de 6 anos. Inscricións no 610 696 267. Organiza a A.C.D. Salitre.
O sábado 22 de febreiro, o sábado de Entroido, haberá cocido en Cerqueda, a partir das 14:00 horas que arrinca coa sesión vermú do grupo La Bamba. Pola tarde, actuación musical a cargo de Judith Cundins e verbena co grupo La Bamba, Judith Cundins e Disco Móvil Impacto. A venda de entradas para o cocido están dispoñibles no restaurante A La Brasa, supermercado Amparo e Sara, cervecerías O Pazo e Prinss e na cantina da U.D. Cerqueda, en Xaviña. Terá fins solidarias coa “Asociación Amigos de los Perros de Carballo”. En Malpica, a partir das 14:00 horas, sesión vermú, cocido de Entroido, percorrido musical e gran concurso de disfraces. Colaboran A.C. Malante e A.C.D. A Estádiga.
Quenda para o domingo de Entroido, 23 de febreiro, para que Malpica acolla o desfile de disfraces infantil, que percorrerá a vila saíndo do Centro Cívico ás 18:00 horas e rematando na praza do Campo. En caso de choiva rematará no Mercado Municipal. Organiza a A.C. Malante. Ás 18:00 actuará a Charanga NBA polas rúas da vila. Tamén a partir das 18:00 se xuntarán as comparsas polas principais rúas. A entrega de premios será a partir das 19:00 horas na praza do Campo. En caso de choiva, farase no Mercado Municipal.
Categorías:
Xeral – a partir de 13 anos – Premios en vales para mercar nos establecementos do Concello de Malpica:
1º premio 300,00 €.
Infantil – de 0 a 12 anos – Todas/os as/os participantes recibirán un agasallo e haberá un premio para o disfrace gañador.
Haberá tamén un concurso de piñatas de Entroido na praza do Campo a partir das 18:30 horas. Entrega de premios, vales para mercar nos establecementos do Concello de Malpica, ás 19:30 horas. Colaboran A.C. Malante, A.C.D. Carcaxía. Tamén haberá un baile social de disfraces de maiores, e un concurso de disfraces para maiores no Auditorio do Centro Cívico, amenizado pola solista do Trío Karma.
O luns 24 de febreiro haberá en Buño unha festa de disfraces infantil con inchables, karaoke, chocolatada e concurso de doces de Entroido, das 16:30 ás 19:30 horas no pavillón polideportivo do CEIP Joaquín Rodríguez Otero. Colabora o ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero. Ás 19:30 horas celebrarase un concurso de disfraces no mesmo pavillón. Colabora o ANPA do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.
O martes 25 de febreiro, en Malpica terá lugar a festa de disfraces infantil con inchables (para rapazada ata 14 anos) no pavillón polideportivo de Malpica, en horario de 17:00 a 20:00 horas. Colabora o ANPA Ventorrillo. Haberá tamén unha exposición e degustación gastronómica de doces do Entroido, a partir das 17:00 horas no pavillón de Malpica. Colaboran a asociación de Redeiras Mar de Illa e a asociación de Amas de Casa. Podedes inscrivirvos no departamento de Educación e Cultura do Concello, e tamén en calqueira entidade colaboradora.
O sábado 29 de febreiro en Buño celebrarase a Mikaela. A festa comezará ás 13:30 horas coa sesión vermú. O domingo 1 de marzo celebrarase en Cerqueda o percorrido dos Madamitos e Ghuardineros pola parroquia, acompañados por unha comitiva de Entroido. Sairá ás 16:00 horas, co seguinte itinerario: As Pozacas, Leduzo, Os Resíos, O Ceán, Loroxo, As Cortes e Folgueira. Madamitos e Ghuardineros rematarán en Malpica no enterro do Faustino. Organiza: A.C. Raigañas.
En Vilanova celebrarase a festa de disfraces infantil e degustación de doces de Entroido, a partir das 16:30 horas na Escola Unitaria de Beo. Colabora a A.V.C.S. O Brizo. En Malpica actuará a Charanga NBA polas rúas de Seaia e Malpica a partir das 16:30 horas. Será o enterro do Faustino, que sairá do Centro Cívico ás 17:30 horas para percorrer as rúas da vila e a representación teatral da comitiva do Faustino, ás 19:00 horas no Cruceiro. Organiza a asociación de Redeiras Mar de Illa. En Seaia, ás 16:30, o Enterro do Farruco. A comitiva sairá do restaurante O Esqueiro para percorrer Seaia. Organiza a asociación cultural e deportiva San Xulián.
13Feb 2020

Buño celebrará o ‘Enterro da Mikaela’ o vindeiro 29 de febreiro

Buño celebrará o ‘Enterro da Mikaela’ o vindeiro 29 de febreiro. Os festexos arrincarán ás 13:00 horas coa sesión vermú, e extenderanse ata a noitiña coa ‘Queima da Mikaela’ e a verbena coa orquesta Compsotela e a actuación en vivo de varios DJ’s.

A saída da comitiva desta festa terá lugar ás 16:30 horas en Canta la Rana, e a misa celebrarase no Cruce de Xornes ás 18:00 horas. Faranse paradas tamén na igrexa de Buño e no cruce de Leiloio.

Esta festividade xa conta cunha longa traxectoria, sendo este particular Vía Crucis un dos máis concorridos de toda a Costa da Morte. Data de hai máis de 100 anos, e aínda que antigamente non se realizaba o percorrido polos bares, esa tradición ahora mantense.

Naceu como unha festa de Entroido normal, coa presenza dos ‘mecos’, que rematou derivando na Mikaela que coñecemos actualmente. Cabe destacar que tamén se celebrará a Mikaeliña, para a rapazada de Malpica, en colaboración coas asociacións de nais e pais, o venres 21 de febreiro. O propio día da Mikaela, o 29 de febreiro, tamén terán unha festa con chocolatada.

Alberto Añón, que forma parte da organización desta festa, destaca que “agardamos unha presencia similar á do ano pasado, na que contabilizabamos máis de 5.000 personas. Hai servizo de buses tamén desde A Coruña e Cee”, destaca Añón.

 

Servizo de bus

Nesta edición contarase cun servizo de autobús con ida e volta para acudir á festa. Poderase reservar praza no enderezo web www.somosfesta.com por 12 euros.

6Feb 2020

O Concello de Malpica organizará por vez primeira coloquios para os escolares e as familias de todo o municipio

O Concello de Malpica organizará a I edición ‘Fórmate en Positivo’, unha serie de faladoiros abertos para toda a sociedade, pero que están enfocados tanto aos escolares de todos os centros da vila malpicá como das familias.

A temática será diversa, e vai desde a educación sexual ata os primeiros auxilios, pasando pola igualdade ou as adicións. Comezarán o vindeiro luns, 10 de febreiro, de 18:30 a 20:00 horas no centro cívico de Malpica. Será impartida por membros da asociación Quérote +.

Este é un proxecto que xorde da necesidade de crear un espazo de aprendizaxe onde intercambiar experiencias e reflexións colectivas en prol dunha mellora da nosa sociedade mediante a abordaxe de temas que na actualidade espertan gran interese, e tamén preocupación.

Logo do primeiro faladoiro, celebraranse outros. Concretamente o 27 de febreiro, de 11:00 a 12:30 horas (disciplina positiva), o 12 de marzo, de 17:00 a 18:30 horas (igualdade), o 26 de marzo, de 17:00 a 18:00 horas (primeiros auxilios), o luns 20 de abril, de 11:00 a 12:00 horas (adicións), e o venres 15 de maio, que servirá de clausura, facéndoo coincidir co Día Internacional das familias. Todos serán no centro cívico.

Nesta iniciativa, impulsada polo Concello de Malpica desde a concellaría de Educación, colaborarán todos os centros da vila, así como as asociacións de pais e nais: IES Urbano Lugrís, CEIP Milladoiro, CEIP Joaquín Rodríguez Otero, CRA Nosa Señora do Faro, ANPA Orxeira, ANPA Ventorrillo e ANPA Xaviña.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, sinala que “hai que impulsar programas dinamizadores, pero tamén que sensibilicen ás nosas xeracións máis novas. Temos o deber de ser quen ilumine este camiño da vida, tan agreste ás veces”, sinala o alcalde.

Pola súa banda, a concelleira de Educación, María Álvarez, destaca que “é a primeira vez que se organiza en Malpica un compendio de faladoiros como este, e agardamos que teña unha boa acollida para poder sentar as bases dun proxecto a longo prazo. Parécenos moi interesante, así como necesario, que tanto as familias como os rapaces e rapazas teñan acceso a toda a información que poidamos ofrecerlles. Contaremos ademais con profesionais cualificadas, persoas que pertencen á asociación Quérote +, Visibles ou Adela Royano, e ninguén mellor que elas para falarlles da vida”, apuntaba a edil.

5Feb 2020

Malpica xa comeza a traballar en actividades relativas ao 8 de marzo

O Concello de Malpica xa comezou a traballar na programación do 8M con obradoiros sobre olaría. Celebraranse os sábados 8 e 15 de febreiro a partir das 16:00 horas na Casa do Oleiro.

Neste participarán de xeito desinteresado algunhas das persoas expertas en olaría de Buño, así como o Concello, no departamento de Igualdade e a asociación Visibles.

Comeza así a conta atrás para unha das xornadas reivindicativas en clave feminista, como o é o 8 de marzo. Este día naceu en 1914 en Alemaña, Suíza, Austria ou Dinamarca como reivindicación á situación armamentística que sofría Europa. A ONU institucionalizouno en 1975.

Con esta serie de obradoiros comeza a conta atrás para a celebración do Día Internacional da Muller. Ademais, faise cun elemento vertebrador fundamental para a sociedade malpicá: a olaría de Buño.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, quere destacar que “a igualdade é un piar básico da sociedade, e impulsamos actividades con esta lectura. É fundamental traballar neste senso para concienciar á xente”, sinala Pardo.

A concelleira de Igualdade e Olaría, Leticia Varela, quere destacar que “esta andaina que comezamos con esta serie de obradoiros é especial, xa que o símbolo vehicular da mesma é a olaría, e todas sabemos o importante que é para nós. Quero agradecer a todas as persoas da olaría que participaron de xeito desinteresado nestes obradoiros, así como á asociación Visibles, que xa teñen colaborado connosco nalgún proxecto”, destacaba Varela.

Para as persoas interesadas en participar, poden poñerse en contacto a través das redes sociais do Concello de Malpica, nos enderezos electrónicos educacionecultura@gmail.com e oleriadebuno@gmail.com ou no teléfono de Cultura, o 981 707 104.

4Feb 2020

Día Contra o Cancro

 Falamos con Carmen Teresa Blanco, a presidenta da asociación contra o cancro de Malpica.
 
Encabeza unha organización na que todas as persoas que a integran teñen un obxectivo común: obter financiamento para loitar contra esta enfermidade. Ademais, encárganse de repartir información nos centros médicos e organizan xuntanzas gastronómicas, todas cun único fin: investigación.
 
Moitas grazas por esta tarefa, tan necesaria para todas e todos nós! 
 
3Feb 2020

Nova vida para o Fogar do Pensionista

Falamos con Xurxo Alfeirán, secretario da nova directiva do Fogar do Pensionista de Malpica. Comentounos que, entre os proxectos que teñen en mente, revitalizarán a vida deste espazo tan importante para a veciñanza.

Tanto él como o seu equipo teñen pensado o Fogar do Pensionista como un lugar que sirva non só para xogar ás cartas, ao dominó ou establecer tertulia do noso día a día. Tamén para acoller exposición itinerantes protagonizadas por xente de Malpica.

Organizarán tamén faladoiros, e nunha primeira actividade contaremos coa presenza de persoas sirias, chegadas ao noso país pola situación militar do seu. Explicarán as súas condicións de vida e despexarán dúbidas sobre a emigración e estereotipos que os atacan como pobo.

Proxectaranse filmes sobre o pasado de Malpica e a veciñanza poderá participar nos coloquios que se teñen pensados, ilustrados con fotos do pasado da nosa vila. Continuarase coas milongas, festas gastronómicas nas que a veciñanza poderá aportar o que sexa previsto e estase pensando organizar excursións.

Estade pendentes das redes, porque desde o Fogar do Pensionista teñen moito que ofrecervos! Sempre con vós, a veciñanza, como protagonistas.