Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2020
  3. Xaneiro

Xaneiro 2020

28Xan 2020

O alcalde de Malpica reúnese con Beatriz Sestayo, xerente de SEA, para darlle un novo pulo ao parque empresarial da vila malpicá

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, reuniuse esta mañá con Beatriz Sestayo, xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) para trasladarlle as ideas do novo goberno local para impulsar un cambio na vida do parque empresarial de Malpica.

O principal obxectivo desta reunión non é outro que trasladar a SEA por parte do Concello de Malpica as ideas que axuden a impulsar a actividade empresarial no polígono, cuxas accións se basearían en novos plans que incrementen as posibilidades de incorporación ao mercado industrial de novas empresas, así como dotar de facilidades ao empresariado xa asentado na zona. 

Hai once anos que remataron as obras de construción do polígono malpicán, cun orzamento que rondaba os 1,5 millóns de euros por aquel entonces. SEA impulsou o primeiro proxecto de asentamento de empresas o pasado ano, con seis parcelas baixo réxime de dereito de superficie, que permite ás empresas comezar a actividade industrial sin necesidade de adquirir no chan industrial. 

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, indicou que “un dos nosos principais proxectos para mellorar a nosa vila pasa por darlle un pulo ao parque empresarial de Malpica, xa que ademais de reactivar o sector comercial axudaría a incrementar a poboación, e que viría a reafirmar o que levamos dicindo desde que entramos no goberno: Malpica é un lugar para vivir”, destacaba Pardo. 

Pola súa banda, Sestayo amosou a súa “satisfacción pola enorme implicación do alcalde no desenrolo industrial e empresarial do seu Concello, que compartimos na SEA, nunha reunión que serve para avanzar no planteamento de novas opcións para o plan de comercialización de 2020 que fagan máis atractivo o asentamento de empresas no concello”, apuntou a xerente de SEA.

27Xan 2020

O Concello de Malpica expande as fronteiras da olaría de Buño na Feira Internacional do Turismo de Madrid

O Concello de Malpica levou a FITUR, a Feira Internacional do Turismo en Madrid, a súa olaría.

A concelleira de Cultura e Olaría, Leticia Varela, puido intercambiar impresións coas persoas integrantes da Asociación Española das Cidades da Cerámica, entre os que estaban Xavier Morant, vicepresidente da asociación, e María Jesús Pérez, concelleira de Artesanía de Talavera de la Reina e presidenta da mesma.

O obxectivo destes encontros non foi outro que o intercambio de ideas, así como amosar a posta en valor que en Buño se fai coa olaría, onde está proxectado que se celebre unha das próximas asembleas nacionais da Asociación Española das Cidades da Cerámica. Está proxectado, á súa vez, que o vindeiro ano se presente conxuntamente o proxecto das cidades oleiras en FITUR.

Outro dos temas centrais foi a sustentabilidade, eixo sobre o que se moverá, ou polo de agora así apunta, a artesanía a nivel xeral e a olaría a nivel particular nos vindeiros anos. A concelleira de Olaría de Malpica, Leticia Varela, quixo salientar “o enriquecedor que é para nós participar en FITUR, un dos eventos máis importantes a nivel mundial, que serven non só para expandir a nosa cultura, senón para ampliar coñecementos e importar tamén novas ideas para aplicar, e aumentar en maior grao, si cabe, o coidado e o tratamento aplicado ao noso”, dicía a edil malpicá.

21Xan 2020

O Concello de Malpica asina un convenio colaborativo coa Deputación Provincial da Coruña para a xestión integral do Ecomuseo do Forno do Forte de Buño

O Concello de Malpica asinou un convenio para a xestión integral do Ecomuseo do Forno de Forte de Buño coa Deputación Provincial da Coruña. O alcalde, Walter Pardo, e a concelleira de Olaría, Leticia Varela, acudiron ao edificio provincial para asinar o acordo co presidente, Valentín González.

O Concello de Malpica comprométese pois, deste xeito, a manter en perfectas condicións o inmoble, facilitar a visita do conxunto etnográfico e dos elementos museísticos e doutras exposicións que albergue o mesmo, dinamizar o centro dentro das actividades do propio museo, en especial a alfarería de Buño, complar o patrimonio etnográfico da zona, fomentar o estudo e investigación sempre colaborando coas agrupacións oleiras e culturais da zona, eloaborar e difundir métodos didácticos e informativos relacionados coa cultura popular, de xeito especial dentro da olaría e establecer sistemas de relación con outros centros e ecomuseos de actividades oleiras.

A Deputación Provincial investirá un total de 70.000 euros para a anualidade de 2020. O alcalde de Malpica, Walter Pardo, manifestou “a nosa satisfacción por acadar este acordo, xa que a olaría para nós é moi importante, un dos piares sobre os que se sustenta Malpica”, destaca o rexedor.

Pola súa banda, a concelleira de Olaría, Leticia Varela, quixo “agradecer tanto á Deputación Provincial en xeral como a Xosé Lois Penas de xeito particular a súa colaboración con nós. É importantísimo preservar a alfarería e olaría non só como elemento vertebrador da cultura malpicá, senón galega”, sinalaba a edil.

20Xan 2020

O alcalde de Malpica reúnese na Coruña co xefe territorial de Mobilidade para demandar o aumento de seguridade viaria en Malpica

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, reuniuse esta mañá con José Antonio Álvarez, xefe territorial de Mobilidade e Infraestruturas da Xunta de Galicia, para plantexar a posibilidade de realizar unha serie de intervencións na vila malpicá, co obxectivo de aumentar a seguridade viaria no municipio.

O rexedor, Walter Pardo, e o edil de Obras, José Ángel Garrido, transmitiron as inquedanzas por varios temas ao longo de toda a contorna municipal. En primeiro termo, falouse das necesidades de aumentar a sinalización na recta de Filgueira, así como a instalación de elementos que poidan garantir a seguridade dos viandantes.

Un segundo punto que se tratou na reunión foi o da rotonda de Buño, lugar que a veciñanza emprega para acudir, por exemplo, ao Centro Médico. Polo tanto, deberiase contar con elementos que garantan a seguridade tanto de peóns como de condutores.

Outro tema fundamental que se tratou nesta reunión foi o relativo aos centros educativos de Buño e do Milladoiro. Os membros do goberno local de Malpica trasladáronlle a José Antonio Álvarez a súa preocupación polo estado actual das infraestruturas de seguridade, ao que o xefe territorial se comprometeu a estudar un proxecto, co obxectivo de protexer ao alumnado.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, amosou a súa “satisfacción pola comprensión expresada polo xefe territorial, que entendeu a urxencia de incrementar a seguridade nos puntos que lle propuxemos. Comprometeuse a estudar a viabilidade da instalación de varios pasos de peóns iluminados, e recibimos esta nova moi satisfeitos”, sentenciaba Pardo.

9Xan 2020

A Deputación da Coruña comprométese a crear un grupo de traballo para mellorar Malpica

A Deputación Provincial da Coruña, con seu presidente Valentín González Formoso á cabeza, comprometeuse a crear un grupo de traballo para acadar melloras infraestruturais no Concello de Malpica.

A vila malpicá recibiu hoxe, xoves 8 de xaneiro, a visita institucional do presidente da entidade provincial, ao que acompañou o alcalde de Malpica, Walter Pardo, e algúns dos membros tanto do equipo de goberno como da oposición.

Realizaron unha visita á instalación da empresa Forjados El Progreso, para coñecer a súa actividade. Ás 13:00 horas, o presidente da institución provincial foi recibido polo alcalde na Casa do Concello.  Tamén visitaron a Confraría de Pescadores, onde puideron contemplar algunhas das obras que Urbano Lugrís pintou en Malpica. Tamén a Lonxa e o Fogar do Pensionista, acompañados dos membros do goberno municipal.

Pola súa banda, o alcalde de Malpica, Walter Pardo, quixo sinalar que “é difícil dar un paseo pola nosa vila sen recoñecer pegadas do compromiso coa cohesión territorial impulsada pola Deputación da Coruña. O noso concello ten o anhelo de deixar de ser un territorio periférico e arraigar poboación. Para posibilitar este obxectivo, son moitos os retos que temos trazado, e gustaríanos contar co apoio da Deputación Provincial”, apuntaba o rexedor malpicán.

En palabras do presidente da Deputación, Valentín González, “esta visita serve para coñecer a realidade da vila de Malpica. Faremos un exame realista e o meu compromiso é facer un grupo de traballo para aportar ideas, todo para revitalizar esta vila da Costa da Morte. Hai que escoitar a todas as persoas, ter en conta as tendencias e cales son os camiños a tomar. Tanto pola vosa parte como pola nosa existe vontade, e non me cabe dúbida de que se reflictirá no futuro”, aportaba Formoso.

8Xan 2020

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, consegue o compromiso da Xunta para prorrogar o convenio para o centro de día do municipio

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, acaba de conseguir o compromiso da Consellería de Política Social para seguir financiando a creación do futuro centro de día do municipio. Así o confirmou o rexedor, que se reuniu hoxe coa conselleira de Política Social, Fabiola García. Á cita acudiu tamén a concelleira de Cultura, Olaría, Igualdade e Patrimonio de Malpica, Leticia Naya Varela e o concelleiro do PP, Eduardo Parga.

O alcalde destacou a “boa sintonía” do encontro, incidindo “nos excelentes resultados acadados”. O Concello sacou un compromiso para unha nova sinatura dun novo convenio de carácter plurianual polo mesmo importe do acordo anterior, de 150.000 euros.

O convenio precedente fora asinado en novembro de 2018, pero perdeu a súa vixencia.

Por medio deste acordo, a Xunta comprométese a aportar 150.000 euros, mentres que o Concello achegará a contía restante (outros 150.000 euros). Walter Pardo incide na necesidade de “habilitar esta nova dependencia canto antes co fin de sumar un servizo crucial para os veciños e veciñas do concello”.

8Xan 2020

Música en directo todos os domingos no centro cívico de Malpica

O Centro Cívico de Malpica ofrecerá, todos os domingos, música en directo, refrescos, doces e a posibilidade de participar no sorteo dunha cea para dúas persoas o domingo, 12 de abril.

O programa arranca este domingo, 12 de xaneiro, coa voz de Claudia. O Dúo Karma  (19 de xaneiro), Dúo Élite (26 de xaneiro) e Ángel Obama (2 de febreiro) subiranse tamén ao escenario do centro cívico.

 

 

2Xan 2020

Cabalgata de Reis Malpica de Bergantiños 2020

Concello de Malpica, a A.C. Malante, A.C. Raigañas, A.C. Carcaxía, a Asociación Veciñal e Cultural Viradeira de Buño, a Asociación Veciñal Río de San Antonio, a ANPA Milladoiro e a ANPA J.R.O. organizan a Cabalgata de Reis 2020. A cita coas Súas Maxestades de Oriente terá lugar este domingo, 5 de xaneiro. Durante a xornada, os Reis Magos pararán nos seguintes puntos:

  • Parada na parroquia de Mens. Fronte ao Bar Secundino (10.45 horas).
  • Parada na parroquia de Barizo. No Campo da Festa, diante do Centro Sociocultural (11.30 horas).
  • Parada na parroquia de Vilanova. Ao carón da igrexa, fronte ao parque infantil (12.15 horas).
  • Parada na Casa da Cultura de Seaia (12.45 horas).
  • Parada dos Reis e paxes no Centro Sociocultural de Cambre (17.00 horas).
  • Parada da Cabalgata no Centro Sociocultural de Buño, Teleclub (17.30 horas).
  • Cantos de Reis na Carpa Real do Paseo Marítimo, zona do chiringuito (18.00 horas).
  • Parada da Cabalgata en Cerqueda (Aldeola). Explanada do Bar O Rally, fronte á gasolineira (18.15 horas).
  • Saída da Cabalgata do Centro Cívico (19.00 horas).
  • Chegada dos Reis Magos de Oriente e dos seus paxes á Carpa Real do Paseo Marítimo. Recepción da rapazada e chocolatada (19.30 horas).

Botádelle un ollo aos horarios dos autobuses para asistir á Cabalgata de Reis.

Bus Nº 1:

  • 17.45 horas Mens – Parada na explanada do Bar Secundino.
  • 17.50 horas Barizo – Parada bus escolar (estrada xeral).
  • 17.55 horas Beo – Parada do bus escolar.
  • 17.58 horas Seaia – Parada na Casa da Cultura.
  • 18.00 horas Vilanova – Parada no adro da igrexa.

Bus Nº 2:

  • 17:50 horas  Cambre – Parada de bus escolar, Leixoada.
  • 17:55 horas Buño – Parada no Centro Sociocultural de Buño (Teleclub). Ao carón da Igrexa.
  • 18:00 Cerqueda – Parada fronte a gasolineira. Parada de bus.

Os autobuses descargarán os pasaxeiros no Centro Civico (Malpica). Os autobuses chegarán ao Centro Cívico (Malpica) entre as 18:15 horas e as 18:30 horas Os autobuses sairán do Porto (Zona da Lonxa) para as diferentes parroquias ás 21.00 horas.

Mens

Cabalgata de Reis Leiloio

O domingo, 5 de xaneiro, os Reis Magos de Oriente sairán da Feira Nova a partir das 18.00 horas e percorrerán a parroquia de Leiloio. A cita está organizada pola A.C. A Feira en colaboración co Concello de Malpica.

Mens