Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2019
  3. Decembro

Decembro 2019

27Dec 2019

San Silvestre de Malpica 2019

O Concello de Malpica despedirá o ano coa celebración da IV edición da San Silvestre malpicá, na que participarán aorredor de 500 persoas. A saída terá lugar ás 12:00 horas, camiñando ata o punto de inicio, no paseo marítimo. Por primeira vez, a meta estará situada na praia de Area Maior.

O único requisito para participar é vestir unha indumentaria típica do Nadal ou do Entroido, constituíndo unha estampa moi característica destas datas. Ata cincocentas persoas despedirán o ano coa faceta máis divertida do deporte.

Quince minutos antes da proba absoluta, na que se desputarán as categorías masculina, feminina e homenaxe, a rapazada correrá polas principais rúas da vila. Ao final haberá unha entrega de premios, así como música en directo, a cargo do dúo Calú, txacolí, ribeiro e empanada.

O agora alcalde, Walter Pardo, sorprenderá como cada ano coa súa indumentaria.

Persoa homenaxeada

 Como curiosidade, nesta categoría desde que se vén promovendo a San Silvestre de Malpica, a persoa á que se rende homenaxe é sorpresa. Haberá sorteos, tamén ao remate, dunha cesta valorada en 250 euros, e as camistas do Básquet Coruña, o Breogán e do Liceo.

Desde o Concello, quérese agradecer a todas as entidades colaboradoras a súa implicación nesta proba.

26Dec 2019

Malpica de Bergantiños acollerá obradoiros para nenas e nenos no marco do programa educativo “A Vila do Mañá”

A Escoliña Vella do Concello de Malpica acollerá obradoiros enmarcados no programa educativo “A Vila do Mañá”. Esta iniciativa, impulsada pola Deputación Provincial da Coruña, pretende que se tome conciencia, a través dos xogos e desde a infancia, da arquitectura, o patrimonio tanxible, o urbanismo e a paisaxe.

Serán os días 30 de decembro, e 2, 3 e 4 de xaneiro, para nenas e nenos entre 3 e 12 anos. As inscricións poderán formalizarse no Departamento de Cultura do Concello de Malpica.

O reto principal que presenta este proxecto é que a infancia e a adolescencia participen de xeito activo nos proceso de construción do espazo común, dotándoos de ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade, desde a arte e a arquitectura.

Os técnicos e técnicas responsables do mesmo apuntan que “entendemos as vilas e cidades como un taboleiro de xogo, como lugar de encontro e como laboratorio de aprendizaxe para que as nenas e nenos poidan descubrir, coñecer e valorar o seu hábitat.

Despois de realizarse en concellos como Rianxo, Ames, Verín, A Pobra, Cambados ou Arteixo, chega a Malpica de Bergantiños, impulsado tanto pola Deputación da Coruña como polo Concello, e que recibe o apoio da ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña), do COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia) e de APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego).

Dálle forma o equipo POSTArquitectos, e xa ten formado parte de exposicións moi importantes tanto a nivel estatal como europeo. Así, estivo na Bienal de Venecia 2018 ou na 9th Child in the City World Conference, en Viena, Austria.

16Dec 2019

Reunión cas Asociacións de Cerqueda o vindeiro sábado 21 de decembro

O Concello de Malpica convoca ao tecido asociativo de Cerqueda a unha xuntanza no Salón de Plenos o vindeiro sábado, 21 de decembro, para informar á veciñanza sobre a situación da Croa do Castro, na que se retomarán os traballos.

Será ás 19:00 horas da tarde e terá o carácter de xuntanza aberta, para que poidan asistir todas as persoas que así o desexen. A veciñanza poderá realizar as súas aportacións.

Desde o Concello convidan a todo o mundo a participar na mesma, xa que “estamos convencidos de que este encontro suporá unha achega de ideas e liñas de actuación na posta en valor do noso Patrimonio”, sinalan.

14Dec 2019

Programación de Nadal 2019

O Concello de Malpica organiza un compendio de actividades culturais para o Nadal 2019, que xa comezaron a pasada semana co 2 ao 9 de decembro coa celebración do Concurso Escolar de Debuxo e Pintura do Nadal.

O luns 16 de decembro haberá un obradoiro de adornos de Nadal de 17:00 a 19:00 horas na Aula de Arte do Centro Cívico malpicán, organizado pola ACD Salitre en colaboración co Concello. Os Reis Magos visitarán o CEIP Milladoiro ás 10:30 horas.

O día 20 de decembro, un paxe en apuros, de Caxoto Cativo, visitará os centros CEIP Joaquín Rodríguez Otero ás 10:00 horas, a Galiña Azul ás 11:00 horas e a Escola de Barizo ás 13:00 horas. Novamente, haberá unha sesión do obradoiro de adornos de Nadal de 17:00 a 19:00 horas, na Aula de Arte do Centro Cívico.

O día 21 de decembro festexarase a colocación familiar dos adornos das árbores de Nadal, no Mercado Municipal das 11:00 ás 13:30 horas. Os menores deberán ir acompañados/as dunha persoa adulta. A partir das 18:00 horas, a Escola Deportiva Municipal ofrecerá unha exhibición de patinaxe de Nadal a partir das 18:00 horas no pavillón.

A xornada do 22 de decembro terá lugar unha festa infantil con hinchables, visita de Papá Noel e chocolatada, de 16:00 ata as 20:00 horas na Casa dos Veciños de Leiloio. O Mago Charly actuará de 17:00 a 18:00 horas na Casa da Cultura de Seaia e ás 18:00 horas, no mesmo escenario, actuará o grupo de baile The Team. De 18:30 a 20:00 horas está previsto que se celebre o Nadal Xogo, con animación musical e merenda saudable. Pedro Brandariz, con “Os contos do apalpador” estará na Casa da Cultura de Seaia ás 18:00 horas.

Previamente ao día de Noiteboa, o luns 23 de decembro, haberá un torneo de Nadal de tenis de mesa a partir das 10:00 horas, no pavillón de Malpica. Ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Cívico, festexarase o Concerto de Nadal.  O campamento urbano de Nadal, organizado para nenas e nenos de 3 a 12 anos, terá horario de 10:00 a 14:00 horas na Casa da Cultura de Seaia, que dará comezo este mesmo día.

As canteiras de Malante ofrecerán hoxe un pasarrúas de Panxoliñas a partir das 17:30 horas. Papá Noel entregará os agasallos de 11:00 a 13:30 horas, e de 16:00 a 17:30 horas no Mercado Municipal.

Para o 26 de decembro, está prevista a celebración do torneo de fútbol 3×3 a partir das 10:00 horas no pavillón. Os Xogos do Paporrubio e chocolatada, de 16:30 a 19:30 horas no pavillón do CEIP Joaquín Rodríguez Otero, e de 19:30 a 21:30 horas, unha masterclass de DJ na Casa da Cultura de Seaia.

O día 27 de decembro, a xincana ciclista encherá o pavillón malpicán de 10:00 a 13:00 horas, organizada polo Club Ciclista Carballo. Terá lugar unha nova sesión dos Campamentos Urbanos e todas as persoas inscritas viaxarán ata o Silleda Park.

O día dos Inocentes, 28 de decembro, terán lugar obradoiros de canto moderno e de percusión. O primeiro, de 17:00 a 19:00 horas na Casa da Cultura de Seaia. O segundo, no mesmo escenario de 19:00 a 21:00 horas.

O 29 de decembro, está organizada unha ruta polo río Va, con saída ás 10:00 horas na Igrexa de Mens. O pavillón polideportivo acollerá, de 17:00 a 19:00 horas, a Tómbola de Nadal.

Para o día 30 de decembro está previsto que se celebre unha charla deportiva a partir das 11:30 horas no Centro Cívico de Malpica. Terán lugar sesións dos campamentos urbanos de Nadal e da Vila do Mañá e haberá unha festa infantil con hinchables a partir das 16:30 horas no pavillón.

Despedirase o ano o día 31 de decembro coa celebración da 4ª San Silvestre malpicá, con saída ás 12:00 horas na fonte da praza Anselmo Villar Amigo. A festa de Fin de Ano, a partir das 23:45 horas no Auditorio do Centro Cívico de Malpica, amenizada polo Dúo D’Café.

O día 2 de xaneiro de 2020 haberá novamente sesións dos campamentos urbanos de Nadal e da Vila do Mañá, ademais dun obradoiro de olería no taller da Casa do Oleiro. Un día despois, o 3 de xaneiro, novamente sesión do campamentos urbanos e tamén o día do Baloncesto no Nadal, de 10:30 a 13:00 horas no pavillón polideportivo. De 14:30 ás 18:30 horas, o Nadal Xogo terá como protagonista a actividade “O castiñeiro do apalpador fantoches Baj”, no Centro Sociocultural das Pozacas, e organizarase unha quedada para a rapazada de 11 a 17 anos con DJ, futbolíns, merenda e sorpresas.

O día 4 de xaneiro, quenda novamente das xornadas no campamento urbano Vila do Mañá. O día previo á chegada dos Reis Magos, organizaranse os “Cantos de Reis” ás 18:00 horas. As Súas Maxestades chegarán desde Oriente a Buño, a partir das 17:30 horas, e a Malpica ás 19:00 horas. Haberá servizo de recollida de rapazada para asistir á cabalgata con parada en todas as parroquias. O día de Reis, 6 de xaneiro, os Reis Magos chegarán a Seaia ás 10:00 horas.

Mercadiño artesán de Nadal

Durante os días 20, 21 e 22 de decembro todas as persoas que o desexen poderán visitar o mercadiño de Nadal de Malpica, promovido pola Concellería de Cultura do Concello malpicán e no que haberá produtos artesáns e demostración de oficios como os das redeiras, olería, cestería, fiado de lá ou pratería. O venres 20 decorarase o mercado. O día 21 de decembro, ás 11:30 fará unha visita o apalpador, ás 13:00 horas haberá unha actuación musical por parte de Pablo Díaz e ás 17:30 horas Tecla Negra show. Tamén participaron as canteiras de Carcaxía e Malante.

O domingo 22 de decemebro, pasarúas e foliada cativa a partir do mediodía. Novamente actuación de Tecla Negra show a partir das 17:30 horas. Tamén estarán presentes as cantareiras de Raigañas e a Traski Band. Haberá chocolatada.

Neste mercadiño participan Raquel Raquelúa, Mindiringuín, Ana Visos, Marta, Pulseiras Macramé, Fátima, as redeiras de Malpica, as Redeiras de Corme, Pedro e Conchi, Arantxa, Sandra (xabróns), Maruxa, Paula, Eva, Lobera, a Asociación de Amas de Casa, o colectivo de arte de Carballo, Paco de Tano, Mamen, Sandra, Ana Ordes e a olería de Buño.

13Dec 2019

Gañadoras e gañadores do Concurso Escolar de debuxo e pintura de Nadal 2019

O Concello de Malpica fai oficial hoxe, venres 13 de decembro, a lista de gañadoras e gañadores do Concurso Escolar de debuxo e pintura de Nadal 2019, na que participaron máis de cen escolares de toda a vila.
A organización estableceu catro categorías principais de participación, a saber: Premio do Cartel 2019, Premio Saúda de Prensa de Nadal, Premio Pantalla Dixital e Premio Saúda Dixital.
As gañadoras e gañadores foron Ana López, de 4º de Secundaria, do IES Urbano Lugrís; Angelica Vidal, de 2º de Primaria do CRA A Nosa Señora do Faro; Icía Velasco, de 4º de Primaria do CEIP Milladoiro e Roi Freijeiro, de 6º de Infantil do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.
Ana López García PREMIO CARTEL E FOLLETO (2) Icía Velasco 4EP PANTALLA DIXITAL (1) Roi Freijeiro PREMIO SAÚDA DIXITAL (3)
 
 Parabéns a todxs!
 
10Dec 2019

O Concello de Malpica licita a contratación da concesión administrativa dos postos e da cafetaría do Mercado municipal

O Concello de Malpica sacou a licitación a contratación da concesión administrativa dos postos e da cafetaría do Mercado municipal.

 Esta concesión está dividida en catro zonas, en función da posición dos postos do mercado. Así, na zona 1 estarán comprendidos os postos 8, 9, 11, 12, 13 e 14; na segunda zona os postos 19-20, 21-22, 23, 25, 26 e 30; na terceira zona os postos 6, 7, 15, 16, 17 e 18, e na última e cuarta zona, os postos 1, 2, 3, 4, 5, 31 (que é a cafetaría) e 32.

 O prazo da concesión serán 8 anos. A data límite de presentación de ofertas serán trinta días hábiles a partir de hoxe, martes 10 de decembro.

 A documentación xeral par participar na poxa presentaranse no Rexistro Xeral, e tamén por correo electrónico á seguinte dirección: correo@malpicadebergantinos.es. As proposicións constarán de dous sobres pechados, denominados A e B, asinados pola persoa que o represente, que fará constar en cada un do seguinte contido. No A. Os documentos acreditativos da capacidade das empresas; no B, o poder, que deberá estar inscrito previamente no Rexistro Mercantil.

 O alcalde de Malpica, Walter Pardo, amosouse “tremendamente satisfeito polo desbloqueo desta situación. Ogallá participe moita xente neste proceso e lle deamos entre todas e todos a vida que se merece ao noso Mercado municipal”, sentenciaba Pardo.

5Dec 2019

Derradeira sesión da Mostra de Teatro de Malpica

A Mostra de Teatro chega ao seu fin mañá, venres 6 de decembro, no derradeiro pase da súa décimo quinta edición. O espectáculo, apto para todos os públicos, correrá a cargo de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, a partir das 20:30 horas no Centro Cívico, con “A nena e o grilo máis aló”.

 Na mesma, unha nena e un grilo en busca de novas aventuras pisan á súa amiga Xertrude, unha araña. Buscando un modo de devolverlle a vida, atópanse cuns artistas ambulantes que os guiarán a través da maxia e a música no país dos mortos, onde intentarán atopar a Xertrude e traela de novo. Unha divertida historia, evocadora á súa vez, que nos transporta ás viaxes máis emocionantes. Os artistas e as artistas interpretarán música en vivo.

4Dec 2019

Programación deportiva de Nadal do Concello de Malpica

O Concello de Malpica ultima os preparativos para un compendio de actividades deportivas para as Festas de Nadal, baixo o lema ‘Nadal Deporte 2019’.

 Así, o programa comezará o vindeiro sábado, 21 de decembro, coa exhibición de patinaxe, que se celebrará a partir das 18:00 horas no pavillón polideportivo de Malpica. O día 23 de decembro, será a quenda para as persoas amantes do tenis de mesa. O pavillón polideportivo acollerá novamente esta cita, a partir das 10:00 horas, e para a que se hai que inscribir previamente no Concello. A data límite é o 19 de decembro.

 Os días 26 de decembro e 2 de xaneiro desenvolverase o torneo de fútbol 3×3, tamén no pavillón polideportivo. As xornadas darán comezo a partir das 10:00 horas da mañá, e poden participar todas as persoas de máis de seis anos de idade. O 27 de decembro de 10:00 a 13:00 horas, quenda da xincana ciclista, actividade organizada polo Club Ciclista Carballo, e na que colabora o Concello de Malpica. O 30 de decembro, na previa de Fin de Ano, o Centro Cívico de Malpica acollerá unha charla deportiva ás 11:30 horas.

 Para recibir o ano da mellor maneira, o 3 de xaneiro celebrarase o ‘Día do baloncesto de Nadal’, de 10:30 a 13:00 horas, para persoas a partir de 9 anos. As inscricións rematan o día 19 de decembro, e poden facerse efectivas nas oficinas do Concello.