Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2019
  3. Setembro

Setembro 2019

26Set 2019

O alcalde e o concelleiro de Obras supervisan o remate das melloras viarias realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

26092019 caminhos_fca (1)

O alcalde, Walter Pardo, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, José Ángel Garrido, realizaron unha visita ás vías municipais que veñen de ser melloradas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental. Grazas a este programa de axudas, destinadas aos concellos afectados pola instalación de parques eólicos, vimos de realizar un investimento de 31.000 euros no asfaltado do camiño do Ceán a Algadán, na parroquia de Cerqueda, e doutro camiño en Seaia.

26092019 caminhos_fca (2)

O obxectivo do Fondo de Compensación ambiental é financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.

21Set 2019

As Tardes na Biblioteca enchen o outono con propostas culturais para nenas e nenos de 3 a 12 anos

tardes_na_biblioteca

A vindeira semana comezan as Tardes na Biblioteca, unha iniciativa da Concellería de Cultura para encher de actividades lúdicas, creativas e educativas as tardes de outono dos nenos e nenas de 3 a 12 anos. Durante catro semanas consecutivas, a biblioteca Eduardo Blanco Amor, situada no segundo andar do Centro Cívico, converterase no escenario de diferentes espectáculos. A cita será fixa: os venres ás 18.00 horas.

Estas son as propostas:

Venres 27 de setembro
Bibliodiscoteca de María Faltri. Unha festa para divertirnos en galego. Cantar, bailar e rir escoitando os mellores temas feitos en Galicia para os máis pequenos da casa. Unha bibliodiscoteca itinerante onde os protagonistas son as/os convidadas/os que veñen a pasalo moi ben.
Público preferente: nenas e nenos de 3 a 11 anos. Duración 60 minutos.

Venres 4 de outubro
“A tortoise, un can, two monsters e un picnic” de Pérez&Fernández. Unha sesión de contos en inglés-galego ambientada nun picnic perfecto onde os obxectos cobrarán vida para axudar ao entendemento das narracións; sinxelas pero cargadas de intención e valores como a empatía, a solidariedade, a fidelidade e o amor.
Público preferente: nenas/os de 3 a 8 anos. Duración: 55 minutos.

Venres 11 de outubro
Concerto sobre Antón Fraguas de Xoán Curiel. Concerto no que Xoán Curiel interpreta cantigas recollidas por Antón Fraguas e cancións de composición propia relativas á vida e obra de Antón Fraguas.
Público preferente: nenas/os de 8 a 12 anos. Duración 45 minutos.

Venres 18 de outubro
“Príncipas e princesos” de Os contos de Pablísimo. ¡Faise saber que se buscan príncipes rosas…e princesas azuis! ¡Faise saber que ides escoitar contos de valentes princesas enfrontándose a dragóns e de príncipes que lavan a roupa e pasan o ferro!… Son contos de Príncipas e Princesos. Unha sutil e divertida reflexión sobre a igualdade.
Público preferente: nenas/os de 4 a 10 anos. Duración 40 minutos.

Colabora: Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, programa Ler Conta Moito

20Set 2019

Volve Malpica Sabe a Mar, que nesta segunda edición do 2019 amplía a ruta e o horario das tapas

malpica_sabe_a_mar

A Ruta de Tapas Malpica Sabe a Mar celebrará do 27 ao 29 deste mes a súa segunda edición do 2019. Despois do éxito acadado en maio, a Concellaría de Promoción Económica e o sector hostaleiro repiten unha iniciativa que enlaza tres sectores fundamentais da economía local: o turismo, a pesca e a olería.

Nesta ocasión, tal como apunta a concelleira de Promoción Económica e tenente de alcalde, Tamara Torrado, ampliamos a ruta coa incorporación de dous novos establecementos, de xeito que teremos nove participantes: Restaurante O Burato, Café Bar Ybarra, Café Bar JB, Restaurante San Francisco, Larada Bar, Bar O Pescador, Bar Santiago Apóstol, Bar Dársena e O Cornecho de Tano. E tamén ampliamos horario, que será o venres de 20.00 a 23.00, o sábado de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 23.00 e o domingo de 12.00 a 15.00.

Malpica Sabe a Mar pretende diferenciarse doutras propostas semellantes incluíndo os produtos pesqueiros como ingrediente de todas as tapas, o que permite, por unha banda, poñer en valor o produto local e o sector pesqueiro, e, por outra, fomentar a innovación e a creatividade na elaboración de produtos de consumo tradicional. O terceiro elemento que incluiría a ruta sería a olería, xa o Ecomuseo do Forno do Forte achegará os pratos artesanais para servir as tapas.

O prezo das tapas será de 2 euros, e con cada unha entregaráselle ao cliente un boleto que lle permitirá obter premios directos. Nesta ocasión teremos mochilas isotérmicas, gorras e moitas sorpresas!

19Set 2019

A Escola Municipal de Actividades Escénicas prepara o comezo do curso en Malpica e Buño

A Concellaría de Cultura porá en marcha en outubro un novo curso da Escola Municipal de Actividades Escénicas (EMAE), na que cada ano se forman pequenas actrices e pequenos actores do noso concello. Os talleres van dirixidos a nenos e nenas de 3 a 14 anos, que ademais poderán compaxinar esta actividade co obradoiro de manualidades.

O prazo de inscrición para a EMAE estará aberto do 23 de setembro ao 4 de outubro. O alumnado do curso 2018-19 que repita matrícula conservará o horario e o grupo do ano pasado. Para o resto, a distribución prevista (pode haber variacións en función da matrícula) é a seguinte:

Malpica (auditorio do Centro Cívico)

  • Grupo I (3 a 6 anos): xoves 15.00 a 16.00 h.
  • Grupo II (9-11 anos): xoves 16.00 a 17.00 h.
  • Grupo III (12-14 anos): xoves de 17.00 a 18.00 h.
  • Grupo IV (7 -8 anos): xoves de 18.00 a 19.00 h.

Inicio da actividade: Xoves 10 de outubro ás 16.00 h. no Centro Cívico

Buño (CEIP Joaquín Rodríguez Otero)

  • Grupo V (6-12 anos): venres, de 17.00 a 18.00 h.

Inicio da actividade: Venres 11 de outubro ás 17.00 h. no CEIP Joaquín Rodríguez Otero

Prezo

  • 16,29 €/mes (1 actividade)
  • 19,54 €/mes (2 actividades: 1 usuario teatro+manualidades)

Información e inscricións
Centro Cívico do Concello de Malpica de Bergantiños
Departamento de Educación e Cultura / Biblioteca
De 10.00 h. a 13.00 h.
Tfno: 981 707 104

emae

17Set 2019

MANIFESTO CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA SOBRE OS ASASINATOS DE VALGA

‘’No concello de Malpica estamos consternados polo terrible asasinato cometido contra 3 mulleres no concello de Valga: Sandra, Alba e María Elena; e queremos facer visible a nosa repulsa ante a violencia de xénero, que deixa xa 41 mulleres asasinadas en 2019 e máis de 1.000 dende o ano 2003 no Estado español.

Non esquecer tampouco, que son moitas máis as mulleres que sofren as terribles consecuencias da violencia machista, xa que nas estatísticas soamente se consideran aquelas que son asasinadas polas súas parellas ou
exparellas sentimentais, deixando fóra, por exemplo, a dúas das tres mulleres que faleceron onte en Valga por non cumprir con esta premisa.

Por iso convocamos 3 minutos de silencio ás 12h deste mércores, 1 por cada unha das vítimas, como unha forma de amosar a nosa tristeza polo ocorrido e agardando que todas as Entidades Locais de Galicia se sumen a esta declaración unindo esforzos para facer visible o rexeitamento común ante a violencia exercida contra as mulleres’’.

17Set 2019

Malpica e Buño acollerán talleres de memoria para persoas maiores e/ou con diversidade funcional organizados pola Área de Benestar

taller_memoria

“Non te olvides” é o título dos talleres de memoria atención e percepción destinados a persoas maiores e/ou con diversidade funcional que promovemos dende a Área de Benestar do Concello de Malpica co obxectivo fundamental de mellorar a calidade de vida destes colectivos mediante a intervención en aspectos como o déficit de memoria, as relacións sociais e a redución da ansiedade que provoca esa situación, todo iso utilizando unha metodoloxía dinámica e participativa.

Segundo informa a concelleira de Benestar, Tamara Torrado, os talleres comezarán no mes de outubro na Casa do Oleiro de Buño e no Centro Cívico de Malpica, e desenvolveranse en ámbolos casos en horario de 11.00 a 12.30. As persoas interesadas en participar ou en obter máis información poden achegarse ata o Departamento de Servizos Sociais, no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao teléfono 981 720 280.

Próximas actividades

dano_cerebral_23set

O departamento de Servizos Sociais colabora, ademais, con dúas entidades sociais en distintas iniciativas previstas para os vindeiros días. En concreto, o 23 de setembro (Casa do Pescador, 12.00 horas) celebrarase unha charla informativa sobre “O dano cerebral adquirido”, organizada pola Federación Galega de Dano Cerebral en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Malpica. As causas do ictus, os consellos de prevención e a rehabilitación centrarán a sesión.

Ao día seguinte, o 24 de setembro, dentro do programa de actos da Semana do Alzhéimer, organizada por Afaber, contaremos cunha mesa informativa da asociación na Praza da Fonte. Os veciños e as veciñas interesados/as en saber máis sobre esta doenza e sobre o labor que desenvolve a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Bergantiños poderán achegarse de 10.30 a 12.30 horas.

11Set 2019

Clausurado en Malpica o curso homologado de atención sociosanitaria a persoas dependentes

10092019 diplomas_cursos

O alcalde, Walter Pardo; a primeira tenente de alcalde e concelleira de Benestar, Tamara Torrado, e a concelleira de Igualdade, Leticia Naya, clausuraron o Curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, unha iniciativa promovida polo Concello de Malpica para formar a persoas, maioritariamente mulleres, que se atopan nun proceso de busca ou mellora de emprego, xerando novas oportunidades sociolaborais, xa que a atención sociosanitaria é un sector cunha demanda permanente de persoal titulado.

O curso constou de 450 horas de formación teórica e práctica dividida en tres módulos: atención sociosanitaria, manipulación de alimentos e primeiros auxilios, todos eles homologados pola Xunta de Galicia previo exame. O alumnado, de feito, recibiu un diploma acreditativo en cada unha desas áreas.

10Set 2019

Concello e Deputación exploran novas vías de colaboración que permitan afondar na promoción da Olería de Buño

visita deputacion

A concelleira de Olería, Leticia Naya Varela, acompañou ao deputado provincial de Patrimonio e Contratación, Xosé Lois Penas Corral, nunha visita ao Ecomuseo do Forno do Forte como primeiro paso de cara á apertura de novas vías de colaboración que permitan afondar na promoción da Olería de Buño como un dos eixos da promoción económica, cultural e turística do Concello de Malpica de Bergantiños, ademais de marca de identidade.

Ámbolos dous representantes das administracións local e provincial coinciden no enorme potencial da olería. Neste sentido, Penas Corral subliñou que “a artesanía é tradición, cultura e identidade, mais tamén futuro e, nese sentido, cómpre desenvolver recursos que supoñan un potencial económico para o concello”.

Nesa liña enmárcanse as accións desenvolvidas ata o momento, entre as que destacan o convenio anual entre a Deputación e o Concello de Malpica para a xestión municipal do Ecomuseo do Forno do Forte, que é de titularidade provincial, ou a subvención para a Mostra da Olería de Buño, que acada os 80.000 euros. “Desde o goberno da Deputación cremos que o patrimonio ten que estar xestionado polos propios concellos e, neste sentido, somos conscientes de que é preciso continuar na liña de colaboración desenvolvida nos últimos anos”, apuntou Xosé Lois Penas.

10Set 2019

A Axencia Enerxética Provincial da Coruña asesorará ao Concello de Malpica en materia de aforro e eficiencia enerxética

10092019 valentin_eficiencia_enerxetica

O presidente da Deputación e o alcalde de Malpica, tras a sinatura do convenio

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará o Concello de Malpica en materia de aforro e eficiencia enerxética. Así o establece o convenio asinado hoxe entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde, Walter Pardo Añón.

Os técnicos da FAEPAC realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o Concello de Malpica de Bergantiños en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado o concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.

González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do actual goberno provincial é “utilizar o coñecemento da FAEPAC para axudar os concellos a aforrar na súa factura eléctrica”, un gasto que para algúns municipios do ámbito rural supón unha das maiores partidas do seu gasto corrente.

 

6Set 2019

Os campos de fútbol de Xaviña e Pedra Queimada xa dispoñen de desfibriladores automáticos externos

Os campos de fútbol de Xaviña (Buño) e Pedra Queimada (Malpica) xa están dotados de desfibriladores automáticos externos. O alcalde, Walter Pardo, e o concelleiro de Deportes, Daniel García Reixía, entregáronllos a representantes dos equipos que utilizan estas dúas instalacións municipais.

Ademais da entrega dos equipos, o Concello de Malpica ofreceu hai uns meses a representantes dos catro clubs do concello _Malpica SCD, Buño SCD, Unión Deportiva Cerqueda e Sporting Seaia CF_ a formación precisa para poder manexar os equipos, que melloran a seguridade dos/as deportistas e dos/as usuarios/as dos campos de fútbol.

Página 1 de 212