Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2019
  3. Xuño

Xuño 2019

28Xuñ 2019

O Ecomuseo Forno do Forte ofrecerá obradoiros de barro para nenos e nenas durante todo o verán

hola ceramica 2

Despois da boa acollida das actividades incluídas na campaña ¡Hola cerámica!, o Ecomuseo Forno do Forte pon en marcha unha nova iniciativa para seguir achegando a olería a un público cada vez máis amplo. Nesta ocasión os destinatarios serán os nenos e as nenas, que durante todo o verán poderán participar en obradoiros de barro gratuítos.

Os talleres celebraranse dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto, de martes a sábado, e en horario de 16.15 a 18.45. A actividade será grupal, cun máximo de 20 participantes por quenda, polo que as prazas asignaranse por orde de chegada.

Os obradoiros de barro, organizados polo Concello de Malpica coa colaboración da Deputación da Coruña, teñen como finalidade poñer en valor a nosa olería entre os máis pequenos e fomentar a súa creatividade.

22Xuñ 2019

O Concello de Malpica establece un dispositivo especial de seguridade e limpeza con motivo da noite de San Xoán

cachelas

O Concello de Malpica vén de establecer un dispositivo especial de seguridade e limpeza con motivo da noite de San Xoán, xa que cada vez son máis as cachelas que se celebran no noso concello.

Dende a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil pídese á veciñanza que extreme as precaucións para previr riscos. Deste xeito, por exemplo, recoméndase non amorear materiais a máis de 3 metros de altura nin cun perímetro superior a 8 metros, utilizar só materiais sólidos, gardar unha distancia de seguridade mínima de 20 metros con respecto a edificacións, tendidos ou vehículos, adoptar medidas de autoprotección, ter precaución co vento e asegurarse que, unha vez apagado, o lume non se reavivará. Cando participen nenos pídese a supervisión dun adulto e que non se lles permita aos nenos xogar co lume nin utilizar produtos pirotécnicos.

Por outra banda, e en previsión de que a praia de Area Maior sexa un dos escenarios da celebración da noite de San Xoán, dende o Concello de Malpica estableceuse un dispositivo especial de limpeza para que xa dende primeira hora da mañá do luns o areal se atope en condicións óptimas de uso.

21Xuñ 2019

O Ecomuseo Forno do Forte, incluído na nova exposición itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos

WhatsApp Image 2019-06-20 at 12.51.50 (1)

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, asistiu esta semana en Muros á inauguración da exposición itinerante “O océano que nos une”, que forma parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) e que está impulsada polos 8 Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia (GALP). O alcalde estivo acompañado polo director do Ecomuseo Forno do Forte, Paco Doval, xa que é un dos espazos museísticos incluídos na exposición.

A través de dez paneis informativos, “O océano que nos une” amosa os elementos máis significativos dos museos que a acollerán, e que teñen en común a súa conexión co mar a través de temáticas tan diferentes coma a pesca, a historia, o medio ambiente ou, coma no caso do Forno do Forte, a etnografía. Por falta de espazo, a exposición non se instalará no ecomuseo, senón no Centro Cívico de Malpica, que será a última parada da ruta do 24 de outubro ao 3 de novembro.

11Xuñ 2019

Malpica participará o día 22 na iniciativa de Libera “1m2 pola natureza”, unha gran recollida cidadá contra a “basuraleza”

libera

1m2 pola natureza, a gran recollida cidadá que promove Libera a nivel nacional, volve a Malpica para concienciar á poboación sobre o problema da basuraleza nos espazos naturais do noso país. A terceira edición da iniciativa chegará ao noso concello o sábado 22 de xuño.

A basuraleza converteuse nun grave problema que afecta a toda a sociedade. Frear o seu impacto é o labor que LIBERA, o proxecto de SEO/ BirdLife en alianza con Ecoembes, realiza con ‘1 m2 pola natureza’, a gran cita anual de recollida colaborativa de residuos abandonados na natureza a nivel nacional. E este ano, Galicia súmase á iniciativa para liberar de residuos as súas contornas naturais.

Conscientes deste grave problema, o Concello de Malpica quixo sumar esforzos para acabar coa basuraleza e convidar a toda a cidadanía a sumarse á iniciativa de Buceo Malpica para realizar unha limpeza no porto. A cita, o sábado 22 ás 09.00 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse no teléfono 630677910 ou no e-mail buceomalpica@hotmail.com.

11Xuñ 2019

O Bergantiños foi o gran vencedor da III Malpica Vidú Cup

Bergantiños CF Campeón (Copiar)

Bergantiños, campión

A Malpica Vidú Cup chegaba á súa terceira edición e facíao cun gran cartel de equipos, entre eles os máis importantes do panorama futbolístico galego, un conxunto portugués e dúas seleccións comarcais que foron os protagonistas desta competición, moi igualada de principio a fin.

Na fase de grupos, ningún dos oito equipos foi quen de impoñerse con claridade, xa que os resultados foron todos eles moi axustados e por iso as posicións da clasificación de ambos os grupos non se decidiron ata a última xornada desta fase inicial, na que Bergantiños acabaría como primeiro no grupo A por diante de Compostela, Chaves e Selección Coruñesa, mentres que o Vitoria sería o primeiro clasificado do grupo B por diante de Selección da Costa, Racing de Ferrol e Pontevedra.

Bergan Campeón (Copiar)

O alcalde entregou o trofeo ao capitán do Bergan

Nos cuartos de final, a igualdade seguiría sendo máxima e o Bergantiños lograría o seu pase para as semifinais logo de vencer pola mínima ante o Pontevedra, mentres que a Selección da Costa, o Racing de Ferrol e a Selección Coruñesa metéronse na seguinte fase despois de eliminar a Chaves, Compostela e Vitoria, respectivamente, na quenda de penaltis.

Todos deron o mellor de si durante todo esta III Malpica Vidú Cup e nas semifinais non serían menos, xa que todos querían estar na gran final, pero un Bergantiños que soubo xogar as súas bazas ante a Selección da Costa da Morte para lograr a vitoria por 2-0, mentres que un Racing de Ferrol que, por diversos motivos, presentouse no torneo con tan só 13 xogadores que demostraron ser uns guerreiros, meteuse na finalísima despois de superar nos penaltis a unha Selección Coruñesa que foron de menos a máis durante a competición.

Xa na gran final, o cansazo fíxose notar nun Racing de Ferrol curto de efectivos e o Bergantiños soubo aproveitalo para facerse coa vitoria e proclamarse campión desta III Malpica Vidú Cup.

Trofeos

Ademais de levantar o trofeo de campión, o Bergantiños recibiría o de mellor xogador que caería nas mans do seu xogador Javi Pérez e tamén o de MVP da final, que sería para Roi Canedo. Mentres tanto, o mellor porteiro desta III Malpica Vidú Cup sería para Iván Fraga, porteiro da Selección da Costa da Morte. E o de mellor adestrador sería para Álvaro Rodríguez do Racing de Ferrol, club que levaría o Xogo limpo desta terceira edición do torneo, polos valores que demostraron ter dentro e fóra do terreo de xogo.

9Xuñ 2019

A muller protagoniza este ano a campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián como Festa de Interese Turístico

07062019 santo_hadrian (4)

Este ano a Romaría de Santo Hadrián vai ser especial por varios motivos. A data é un deles, porque o día grande coincidirá o propio 16 de xuño, e outro é o novo aspecto exterior que loce a capela, que vén de ser completamente reformada. Pero, sobre todo, vai ser especial porque a gran protagonista da campaña anual de promoción como Festa de Interese Turístico será a muller.

Este ano, os panos de romeiro/a, que tan boa aceptación e tanta demanda teñen, son de cor rosa, que simboliza a loita contra o cancro de mama, e a estampación é de cor morada, emblema da loita contra a violencia de xénero. As persoas que queiran manifestar a súa solidariedade levándoos anudados ao pescozo no día grande da nosa romaría poden acudir a recollelos a partir do martes 11 ás oficinas municipais do Centro Cívico, de balde e ata fin de existencias.

Ademais, dende o Concello de Malpica sumámonos á campaña autonómica AgresiónOff, orientada a sensibilizar á poboación contra a violencia sexual. Deste xeito, durante a festa instalaremos un posto informativo no que se ofrecerá material impreso con información útil, ademais de chapas e outro material promocional co obxectivo de dar visibilidade a este importante problema social.

Catro anos de promoción

CARTEL SANTO HADRIAN 19

A campaña de promoción da Romaría de Santo Hadrián, na que colaboran a Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e Abanca, tamén inclúe cartelería, promoción e animación musical durante a sardiñada. O alcalde, Eduardo Parga; a concelleira de Promoción Económica, Pilar Doldán, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, realizaron a presentación do material, que tamén se está a distribuír no stand do Concello de Malpica en Festur.

Nos últimos catro anos estamos a realizar diferentes accións de promoción da nosa romaría, entre elas un vídeo, un díptico con información sobre a romaría, actuacións, campañas publicitarias en prensa, radio, internet e televisión, e a distribución dos panos de romeiro/a, que cada ano son dunha cor diferente, que gozan de moitísima aceptación e que enchen de cor a procesión dende a igrexa de San Xulián ata a ermida de Santo Hadrián e os oficios relixiosos.

Programa de festas

57595659_482139825656877_6125092855561060352_n

O Concello de Malpica colabora ademais coa comisión de festas, que ten preparada unha fin de semana chea de actividades. Comezarán o 14 coa animación nas rúas da Mekánica Rolling Band ao longo da tarde, e ás 23.00 horas arrincará a verbena con Coldday, Salva & José Brea e Festicultores. O sábado 15 estará o Dúo Calú na sesión vermú, volverá a haber animación nas rúas pola tarde coa charanga Kilomberos de Monte Alto e na verbena tocarán os grupos Tekila e Bomba. O día grande, domingo 16, a verbena adiántase ás 21.00 horas e contará coa actuación de Os Piñeiros.

7Xuñ 2019

Terceira edición da Malpica Vidú Cup, organizada polo Concello e a Asociación Deportiva Vidú

Cartel III Malpica Vidú Cup

Un dos torneos por excelencia do fútbol Sub15 a nivel galego xa conta as horas para dar o pistoletazo de saída a unha gran xornada deportiva nos campos de fútbol de Xaviña (Buño) e O Cairo (Corme). Vitoria CF da Coruña, Bergantiños CF, Selección Coruñesa, SD Compostela, Selección da Costa, Pontevedra CF, Racing Club de Ferrol e GD Chaves de Portugal serán os oito equipos participantes na terceira edición da Malpica Vidú Cup, que xa se consolidou como un dos torneos referencia do fútbol Sub15 na comunidade autónoma galega, que conta con varios dos mellores equipos autonómicos e que traspasa fronteiras, ao contar coa presenza do conxunto Sub15 do Chaves, equipo que participará por terceira vez nesta competición.

A fase de grupos dará comezo este sábado ás 10.00 h. en ámbalas sedes, Buño e Corme. GD Chaves, Bergantiños CF, Selección Coruñesa e SD Compostela saltarán ao terreo de xogo de Xaviña (Buño) despois de quedar encadrados no Grupo A, mentres que a Selección da Costa, o Vitoria CF, o Pontevedra CF e o Racing Club de Ferrol farano en O Cairo (Corme) ao ser emparellados no Grupo B, e todos eles farano nunha xornada matinal que finalizará ás 14.00 h.

Na fase final, que se disputará toda ela na xornada de tarde e a partir das 16.30 h., os oito clubs desprazaranse ata o Campo Municipal de Xaviña, onde loitarán por proclamarse campións da terceira edición desta Malpica Vidú Cup, na cal haberá grandes partidos de fútbol, xa que todos os mozos que conforman os diferentes equipos participantes teñen moita calidade nas súas botas e deleitarán a todos aqueles que se acheguen a ambas as sedes. Desde a organización convidan os afeccionados ao deporte rei a que acudan a esta gran xornada futbolística.

6Xuñ 2019

A Olería de Buño e a Romaría de Santo Hadrián volven a estar presentes este ano en Festur

IMG-20180608-WA0121

A promoción da olería é un obxectivo permanente do Concello de Malpica. Nesa liña, a partir do xoves 6 participaremos, un ano máis, en Festur, a feira das festas de interese turístico de Galicia, que se celebra en Silleda. No stand de Malpica promocionaremos as dúas festas de interese que temos no noso concello: a Mostra da Olería de Buño, na que estamos a traballar de cara á vindeira edición, e a Romaría de Santo Hadrián, que este ano coincide no seu propio día, polo que se agarda unha participación aínda maior á das últimas edicións.

O público que se achegue ata o stand do Concello de Malpica atopará, ademais de información sobre as festas, un torno para realizar demostracións en vivo os catro días da feira, tanto pola mañá coma pola tarde. Marilá estará o xoves e o venres e José Antonio Corral, a fin de semana.

6Xuñ 2019

Case 200 persoas participaron no Ecomuseo do Forno do Forte nas actividades da campaña “Hola cerámica”

hola ceramica 2

Un total de 194 persoas participaron a fin de semana pasada nas actividades incluídas na campaña ¡Hola cerámica!, unha iniciativa que se desenvolveu nos concellos adheridos á Asociación Española de Cidades da Cerámica (AECC) coa finalidade achegar a cerámica a un público cada vez máis amplo.

Visitas guiadas, demostracións do oleiro no torno e obradoiros infantís centraron a atención do público que se achegou ata o Ecomuseo do Forno do Forte, e que realizou unha valoración moi positiva da experiencia.