gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 20°
18°
Mércores 21°
17°
Xoves 22°
17°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2019
  3. Maio

Maio 2019

31Mai 2019

Malpica será unha das sedes da Campaña de Vela da Deputación da Coruña

campaña_vela_2019

Un total de 240 nenas e nenos da provincia da Coruña participarán este verán na Campaña de Vela da Deputación. Malpica será unha das sedes. O curso que se levará a cabo no noso concello celebrarase entre o 22 e o 26 de xullo. O prazo de inscrición estará aberto a partir do luns 3 de xuño.

A Campaña de Vela vai dirixida a nenos e nenas de 9 a 18 anos da comarca de Bergantiños. Poden formalizar a inscrición no seu concello, entregando a ficha de inscrición que pode descargarse da páxina web da Deputación da Coruña (www.dacoruna.gal/deportes), debidamente cumprimentada e asinada polos pais ou titores dos solicitantes. A cota de inscrición será de 25 euros e é obrigatorio saber nadar.

Máis información: campaña_vela

31Mai 2019

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas cumpre 14 anos como único do seu xénero en España

IMG_0044

Eduardo Parga e Paco de Tano presentaron o certame

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é único e quere seguir séndoo. “Hai moitos concellos e entidades que convocan certames de poesía, pero o noso é único en España”, apuntou o presidente da Asociación Cultural Caldeirón, Francisco Quiroga “Paco de Tano”, na presentación da 14ª edición. No acto estivo acompañado polo alcalde, Eduardo Parga, ao que agradeceu o apoio do Concello de Malpica ano tras ano e a implicación persoal do alcalde.

Caldeirón volve a contar unha vez máis coa colaboración do Concello de Malpica na organización do certame, que nas últimas edicións xa se move arredor das 20 obras a concurso. O prazo para participar nesta edición xa está aberto. Os/as autores/as interesados/as poden enviar os seus orixinais ata o 30 de setembro, este ano coa novidade de que deberán facelo en formato pdf e vía correo electrónico, ao enderezo premio@caldeiron.org.

O Concello de Malpica financia a edición da obra gañadora e o premio, dotado con 1.000 euros.

Relación de gañadores das edicións anteriores:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
  13. “Marco Livornio”, Mario Regueira

Descarga as bases aquí bases premio illas sisargas 2019 (2 pax)

29Mai 2019

O Ecomuseo Forno do Forte participa esta fin de semana nunha campaña de promoción da olería de ámbito internacional

hola ceramica

O Ecomuseo Forno do Forte participa na campaña ¡Hola cerámica!, unha iniciativa que se desenvolve nos concellos adheridos á Asociación Española de Cidades da Cerámica (AECC) e que ten como finalidade achegar a cerámica a un público cada vez máis amplo. A iniciativa, de ámbito internacional, naceu en Italia no ano 2015, e dende entón vai a máis en cada edición.

Rutas, xornadas de portas abertas, talleres, demostracións no torno, exposicións, xogos tradicionais, charlas, masterclasses e visitas guiadas son algunhas das actividades que se desenvolverán os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño nas dez localidades de toda España, na súa maior parte de Cataluña e a zona de Levante, que participan na experiencia. Buño será a única representante galega.

A proposta do Ecomuseo Forno do Forte inclúe tres actividades:

  • Vive a olería. Visitas guiadas ao Ecomuseo Forno do Forte, onde o público pode ver a tecnoloxía e o modo de vida tradicional dos oleiros. O conxunto etnográfico está formado polas antigas casas-talleres, forno, cabanote e cabazo, e ademais amosa unha ampla colección de pezas históricas e tradicionais, xunto co traballo dun oleiro en vivo.
  • Olería en vivo. Demostracións do oleiro no torno.
  • Elabora a túa cunca. Os visitantes maiores de 12 anos poderán sentar ao torno e aprender a elaborar unha peza sinxela coa axuda do oleiro do ecomuseo.

As tres actividades son gratuítas e desenvolveranse o venres e o sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, e o domingo, de 10.00 a 14.00 horas.