gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 16°
10°
Martes 13°
Mércores 13°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2019
  3. Abril

Abril 2019

17Abr 2019

Medio millar de nenos renderanlle homenaxe a Ramón Calvete en Xaviña

Cartel V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica

O Campo Municipal de Xaviña xa conta as horas para acoller a quinta edición do Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica, que se celebrará o xoves 18 e o venres 19 de abril no municipal oleiro para render homenaxe a un dos seus grandes impulsores como foi o gran Ramón Calvete Gómez.

O Concello de Malpica e a Asociación Deportiva Vidú xa están ultimando os detalles do V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica – I Memorial Ramón Calvete Gómez, que unha Semana Santa máis será unha gran festa do fútbol base e a cal, a partires desta edición, terá unha toque sentimental, xa que dende a organización decidiron renderlle homenaxe a un home de fútbol, unha persoa que o deu todo pola súa paixón e polo seu Buño como foi ex presidente branquiazul Ramón Calvete Gómez.

Nada máis e nada menos que cerca de medio millar de nenos e nenas que compoñen os 29 equipos participantes serán os que encherán dun gran ambiente de fútbol e de convivencia deportiva o Campo Municipal de Xaviña.

Neste evento, que xa está consolidado na axenda deportiva de cada Semana Santa, estarán representados os seguintes 16 clubs: Corme CF, Buño SCD, EF Luis Calvo Sanz, Cabana SD, CF Dumbría, Galicia Gaiteira, UD Cerqueda, SD Tordoia, SD Sofán, Camariñas FC, UC Cee, Bergantiños FC, Victoria CF, Imperátor OAR, Concello de Zas e Muxía CF.

Na xornada do xoves, os benxamíns e os infantís serán os encargados de facer gozar aos afeccionados que se acheguen ata Xaviña dende as 10 da mañá ata as 8 da tarde, mentres que o venres será a quenda dos prebenxamíns e dos alevíns nunha xornada que comezará ás 10.30 da mañá e rematará ás 8.20 da tarde.

Como adoita ser habitual nos eventos nos que está metida a Asociación Deportiva Vidú, haberá representación feminina xa que é unha das premisas da entidade cormelana, e neste V Torneo de Fútbol Base Concello de Malpica – I Memorial Ramón Calvete Gómez haberá dous equipos formados totalmente por nenas como son as promesas das EF Luis Calvo Sanz que competirán na categoría benxamín e as infantís do Victoria CF da Coruña.

Dende a organización convidan a todos aqueles que sexan afeccionados ao fútbol que se acheguen ao Campo Municipal de Xaviña (Buño) para gozar dun evento que sempre é unha gran xornada de convivencia futbolística para todos os participantes e tamén para os espectadores.

13Abr 2019

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura e a súa oferta de actividades durante a Semana Santa

O Ecomuseo do Forno do Forte de Buño ampliará o seu horario de apertura durante a Semana Santa coa finalidade de converterse nun recurso de referencia para as persoas que visiten a nosa comarca durante eses días. Deste xeito, dende o luns 15 ata o sábado 20 o ecomuseo estará aberto de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo 21 poderá visitarse de 10 a 14 horas.

forno_do_forte

Paralelamente, ao longo da semana levaranse a cabo varias actividades. De martes a venres, de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 18.30, haberá obradoiros de barro para nenos e nenas, cun máximo de 25 participantes por quenda. Pero á parte de que os pequenos teñan o seu primeiro contacto co barro no cabanote do Forno do Forte, os maiores poderán probar a sentarse no torno.

Así mesmo, o venres e o sábado realizaranse rutas guiadas polo Buño oleiro. O ecomuseo será o punto de partida ás 12.00 horas e tamén o de chegada ás 14.00 horas. Ao longo da Ruta Oleira visitaranse os fornos da Costa e Os Mouróns, así coma o centro da vila, onde os visitantes non só terán a oportunidade de ver e saber máis sobre as tendas, os alfares ou a tradición oleira, senón tamén sobre a igrexa, o cruceiro e outros elementos patrimoniais de relevancia. Nos fornos restaurados faranse paradas específicas para explicar as súas características e o proceso de cocción.

9Abr 2019

O Ecomuseo Forno do Forte achega 14 pezas de olería á exposición “Pensar coas mans”, que será inaugurada o venres no Museo Centro Gaiás

Unha cazola, un xerro, un pucheiro, un barreño, unha tarteira, unha chocolateira, unha escudela, unha cunca, un cunquelo, unha cacheleira, unha fonte, un falsete, un botixo de rosca e unha buxina son as 14 pezas da segunda metade do século XIX e do século XX que representarán á Olería de Buño na exposición “Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia”, que será inaugurada este venres 12, ás 12.00 horas, no Museo Centro Gaiás.

CARTEL

Ata Santiago de Compostela desprazarase o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que participará no acto de apertura da exposición xunto aos conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entre outras autoridades.

A exposición, organizada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia e a Secretaría Xeral de Igualdade, propón unha viaxe no tempo a través de 250 pezas da artesanía galega. Entre elas estarán as 14 cedidas polo Ecomuseo Forno do Forte da súa colección de olería tradicional. A mostra poderá visitarse ata o 8 de setembro de 10.00 a 20.00 horas.

A tradición oleira de Buño remóntase á etapa prehistórica coa creación dos primeiros cacharros feitos a man. Pero foi nos séculos XVIII e XIX cando acadou a súa idade de ouro. Grazas a un arduo traballo de recuperación e á inestimable colaboración dos artesáns e veciños/as da localidade, na actualidade podemos desfrutar dunha das coleccións de pezas tradicionais máis antigas e voluminosas da nosa olería, custodiadas no Ecomuseo Forno do Forte e divididas, segundo a clasificación realizada no seu momento por Luciano García Alén, en tres series: ancestral (anteriores ao ano 1700), antiga (do 1700 ao 1900) e moderna (posteriores ao ano 1900).

8Abr 2019

Voluntarios da agrupación local de Protección Civil participan nun curso de intervención en accidentes de tráfico

curso accidentes pc carballo

Mellorar a seguridade cidadá é un dos obxectivos do goberno municipal. Nesa mesma liña, persoal da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil está a participar dende o día 5 nun curso de prevención e intervención en accidentes de tráfico organizado pola Academia Galega de Seguridade (Agasp) e que se desenvolve na base de Protección Civil de Carballo.

O curso, de 34 horas lectivas, inclúe formación en primeiros auxilios, excarceración, mercadorías perigosas e accidentes con risco ambiental.

8Abr 2019

O Concello de Malpica ofrece aos clubs de fútbol formación no manexo de desfibriladores

O Concello de Malpica quere mellorar a seguridade de deportistas e persoas usuarias das instalacións deportivas municipais, e con esa finalidade ofrece aos clubs de fútbol que militan nos grupos 2º (Segunda Galicia) e 4º (Terceira Galicia) da Costa a posibilidade de formarse no manexo de desfibriladores automáticos externos.

O vindeiro sábado 13, a partir das 10.00 horas, celebrarase no pavillón polideportivo municipal un curso intensivo dirixido ás persoas que determinen os propios clubs.