Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2019
  3. Marzo

Marzo 2019

17Mar 2019

Emilio Rúa e Rosa Cedrón estarán o sábado 23 en Malpica para ofrecer o concerto suspendido no Nadal

Rosa-Cedron-Emilio-Rua-cartel-Malpica

O vindeiro sábado, 23 de marzo, celebrarase en Malpica o concerto de Emilio Rúa e Rosa Cedrón que estaba previsto para o 21 de decembro pasado e que foi suspendido debido aos dous días de loito decretados tras o falecemento de José Angel Sanjurjo no afundimento do pesqueiro “A Silvosa”.

Rosa Cedrón e Emilio Rúa ofrecerannos o espectáculo Diversións, incluído na Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, no que interpretarán pezas compostas por ambos os intérpretes e versións propias de pezas tradicionais.

O concerto comezará ás 20.00 horas no Auditorio do Centro Cívico, e a entrada será libre e de balde.

12Mar 2019

O Concello e Protección Civil de Malpica poñen en marcha unha nova campaña de trampeo de avespa velutina

trampeo_velutina 12032019

O Concello de Malpica anticipa a campaña de trampeo da avespa velutina debido a que tamén se adiantou a aparición das primeiras raíñas da temporada. En colaboración coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil vimos de poñer en marcha unha campaña aberta á participación e colaboración tanto de apicultores/as como de veciños e veciñas que queiran axudar a combater a praga, ao tempo que iniciamos a colocación de trampas en zonas axardinadas, nas que abundan as árbores que exercen maior atracción sobre as avespas asiáticas, como camelias ou rododendros, pero tamén nas proximidades de edificios e espazos públicos como centros escolares ou parques infantís.

As persoas interesadas poden pasar pola Casa do Concello e solicitar trampas e líquido atraínte que deberán colocar o antes posible en zonas con plantas ou árbores con flores (camelios e rododendros están entre os preferidos pola avespa asiática). Tanto na trampa como no envase do líquido explícanse os pasos que se deben seguir, ademais de recordar ao voluntariado que tamén se poden preparar trampas con botellas de plástico e líquidos de uso habitual en calquera fogar como viño, cervexa, zume ou simplemente auga con azucre.

A campaña foi presentada polo alcalde, Eduardo Parga, e membros de Protección Civil. No acto lembraron a importancia de que as persoas que queiran colaborar na campaña faciliten os seus datos no momento de solicitar as trampas e un número de teléfono de contacto para poder realizar un seguimento da campaña. Nas oficinas xerais da primeira planta do Concello de Malpica ofreceráselles toda a información.

7Mar 2019

O Concello de Malpica celebra o Día da Muller co lema “Modelando a sociedade, desenredando o noso futuro”

CARTEL-OLEIRAS-E-REDEIRAS

O Concello de Malpica de Bergantiños súmase á celebración do Día Internacional da Muller co lema “Modelando a sociedade, desenredando o noso futuro”, unha homenaxe a dous sectores laborais representativos do noso concello: a olería, exemplo das dificultades que atopan as mulleres para acceder a traballos copados polos homes, e a pesca, no que o labor fundamental que desenvolven as redeiras careceu de recoñecemento ata non hai tanto tempo.

Oleiras e redeiras serán, precisamente, as protagonistas do acto conmemorativo do Día Internacional da Muller organizado pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, que se celebrará o día 15. O primeiro colectivo estará representado pola presidenta da Asociación Oleira de Buño, Carmen Isabel Labrador Fariña, e o segundo, pola presidenta da Asociación de Redeiras O Fieital, Ángeles Millé Rodríguez. Xunto a ela estará Ana López Lorenzo, presidenta de Mulleres en Igualdade da provincia da Coruña, que explicará os obxectivos da asociación.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, fai un chamamento aos veciños e veciñas para que poñan o seu gran de area participando no acto que celebraremos o venres 15, ás 19.30 horas, no Centro Cívico de Malpica. As persoas interesadas poden confirmar asistencia chamando ao número de teléfono 638 791 939.

4Mar 2019

Asinado o contrato para a substitución da carpintería exterior da Casa do Oleiro por un importe de 39.000 euros

casa oleiro

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar coa empresa Groma Obras o contrato para a substitución da carpintería exterior da Casa do Oleiro. No acto tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández. A obra, incluída no Plan Único POS+ 2018 Adicional, ten un orzamento de 39.090,56 euros.

Dentro do mesmo plan adicional figuran tamén as obras de mellora do afirmado en camiños públicos de Buño, Boa Vista, A Costa e As Rabuceiras, así coma nas rúas Ventorrillo e Travesía da Camuza, cun orzamento total superior aos 80.000 euros.

2Mar 2019

Xunta de Galicia e Concello de Malpica financiarán a posta en marcha dun centro de día para persoas maiores

INTERNA 12,45 h.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, reunirase co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga. foto xoán crespo 28/02/2019

O alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, veñen de asinar un acordo de colaboración para a posta en marcha dun centro de día, un novo servizo promovido polo Concello e que será de titularidade e xestión municipal. A Xunta de Galicia contribuirá á creación do centro de día con 150.000 euros, que supoñen o 50% do orzamento. A outra metade será financiada polo Concello de Malpica con recursos propios.

O alcalde repasou xunto á conselleira de Política Social os recursos en materia social que teñen á súa disposición os veciños do noso concello, que darán un salto cualitativo e cuantitativo coa posta en marcha deste novo servizo para a atención ás persoas maiores.

O centro de día instalarase na Casa do Oleiro, que será acondicionada para a prestación do servizo nas mellores condicións. A licitación, tanto do proxecto como das propias obras, corren a cargo do Concello. Eduardo Parga expresou a satisfacción do goberno municipal pola frutificación das xestións realizadas coa Consellería de Política Social para a posta en marcha dun servizo moi demandado e moi necesario para as familias do noso concello.

INTERNA 12,45 h.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, reunirase co alcalde de Malpica de Bergantiños, Eduardo Parga. foto xoán crespo 28/02/2019

A conselleira de Política Social reiteroulle ao alcalde de Malpica o compromiso do Goberno galego coas persoas maiores, en especial con aquelas que teñen limitada a súa autonomía persoal. De feito, no último ano incrementáronse un 30% as horas dispoñibles de Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o que equivale a 9.600 horas máis que Malpica está a empregar na súa práctica totalidade.

1Mar 2019

O Concello de Malpica pon en marcha un curso homologado de atención sociosanitaria a persoas dependentes

CURSO ATENCION SOCIOSANITARIA

O Concello de Malpica, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, porá en marcha o día 11 un Curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, unha iniciativa que ten como finalidade formar a persoas que se atopen nun proceso de busca ou mellora de emprego, xerando novas oportunidades sociolaborais. “Levamos xa varios anos impulsando iniciativas que contribúen a mellorar a capacitación profesional e, polo tanto, as posibilidades de inserción laboral das persoas participantes, e moi especialmente das mulleres. Este curso está enfocado a un sector no que hai unha demanda permanente de traballadores e traballadoras con titulación, e por iso estará homologado pola Xunta de Galicia”, explicou a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín.

Esta nova acción formativa abrangue 450 horas: 270 presenciais, 100 non presenciais e 80 de prácticas. As sesións impartiranse do 11 de marzo ao 10 de xullo, de luns a xoves e de 17.00 a 21.00 horas, nas instalacións da Casa do Oleiro de Buño.

O prazo de inscrición estará aberto do 6 ao 8 deste mes. As persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Servizos Sociais ou chamar ao 981 72 02 80. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de solicitude.

A formación consta de tres módulos: atención sociosanitaria, manipulación de alimentos e primeiros auxilios. Ao remate da acción formativa, o alumnado recibirá tres diplomas acreditativos en cada unha desas áreas, todos eles homologados pola Xunta de Galicia previo exame.

1Mar 2019

Asinado o contrato para a execución das obras de mellora dos servizos e de pavimentación do Rueiro das Vistas, na Pedreiriña

01032019 sinatura_pedreirinha

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar coa empresa Obras Ramón Cotelo o contrato para a execución do proxecto de “Mellora das infraestruturas en Pedreiriña”, incluído no Plan Único POS+ 2018. No acto tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

A actuación realizarase no Rueiro das Vistas coa intención de mellorar os servizos de saneamento e abastecemento de auga, así coma a pavimentación. O investimento acada os 65.354 euros, e o prazo de execución da obra é de 45 días.

O Rueiro das Vistas carece na actualidade de rede de augas pluviais, e a de abastecemento de auga está obsoleta. O proxecto que se vai acometer solucionará estas dúas carencias, e ademais permitirá ensanchar a vía. Con esta finalidade serán eliminadas as medias cañas existentes nas marxes do rueiro e levarase a recollida das augas pluviais ao eixo da nova plataforma, onde se colocaran os sumidoiros. Tamén se levantarán muros de contención dos terreos e, por último, procederase á pavimentación con formigón.