Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Luns 15°
10°
Martes 14°
Mércores 14°
10°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2018
  3. Novembro

Novembro 2018

30Nov 2018

Asinado o contrato da obra de reforma do centro de saúde de Malpica, no que investiremos preto de 60.000 euros

cof

O Concello de Malpica vai investir 58.682,42 euros no centro de saúde da vila coa finalidade de solucionar as deficiencias que presenta o edificio debido á súa antigüidade. O alcalde, Eduardo Parga, asinou hoxe o contrato coa empresa que levará a cabo a reforma, Groma Obras S.L., que dispón dun prazo de 1 mes para acometela a partir da sinatura da acta de comprobación de replanteo. No acto de sinatura tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

As obras afectarán tanto ao exterior coma ao interior do inmoble. No exterior actuarase nas fachadas para limpalas e proceder á súa impermeabilización. Tamén está previsto selar, pintar e crear aliviadeiros nas terrazas, así coma selar a carpintería exterior e substituír as gomas e os picaportes.

IMG_5742

Xa dentro do edificio serán saneadas e pintadas as zonas nas que se aprecian humidades, e no canón das escaleiras tamén se farán traballos de acondicionamento tanto das paredes coma dos propios chanzos. As pechaduras e picaportes das portas interiores serán substituídas e procederase á revisión das instalacións de calefacción, electricidade e iluminación. Todo o edificio será pintado.

Ademais das melloras sinaladas, o proxecto inclúe a incorporación de dúas novas consultas de medicina e enfermaría, unha na planta baixa e outra no primeiro andar, para o cal utilizarase unha parte das salas de espera

28Nov 2018

Nova edición do programa Explorer para emprendedores da USC

Santander-X-Esplorer

A plataforma de emprendimiento Santander X abre o periodo de inscrición para a X edición do programa Explorer ´Jóvenes con ideas´, unha iniciativa de impulso ao talento de mozo promovida polo Banco Santander a través de Santander Universidades, coa coordinación do Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) que nas súas nove edicións anteriores impulsou proxectos de mais de 5.000 emprendedores e xenerou centos de empresas en todo el país. En Santiago e Lugo, Explorer conta co apoio da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, a través da Subdirección Xeral de Emprego.

O prazo de inscrición a través de Santander X, para mozas e mozos de entre 18 e 31 años, finaliza o próximo 12 de decembro. Esta plataforma dixital conecta a emprendedores de todo o mundo e lles ofrece acceso a distintas iniciativas de emprendemento impulsadas por universidades nun entorno dixital, aberto e colaborativo.

Os seleccionados poderán beneficiarse do acceso aos espazos Explorer Space da USC (Santiago e Lugo), centros de coworking de alto rendemento onde desenvolverán as súas ideas de forma colaborativa, conectarán con outros emprendedores e recibirán asesoramento personalizado e formación impartida por unha rede de mais de 200 expertos en innovación e modelos de negocio.

Para esta nova convocatoria, o programa incorpora máis contidos dixitais, fortalecendo a formación cas últimas metodoloxías e reforzando a conexión entre mozos de diferentes Spaces.

Comunidade, impulso e financiación

Ao finalizar os cinco meses de formación e ideación, o proxecto mellor valorado del cada Explorer  Space viaxará a Silicon Valley, o maior ecosistema de innovación do mundo, xunto a outros 56 emprendedores de diferentes centros onde recibirán clases maxistrais en empresas tecnolóxicas, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o seu desenvolvemento.

Gracias á colaboración ca Fundación EY, Explorer conta tamén co premio Woman Explorer Award, que ofrece 20.000 euros para financiar ó mellor proxecto liderado por unha emprendedora e o premio de innovación Disruptive Technology Explorer Award –impulsado por INDRA-, que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ó proxecto de negocio más innovador.

Candidaturas

O apoio local nos Explorer Space de Santiago de Compostela e Lugo ven da man da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia, en concreto da Secretaría Xeral de Emprego, Consellería de Economía e Industria.

Este programa é xestionado na USC por parte de persoal técnico da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, situada no campus de Santiago no Edificio Emprendia, e no Campus Terra no Edificio CACTUS.

Todos os interesados en desenvolver a súa idea de negocio e optar ós premios, deberán presentar a súa candidatura a través dun formulario dispoñible en www.santanderx.com. Para máis información poden contactar nos teléfonos: 881 815 594 (Santiago) e 982 822 854 (Lugo).

25Nov 2018

A Consellería do Mar e Portos de Galicia están a traballar conxuntamente para solucionar as deficiencias do porto de Barizo

REUNIÓN COA CONSELLEIRA DE PESCA

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de manter unha xuntanza coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, para interesarse pola tramitación das melloras precisas no porto de Barizo. Ambos departamentos están traballando de maneira conxunta para dar solución ás deficiencias trasladadas xa no mes de marzo polo alcalde a raíz das demandas que lle presentaron os usuarios do porto.

Nestes momentos están a elaborarse os proxectos correspondentes aos arranxos precisos nas casetas, o peche do recinto e os aseos coa finalidade de acometelos á maior brevidade posible. Pero a principal necesidade para o sector pesqueiro e marisqueiro, como insistiu o alcalde, é dispoñer dunha grúa en boas condicións. Por parte de Portos de Galicia estábase a tramitar o arranxo da primeira avaría, pero a raíz da segunda non se descarta a substitución da grúa actual por unha nova. A decisión tomarase tamén en cuestión de días, en función do que determinen os informes técnicos sobre a solución máis viable.

Eduardo Parga confía en que as necesidades expresadas polos usuarios teñan pronta solución e que as melloras en marcha contribúan a revitalizar a actividade no porto de Barizo.

25Nov 2018

Malpica lembrou con 44 globos morados e 8 brancos ás vítimas mortais da violencia de xénero

IMG_8801

O movemento asociativo do noso concello sumouse á convocatoria da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade para render homenaxe ás vítimas da violencia de xénero, e malia a intensa chuvia que caeu durante toda a tarde, numerosas entidades estiveron representadas no acto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que celebramos onte pola tarde.

O mal tempo obrigou a modificar o programa e a trasladar ao salón de plenos todos os actos programados. 52 globos, 44 de cor morada en lembranza das mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas este ano en Galicia, e 8 brancos polos nenos e nenas que tamén morreron vítimas da violencia machista, presidiron a xornada, que comezou cun minuto de silencio na súa lembranza.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Marisol Blanco Gorín, púxolles nomes a esas 44 mulleres asasinadas, “mulleres _dixo_ con familia, cunha vida e soños por cumprir que lles foron arrebatados”. Ela foi tamén a encargada de presentar a curtametraxe Corazón amoratado, gañadora do II Concurso de guións contra a violencia de xénero da Deputación da Coruña, que se proxectou de seguido. Unha das súas guionistas, Uxía Carreira, estivo presente no acto e explicou a orixe da cinta e o significado que ten.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, pechou o acto ofrecendo algúns dos arrepiantes datos que nos deixa a violencia de xénero, “datos abrumadores e complicados de entender na sociedade en que vivimos”, engadiu. O alcalde destacou a posta de recursos de axuda ás vítimas coma o Sistema de seguimento integral de casos de violencia de xénero ou o teléfono 016, e rematou coa frase coa que tamén remata a curtametraxe proxectada onte: “Podes entregar a chave da túa vida a quen queiras, pero tamén podes cambiar de pechadura”.

A conmemoración rematou na Praza da Fonte, coa solta dos 52 globos.

19Nov 2018

O Concello de Malpica conmemorará o sábado 24 o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co lema “A igualdade, un reto para o futuro, un compromiso para o presente”, co que trata de sensibilizar á poboación sobre a necesidade de seguir traballando para acabar coas desigualdades que orixinan a violencia de xénero.

Ademais da difusión do cartel conmemorativo, o departamento que dirixe Marisol Blanco Gorín ten programadas unha serie de actividades, abertas a toda a cidadanía, para o sábado 24.

O punto de encontro será a Praza da Fonte, xunto á Casa do Concello, onde se realizará ás 18.30 horas unha solta de globos morados, en homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero, e brancos, en lembranza dos nenos e nenas que sofren tamén a violencia familiar. Nese mesmo lugar gardaranse cinco minutos de silencio por todas as vítimas mortais desta lacra social.

Os actos trasladaranse a continuación ao salón de plenos. Marisol Blanco será a encargada de abrir a xornada, que inclúe a proxección da curtametraxe Corazón amoratado e un coloquio posterior coa participación de Uxía Carreira, unha das guionistas da película. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, será o encargado de pechar o acto institucional.

25N

17Nov 2018

Asinado o contrato de mellora de infraestruturas en Aldeola e na rúa da Praia de Malpica

16112018 aldeola_praiaO alcalde de Malpica, Eduardo Parga, vén de asinar un contrato coa empresa Construcciones Vázquez y Reino para a execución do proxecto de mellora de infraestruturas en Aldeola (Cerqueda) e na rúa da Praia de Malpica. No acto de sinatura tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández.

O proxecto, que acada un orzamento total de 38.000 euros, inclúe dúas actuacións diferentes. En Aldeola, na zona da escola infantil, procederase á instalación dunha rede de augas pluviais, mentres que no paseo marítimo o obxectivo é construír un muro que facilite a accesibilidade ás vivendas.

O prazo de execución é de tres meses a partir da comprobación de replanteo.

4Nov 2018

O ferrolán Mario Regueira gaña o XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas co poemario “Marco Livornio”

ganhador 2018

O premio do XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas non só enriquece a colección da editorial Caldeirón _única no seu xénero_, senón que o propio xénero gaña un autor. “Creo que sempre houbo algo de contido erótico na miña obra, pero penso que sen este certame nunca chegaría a facer un poemario destas características”, asegurou o gañador, o ferrolán Mario Regueira.

O fallo do xurado, integrado por Paco de Tano, Eduardo Estévez, Elvira Riveiro e Antón Noceda como secretario, fíxose público, como é costume, durante a celebración da Cea das Letras, que cumpre o dobre obxectivo de dar a coñecer ao gañador ou gañadora do ano e de presentar impresa a obra premiada na edición anterior. Neste caso, o libro co que foron agasalladas todas as persoas asistentes foi Diáspora de amor balea, unha obra asinada por Andrea Nunez Brións (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984). O ano pasado só puido acudir María á lectura do fallo, pero esta vez estaban as dúas, e ademais de deleitarnos cunha lectura a dúas voces dalgúns dos seus poemas eróticos, amosáronse moi satisfeitas coa edición da obra.

Paco de Tano, presidente da Asociación Cultural Caldeirón, foi o responsable de desvelar o título da obra gañadora nesta edición, Marco Livornio, que cualificou coma “un sorprendente percorrido por relacións eróticas diversas e plurais, nun ton épico, case elexíaco”. En palabras do propio autor, Marco Livornio é “un libro bastante especial e bastante estraño”, que aborda o erotismo desde unha perspectiva homosexual.

mario_regueira

Mario Regueira

Aínda que teremos que agardar ao vindeiro ano para ver a súa obra impresa, Mario Regueira adiantounos dous poemas. O gañador desta 13ª edición tivo palabras de lembranza para Paco Souto, que foi un dos impulsores do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, e co que lle houbese gustado compartir esta Cea das Letras. “Non cheguei a tempo”, lamentou.

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, felicitou tanto ao gañador deste ano coma ás gañadoras do ano pasado e reiterou o compromiso do goberno municipal, e o seu particular, co mantemento e a difusión do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O Concello de Malpica achega os 1.000 euros do premio anual, que inclúe tamén a publicación da obra gañadora.

A Cea das Letras deste ano tivo un terceiro ingrediente literario, xa que tamén participou coma convidado Xabier Xil Xardón, que presentou o seu poemario Detéxtonos (Positivas) acompañado por Leo Arremecághona á guitarra.

Filloas á pedra e Olería de Buño

Mentres todo isto acontecía no escenario, o salón de actos da Casa da Cultura de Seaia, que volveu a abrir as súas portas para a Cea das Letras, recendía a filloas á pedra. Foron as protagonistas gastronómicas da velada grazas á colaboración de Ana Pereiro, máis coñecida coma Ana de Zas, que ten unha man excepcional para preparalas. Tanto de primeiro prato, acompañadas con rinchóns, coma na sobremesa, con doce, estaban exquisitas. E para completar un menú potente, fabada a fartar.

Outra das protagonistas da noite foi a Olería de Buño, coa que, ademais de ser agasallados o premiado e os membros do xurado, serviuse toda a comida e a bebida aos asistentes, entre os cales se atopaba a deputada no Congreso Alexandra Fernández.

13 anos de premios

Co fallo feito público hoxe, a listaxe das obras gañadoras do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas é a seguinte:

  1. “Arredor do teu corpo”, Antonio García Teijeiro
  2. “Baile Átha Cliath”, Alberte Momán
  3. “Xoguetes póstumos”, Enma Pedreira
  4. “Rúa da cancela”, Eli Ríos e Eduardo Estévez
  5. “Amantes”, María Lado
  6. “Carnia Haikai”, Elvira Riveiro
  7. “Chamádeme Eva”, Mercedes Leobalde
  8. “Dominio público”, Ramón Neto
  9. “O episodio”, Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán
  10. “A razón do perverso”, Mário J. Herrero Valeiro
  11. “O home invisíbel”, Xabier Queipo
  12. “Diáspora de amor balea”, Andrea Nunes Brións e María Rosendo
  13. “Marco Livornio”, Mario Regueira

O gañador

Mario Regueira (Ferrol, 1979). Comeza a súa carreira literaria como narrador co libro de relatos Rebelión no inverno (2004) ao que seguen as novelas L’affiche rouge (2007) e Outono aquí (2012), esta última premio Lueiro Rey de novela curta e traducida ao castelán como Las hojas muertas (2013). Como poeta ten publicado Tanxerina (2006, premio Xosemaría Pérez Parallé),Blues da Crecente (2009, premio Xohán Carballeira) e O silencio (2012). Tamén é da súa autoría o ensaio Lois Pereiro, unha persecución (2011). Licenciado en Filoloxía Galega e diplomado en Dereito, en 2016 defende a súa tese de doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada sobre a narrativa galega durante a posguerra. Actualmente fai crítica literaria no Sermos Galiza e outros medios e participa do podcast cultural Burán, que se emite en Radio Campus Culturae e Cuac FM.