Síguenos en
gl_ES
Tempo Malpica de Bergantiños
Martes 13°
Mércores 14°
10°
Xoves 15°
12°
tiempo.com   +info
  1.  
  2. 2018
  3. Xuño

Xuño 2018

29Xuñ 2018

A Oficina de Turismo de Malpica estrea o horario de verán

OFICINA TURISMO (18)

A Oficina de Turismo de Malpica volveu a abrir as súas portas días para prestar un servizo que o ano pasado gozou de moi boa acollida e foi utilizado por preto de 4.000 persoas. Os/as primeiros/as visitantes comezaron a chegar nestes últimos días de xuño, pero hoxe estreamos oficialmente a tempada alta cunha ampliación do horario.

Deste xeito, a oficina, situada na planta baixa da Casa do Concello, con entrada independente desde a Praza da Fonte, estará aberta de martes a sábado de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas.

Xunto coa apertura da oficina, desde a área de Turismo do Concello de Malpica estase a enviar información aos establecementos de hostalaría para que tamén poidan utilizar este novo servizo municipal.

26Xuñ 2018

O alcalde de Malpica asinou o novo contrato do servizo de conserxería do CEIP Milladoiro e do pavillón polideportivo

SAMSUNG CAMERA PICTURES

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga, asinou co Grupo Eulen Centro Especial de Emprego o contrato correspondente ao servizo de conserxería do CEIP Milladoiro e de conserxería e limpeza do pavillón polideportivo municipal. O contrato, ao cal o Concello de Malpica destina 36.067,22 euros ao ano, terá unha duración de 1 ano, prorrogable ata un máximo de dous.

25Xuñ 2018

Clausurado con moi boa valoración dos participantes o programa de envellecemento activo do Concello de Malpica

IMG_6765

Coa entrega de diplomas, unha merenda e baile con música en directo rematou o novo programa de envellecemento activo promovido pola Concellería de Servizos Sociais e impartido pola empresa Máis Porvir. Un total de 50 persoas, repartidas entre Malpica e Buño, participaron nunha iniciativa que goza de gran aceptación e que volveu a acadar nas enquisas finais moi boa valoración.

A concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, e o primeiro tenente de alcalde, Miguel Fernández, foron os encargados de entregar os diplomas que acreditan a participación e o aproveitamento das distintas actividades.

A Concellería de Servizos Sociais de Malpica seguirá apostando por una actividade que potencia a autonomía persoal das persoas maiores, favorece a súa socialización e fomenta a súa participación social. Nesta ocasión, no programa que se veu desenvolvendo durante un mes, traballouse a estimulación cognitiva e a psicomotricidade a través de actividades coma musicoterapia, pilates, xogos de palabras, sendeirismo, decoración de vidro, xogos ao aire libre ou termalismo, que é unha das propostas que goza de maior aceptación.

25Xuñ 2018

As Noites na Vila arrancarán o 13 de xullo para ofrecernos un verán repleto de música e teatro

O verán de Malpica chega cargado de propostas culturais. O 13 de xullo arrancarán as Noites na Vila para achegar a música e o teatro a todos os públicos e a diferentes recunchos. O paseo marítimo, a praza Anselmo Villar Amigo e o parque infantil serán os escenarios (en caso de choiva sumaráselles o Centro Cívico) dos espectáculos escénicos que nos propón a Concellería de Educación, Cultura e Turismo.

Dentro das Noites na Vila contaremos este ano cun novo ciclo musical Vai no mar, que se estenderá do 13 de xullo ao 10 de agosto cun total de 5 actuacións de grupos de Malpica e da zona. E o 28 de xullo comezará tamén unha nova edición do Retablo de Fantoches Rafael Dieste para conmemorar a estrea da obra La doncella guerrera, de Rafael Dieste, na nosa vila o 20 de outubro de 1933, no marco das Misións Pedagóxicas que levaron a cultura por todo o territorio español.
Aquí tes a programación ao detalle:

VAI NO MAR

  • Venres 13 de xullo – 22:30 -Praza Anselmo Villar Amigo: Traskiband.
  • Venres 20 de xullo – 22:30 h. – Paseo marítimo: Killer Cats.
  • Venres 27 de xullo – 22:30 h. – Paseo marítimo: The Cerne.
  • Venres 3 de agosto – 22:30 h. – Paseo marítimo: Versión Imposible
  • Venres 10 de agosto – 22:30 h. – Paseo marítimo: Strobos.

RETABLO DE FANTOCHES RAFAEL DIESTE

  • Sábado 28 de xullo – 19:30 h. – Parque infantil: O Paporubio. Urdime S.C.G. Público Preferente: Familiar. Duración: 150 minutos.
  • Sábado 4 de agosto – 20:30 h. – Paseo marítimo: Ghop de Teatro O Cubo. Público Preferente: Familiar. Duración: 50 minutos.
  • Sábado 11 de agosto – 20.30 h – Paseo marítimo: Bon appetit de Ghazafelhos Público Preferente: Familiar. Duración: 50 minutos.

CARTEIS NOITES NA VILA 2018

20Xuñ 2018

O Concello de Malpica destinará nos vindeiros dous anos un total de 70.134 euros ao mantemento do alumeado público

IMG_5750

O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, asinou o novo contrato do servizo de conservación e mantemento das instalacións de alumeado público, do que se encargará a empresa Instelec, Instalaciones Eléctricas Coruñesas S.L. durante un período de dous anos, con posibilidade dun máis de prórroga, e por un prezo de 70.134,55 euros.

A empresa coruñesa, que xestiona servizos similares noutros concellos da provincia, presentou a oferta máis vantaxosa. Segundo o contrato asinado, Instelec designará un representante que deberá estar localizable en horario laboral, que actuará como interlocutor co Concello de Malpica e que velará pola correcta execución do contrato. O concelleiro de Obras, Miguel Fernández, será o responsable do contrato.

20Xuñ 2018

Surf, kayak, zumba, fútbol e campamentos para un verán cheo de actividade deportiva en Malpica

As nenas e os nenos de Malpica non pararán un minuto este verán, porque xa desde finais deste mes e ata o remate de agosto poden participar nun feixe de actividades organizadas pola Concellería de Deportes coa colaboración de entidades e empresas.

A primeira cita será do 27 ao 29 deste mes, datas previstas para o xa tradicional curso de surf que organiza o club Silfo para nenas e nenos de 8 a 16 anos, e que soe ter unha altísima participación. E practicamente a continuacveran deportivoión comezará o curso de kaiak promovido polo Club Náutico para maiores de 9 anos, xa que este ano levarase a cabo do 2 ao 4 de xullo.

Do 4 a 6 está prevista unha saída de aventura a Asturias, unha das actividades organizadas a través da Asociación Deportiva Costa Bergantiñá, da que forman parte os concellos de Cabana, Laxe, Ponteceso, Coristanco e Malpica. Esta actividade, que inclúe descenso do Sella en piragua ou senda do oso en bici, entre outras propostas, vai destinada a nenos e nenas nados entre os anos 2001 e 2007.

Para xullo a oferta é moito máis ampla, xa que do 9 ao 13 desenvolverase o Campamento Deportivo Costa Bergantiñá para nenas e nenos nados entre os anos 2004 e 2011, e do 16 ao 20 celebrarase o Campus de Fútbol Costa Bergantiñá, para nenas e nenos nados entre o 2006 e o 2011.

Durante o mes de agosto desenvolverase o Torneo de Fútbol Praia e Fútbol Sala Infantil, para nenas e nenos de entre os anos 2003 e 2011, e todos os martes e xoves de 12.00 a 13.00 horas tamén haberá zumba praia para toda as idades, sen límite e sen cotas.

Se estades interesados/as en calquera destas actividades non tedes máis que inscribirvos a partir do día 22 no departamento de Deportes do Concello de Malpica. Nos carteis atoparedes todos os datos.

 

19Xuñ 2018

Clausurado o curso de mobiliario urbano e xardíns, no que participaron 12 persoas con diversidade funcional

19062018 clausura_xardins

A Casa do Oleiro de Buño acolleu esta mañá a clausura do curso de Acondicionamento de mobiliario urbano e xardíns, organizado pola asociación Íntegro en colaboración cos concellos de Malpica e Cabana, dentro da convocatoria de axudas económicas da Fundación Once. Ao acto de entrega de diplomas, celebrado ás 12 do mediodía, acudiron o alcalde de Malpica, Eduardo Parga Veiga; a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín; o presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, e a xerente da empresa de Xestión Social MáisPorvir, Sandra Caamaño. Xunto a eles/as tamén estiveron presentes, a coordinadora do obradoiro, Sandra Reimúndez, e o profesor do módulo de carpintería, Antonio Botana.

Por suposto, os que non faltaron á cita foron os 12 alumnos e alumnas que participaron nesta acción formativa encamiñada a promover a igualdade, o benestar e a inclusión social de persoas con discapacidade en situación ou risco de exclusión social, e mellorar así a súa empregabilidade a través do incremento das contratacións. Un obxectivo que semella máis próximo tras o contrato laboral acadado por unha das alumnas nada máis rematar o obradoiro. As boas novas tamén se estenderon ao resto do alumnado posto que pasarán a formar parte da bolsa de traballo da empresa de economía social MáisPorvir. Neste senso, o alcalde desexoulles a todos e a todas “que moi pronto corrades a mesma sorte que a vosa compañeira logrando un emprego que vos permita o desenvolvemento dunha vida plena, independente e autónoma”.

Durante tres meses e medio e 365 horas de aprendizaxe, 12 persoas con diversidade funcional da Costa da Morte formaron parte desta acción formativa, incluída no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 co-financiada polo Fondo Social Europeo (FSE). Ademais das clases teóricas realizadas na Casa do Oleiro de Buño, o alumnado completou a súa formación con varias sesións prácticas de xardinería, que tiveron como escenario zonas verdes e axardinadas das localidades de Buño, Cambre e o Centro Comarcal, que en breve será reconvertido nun museo.

Ademais dos labores de mantemento, tamén se procedeu á renovación de plantas e á reparación dalgunhas bancadas que se atopaban en mal estado. Pola súa banda, as clases de carpintería desenvolvéronse no taller de Anos, cedido polo Concello de Cabana para a realización de traballos de rehabilitación, reparación e construción de equipamento urbano, tales como a instalación de novas papeleiras ou o arranxo dalgunhas balaustradas.

12Xuñ 2018

Saen á venda seis parcelas no parque empresarial de Malpica a prezos moi vantaxosos

PARQUE EMPRESARIAL

Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), entidade xestora do parque empresarial de Malpica, situado en Buño, vén de poñer en marcha o procedemento de adxudicación do dereito de superficie, con opción de compra, en seis parcelas. Deste xeito, as persoas interesadas teñen a oportunidade de facerse con solo industrial no noso concello a prezos moi vantaxosos.

As persoas interesadas poden presentar as súas ofertas na sede da entidade, en Santiago, ata as 13 horas do día 14 de setembro. A documentación precisa pode consultarse no taboleiro de anuncios do Concello de Malpica, no documento que figura ao final desta nova e en www.seasuelo.com, e se alguén precisa máis información pode chamar ao número de teléfono 981 575 469.

Para a adxudicación das parcelas SEA opta por un procedemento aberto que se decidirá polo prezo que ofrezan os licitadores. Para participar, os interesados deben depositar unha garantía do 5% do prezo base das parcelas. As ofertas presentaranse en dous sobres: A, coa documentación xeral, e B, coa proposta económica.

Nesta ocasión SEA pon á venda seis parcelas, catro delas de 1.000 metros cadrados e dúas de 1.466,47. O prezo da opción de compra é de 60 euros (sen actualización).

ANUNCIO DAS BASES DO PROCEDEMENTO DE ADXUDICACIÓN DAS PARCELAS

 

12Xuñ 2018

Malpica acollerá do 18 o 22 deste mes un obradoiro de cinema para mulleres

OBRADOIRO CINEMA

As creadoras do proxecto A Nena Azul: Mulleres que contan. Narrativas femininas do eu a través da cámara estarán en Malpica a semana que vén para impartir un obradoiro de cinema dirixido a mulleres adultas, aberto tanto a mulleres de Malpica coma de calquera outro concello.

Na iniciativa, que conta coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, as participantes aprenderán a contar as súas propias historias a través do cinema, utilizando ferramentas tan accesibles coma unha tablet ou un teléfono móbil. O obradoiro desenvolverase do 18 ao 22 de xuño, e o equipo docente estará formado pola directora Sandra Sánchez, a guionista e directora Ángeles Huerta e a directora de fotografía Lucía C. Pan.

Ao longo destas cinco sesións, que se celebrarán de 16.00 a 20.00 horas, as alumnas coñecerán cada un dos procesos de creación dunha película, e, dun xeito práctico, aprenderán a darlle forma ás súas propias ideas, trasladando a imaxes e sons as súas propias historias. Durante o obradoiro, realizarán unha peza audiovisual conxunta. As persoas que queiran participar poden inscribirse ata o xoves 14 no departamento de Servizos Sociais (981 720 280).

O proxecto A Nena Azul: Mulleres que contan. Narrativas femininas do eu a través da cámara foi galardonado co premio Luisa Villalta de Proxectos Culturais pola igualdade que otorga a Deputación de A Coruña.

Pola súa banda, as docentes teñen relevantes traxectorias profesionales no ámbito cinematográfico galego, con traballos como Tralas luces, Esquece Monelos ou Dhogs. Ademais de ser as únicas mulleres que conseguiron ser recoñecidas co premio Mestre Mateo nas categorías de mellor dirección, para Sandra Sánchez, e mellor dirección de fotografía, para Lucía C. Pan.

Página 1 de 212